O Rosal acolle esta fin de semana o Festival de Primavera solidario por Ucraína, un concerto organizado pola Agrupación Musical do Rosal en colaboración co Concello coa que se procurará seguir achegando toda a solidariedade posible ás persoas que sofren as múltiples consecuencias dos ataques a diversas cidades ucraínas e o despregamento militar desencadeado polo goberno ruso no país.
O festival celebrarase o vindeiro sábado 9 de abril ás 20.00 horas no auditorio municipal do Rosal e contará coas actuacións do alumnado de Iniciación e Linguaxe Musical da agrupación, da Minibanda, da Banda Infantil, do Coro Infantil e da Coral.
As entradas terán un custe de 2 euros e estarán á venda pola porta lateral do auditorio municipal. Ademais, todas as persoas interesadas en colaborar pero que non poida asistir ao concerto poderán mercar a súa entrada Fila 0 ou facer doazóns no seguinte número de conta:
ABANCA ES34 2080 5439 3030 0011 1318
Todos os fondos recadados serán a beneficio da Cruza Vermella. Para máis información, as persoas interesadas poderán poñerse en contacto vía telefónica a través do 986 626 311 ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 609 866 792.
O Club Baloncesto Nigrán presentou este mércores na sede de AFAGA a VI edición do seu Torneo BASKET SEN BARREIRAS que se celebrará os días 11 e 12 de abril no Pavillón Municipal de Panxón cun dobre obxectivo: romper obstáculos sociais a través do deporte e recadar fondos para colaborar con AFAGA, asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia.
Ao acto asistiu o alcalde de Nigrán, Juan González, o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, e a directora deportiva do CB Nigrán, Nuria Gómez.
O torneo desenvolverase ambos os días en horario de mañá e tarde e para iso habilitaranse 3 pistas no pavillón nas que xogarán os equipos dos diferentes clubs participantes nas categorías Infantil, cadete e Júnior en horario de mañá e as categorías Alevín, Benjamín e Baby que os farán polas tardes.
Todos os encontros contarán con árbitros do Comité da Federación Galega de Baloncesto que , coma xa vén sendo habitual desde edicións anteriores, colaboran de forma desinteresada no Torneo.
Cada xogador/a participante realizará un donativo a modo de inscrición que será depositado na urna que se atopará no Pavillón durante os dous días de torneo. Todas as familias de xogadores así como o resto de persoas asistentes poden colaborar con este fin solidario achegando o seu donativo tamén na devandita urna. Durante os dous días de competición realizaranse sorteos de diferentes agasallos entre os asistentes. Todo o recadado coa venda das rifas para participar nestes sorteos así como o recadado na urna solidaria será entregado unha vez finalizado o Torneo a AFAGA .
O salón de plenos da Deputación de Pontevedra, lugar emblemático que en xullo do 36 albergou o Comité en Defensa da República, quedou onte pequeno para o público na presentación do libro ‘Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)’ do investigador pontevedrés e colaborador do departamento provincial de Memoria Histórica Xosé Álvarez Castro.
Ademais do propio autor participaron no evento a deputada de Memoria Histórica María Ortega, o editor de ‘Xerais’ Fran Alonso, e María Lores Torres, como neta de represaliado. A responsable da área provincial de Memoria destacou que a Deputación non dubidou un instante en colaborar na presentación do libro coa Libraría Paz, xa que “Pepe Álvarez é unha peza fundamental no departamento e un exemplo de como se debe divulgar a memoria: con xenerosidade e rigor”.
Para a nacionalista ‘Os anos do silencio’ é unha lectura obrigada no ámbito da memoria por tres cuestións: A primeira, o protagonismo que se lle dá ao papel da muller de xeito transversal en todo o libro; a segunda, o tratamento das distintas formas de represión, desde as máis evidentes, como o cárcere ou o asasinato ata as menos coñecidas como a extorsión económica; e por último, o estudo da resistencia, que evidencia de novo que Pontevedra como o resto da Galiza “non recibiu ao ditador cos brazos abertos, que foron moitas as persoas que dalgún xeito, máis ou menos belixerante, seguiron loitando pola democracia”.
“Por iso era de xustiza que este libro se presentase aquí, neste lugar tan emblemático, neste edificio que aquel aciago 20 de xullo albergou o Comité en Defensa da República, que pagou ben caro o seu intento de frear o fascismo. Tiña que ser aquí porque poucas persoas honraron con tanta dignidade a memoria da Galiza Mártir como Pepe”, salientou Ortega.
O propio autor explicou na presentación que ‘Os anos do silencio’ é unha ampliación tanto xeográfica como temporal do seu traballo anterior ‘Pontevedra nos anos do medo’, abranguendo a toda a provincia e chegando ata mediados do século XX. Nel fálase de como a represión que exerceu o réxime foi modulándose ao longo do tempo de maneira organizada en función das necesidades da administración franquista, poñendo o foco tanto nas represións directas como nas indirectas e salientando a grande corrupción e as tramas mafiosas organizadas arredor da Falanxe.
O libro fai fincapé en documentar que a resistencia ao réxime produciuse dende o primeiro momento a pesares dos inicios nos que o medo marcaba calquera actuación. Subliñou Álvarez que non só na cidadanía se artellou unha oposición popular, senón que tamén houbo unha resposta militar por parte de algunhas figuras que chegaron a ser fusiladas.
Capítulo especial dedica Álvarez –ademais da súa importancia no resto do texto- a falar de como as mulleres foron fundamentais tanto na represión como na resistencia. No primeiro ámbito porque perderon dereitos adquiridos na II República que supoñían pasos adiante no seu recoñecemento público fronte ao modelo franquista que limitaba os seus roles ao ámbito familiar seguindo o ideal do ‘anxo do fogar’, e no ámbito da resistencia porque foron pezas chave na supervivencia económica dos fogares.
Un ano máis a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño quere conmemorar o 17 de maio con enxeño e creatividade arredor da lingua e literatura galega.
Por este motivo convoca unha nova edición do CONCURSO DE DESEÑO DA CAMISETA do Día das Letras Galegas 2022. O devandito deseño será libre e aberto e valorarase que sexa atractivo, inspirado e que busque a promoción do uso e a normalización do idioma galego.
A OMIX aclara que o deseño estará pensado para colocarse unicamente na parte dianteira da camiseta e terá que ser dunha soa cor a estampar sobre fondo branco.
Como vén sendo habitual, todas as persoas que participen e envíen as súas creación, serán agasalladas cunha camiseta co modelo gañador serigrafiado. Ademais, a persoa autora da camiseta contará coa difusión da súa creación, tanto nas redes sociais, como nos diferentes medios de comunicación. “A nosa intención é plasmar nunha frase ou nun deseño gráfico/debuxo algo que defenda ou poña en valor a nosa lingua”, explica a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez.
A frase ou deseño gañador será serigrafado en 800 camisetas que serán repartidas, de balde, entre as persoas que participen nas actividades organizadas con motivo do Día das Letras GALEGAS.
A data tope para enviar os deseños (ao correo electrónico [email protected]) é o domingo 8 de maio.
A persoa gañadora poderá escoller entre tres agasallos: TABLET LENOVO Tab M10HD con 2/32 e Android; AIRPODS DE APPLE, ou ALTAVOZ MUSE M1915DJ party box troley.
O Concello de Redondela deu por rematados os traballos de substitución de todos os bancos que se atopan no paseo marítimo da praia de Cesantes, unha actuación que contou cun investimento de 5863,64 € (IVE incluído) e que se financiou a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
As labores de substitución destes elementos do mobiliario urbano “absolutamente deteriorados tanto pola súa antigüidade como polo feito de atoparse nun lugar no que ten que soportar unhas duras condicións meteorolóxicas” supoñen para alcaldesa Digna Rivas “unha clara aposta pola mellora das nosas zonas de lecer que redundará en beneficio das persoas usuarias”.
Os novos bancos, especialmente preparados para resistir á intemperie, contan con pes de fundición dúctil con tratamento Ferrus –proceso protector do ferro que garante unha óptima resistencia á corrosión– acabado con imprimación epoxi e pintura poliéster en po cor negro.
A bancada está composta por seis taboleiros de 110 x 35 cm de madeira tratada con protector funxicida, insecticida e hidrófugo de cara a limitar os danos causados polas condicións meteorolóxicas, con acabado en cor natural e parafusos de aceiro inoxidable.
A altura dos asentos, que nas dúas patas anteriores terán o escudo do Concello de Redondela, é de 45 centímetros e unha lonxitude total aproximada de dous metros.
“O paseo da praia de Cesantes é un lugar extraordinariamente frecuentado durante todo o ano –apunta a alcaldesa Digna Rivas– polo que é preciso que as veciñas e veciños que o desfrutan poidan tamén contar cun mobiliario urbano en perfecto estado”.
A rexedora local quixo tamén poñer en valor a importancia que o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra ten para os municipios da provincia “distribuíndo fondos con criterios obxectivos e equitativos, sen ter en conta a cor política que teña o Concello, e deixando decidir aos Gobernos locais as obras a realizar, algo do que poderían tomar boa nota outras administracións”, concluíu Digna Rivas.
A música encherá de novo Ponteareas esta fin de semana. Este sábado 9 de abril a Banda de Música Xuvenil de Xinzo e Dextrum Ensemble uniranse para protagonizar o Concerto de Primavera, unha cita musical organizada polo Concello de Ponteareas e a Deputación de Pontevedra na que a banda e o cuarteto de saxofóns farán un percorrido por ‘Cidades’ do mundo.
A programación do concerto está composta por catro obras de diferentes compositores relacionadas con diversos lugares do mundo. Así, o concerto comezará coa obra ‘Sedona’, de Steven Reineke, na honra da cidade estadounidense do mesmo nome, coa que a banda abrirá o concerto en solitario. Tras esta peza chegará a quenda de ‘Cidades’, de Guillermo Lago, un percorrido por Córdoba, Montevideo, Tokio, Sarajevo e Addis Abeba a través de gran variedade de estilos musicais. A terceira peza, ‘The Big Apple’, de Johan de Meij, representará á cidade de Nova York, mentres que o peche correrá a cargo dun arranxo para saxos e banda do pasodobre ‘Ponteareas’, de Reveriano Soutullo.
Dende a concellaría de Cultura, que dirixe Fernando Groba Bouza, convídase a toda a veciñanza a participar nesta actividade cultural protagonizada por dúas agrupacións musicais cunha gran traxectoria ás súas costas “que subirán ao escenario para facer gozar ao público cun proxecto de gran complexidade”.
O concerto será ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal, de balde, con entrada libre ata completar aforo. Aquelas persoas que non poidan asistir poderán seguir a retransmisión en streaming deste Concerto de Primavera a través das redes sociais da Banda de Música Xuvenil de Xinzo ou escoitar a gravación sonora que realizará a Radio Galega.
O Concello de Covelo a través da concellería de Turismo convida á cidadanía a participar no roteiro que percorrerá o sendeiro Val do Louro. Será este sábado día 9 e partirá ás nove da mañá dende o cruce de Cernadela (Covelo) na estrada PO-255 km 35.
Totalmente de balde, cun máximo de vinte participantes e ata esgotar prazas, o roteiro terá un trazado circular dunha duración de cinco horas para 12 km aproximadamente. Trátase dun roteiro parcialmente iluminado nun tramo de 1 km para visitar o muiño do Val do Louro. As persoas interesadas deben inscribirse no número de teléfono 654 500 652.
