8.3 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránO Concello de Nigrán abre o prazo de inscrición para o concurso...

    O Concello de Nigrán abre o prazo de inscrición para o concurso de comparsas de Entroido

    A programación especial do Concello arranca cun monólogo de Cristian de Samil o venres 25 e finaliza co enterro do 'kiko' de Parada o 12 de marzo, incluíndo un baile infantil e contacontos o luns 28

    O Concello de Nigrán abre ata o 18 de febreiro (inclusive) o prazo de inscrición no concurso de comparsas, que terá lugar o sábado 26 de febreiro ás 21:00 horas. O Concello recupera o tradicional desfile tras o entroido telemático do ano pasado e amplía a dotación económica ata os 4.150 euros repartidos en vinte premios (700, 600, 500, 400, 300, 250, e os seguintes 14 restantes clasificados con 100 euros) para que todas as agrupacións participantes se beneficien. A maiores, cada unha das comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas, educativas e veciñais do municipio (ata un máximo de 5 por orde de Rexistro de Entrada) percibirán unha dotación extra de 300 euros como axuda. Por protocolo Covid, establécese como obrigatorio o uso de máscaras por parte de todos os participantes e organizadores.

    As bases, penduradas na web municipal www.nigran.es, mantéñense coma nos anos anteriores, así, as agrupacións deben contar cun número de participantes superior aos 20 membros, dos cales un mínimo de dez terán que ser adultos. Para poder optar aos premios é requisito indispensable inscribirse previamente no Rexistro do Concello (de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, ata o 18 de febreiro) coa documentación pertinente (ficha de inscrición cuberta, fotocopia do CIF ou DNI, certificado de conta bancaria e xustificante de estar ao corrente tanto en Facenda coma na Seguridade Social).

    O desfile, como é habitual desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial, arrancará coa batucada de ‘Bate no Cobre’ ás 20:30 horas e desde as 21:00 as comparsas sairán segundo a clasificación do sorteo que se celebrará o día 23 de febreiro ás 12:00 no salón de plenos. As actuacións se desenvolverán á altura da casa consistorial. Se a previsión meteorolóxica fose adversa para ese día, o desfile trasladaríase para outra data.

    O xurado, pendente da súa designación, dará o fallo ao remate do evento tendo en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa. Pode quedar deserto algún premio e de haber menos comparsas que premios o número destes axustaríase.

    As bases están a disposición dos interesados na Oficina de Atención ao Cidadá do Concello ou na web municipal.

    Programación de entroido

    O Concello de Nigrán inicia os actos do entroido o venres 25 de febreiro coa actuación de Cristian de Samil co show ‘Mamá&Monólogos’ no Auditorio Municipal ás 20:00 horas. Tras o tradicional desfile de comparsas do sábado 26, o luns 28 de febreiro será o turno dos máis pequenos con contacontos e baile desde as 17:00 no Auditorio Municipal.

    O entroido finaliza o sábado 12 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá dende a Casa do Concello sobre as 18.00 horas tirado por un carro de bois para ser velado a continuación no Torreiro de Parada, actos que se celebran co Centro Cultural Parada do Miñor e que rematarán coa queima do kiko e un concerto de D´Lider.

    “Este ano recuperamos o entroido tradicional con todas as medidas de seguridade. Coma noutros anos, é un entroido no que teñan cabida tódolos públicos e tamén conta cun evento específico para o desfrute dos nenos. Como viñemos facendo, seguiremos a por en valor as tradicións máis locais, como é o caso do enterro do kiko”, explica o alcalde, Juan González.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.