10.4 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaBancos nas alamedas Castelao de Redondela e Rosalía de Castro de Chapela...

    Bancos nas alamedas Castelao de Redondela e Rosalía de Castro de Chapela para lembrar a persoeiros destacados do municipio

    No mes de xuño de 2019, recen chegado o Goberno que preside Digna Rivas ao Concello, unha das súas primeiras iniciativas, desenvolvida a través do Servizo de Normalización Lingüística, foi a de perpetuar o nome de persoeiros ilustres de Redondela, ou que mantiveron relación co municipio, a través de placas situados nos bancos da Alameda Castelao e a Alameda Rosalía de Castro de Chapela.

    Nunha primeira quenda, nomes de ámbito local como Casto Sampedro ou Reveriano Soutullo e intelectuais ou artistas que, dunha ou doutra maneira, falaron de Redondela, como Julio Cortázar ou Dalí tiveron o seu sitio na Alameda Castelao.

    Do mesmo xeito, na Alameda de Rosalía de Castro, en Chapela, exhibía placas de persoas vinculadas a esta parroquia, coma Xela Arias ou Álvaro Cunqueiro, director de Faro de Vigo cando abriu as súas oficinas en Chapela.

    Agora, o Goberno local continúa esa iniciativa engadindo novos nomes aos bancos para que, a través deles, as veciñas e veciños coñezan máis sobre os homes e mulleres que lles dan nome e quede perpetuada a súa memoria.

    Nesta segunda quenda, os bancos lembrarán os nomes de Alejandro Otero (1888-1953) Médico, catedrático e reitor da Universidade de Granada. Deputado socialista morto no exilio; Telmo Bernárdez (1885-1936) Médico, líder agrarista e alcalde de Redondela. Fusilado en 1936; José Figueroa (1880-1912) Emigrante no Brasil. Filántropo e benfeitor de Redondela; Ernestina Otero (1890-1956) Profesora de mestres. Pedagoga entre as primeiras de Galicia; Paulina Sánchez (1898-1971) Mestra e activista cultural; Antonia Míguez Lago (1917-2001) Das primeiras mulleres sindicalistas de Redondela; Lois Pereiro (1958-1996) Poeta de culto. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas 2011; Mulleres solidarias de San Simón (1936-1943) A todas as mulleres de Redondela que practicaron a solidariedade cos presos políticos detidos na illa de San Simón e no barco Upo Mendi; Juana Domínguez Núñez (1884-1967) Dona da Taberna Nador onde nunca faltou pan para quen tiña fame; Ignacio Ramonet (1943) Xornalista e profesor nado en Redondela. Director de Le Monde Diplomatique; A estirpe Cal (s. XX) Fotógrafos da vida e alma de Redondela comprometidos co pobo galego; Rita Regojo (1929-2011) Fundadora da ONG Aldeas Infantís de Galicia; Felipe Cordero Carrete (1895-1988) Nado en Redondela e emigrado en América, foi membro do Seminario de Estudos Galegos; Josefa Puga Docampo (1919-1995) Muller represaliada polo franquismo que mantivo a dignidade ante as aldraxes sufridas; Suso Vaamonde (1950-2000) Veciño de Chapela que destacou dentro do movemento de Voces Ceibes

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.