Organizados polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra (liña de subvención Plan Concellos) para o ano 2022, os roteiro e as visitas guiadas ao serradoiro dos Carranos enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece as rutas do Museo Pazo da Cruz e as de observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía.
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño continúa dando pasos cara a unha xestión turística unificada, optimizando recursos estruturados e organizados e implementando medidas que faciliten a creación e comercialización de produtos turísticos diferenciados. Nese camiño, este mércores 6 alcaldesas, alcaldes, edís e persoal técnico dos 14 concellos que aglutinan o Xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) celebraron unha nova reunión de traballo na que o rexedor nigranés Juan A. González foi ratificado como novo representante institucional.
O alcalde de Nigrán dá así o relevo á rexedora de Mos, Nidia Arévalo, que estivo ao fronte do cargo durante os dous últimos anos, xa que renovou como representante tras frear a pandemia o calendario de accións e reactivar a actividade programada o ano pasado. No encontro participaron tamén Antonio Lomba, rexedor da Guarda; Carlos Gómez, alcalde de Baiona; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Alejandro Lorenzo, rexedor do Porriño; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; Cristina Correa, rexedora de Oia; e Sandra González, alcaldesa de Tomiño, así como a concelleira de Gondomar, Rocío Goberna; a Pazos de Borbén, Eloísa Nogueira; a de Redondela María Castro Abad; a de Soutomaior, Cristina González; e a de Tui, Ana Núñez.
O persoal técnico realizou unha reunión previa no auditorio municipal de Nigrán para seguir avanzando en perfilar as accións que se van a incluír no Plan de Sostibilidade Turística en Destino, un instrumento co que o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño busca dar pulo á transformación do territorio baseándose nun produto turístico sustentable.
Tras ese encontro, a reunión trasladouse ao salón de plenos do Concello de Nigrán onde, tras a benvida de Juan A. González a todas as persoas asistentes, os técnicos e técnicas trasladaron aos rexedores e rexedoras unha aproximación das accións que se incluirán dentro do Plan de Sostibilidade Turístico cos seus puntos claves. Tamén trasladaron as accións que se van desenvolver dentro do plan de acción para este ano 2022 no Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Os alcaldes e alcaldesas tamén foron informados sobre o convenio asinado anualmente con Turismo de Galicia, que continuará apostando polas sinerxías entre empresas e entidades turísticas coa posta en marcha de novos encontros de networking como os desenvolvidos durante este ano e que tan boa acollida tiveron. Ao longo dos vindeiros meses tamén levará a cabo un acto de presentación de destino en Portugal.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Patrimonio, Antía Carrera, mantiveron unha xuntanza con representantes da Diócese de Tui-Vigo para abordar a rehabilitación da capela do Cristo.
Na reunión, na que tamén estivo presente o párroco da parroquia Santa María do Porriño, Joaquín Estévez, ambas institucións coincidiron na urxencia de acometer a restauración da capela. “É urxente rehabilitar a capela non só polo seu valor patrimonial e emocional para os porriñeses, senón tamén pola perigosidade que implica o estado no que se atopa dende hai case dous anos. O parque do Cristo é un lugar de moita afluencia na vila, especialmente a súa zona infantil, e tal e como está o edificio supón un risco”, afirmou o Alcalde, agradecendo a “disposición do obispado a axilizar o máximo posible a execución destas obras”.
Cabe lembrar que o edificio está danado dende o 16 de marzo de 2020, cando unha grúa pluma de grandes dimensións caíu sobre el destrozando a cuberta e parte do interior. A Diócese de Tui-Vigo, propietaria do recinto relixioso, presentou unha reclamación contra as seis empresas implicadas no sinistro e as súas respectivas aseguradoras que está pendente de resolver. Os representantes da diócese trasmitiron o seu compromiso de comezar as obras tan pronto o xulgado que instrúe a causa o autorice.
“Non podemos esperar a unha resolución xudicial para comezar a reforma, cando o estado supón un risco evidente para a nosa veciñanza. Algo que dende a Diócese Tui-Vigo comparten”, apuntou o rexedor, “Trasmitíronnos que tan pronto se aporte a pericial pendente, que estiman que sexa no vindeiro mes, solicitarase a autorización para iniciar as obras”. Cabe destacar, que ambas entidades acordaron iniciar os trámites para axilizar os prazos administrativos unha vez conten coa autorización.
No encontro os representantes municipais expuxeron tamén outros temas de interese para o municipio que se tratarán polo miúdo en vindeiras xuntanzas. Concretamente, a formalización dun convenio para realizar melloras no local que utiliza a Asociación de Veciños O Castelo de Cans, propiedade da diócese, a reparación da cuberta da Igrexa de Santa María do Porriño e melloras na capela de Santa Leocadia, en Mosende.
A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o 26 de abril o prazo de inscrición para os tres cursos de español dirixidos a persoas inmigrantes que se celebrarán neste 2022 en Vigo e Pontevedra. Estas tres accións formativas contan cun total de 55 prazas e están encamiñadas a que persoas non hispanofalantes poidan preparar e superar a proba DELE (Diploma de Español Como Lingua Estranxeira) A2, un requisito indispensable para acadar posteriormente a nacionalidade española.
Esta proba require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade para un determinado sector da poboación e, polo tanto, favorecen procesos de exclusión social. A través deste programa, que a Deputación desenvolve a través dun convenio coa Universidade de Vigo, ao través do Centro de Linguas, a institución provincial subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no exame.
Os tres cursos deste 2022, que terán 40 horas de duración, comezarán en Vigo, coa acción que se desenvolverá do 18 de maio ao 3 de xuño, de 9.30 a 12.30 horas, que ten 20 prazas. Posteriormente, do 5 ao 30 de setembro celebraranse as dúas restantes actividades formativas en Pontevedra e Vigo, con 20 e 15 prazas, e en horario de 10 a 12.30 e de 15.30 a 17.30 horas respectivamente.
Nos cursos poden participar persoas maiores de 16 anos que estean empadroadas nalgún dos concellos da provincia e se atopen en situación administrativa regular. Trala superación do curso, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, na convocatoria de setembro para quen realice a acción en maio e en novembro no caso das persoas que o fagan nos outros dous cursos de setembro.
As clases desenvolveranse cun estrito protocolo anti Covid e, en caso de que a formación non se puidera impartir polas circunstancias sanitarias de modo presencial, valorarase a posibilidade de realizala en remoto. Como novidade, tamén se valorará de maneira individual a realización do curso en remoto polo alumnado que o precise cando xustifique documentalmente a imposibilidade de asistir, por motivos laborais, sempre e cando presente en forma e prazo as tarefas asignadas polo profesorado, conte con medios propios para realizalas e valoración favorable da súa persoa docente.
A Deputación de Pontevedra puxo en marcha estes cursos de español no ano 2017 e nas cinco edicións anteriores houbo un total de 290 participantes. Como exemplo da súa enorme demanda, hai que lembrar que no pasado 2021 a institución recibiu 128 solicitudes de persoas de 21 nacionalidades. Nos exames do pasado ano, aos que se presentaron 44 persoas, houbo un 95,45% de persoas aprobadas, a maioría procedente de Marrocos (con 11 persoas), Brasil (11) e Senegal (6).
A Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas prepárase para unha Semana Santa chea de actividades infantís gratuítas. Os días 11, 12 e 13 de abril, de 11.00 a 13.00 horas, as instalacións abrirán as súas portas para acoller a nenos a partir de 5 anos que gozarán de obradoiros inspirados en temáticas propias destas datas. Así, entre as actividades destacan xogos como a busca de ovos de Pascua, os xogos tradicionais ou diferentes actividades enfocadas á animación á lectura, como contacontos.
As familias interesadas poden inscribir xa a rapazas e rapaces enviando un correo electrónico a [email protected] ou chamando ao teléfono 986 660 765. Será obrigatorio o uso de máscara.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, quere animar a todos os nenos e nenas a que se acheguen nestas datas ata a biblioteca municipal “para pasar unha mañá divertida cos xogos e actividade programadas e pensadas para entreter aos máis cativos e cativas nesta época de vacacións”.
Últimos días para anotarse no obradoiro de vídeo mapping organizado pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), esta fin de semana no Concello de Tomiño. Na páxina web www.tomino.gal, segue aberto o prazo de inscrición para aprender a proxectar imaxes en movemento e con música.
Dende Navarra e a bordo da súa máquina voadora chega a Tomiño o artista visual Miguel Martínez Caraballo para impartir un obradoiro de vídeomapping a fin de semana do 23 e 24 de xullo. O alumnado participará activamente durante dous intensos días de formación e proxectará sobre a fachada do concello o videomapping realizado.
Horario curso: venres e sábado de 19h a 21h
EVENTO VIDEOMAPPING: sábado ás 22h
Idade: A partir de 12 anos
Lugar: Salón de Plenos do Concello de Tomiño
Prezo: 20€
Outra proposta para este mes é un curso teórico-práctico de pintura básica impartido por Gemma Marqués, co obxectivo de entender a teoría da cor, aprender a misturar as cores dun xeito rápido e eficaz, facer gamas de cor, aplicalas nos cadros e así poder crear obras cunha técnica axeitada, fácil e rápida.
Data de inicio: mércores 20 de abril
Horario: mércores de 17h a 18.30h
Idade: a partir de 12 anos
Lugar: OMIX TOMIÑO
Data de finalización: 11 de maio
Prezo: 15€
Pero ademais xa é posible facer a inscrición para os novos cursos de maio
CURSO DE ADESTRAMENTO CANINO (iniciación)
Neste curso impartiranse nocións para lograr unha boa comunicación con cans e cadelas; diferentes opcións de materiais dispoñibles no mercado; utensilios de paseo, correas, arneses ou colares, xoguetes etc. Coñeceranse as necesidades das mascotas, como satisfacelas axeitadamente e as bases do adestramento básico para o día a día, como por exemplo unha chamada efectiva. As persoas interesadas deberán asistir ao curso coa súa mascota, aínda que se permitirá tamén a asistencia de persoas en calidade de oíntes.
Data de inicio: sábado 14 de maio
Horario: sábados de 11 a 13h
Idade: a partir de 12 anos
Lugar: Escola Obradoiro de Goián
Data de finalización: 11 de xuño
Prezo: 20€
CURSO MONOGRÁFICO DE CESTERÍA: A CESTA MIXTA
Curso especializado nunha peza en particular, neste caso, a cesta mixta. Este curso dividirase en dúas partes; unha teórica e outra práctica. Na primeira parte aportaranse datos detallados sobre a peza a tratar e datos sobre a identificación das materia primas que se empreguen. Cada participante aprenderá a confeccionar, crear e compoñer a súa propia peza, coa guía que aporte o docente.
Concello de Nigrán e a ONG ‘Discamino’ volveron aliarse na tarde de onte para ofrecer, por segunda vez, un paseo en bicicleta adaptada aos maiores do centro municipal de atención a persoas con enfermidades neurodexenerativas, en Panxón. A decena de usuarios foi acompañada tamén en bicicleta polos seus familiares e alumnado do CEE de Panxón, ademais da edil de Maiores, Maria Mayán. O roteiro por todo o paseo marítimo de Praia América finalizou cunha merenda servida e elaborada polos mozos do CEE no propio centro á que asistíu o alcalde, Juan González.
“Esta imaxe é a esencia do que significa ‘Un Nigrán para todos’ e do que buscamos para o noso municipio”, resume o rexedor, quen agradece o traballo altruísta de ‘Discamino’ e aposta por estender o uso das 5 bicicletas adaptadas pertencentes ao Concello de Nigrán a todas as persoas maiores, tal e como é habitual noutros países europeos polos múltiples beneficios que reporta e porque hai máis tradición de empregar este medio de transporte.
Concello e Discamino distribuíron os ciclos adaptados en función das capacidades físicas e mentais de cada un, desta forma, uns contribuíron ao pedaleo xunto á persoa voluntaria e outros foron en ciclos que xa non ofrecen esta posibilidade ao ser para grandes dependentes. “Estes paseos lles outorgan gran sensación de liberdade e de saúde física e mental porque grazas á bicicleta reviven recordos agradables da súa infancia ou xuventude”, explica María Mayán, edil de Maiores.
Logo de dous anos de parón por mor da pandemia, as persoas que desexen participar en “Deportermal” xa poden realizar as inscricións para poder desfrutar dunha das case 4.500 prazas que ofrece este programa de termalismo, impulsado e financiado pola Deputación con máis de 111.600 euros. Así, as persoas interesadas teñen un prazo de 15 días para presentar a súa solicitude tanto de xeito presencial como a través do sitio web da institución provincial (www.depo.gal).
O programa está destinado a persoas nacidas antes de 1972, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65%, amais de aquelas que precisen dun respiro familiar. Do total das prazas, 1.248 serán para a opción de asistencia diúrna a balnearios, talasos ou spas durante cinco mañás ou tardes consecutivas. E delas 186 serán prazas reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social. As restantes 3.186 prazas serán con pernoita e pensión completa de domingo a venres, das que 124 serán tamén reservadas para persoas en situación ou risco de exclusión social.
A finalidade de “Depotermal” é facilitarlle á veciñanza da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo á vez que dinamiza a economía da provincia impulsando a creación e mantemento de postos de traballo no sector turístico nos períodos de menor actividade. Para levar a cabo este programa a Deputación conta cun rexistro de 53 concellos adheridos ao plan, que facilitarán ás persoas a realización dos trámites e axudas, e que está aberto á incorporación de novos municipios. Desde o ano 2015 teñen participado neste programa de termalismo un total de 12.121 persoas.
O Hostal Villaflora é un edificio protexido que funcionou como hotel entre 1923 e 2004, cando pechou as súas portas. Situado en Mondariz Balneario, forma parte do Catálogo de Bens Culturais de Galicia1 así como do Catálogo do Proxecto de Ordenación do Medio Rural do concello de Mondariz Balneario2. O hotel foi visitado polo presidente do goberno de España, o xeneral Primo de Rivera, no ano a1929 no contexto dunha das súas estancias na vila balnearia, tal e como acredita a fotografía que xuntamos, tomada diante da súa fachada.
Baixo esta premisa legal o pasado 1 de febreiro de 2021 SOS Fonte de Troncoso rexistrou no Concello de Mondariz Balneario un escrito solicitándolle que actuase para evitar o colapso deste edificio protexido. Ante a ausencia de resposta, a nosa asociación dirixiuse ao Defensor del Pueblo, que a admitiu a trámite o 12.05.2021. Agora, vimos de recibir a resolución do expediente3, asinada polo seu titular, Ángel Gabilondo, no que conclúe:
O presidente do goberno, o ditador Primo de Rivera, no centro da imaxe diante do Villa Flora no ano 1929
“1. Se ha recordado una vez más que el ayuntamiento tiene la obligación de servircon objetividad los intereses generales y actuar de acuerdo con los principios deeficacia, celeridad, buena fe, confianza legítima y buena administración” (…) “por resolución de 3 de febrero de 2021 se incoó el expediente de orden de ejecución(número 51/2021) y han transcurrido más de diez meses sin que se haya dictadoresolución. Además, el 11 de mayo de 2021 se emitió providencia de alcaldía a fin desolicitar informe de los servicios técnicos municipales y a día de hoy no consta nisiquiera que se haya practicado dicha inspección. Todo indica que el expediente seencuentra desde entonces paralizado, lo que preocupa seriamente a esta institución.”
2.- Este deber de conservación viene contemplado en la normativa urbanística como uno de los deberes que integran el estatuto de la propiedad. Así, la Ley 2/2016, de 10 de febrero, del suelo de Galicia, en su artículo 135, reconoce la obligación de conservación en estos términos: “Los propietarios de toda clase de terrenos,construcciones, edificios e instalaciones habrán de destinarlos a los usos que seancompatibles con la ordenación territorial y urbanística; conservarlos en las condiciones legales para servir de soporte a dichos usos y, en todo caso, en las de seguridad, salubridad, accesibilidad universal y ornato legalmente exigibles”.
3.- “La obligación de contestar persiste, aunque haya vencido el plazo de resolver, ypuede llevar a ocasionar supuestos de responsabilidad disciplinaria del titular del órgano encargado de resolver. La ausencia de una respuesta administrativa a las solicitudes y reclamaciones presentadas por ustedes supone un funcionamiento anormal de la Administración municipal que debe ser puesto de manifiesto por esta institución”.
1 Clave 36031_37626 do Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia; DOG do 15.06.2020
No marco do plan de posta en valor e mellora dos espazos públicos municipais, o goberno de Covelo executou reformas e obras de mantemento en tres casas e centros culturais. Financiadas con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o Concello destinou un total de 37 226,66 €.
Neste mes o Concello actuou na mellora da drenaxe e peche perimetral da casa social de Baldomar e realizou obras de mantemento na casa cultural de Prado e na da Bugariña.
“As casas e centros culturais e sociais son espazos vitais nos que a veciñanza pode desenvolver diferentes actividades e supoñen insfrestruturas esenciais para a dinamización social”, explica o alcalde Pablo Castillo.
Co obxectivo de ofrecer espazos públicos confortables e de calidade o Concello procedeu ao peche total da parcela da casa social de Baldomar, á mellora da drenaxe da contorna do edificio e á colocación dunha fonte e canastas de minibasket nas pistas deportivas. Na actualidade a parcela estaba aberta nalgúns puntos entrando o gando nas inmediacións, ademais carecía de portal de entrada e había filtracións de humidade nunha das fachadas da casa.
A Casa dos Alonso da Guarda acolleu, o martes 5 de abril, a presentación das Andainas de Primavera 2022, organizadas conxuntamente polo Concello da Guarda e a Câmara Municipal de Caminha. Esta actividade, que goza dunha ampla participación en ámbalas dúas ribeiras do Río Miño, contará con 4 rutas nesta primavera 2022 e veñen a retomar as andainas que se organizaban cada ano ata que a pandemia da COVID-19 impediu a súa celebración.
No acto de presentación estiveron presentes Antonio Lomba, Alcalde da Guarda; Miguel Alves, Presidente da Câmara Municipal de Caminha, así coma concelleiros e vereadores de deportes de ámbolos dous municipios e medios de comunicación.
Para Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, estas andainas constitúen novamente unha aposta polo deporte e pola organización de actividades de xeito conxunto coa vila veciña de Caminha, coa que tanto mantemos relación, un paso máis na unificación dos territorios transfronteirizos da raia Galicia/Portugal.
En palabras de Miguel Alves, Presidente da Câmara de Caminha, é unha boa oportunidade de compartir experiencias de xeito conxunto, despois da parada obrigatoria debido á pandemia da COVID-19, unha vez máis os pobos veciños da Guarda e Caminha traballan de xeito unificado na realización de actividades para o goce da cidadanía galega e portuguesa.
As Andainas de Primavera 2022 contan con 4 rutas en total entre o 30 de abril e o 9 de xullo, nas que visitaranse o Trillo da Serra d´Arga(Caminha), a PR-G 93 Ruta da Ribeira do Ulla(Touro), o Trilho da paisagem protexida Corno do Bico(Paredes de Coura) e o Sendeiro Natural Aciveiro(Forcarei).
Premer para ampliar
Trilho na Serra d’Arga en Caminha – 30 de abril
As andainas arrancan o 30 de abril co Trilho na Serra d’Arga en Caminha, unha ruta ecolóxica e paisaxística duns 15km de distancia e cun grado de dificultade doado/medio que partirá de Arga de Cima(Caminha) e que terá unha duración aproximada de 5,5h.
A Serra d’Arga é unha das zonas máis emblemáticas do Alto Minho, non só pola inmensidade das paisaxes salvaxes na súa cima, senón tamén pola singularidade dos seus valores naturais e culturais. Nos puntos máis altos do monte, dominados por impoñentes macizos graníticos, atópanse zonas de pasto naturais de rara beleza onde se dan diferentes tipos de matogueira nunha matriz de pastos cunha notable diversidade florística. Próximo ás pintorescas vilas que se desenvolven na transición ao xisto, hai campos de cultivo, marismas e bosques naturais, atravesados por varias liñas de auga.
O xacemento “Serra de Arga” posúe un valioso patrimonio natural, que inclúe hábitats naturais e seminaturais, así como especies de fauna e flora de conservación prioritaria. Este territorio posúe unha extraordinaria riqueza florística, incluíndo especies raras ou en perigo de extinción.
Esta ruta, na zona de Arga de Cima, Arga do Baixo, Arga de São João e Dem, asentamentos rurais da Serra d’Arga, discorre por unha das zonas máis emblemáticas do Alto Minho, no val da Ribeira de Arga e o val da Ribeira de São João, en zonas de marismas, campos de cultivo e bosques naturais, atravesadas por varias liñas de auga, polas que é posible entrar en contacto con aspectos de interese xeolóxico e xeomorfolóxico, e apreciar diversos exemplos de arquitectura vernácula, como muíños e hórreos.
Desde o Cabeço do Meio Dia, na Arga de Baixo, a 550 m de altitude, pódese contemplar unha das panorámicas máis impresionantes e amplas da comarca, desde o val do río Coura, o Monte de Santa Tecla e A Guarda, ata o Corno Paisaxe do Bico e a Serra da Peneda.
PR-G 93 Ruta pola Ribeira do Ulla en Touro – 14 de maio
O sábado día 14 de maio terá lugar a segunda andaina programada coa PR-G 93 Ruta pola Ribeira do Ulla en Touro, unha ruta lineal con contido natural e etnográfico que partirá da Ponte Basede e terá punto de final en San Pedro da Ribeira, cunha distancia total de 13km e unhas 4h de duración, cun grao de dificultade doado.
Esta senda percorre a marxe dereita do Río Ulla para achegarnos en medio dunha fermosa paisaxe, ata lugares tan emblemáticos no Concello de Touro como a Fervenza do Infermiño ou Pozo do Pego.
Durante o camiño descubriremos os restos do Pazo de San Cristovo, pequenos muíños e as agachadas e antigas ouriceiras que salpican repetidamente os frondosos soutos.
Nas Proximidades da poboación de San Pedro de Ribeira gozaremos da tranquilidade da vaira do Pozo do Pego, un lugar natural de extraordinaria beleza.
Durante a senda, o que máis sorprenderá serán os cambios de vexetación, que abranguen bosques de tipo mediterráneo con sobreiras e xaras, bosques atlánticos como os soutos ou as carballeiras e, a pouca distancia, uns tupidos bosques de ribeira.
É un traxecto de pouca dificultade pero onde é moi recomendable o uso de botas de montaña e roupa axeitada.
Trilho na Paisagem Protegida Corno do Bico en Paredes de Coura – 4 de xuño
O 4 de xuño terá lugar a terceira andaina co Trilho na Paisagem Protegida Corno do Bico en Paredes de Coura, unha ruta ecolóxico/paisaxística que partirá dende Túmio, cunha distancia de 12km, cunha duración aproximada de 4.5h e cun grao de dificultade doado/media.
O Corno de Bico é un espazo emblemático do concello de Paredes de Coura e de gran importancia para a comarca, considerado un pequeno santuario natural, un espazo de rara beleza que o home conformou de forma harmónica, de alto valor ecolóxico, de gran beleza. e importancia para a comarca do Alto Minho. Hoxe ten un importante papel na conservación da natureza, o que permitiu a súa inclusión como sitio clasificado na Rede Europea NATURA 2000 e na Rede de Espazos Protexidos de Portugal. Neste territorio é igualmente importante o patrimonio humano das comunidades rurais.
Dende o punto máis alto desta ruta, miradoiro natural, pódese apreciar unha paisaxe maxestuosa que se abre ben ao Val do Río Coura, ben aos Vales dos Ríos Vez e Lima.
PR-G 100 Sendeiro Natural Aciveiro en Candán (Forcarei) – 9 de xullo
Xa para rematar estas andainas o sábado día 9 de xullo terá lugar a ruta PR-G 100 Sendeiro Natural Aciveiro, que cun percorrido circular de carácter natural e etnográfico, partirá dende o Mosteiro de Aciveiro para percorrer un total de 15km, nunha duración estimada de 4,5h e cun grao de dificultade doado/medio.
O sendeiro PR-G 100 consiste nunha ruta circular de 15 km con principio e fin no Mosteiro de Aciveiro. Camiñando cara a Vilaverde, atravésase o río Lérez rodeados de moitas especies arbóreas ata chegar, preto, da Rochela, a unha alvariza que da testemuña da presenza pasado do oso. Despois, entre prados, matogueiras, brañas e pequenos bosques ascéndese polas abas da Serra do Candán, espazo natural Rede Natura 2000.
A ruta descende cara a Lamasgalán de Arriba, onde un camiño de carro dirixe ao camiñante ata Lamasgalán de Abaixo. Gozando das paisaxes e dos ecosistemas humanizados deste lugar, chégase ata a Ponte Vella de Andón, para logo percorrer as ribeiras de Lérez en busca novamente o Mosteiro. Casas, pontes, muíños e cruceiros son mostras do afamado traballo dos vellos canteiros destas terras.
Información e inscricións
As persoas interesadas en participar nestas andainas poden ampliar información na Oficina de Turismo da Guarda no teléfono 986 614 546 ou no enderezo electrónico [email protected], as inscricións estarán abertas dende o vindeiro luns día 11 de abril.
En Caminha, as inscricións se poden realizar chamando aos teléfonos 258721708 ou 914476461 ou no enderezo electrónico [email protected]
O Concello continúa coa súa aposta pola remodelación dos centros culturais ponteareáns. Xa están en marcha as obras de acondicionamento do Centro Cultural da parroquia de Guillade, uns traballos cos que se habilitará parte do edificio e que permitirán implantar unha actividade sociocultural para a veciñanza. “Queremos complementar as instalacións e todo o que se está desenvolvendo nestes intres no centro, que conta xa cun espazo polivalente que dispón de escenario e que se destina a actuacións, reunións, charlas, cursos e a unha morea de actividades”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, que visitou os traballos que se están a desenvolver acompañada do concelleiro de Cultura, Fernando Groba.
Con estas obras terminarase de acondicionar o volume norte do edificio, situando na planta baixa unha cafetería con cociña, almacén, aseos adaptados e acceso independente a través da fachada norte, “permitindo o seu uso en horarios de actividade independentes aos do centro cultural”. Ademais, na planta superior situarase unha oficina para a xestión de actividades do centro e unha sala de uso polivalente.
O proxecto suporá un investimento de case 90.000 euros financiados a través dun préstamo sen xuros da Deputación de Pontevedra.
O concello de Salceda de Caselas, a través da súa Concellería de Emprego e Formación, vén de solicitar á Xunta de Galicia o obradoiro dual de emprego “Rehabilita Salceda” a través da convocatoria correspondente a este ano 2022.
Este obradoiro dual de emprego solicítase como programa mixto de formación e emprego que promovido polo concello de Salceda esta orientado a mellorar a ocupabilidade de persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade. No mesmo alternarase a mellora da cualificación das persoas participantes e a adquisición de experiencia laboral para as mesmas mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.
Dentro deste obradoiro se levarán a cabo as seguintes accións formativas, todas elas integradas dentro dunha única especialidade de albanelería deseñada para que se formen vinte alumnos e alumnas traballadores e traballadoras:
Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción (EOCB0109), (certificado de profesionalidade completo), 360 horas.
Fábricas de albanelería (EOCB0108), (certificado de profesionalidade completo), 410 horas
Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas (EOCB0208), (certificado de profesionalidade completo), 320 horas
Revestimentos con pastas e morteiros en construción (EOCB0210), (MF1938_2)
Estas accións formativas suman un total de 750 horas que se complementarán coas 870 horas de prácticas coas que contará o alumnado para adquirir experiencia laboral durante a súa formación.
A subvención solicitada á Xunta de Galicia para a realización do obradoiro “Rehabilita Salceda” ascende a 508.465,20€ que cubrirían o orzamento estimado para o seu desenvolvemento e cobertura de gastos de contratación de persoal de xestión, persoal docente e de apoio, contratación e pago do alumnado traballador participante e os gastos de funcionamento e xestión. O concello de Salceda aportará ao financiamento do obradoiro unha partida orzamentaria de 5.000,00€
Verónica Tourón alcaldesa e responsable da Concellería de Formación e Emprego “A solicitude dun novo obradoiro dual de emprego para este ano 2022, supón para o concello de Salceda un afianzamento das estratexias de promoción de emprego que se poñen a disposición da cidadanía é unha ferramenta para mellorar de forma continua as posibilidades de insertar laboralmente na nosa vila ás persoas que se atopan en situación de desemprego”.
A partir de outubro, os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario deixarán de dispoñer dunha técnica de orientación laboral do Servizo Público de Emprego de Galicia nas oficinas dos servizos sociais comunitarios do Concello de Mondariz, mais seguirán tendo acceso a este servizo de competencia autonómica a través da oficina de emprego de Ponteareas.
A técnica de orientación laboral de Mondariz é un posto subvencionado pola Xunta de Galicia desde 2016, no marco dun convenio de colaboración entre os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario, que naquel momento sumaban pouco máis de 5.300 veciños. Malia prestar servizo nas oficinas municipais do Concello de Mondariz, este depende exclusivamente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e actúa como un brazo do Servizo Público de Emprego dedicado só á orientación laboral de persoas que se atopen en situación de desemprego, estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e soliciten cita previa a través deste mesmo organismo, sen que o Concello de Mondariz poida marcar a axenda en ningún momento. Para inscribirse como demandante de emprego ou renovar cada tres meses a tarxeta de demanda de emprego, os veciños e as veciñas de Mondariz xa teñen que desprazarse a Ponteareas.
“Ata agora fomos renovando o convenio porque era un posto subvencionado que non lle costaba moito ao concello, tan só os esforzos administrativos de tramitar periodicamente a subvención correspondente, e facilitaba o acceso á orientación laboral ás persoas desempregadas. Mais coa lei para a estabilización do emprego aprobada en 2021, o Concello de Mondariz corre o risco de ser demandado xuridicamente para estabilizar ese posto de traballo e asumir todos os custos do mesmo, mesmo cando non se trata dunha competencia municipal”, explica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.
Malia non desempeñar unha función de competencia municipal, senón autonómica, a técnica de orientación laboral foi incluída na Relación de Postos de Traballo (RPT) aprobada en maio de 2019 no Concello de Mondariz. “Naquel momento, houbo informes de intervención contrarios a incluír o posto de técnica de orientación laboral no RPT porque non respondía a competencias municipais, mais non se consideraron. O feito de que o posto de orientadora laboral estea incluído na RPT pode levar a unha obriga de estabilización a costa dos recursos municipais que non é razoable porque é competencia exclusiva do Servizo Público de Emprego”, comenta Barros.
Diante desta situación, o Concello de Mondariz propúxolle ao veciño Concello de Mondariz-Balneario que tramitase a subvención correspondente para non prolongar os contratos temporais desde o Concello de Mondariz e compartir responsabilidades, pois o Concello de Mondariz-Balneario tamén é beneficiario deste servizo de orientación laboral a través do convenio de colaboración asinado en 2016. “Polo momento non houbo interese por parte do Concello de Mondariz-Balneario”, sinala Barros.
Para o Goberno municipal de Mondariz, é crucial avaliar as necesidades dos servizos estritamente municipais antes de emprender contratacións laborais, xa que os recursos son moi limitados. “Non podemos asumir o risco real de ter que estabilizar un posto de técnica de orientación laboral, que realmente non é competencia municipal, cando temos outras necesidades máis acuciantes que non están cobertas. Por exemplo, non existe ningún posto de fontaneiro municipal cando o Concello de Mondariz ten decenas de depósitos que precisan atención e ao cabo do ano gasta moitísimo en externalización de servizos de reparación”.
O servizo de orientación laboral, con todo, seguirá sendo prestado na oficina comarcal do Servizo Público de Emprego en Ponteareas.
O Concello de Nigrán informa do remate do primeiro ciclo de cursos de formación do 2022 que permitiron a mellora do curriculum de persoas desempregadas e unha actualización de coñecementos dos participantes.
Logo dunha consulta pública na que se recolleu as prioridades formativas da poboación, o Concello ofreceu tres cursos que contaron cunha parte teórica e outra práctica. En concreto ofreceuse un curso de operador/a de plataformas móbiles PEMP de oito horas de duración, un curso de carretilleiro/a de 15 horas de duración e un de operario/a de almacén e loxística de 40 horas de duración.
O obxectivo dos cursos, que remataron coa entrega de diplomas e foron financiandos con fondos propios, é promover a inserción laboral e mellorar o curriculum das persoas desempregadas ofrecendo formación de acorde á demanda do mercado.
Nos vindeiros meses ofreceranse novos cursos de formación deseñados en base ás necesidades recollidas no proceso de participación.
Tomiño quenta motores para unha nova xornada esta fin de semana dos seus domingos de sesión vermú, unha das accións programadas dentro de ‘Vive!’, unha campaña posta en marcha polo Concello coa que se busca reactivar a actividade económica e social do municipio.
Este domingo 10 o público poderá desfrutar dun rato de boa música a cargo do grupo tomiñés Acevedos Delgados, pop rock de versións e temas propios cos que amenizarán o ambiente mentres o público desfruta tomando algo no primeiro andar do Mercado Municipal de Tomiño. A música en directo comezará ás 12.30 horas. A actividade será de balde ata completar aforo.
O Concello salienta a grande acollida que está a ter o programa de actividades da campaña ‘Vive!’, que nas dúas primeiras citas dos ‘Sábados con sabor’ e ‘Domingos de sesión vermú’ encheron o mercado e as rúas de animación.
Un total de 19 asociacións mosenses participan na nova edición do programa municipal Tempo de Lecer. Os cursos do programa Tempo de Lecer están dotados de 40 horas de clase.
Os obxectivos do programa municipal Tempo de Lecer son fomentar o asociacionismo na vida sociocultural e comunitaria, facilitar ás persoas de Mos a posibilidade de ocupar o seu tempo de lecer con actividades de ocio formativas adaptadas ás súas posibilidades económicas, promover a participación social entre as persoas que máis o precisen, proporcionar alternativas de lecer no seu medio máis próximo e fomentar o uso do tempo de lecer en equipo.
O sistema para organizar e levar a cabo este programa é o seguinte: ofértase un listado dos diversos obradoiros, diferenciados por áreas. É a asociación a que elixe nos que desexa participar.
A data e horario dos obradoiros son elixidos polas asociacións que os solicitan, adecuándose ás súas necesidades.
Este programa está dirixido a tódolos veciños e veciñas maiores de 14 anos, empadroados/as no Concello de Mos ou que sexan membros dalgunha asociación inscrita neste Concello. O custo dos cursos para as persoas participantes é de 1 € por hora.
O programa Tempo de Lecer 2022 conta con diversos obradoiros que solicitaron nas asociacións. Son 19 asociacións as que solicitaron este ano participar no programa. En todo o ano teñen posibilidade de facer un total de 40 horas de obradoiro. Neste trimestre abril-xuño poden facer 2 obradoiros de 10 h ou un de 20 h e de setembro a decembro outros 2 de 10 h ou un de 20 h.
O custo por hora dos obradoiros é de 1 € por hora para os participantes e o Concello asume a diferenza do custo completo de cada obradoiro.
A empresa que impartirá estes obradoiros é Actividades Lúdicas de Galicia. As persoas que estean interesadas en participar neles deberán chamar directamente ao teléfono da asociación.
A Xunta licitou hoxe o equipamento da nova escola infantil da Guarda por case 88.000 euros co obxectivo de que abra as súas portas o vindeiro mes de setembro coincidindo co inicio do curso 2022-2023 e coas obras do centro están xa rematadas. As empresas interesadas teñen de prazo ata as 14 horas do vindeiro 21 de abril para presentar as súas ofertas.
Coa publicación deste procedemento, que se pode consultar na Plataforma de Contratos de Galicia, o Executivo autonómico dá un novo paso para a entrada en servizo desta nova escola infantil tras realizar un investimento de 845.000 euros. Desta contía a Consellería de Política Social, a través do Consorcio, sufragou máis do 60% a través de fondos Feder, e o Concello guardés achegou o resto.
Os 88.000 euros de orzamento para o equipamento da escola están cofinanciados polo Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Ademais de dotala do mobiliario e do material didáctico necesario para o desenvolvemento do servizo, o contrato inclúe o subministro de cociña e electrodomésticos; así como o rego; o pavimento e o valado exterior; as proteccións e a rotulación. O prazo de execución do contrato será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa sinatura.
Aberto o prazo de matrícula gratuíta
A escola conta con 41 prazas de 0 a 3 anos repartidas en tres unidades. Nestes momentos, e ata o vindeiro día 8 de abril, incluído, está aberto o prazo de solicitude de matrícula. As familias non terán que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos, pois o vindeiro curso será o primeiro en que esta será 100% de balde para todas as nenas e nenos.
Ademais, as nais e pais non terán que facer ningún trámite adicional para beneficiarse da gratuidade, unha medida que a Xunta xa está aplicando aos segundos fillos e sucesivos desde abril de 2020.
As solicitudes deberán presentarse preferente por vía electrónica, aínda que as familias interesadas na escola infantil da Garda poden realizar os trámites de solicitude de praza na escola infantil do Rosal, con enderezo na rúa Pías, s/n, 36770; e con número de teléfono 986 62 51 21. O inicio do curso nas escolas infantís da Xunta dará comezo o día 5 de setembro.
Edificio rehabilitado para novos usos
A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde da Garda, Antonio Lomba, visitaron o pasado 15 de marzo esta escola, que é un novo edificio de dúas plantas que substitúe a dous inmobles en desuso da década dos anos 60 do século pasado, os cales albergaban as vivendas para o profesorado e o comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde.
Na planta baixa emprázase a zona para deixar as cadeiras dos bebés; o despacho de dirección; as aulas; un espazo de usos múltiples; as áreas de hixiene (incluído un aseo adaptado); as zonas de descanso; a cociña e o patio de xogos. A planta primeira contén os usos auxiliares da escola: a sala de xuntas; oficina; vestiarios e almacén.
A construción e posta en funcionamento desta nova escola é froito do convenio de colaboración asinado en xuño de 2020 entre a Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e o Concello da Guarda.
A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver actividades formativas en centros de Formación Profesional das catro provincias galegas para concienciar sobre o uso seguro do tractor. O Centro Integrado de Formación Profesional A Granxa de Ponteareas aollerá hoxe a actividade que ten como obxectivo dar a coñecer entre o alumnado as principais medidas de prevención, así como trasladar a necesidade de adoitar as precaucións necesarias. A formación impartirase en tres partes que se celebrarán de 9:30 horas a 11:30 horas, de 12:00 a 14:00 horas e das 17:00 ás 19:00 horas.
A campaña parte da idea de sensibilizar desde a base, aos futuros profesionais das explotacións, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta maquinaria e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade.
Segundo datos do Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) o principal axente material asociado aos accidentes en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor. O envorco é unha das causas que poden desembocar nas consecuencias máis graves e mesmo mortais se non se toman as medidas apropiadas de seguridade.
Durante o ano pasado (datos provisionais) rexistráronse en Galicia 82 accidentes laborais de tractor, 2 deles mortais e a maioría, o 90% de tipo leve. Na provincia de Pontevedra anotouse un deses sinistros mortais, dun total de 11, dos que 9 foron leves e outro grave.
Os accidentes de maior gravidade débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade. Tamén a unha nula ou incorrecta utilización destes sistemas dos que veñen provistos os tractores.
O Plan nacional de sensibilización en prevención de riscos laborais no sector agrario, no que se enmarca esta campaña, pretende concienciar sobre o envorco do tractor co lema A túa vida, sen voltas. O Issga contribuíu ao seu deseño como integrante do grupo de traballo da Comisión Nacional que elaborou o plan.
A iniciativa súmase ás numerosas campañas despregadas polo Issga nos últimos anos para concienciar, sobre todo á poboación rural, tamén á non profesional, para que incorpore as medidas de prevención no manexo do tractor para evitar accidentes na súa contorna e de circulación nas vías públicas.
O escritor miñorán Fran Fernández Davila estará presentando e asinando a súa derradeira novela ‘O Bosque do Duque’ este mércores 6 de abril ás 19.30 horas na nova Biblioteca Municipal do Concello de Nigrán, xunto co alcalde, Juan González, e a directora comercial de Galaxia, Tati Mancebo.
A novela calificada polos críticos literarios como unha chiscadela a historias como Narnia, Momo e os Goonies, é un libro de amizade, identidade e fortalezas. Sen mencionalo, irmanda ao Val Miñor coa cidade neerlandesa de ‘s-Hertogenbosch.
Sabine é unha rapaza galega dos Países Baixos. Fala castelán e neerlandés e bota de menos Galicia, sobre todo as súas avoas. No seu décimo aniversario recibe un agasallo misterioso que lle abre as portas dunha grande aventura. Axudada polos seus amigos Wilko, Jeroen e Anja, Sabine loitará non só por salvar a vida, senón tamén os vínculos que a unen á súa orixe, descubrindo un conxunto de poderes que non sabía que tiña dentro.
Fran Fernández Davila gañou o Premio de Novela da Voz de Galicia con ‘A Senda de Sal’, unha novela curta ambientada no Panxón da Segunda Guerra Mundial. Despois diso sumou máis de vinte de premios tanto de poesía como en narrativa nas especialidades de novela, relato curto e microrrelato tanto en Galicia como noutras cidades de España e mesmo na Arxentina. No entorno local destácase o Premio Poesía Victoriano Taibo polo seu poemario Mover os Marcos en Gondomar.
O Concello Arbo continúa traballando na mellora da compostaxe na vila, neste caso co reparto de 50 composteiros individuais, que xa se están a repartir entre a veciñanza que realizaron a súa socilitude.
Os primeiros composteiros empezaron a entregarse o pasado mercores, no recinto do Punto limpo, por Raimundo Rodríguez Guntín, concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural.
O Concello de Arbo, solicitaba novamente a SOGAMA 50 composteiros co obxetivo de estender as prácticas de autocompostaxe a distintas vivendas unifamiliares do municipio de cara a lograr unha xestión máis sostible do lixo.
O obxetivo é por unha parte, reforzar a mensaxe dos beneficios do compostaxe caseiro, e por outra banda, apostar polo compostaxe a fracción orgánica producida nas vivendas e reducir a entrada no circuíto de xestión do lixo do concello de calquera tipo de residuo orgánico biodegradábel.
O alcalde do Concello de Arbo, detaca o gran exito do programa de compostaxe, “En total o Concello de Arbo, leva repartido 170 composteiros, 50 no ano 2020 o e no ano 2021 un total de 120 , e dado a demanda que existia procedeuse a pedir unha nova partida, o que fan un total de 220 composteiros dende o comezo da Campaña”.
As veciñas e veciños que reciben un composteiro do programa municipal quedan comprometidas a participar nas labores de inspección que programe o Concello a fin de comprobar o correcto uso do dispositivo entregado.
A elaboración de compost na casa ten moitas ventaxas, tanto medioambientais como económicas. O compostaxe permite reutilizar os refugallos que de outra maneira acabarían no colector verde convenicional e contribúe a reducir a frecuencia do servizo de recollida.
O Alcalde explicou que “a pretensión dende o Concello é reducir a xeración de residuos dos nosos fogares, colaborando asi mesmo co medio ambiente porque obtemos un abono natural de excelente calidade para as nosas prantas, legumes, horatalizas…”.
O Concello de Tomiño vén de realizar un proceso de contratación de persoal municipal ao abeiro da subvención concedida pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos 2022, liña 3, destinada ao “emprego para a conservación de bens e servizos municipais”.
En total foron contratadas 30 persoas desempregadas con contratos de 6 meses de duración, que se foron incorporando ao seu posto de traballo no mes de marzo, unha vez concluídos os procesos de selección.
Concretamente, foron contratados dous soldadores de estruturas metálicas lixeiras; unha educadora social; unha bióloga; un oficial albanel e dous peóns albaneis; dezaseis peóns de xardinería; un condutor-operador de retroescavadora oficial de segunda; dous electricistas oficiais de primeira; un mecánico de mantemento e reparación de automoción xeral oficial de segunda e tres técnicos administrativos.
No proceso de contratación foi investido un total de 289.930,26 euros, dos cales 275.763,84 están subvencionados pola Deputación de Pontevedra, achegando o Concello os 14.166,42 euros restantes.
O Museo vai inaugurar este xoves ás 19 horas a exposición ‘A presenza Invisible. Perfumes Art Nouveau & Art Deco’ na que se recollen máis de 200 contedores de perfume, caixas de pos de arroz e xabón e, principalmente, de frascos de perfume de cristal e vidro, xunto con algúns exemplos da publicidade do período que abrangue entre finais do século XIX ata ben entrados os anos 40 do século XX.
O título da exposición inspírase na frase de Coco Chanel “non é posible a elegancia sen perfume. É o accesorio invisible, inesquecible” e pretende dar a coñecer a “carta de nobreza” que o perfume obtivo ao longo do século XX co nacemento de grandes casas de perfumes francesas. Por aquel entón os recipientes nos que se gardaban os perfumes foron convertidos en pezas que xa son parte imprescindible da historia das artes decorativas do século XX, moi especialmente os frascos Art Nouveau e Art Deco que influíron de maneira determinante no éxito da industria do perfume, feitos por grandes artistas, deseñadores e vidreiros.
A selección de frascos que se vai mostrar en Pontevedra entre este xoves 7 de abril e o 12 de xuño pertence á colección particular do portugués Afonso Oliveira, profesional do mundos dos perfumes de luxo e ex vicepresidente da Asociación Internacional de Frascos de Perfumes, quen atesoura máis de 4200 recipientes históricos de perfume o que fai da súa colección unhas das mellores do mundo no seu campo.
A mostra está dividida en varios apartados, sendo o primeiro o de ‘Art Nouveau (1890-1910)’, un estilo que abrangueu todos os ámbitos da arte, caracterizada polo emprego de liñas e formas alongadas e trazos ondulantes e asimétricos inspirados na natureza. Ese estilo determinará o deseño dos frascos de perfume, con artistas como René Lalique, Baccarat, Julien Viard ou Émile Gallé dándolle forma en vidro á nova estética, creando pezas que son verdadeiras iconas de arte.
Existe tamén na exposición un espazo específico para os ‘Frascos de vidro checo’; sobre ‘Coty e Lalique’, dous vidreiros-xoieiros que avanzaron no mundo da perfumería par ao grande público; outra sección para ‘Grandes deseñadores e vidreiros para grandes marcas’, con explicacións sobre Baccarat e Julien Viard; e finalmente, unha última parte sobre ‘Art Déco 1925’.
Onte iniciouse o programa de visitas da Policía Local de Mos e do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos aos colexios do municipio que periódicamente se organiza desde a Concellería de Educación.
Trátase dunha actividade dentro do horario lectivo que ten un enorme éxito e xera gran expectación entre a cativada, pois trátanse de colectivos profesionais que o alumnado admira profundamente. Os nenos e nenas reciben a policías, bombeiros e Protección Civil sempre cun sorriso e moitísima emoción.
As actividades organizadas nos centros educativos, dirixidas a alumnos/as de Educación Infantil e de 1º a 5º de Primaria, inclúen circuito de educación viaria, charla de seguridade viaria, charla descriptiva do servizo municipal de Emerxencias do Concello de Mos, exposición e explicación do funcionamento do parque móbil, tanto policial como de emerxencias, etc.
Os obxectivos desta iniciativa son dar a coñecer entre o alumnado do municipio tanto os recursos materiais como persoais do servizo da Policía Local e de Emerxencias. E coñecer o seu funcionamento dunha forma lúdica.
A actividade lévase a cabo na súa primeira parte no interior do colexio e na segunda parte, relativa á exposición dos vehículos e material, no patio ou zona exterior do centro educativo. Alí os axentes da Policía Local e/ou persoal de Emerxencias explican as súas funcións e lles ensinan aos nenos algúns dos recursos materiais dos que dispoñen.
Tamén lles ensinan os vehículos por dentro, deixando que suban e poñan a serea… Todo un descubrimento para os máis pequenos.
De “día histórico” cualificou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, este luns no que se vén de inaugurar a musealización do Castelo de Sobroso, posible “grazas ao extraordinario traballo e enorme esforzo de dúas institucións, concello de Ponteareas e Deputación, que traballamos colaborativamente, sumando ideas, para que isto fose realidade”. A presidenta, que recordou o papel desenvolvido neste proxecto polo anterior alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, falecido fai case un ano, e a alcaldesa Cristina Fernández, que estiveron acompañadas no acto de alcaldesas e alcaldes dos concellos do Condado e A Paradanta, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo e As Neves, representantes do tecido cultural e social, medios de comunicación, blogueiras/os e instagramers de turismo, e de José Germán, neto de Alejo Carrera Muñoz –antigo propietario do castelo de Sobroso-, deron hoxe o pistoletazo de saída á innovadora e tecnolóxica musealización que potenciará a toda a comarca e a converterá nun dos grandes focos de atracción turística da provincia.
“Esta musealización –subliñou Carmela Silva- vai servir para que moita xente veña visitarnos pero tamén para que todas e todos nós nos sintamos grandes, porque somos, e sempre fomos ao longo da historia, un pobo grande”. Tamén nesta liña se pronunciou a alcaldesa Cristina Fernández quen asegurou que a iniciativa desenvolvida en Sobroso “é un luxo e unha xoia, que abre moitas posibilidades para Ponteareas e toda a comarca do Condado e A Paradanta”.
A xornada de inauguración do Castelo de Sobroso vestiuse de trasnos e seres do Bosque Atlántico coa produción “Bosque Vivinte”, a cargo das actrices de Sarao Animación a través da cal criaturas da natureza de Sobroso deron á benvida ao público asistente. Da súa man, e da do director da musealización, Antoni Nicolau, as persoas convidadas coñeceron o proxecto desenvolvido no castelo, que, unido a Soutomaior, converte á provincia no único destino galego con espazos fortificados musealizados e adaptados ás novas tecnoloxías, para atraer así a visitantes que demandan experiencias únicas. “Somos –asegurou Carmela Silva- das poucas institucións que teñen feito este tipo de musealizacións que contan a historia dende o século XII con elementos e innovacións do século XXI”.
“Aquí -enxalzou a presidenta sobre Sobroso- aconteceron sucesos moi relevantes e esta musealización permite poñer en valor a longa historia que temos como pobo, descubrindo dende a persoeiros moi relevantes ata acontecementos que tiveron a grandes mulleres e homes como protagonistas”. Neste eido a presidenta detallou o papel de Dona Urraca, “a primeira raíña de Europa”, ou o paso polo castelo da feminista Emilia Pardo Bazán, asegurando que “non é que esteamos feminizando o castelo é que por aquí pasaron grandes mulleres, que deixaron unha pegada moi potente”. Tamén se detivo na figura de Alejo Carrera, “que fixo o que moitos mecenas, non permitir que morrera o noso patrimonio, reconstruír o castelo e permitirnos que hoxe teñamos esta xoia”. Todas estas figuras, así como a historia de trobadores ou profesionais da cantería, as lendas, ou outras cuestións “que forman parte da nosa historia esquecida e non contada”, teñen o seu espazo na musealización de Sobroso e comparten protagonismo co territorio e a contorna, “moi rica en lendas, gastronomía ou historias que temos que poñer en valor porque isto é o que buscan hoxe as e os novos turistas, que buscan identidade propia, emocións, e, neste territorio, imos sobradas e sobradas disto”, detallou Carmela Silva.
O proxecto de musealización
O investimento realizado na ambiciosa musealización do Castelo ascende a máis de 260.000 euros que permitiron dotar ao recinto dun equipamento museográfico actual, moi dixital, e potenciar o seu atractivo acorde coas tendencias da demanda turística. Así, tal e como se descubriu hoxe da man de Antoni Nicolau, as estancias adecuáronse para poñer en valor os recursos da comarca e ofrecer experiencias a través das tecnoloxías e de producións audiovisuais que recollen, de xeito ameno e entretido, dende os diferentes sucesos históricos que aconteceron en Sobroso ata as historias das personaxes vinculadas ao mesmo.
O proxecto dota ao castelo dun percorrido polas súas salas que abranguen sete temáticas: “Sobroso na paisaxe”, onde se presenta unha impresión fotográfica dun gran mapa no chan e caixas retroalimentadas con imaxes nas paredes; “A historia do Castelo e os seus habitantes”; cun audiovisual que narra a vida na fortaleza medieval; “O castelo, protagonista na Idade Media”, cunha montaxe con elementos téxtiles e módulos de personaxes como Urraca I de León, Alfonso VII de León, Dinis de Portugal ou Isabel de Aragón; “O castelo, da destrución á recuperación”, que consiste nun “videomapping” para simular a destrución e reconstrución do castelo sobre as propias pedras, centrándose nos cambios experimentados no século XX e no papel desenvolvido polo xornalista Alejo Carrera; “A construción do Castelo”, con paneis gráficos sobre os traballos para erixir a fortaleza, introducindo ao público no oficio da cantería, con explicacións sobre as marcas de cantería que abundan no castelo; “Os seres máxicos e a auga”, que inclúe lendas dos bosques de Sobroso nun ambiente iluminado especialmente para a ocasión; e “Os castelos, escenario de trobadores”, onde se recupera a tradición oral en torno ao castelo e a súa contorna, fundamental para impulsar o patrimonio inmaterial do castelo. O percorrido deseñado, pensado para grupos reducidos de ata 15 persoas, remata co acceso á terraza, situando as e os visitantes na comarca e nos recursos da mesma.
As visitas irán acompañadas dun guía que, mediante unha tableta dixital, activará e desactivará as producións audiovisuais en forma de caixas máxicas, videomapping, xogos de luz e son, que se atopan nas distintas salas do castelo, e elixirá o idioma correspondente á visita (galego, castelán ou inglés). Amais, explicará os detalles históricos e anécdotas do edificio e das persoas que o habitaron, adaptada tanto a visitas escolares cun carácter máis pedagóxico como a público familiar cun carácter máis lúdico.
Xornadas de portas abertas
Ao fío da inauguración da musealización do Castelo de Sobroso terán lugar unhas xornadas de portas abertas nas que poderán participar ata 450 persoas. A partir de mañá, martes 5 de abril, poderase facer xa a reserva (en [email protected]) para participar nesta actividade que terá lugar os días 9, 10, 14, 15 e 16 de abril, con 6 pases diarios para 15 persoas cada un, ás 11, 12, 13 horas da mañá e ás 16, 17 e 18 horas da tarde. “Estou segura que serán un éxito e que en cinco minutos van quedar esgotadas todas as prazas”.
Carmela Silva tamén adiantou que ao longo desta semana se habilitará unha web propia sobre o castelo na que se detallará toda a información histórica e a actualidade sobre o recinto. Amais, a partir de maio, abriranse xa a venda as entradas para que todas as persoas interesadas poidan visitar a innovadora musealización do castelo de Sobroso.
A Concellería de Cultura do Concello de Redondela, que xestiona Iria Vilaboa, vén de recibir 125 imaxes cedidas ao Arquivo Audiovisual por Luis Borines, veciño de Cesantes que comezaba aló polos anos 80, unha colección de tarxetas postais con remitentes ou destinatarios e destinatarias de Redondela, colección que ao longo dos anos foi engrosando con pezas que atopa en anticuarios, páxinas e tendas especializadas ao longo do mundo.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradeceu “á xenerosidade” de Luis Borines que permite á hora de compartir tanto as imaxes “como os seus amplos coñecementos sobre as mesmas”. A alcaldesa adiantou que dende a Concellaría de Cultura “estase traballando para poder difundir a súa colección tamén noutros formatos coma exposicións ou charlas explicativas”.
Hoxe en día Luis Borines conta con máis de 300 obxectos de coleccionismo: tarxetas postais dos antigos Hauser e Menet, da Fototipia Thomas ou dos fotógrafos locais Díaz e Rodríguez ou Avelino Cal e Saturno Cal; cromos, fotografías, fotogravados de prensa antiga, … mais tamén dispar documentación coma facturas de antigas fábricas (EIMA, IME,..) ou almanaques de Redondela do 1904.
Trataríase de 600 imaxes aproximadamente, de fins do s. XIX e primeira metade do s. XX: a maior e máis antiga colección centrada en Redondela que se coñece hoxe en día. Parte desta colección foi recollida no 2001 no libro A memoria de Redondela. Álbum de Postais de Luis Borines e J. A. Xesteira editado por Xerais no 2001.
Pero a gran valía desta colección reside nos coñecementos que Luis Borines ten sobre o mundo das tarxetas postais: a importancia dos selos, dos timbres, das técnicas de impresión, das modas de edición, etc.
Desta vez a colección ampliada vai acompañada dunha ficha descritiva na que Luis Borines, en colaboración co Arquivo municipal, explica as paisaxes de Redondela que nelas se recollen, a propia historia da postal e dos produtores da mesma. Deste xeito, a historia da tarxeta postal convértese nunha testemuña visual da Historia da vila de Redondela.
As probas realizaranse en Santiago de Compostela e Ponferrada e, para poder inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir un formulario de solicitude e aboar as taxas correspondentes. O prazo de inscrición nas probas remata o vindeiro venres 8 de abril.
Todas as persoas que estean interesadas e precisen información sobre estas probas poden dirixirse ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello, onde recibirán información detallada. O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a que se presente a estas probas, “un incentivo e unha oportunidade para demostrar o coñecemento que temos da lingua propia, ademais dunha grande oportunidade para obter un título imprescindíbel para acceder a un proceso de oposición en Galicia”.
O Concello de Oia vén de ter coñecemento dunha posible fraude anunciando un posible abaratamento da factura eléctrica e para o cal se estaría actuar en nome do propio Concello.
Nos últimos días tense detectado a unhas persoas visitando casas na parroquia de Loureza, indicando que acudían en nome do Concello co obxectivo de modificar os contratos da luz para abaratar a factura. O Concello desminte que estea a facer este tipo de xestións, advertindo da posibilidade de que se trate dunha actuación fraudulenta.
O Concello alerta de que estas persoas acoden aos domicilios con datos persoais da veciñanza e, tras insistir en que non se trata de persoal municipal, pide aos veciños e veciñas que teñan especial precaución e que desconfíen cando se vexan nunha situación como a descrita.
Chamadas telefónicas fraudulentas
Por outra banda, a Administración local tamén vén de ter coñecemento doutras actuacións posiblemente fraudulentas a través de chamadas telefónicas onde se solicitan datos persoais de distinto tipo.
Nun dos casos, na chamada fanse pasar por persoal do centro de saúde, preguntando posibles patoloxías co obxectivo posterior de vender soletas (plantillas) para os pés. Noutros casos, as chamadas teñen que ver con asuntos bancarios.
Tui vai celebrar as Festas de San Telmo 2022 do 16 ao 25 deste mes de abril cun programa “ambicioso, moi completo e innovador”. Así o explicaba esta mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, na presentación dos festexos patronais, na que participaron tamén a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, a concelleira de Comercio, Emprego, Formación e Igualdade, Ana Núñez, o concelleiro de Medio Rural e Deportes, Rafael Estévez, e o concelleiro de Seguridade e Persoal, José Ramón Magán.
O inicio da festa terá lugar co pregón popular que lerá o actor Luís Zahera o sábado 16 ás 11.45 h na praza da Inmaculada. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicaba que “se cambiou a filosofía do pregón porque entendiamos que debía ter un carácter máis popular e festivo”. Engadía que o acto institucional pasa a ser a gala de entrega dos premios Cidade de Tui, que terá lugar o mesmo sábado ás 19.30 h no Teatro Municipal “nos que se recoñecerá a unha persoa e a un colectivo que dalgunha forma a súa traxectoria estea baseada na implicación na cidade dende moitos puntos de vista”.
Explicaba tamén o rexedor tudense que outra das apostas deste ano é a deslocalización das actividades que se celebrarán en até seis puntos da cidade con eventos festivos. Será así o Paseo da Corredoira, a rúa Compostela, as prazas de San Fernando e San Telmo, o edificio Francisco Sánchez, e o espazo feira na prolongación da travesía da rúa Casal Aboy.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, indicou que logo de dous anos as festas celébranse este ano “cun programa ao uso”. A música moi presentes nestes festexos segundo explicaba a concelleira con concertos de grupos coma Efecto Pasillo, xunto a outras agrupacións emerxentes e da zona coma Micalip’s, No All Kansas, Rockin’ Gina & The Sentinels, Laura LaMontagne & PicoAmperio + Dj Enter + G Face + Dj Adrian L, e Lucky Duckies. As charangas tudenses Cantos Somos e A Tu Ritmo actuarán polas rúas, ao igual que a Escola de Gaita e Percusión “A Insua” de Caldelas, a Banda de Gaitas “Arume” de Malvas, e a Banda de Gaitas “San Xoan” de Paramos que actuará na praza de San Fernando. Tamén protagonizarán pasarrúas Troula Animación e Hípica Celta.
Non faltará o son das bandas de música coa Banda de Música Popular de Tui, xunto ás de Salvaterra, Monçao, Lanhelas, e a da Escola Naval Militar de Marín. O público familiar poderá gozar na carpa da Corredoira coa maxia de Samuel Moreno, o circo de Cia Assircopatas, a música de Pakolas e Odaiko, e o teatro con Culturactiva.
Avanzou tamén Sonsoles Vicente que da man do festival Música no Claustro o domingo 24 na Catedral recuperarase a Misa medieval de San Telmo co concerto de Seconda Pratica de canto gregoriano.
O domingo 17 ás 17.30 h celebrarase no Teatro Municipal o Festival Folclórico coa participación dos grupos locais Traxe Tradicional, Seixos Albos de Areas, Lembranzas da Terra de Guillarei, Inquedanzas de Pazos de Reis, O Mosteiro de Pexegueiro, Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro) e San Telmo. Do mesmo xeito regresa tamén a Semana do Teatro Amador cos grupos San Fins de Rebordáns, Aloia de Pazos de Reis, Atalaia do Centro Sociocomunitario Chirlomirlo de Xuntanza de Randufe, estreando todos eles novas montaxes.
As corais tudenses do Centro Sociocomunitario, Ponte das Febres, e San Telmo actuará tamén estes festexos no centro de día Amoralia, e nas residencias Paz e Ben e San Telmo.
Outra das novidades deste ano será o fin de festa, o luns 25, cunha tirada de Fogos Piromusicais.
A gastronomía será outro dos pratos fortes destes festexos. Do 8 ao 25 deste mes celebrarase a Festa do Meixón que será presentada este xoves. E o sábado 16 e domingo 17 na praza da Inmaculada celebrarase o I Encontro de Viños da Raia. Con este evento, coma sinalou a concelleira Ana Núñez, ”búscase promocionar as adegas locais, da contorna e da outra beira do Miño”. Explicaba que participarán dez adegas de pequenos produtores que presentarán viños brancos, tintos e espumosos.
O deporte está presente neste programa coa Carreira Popular de San Telmo que se celebrará o o sábado 23 organizada polo Club Atletismo Tui, coa Andaina Popular de San Telmo organizada polo club Andatui o domingo 24, e coa Feira Cabalar en San Bartolomeu que terá lugar o luns 25, Día de San Telmo, coa implicación da Asociación de Veciños de San Roque e San Bartolomeu, o Club Equigalia, Hípica Marcos, e a Peña Cabalar Valle do Louro coma explicaba o concelleiro de Deporte, Rafael Estévez.
O concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, avanzou que xa dende esta Semana Santa e logo na fin de semana de San Telmo darase protagonismo ás persoas coa peonalización dun tramo de Augusto Besada e da Corredoira, do mesmo xeito que indicaba que na travesía da rúa Casal Aboy, haberá restricións no tráfico cando se celebren concertos neste emprazamento.
Festas de San Telmo 2022, do 16 ao 25 de abril
Festa do Meixón
Do 8 ao 25 de abril. Restaurantes participantes: Asador Paulo, El Molino, La de Manu, O Novo Cabalo Furado, Parador de Tui. Ración, pan e copa de albariño 69€
I Encontro de Viños da Raia
Sábado 16 e domingo 17 de abril, de 12.00 ha 15.00 h e de 18.00 a 21.00h, na Praza da Inmaculada. Degustación de brancos, tintos e espumosos, música e maridaxes.
XII SEMANA DE TEATRO AMADOR
Do martes 19 ao venres 22 de abril. Venda de entradas numeradas a 2 €, dende o domingo 13 de abril en tui.gal, e o día da función dende unha hora antes só 100 entradas no despacho de billetes do Teatro Municipal.
HORARIOS DA EXPOSICIÓN DE ARTISTAS TUDENSES
Do 16 ao 25 de abril na Sala de Exposición Municipal no edificio Francisco Sánchez
Horario de luns a venres de 11.30 h a 13.30 h e de 17.30 a 19.30 e sábado, domingos e festivo de 12 a 14 h e de 17 a 20 h. Entrada de balde.
Sábado 16
12.00h – 14.00 h Na praza da Inmaculada, Xigantes e Cabezudos na compaña da Charanga Cantos Somos.
12.45h – 13.15 h Na praza da Inmaculada, lectura do Pregón a cargo de Luis Zahera. En caso de choiva na carpa da Corredoira.
19.30h – 20.30 h No Teatro Municipal, Gala “Premios Cidade de Tui”. Entrada libre até completar capacidade.
20.30h – 21.30 h Na Sala de Exposicións, inauguración da exposición “Artistas Tudenses”.
21.30h – 23.00h Na carpa da Corredoira, actuación do grupo Micalip’s.
23.00h – 01.00h Na no espazo feiral (explanada do antigo Cam-Fran) actuación do grupo Efecto Pasillo.
Domingo 17
12.30h – 13.30 h Na carpa da Corredoira, actuación da Banda de Musica Popular de Tui
17.30h – 20.30 h No Teatro Municipal, Festival Folclórico. *Entrada libre até completar capacidade. Traxe Tradicional (Tui), Seixos Albos (Areas), Lembranzas da Terra (Guillarei), Inquedanzas (Pazos de Reis), O Mosteiro (Pexegueiro), Xuntanza (Randufe), San Fins (Rebordáns), Santa Columba (Ribadelouro) e San Telmo(Tui),
18.00h – 19.00 h Na carpa da Corredoira, actuación da Banda de Música de Salvaterra.
18.30h – 21.30 h Na rúa Compostela, verbena coa Orquestra Satélites.
19.30h – 21.30 h Nas rúas de Tui, actuación da Charanga Cantos Somos.
21.30h – 23.00 h Na carpa da Corredoira, actuación do grupo No All Kansas.
Martes 19
17.00h – 17.30 h No Centro de Día Amoralia, actuación da Coral Ponte das Febres.
18.00h – 19.00 h Na carpa da Corredoira actuación de maxia “Why not 2.0” con Samuel Moreno .
21.00h – 22:15 h No Teatro Municipal, XII Semana de Teatro Amadorco grupo de teatro San Fins de Rebordáns. Estrea de “Milagro no convento de Santa María Juana”.
Mércores 20
17.00 h – 17.30h Na Residencia Paz e Ben, actuación da Coral do Centro Sociocomunitario de Tui.
18.00 h – 19.00h Na Carpa da Corredoira, actuación de circo “Abracadaver” coa Cia Assircopatas.
21.00 h – 22:30h No Teatro Municipal, XII Semana de Teatro Amador co grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis. Estrea de “Spot”
Xoves 21
17.00h – 17.30 h Na Residencia San Telmo, actuación da Coral San Telmo.
18.00h – 19.00 h Na carpa da Corredoira, actuación musical con “Cores, Contos e Rock´n´Roll con Ramona Órbita” de Pakolas.
20.00h – 21.00 h Nas rúas de Tui, actuación da Escola de Gaita e Percusión “A Insua” de Caldelas.
21.00h – 22:00 h No Teatro Municipal, XII Semana de Teatro Amador co grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui. Estrea de “As vacacións da Duquesa”.
Venres 22
17.00h – 17.30 h Na Corredoira, pasarrúas “Rufina & Benito” de Troula Animación.
18.00h – 19.00 h Na carpa da Corredoira, actuación teatral de Culturactiva con “Saaabor!”.
19.00h – 19.30 h Na Corredoira, pasarrúas “Rufina & Benito” de Troula Animación.
21.00h – 22:30 h No Teatro Municipal, XII Semana de Teatro Amador co grupo de teatro Chirlomirlo de Xuntanza de Randufe. Estrea de “O enfermo imaxinario”
20.30h – 22.30 h Na rúa Compostela, verbena coa Orquestra Assia.
22.30h – 00.00 h Na carpa da Corredoira, actuación de Rockin’ Gina & The Sentinels.
00.00h – 01.0 0h Na rúa Compostela, verbena coa Orquestra Assia.
Sábado 23
10.00h – 13.30 h Dende a Corredoira, saída e chegada da Carreira Popular.
12.00h – 14.00 h Nas rúas de Tui, actuación da Charanga A Tu Ritmo.
13.00h – 14.00h Nas rúas de Tui, actuación da Banda de Gaitas “Arume” de Malvas.
17.00h – 17.30h Na Corredoira, pasarrúas con Súper Pandi de Hípica Celta.
18.00h – 19.00h Na carpa da Corredoira, actuación musical con Vaia Ritmo de Odaiko.
19.00h – 19.30h Na corredoira, pasarrúas Súper Pandi de Hípica Celta.
20.00h – 22.00h Nas Rúas de Tui, actuación da Charanga A Tu Ritmo.
21.30h – 01.30h Na carpa da Corredoira, actuacións de Laura LaMontagne & PicoAmperio + Dj Enter + G Face + Dj Adrian L.
22.00h – 23.00h Na praza de San Fernando, concerto da Banda de Gaitas “San Xoan” de Paramos.
22.00h – 01.00h Na rúa Compostela, verbena coa Orquestra Capitol.
Domingo 24
10.00h – 13.30 h Dende a Corredoira, saída e chegada da Andaina Popular.
12.15h – 12.45 h dende a Glorieta de Vigo ata a praza de San Fernando, desfile exaltación do traxe tradicional, a cargo da Asociación do Traxe Tradicional de Tui.
12.30h – 13.30 h Na carpa da Corredoira, actuación da Banda Músical de Monção.
17.00h – 17.30 h Na Corredoira, pasarrúas Circo Krasnovarak de Troula Animación.
17.30h – 18.30 h Na S.I. Catedral de Tui, Música no Claustro recupera a Misa medieval de San Telmo. Concerto de Seconda Pratica (canto gregoriano ) Entrada libre até completar capacidade.
18.00h – 19.00h Na carpa da Corredoira, actuación da Banda de Musica Popular de Tui.
19.00h – 19.30h Na Corredoira, pasarrúas Circo Krasnovarak de Troula Animación.
20.00h – 22.00h Nas rúas de Tui, actuación da Charanga Cantos Somos.
20.30h – 22.30h Na rúa Compostela, verbena coa Orquestra Los Players.
22.30h – 00.30h Na carpa da Corredoira, actuación do grupo Lucky Duckies.
00.30h – 01.30h Na rúa Compostela, verbena coa Orquestra Los Players.
Luns 25
10.00h – 15.00 h En San Bartolomeu, tradicional Feira Cabalar de San Telmo.
10.30h – 12:00 h Na S.I. Catedral Misa na honra a San Telmo e Procesión pola Coronilla.
12.30h – 13.30 h Na carpa da Corredoira, concerto da Banda de Música de Lanhelas (Caminha).
17.00h – 19.00 h Na Praza da Inmaculada, os tradicionais Xigantes e Cabezudos, acompañados da Charanga A Tu Ritmo.
18.00h – 19.00 h Na carpa da Corredoira, concerto da Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín.
19.00h – 20.00 h Dende a praza da Inmaculada ata a praza de San Telmo, entrada da Banda de Guerra e Guión da BRILAT e a continuación, homenaxe aos confrades de San Telmo falecidos.
19.00h – 21.00h No recinto feiral, na explanada do antigo Cam-Fran, verbena coa Orquestra París de Noia.
21.00h – 22.15h Dende a S.I. Catedral e polas rúas de Tui, solemne Procesión de San Telmo.
22.15h – 22.45h Na praza de San Fernando a ofrenda a San Telmo.
22:45h – 23.15h Dende a praza do Concello ata a praza da Inmaculada, desfile despedida das agrupación musicais participantes na solemne Procesión de San Telmo.
23.30h – 00.00h dende a alameda de San Domingos tirada de Fogos Piromusicais.
00.00h – 01.00h No recinto feiral, na explanada do antigo Cam-Fran, verbena coa Orquestra París de Noia.
A veciña da parroquia de Leirado, Mónica Cabaleiro Álvarez, volve a abraiarnos de novo co seu último traballo.
“VIDA”, así se chama este quebracabezas de 24.000 pezas que esta salvaterrense rematou no mes de decembro, logo de 6 meses no que compaxinou o seu traballo co seu pasatempo favorito, ainda que como di ela, “estiven de vacacións e tamén facendo vida social, non todo na vida é adicarse aos quebracabezas…”.
Mónica descubriu esta paixón durante a pandemia, onde se enganchou de tal xeito que chegou a facer un dos quebracabezas máis grandes do mundo, cun total de 32.600 pezas, e que ten como nome “VIDA SALVAXE”.
Tanto un coma o outro poden contemplarse nunha das aulas do parque da Canuda, xa que a nosa veciña os cedeu temporalmente para facer as ledicias de quen o desexe, especialmente dos máis cativos, quenes mostran sempre un gran interese por este tipo de pasatempos.
Esta grande arquitecta das “ilsusións quebradas” non descansa, e xa podemos adiantar que comezou un novo reto de locura, cunha estampa de 42.000 pezas no que seguro que a paciencia e a constancia serán uns elementos claves durante o proceso.
Dende o Concello queremos trasladarlle os nosos parabéns a Mónica, ademais de mostrarlle a nosa gratitude por compartir o seu traballo con nós, ao mesmo tempo que lle mandamos moitos folgos para que poida rematar e compartir esta obra tan complexa.
O Concello do Porriño abre o prazo de inscrición do Campamento de Semana Santa 2022, dirixido ás nenas e nenos do municipio de entre 3 e 12 anos cumpridos. Desenvolverase en instalacións municipais os días 11, 12, 13 e 18 de abril en horario de mañá (9h-14h).
“Con esta iniciativa preténdese potenciar a seguridade e autoestima dos máis pequenos da casa, fortalecer as súas habilidades, eliminar os seus medos e potenciar neles valores de cooperación, igualdade, solidariedade e respecto”, explicou a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González.
Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, explicou que se trata dun “espazo de convivencia, de aprendizaxe e de ocio para os nenos e nenas e, á vez, unha opción para a conciliación, xa que nestas datas para moitas familias xorde a necesidade de atopar un lugar seguro no que as súas fillas e fillos poidan disfrutar das vacacións mentres eles traballan”.
O prazo de inscripción abrirase o luns 4 de abril ata cubrir as 40 prazas dispoñibles. As persoas interesadas deben dirixirse ao Rexistro do Concello onde se lles facilitará a folla de inscrición e toda a información complementaria.
No caso de existir máis demandas que prazas, estas cubriranse seguindo o baremo de puntuación establecido.
O alumnado do IES Val do Tea dá un paso máis no seu traballo a prol da igualdade subíndose a un escenario. Organizado pola Concellaría de Igualdade do Concello de Ponteareas e polo Equipo de Igualdade do centro educativo, os rapaces e rapazas protagonizarán este mércores 6 de abril a lectura dramatizada de relatos do libro ‘Invisibles’, de Montse Fajardo.
Será ás 19.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal con entrada libre ata completar aforo. Unha valente representación na que as alumas e alumnos darán visibilidade ás historias das sete protagonistas do libro, sete casos reais de mulleres vítimas de malos tratos, poñendo ademais o foco na onda expansiva que provoca o maltrato e que afecta a todas as persoas que están arredor.
O grupo de mozas e mozos que integran o Equipo de Igualdade do IES Val do Tea levan todo o ano traballando todo o curso sobre esta temática, ademais de sobre outras de vital importancia “para educar ás xeracións futuras en valores fundamentais como son a igualdade en todos os eidos das nosas vidas, a corresponsabilidade ou o respecto”, salienta a concelleira Verónica Carrera.
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro advertiu nun aviso fitosanitario que é preciso manter a vixilancia do mildio nas vides, aínda que suxire non comezar a aplicar o tratamento. Sen embargo para o centro dependente da Deputación é preciso iniciar o tratamento contra a “Cosecatus camelliae”, o ácaro causante da caída do botón floral das camelias.
Segundo o informe de Areeiro, os gromos das vides están moi contidos e o anuncio de temperaturas anormalmente baixas para estes días tampouco favorecerán o desenvolvemento das plantas. Amais, as condicións climatolóxicas non son favorables ao crecemento do mildio polo que para a EFA, de momento, é necesario continuar coa vixilancia do fungo aínda que non aconsella comezar a tratar as vides.
Sen embargo, o persoal técnico do centro dependente da Deputación advirte de que as camelias están comezando a agromar polo que é o primeiro momento do ano no que convén aplicar un tratamento fronte ao “Cosecatus camelliae”, o ácaro causante da caída do botón floral desta especie.
O Concello da Guarda saca a licitación pública dous novos contratos, por unha banda o do Servizo de mantemento das illas ecolóxicas de contedores soterrados e, pola outra, a reforma do Obradoiro de Emprego Manuel Benito Portela.
O Servizo de mantemento das illas ecolóxicas de contedores soterrados sae a licitación pública por un importe da licitación de 24.200 euros por dous anos, prorrogable dous anos máis.
A reforma do Obradoiro de Emprego Manuel Benito Portela sae a licitación pública por un importe da licitación de 43.913,83 máis IVE e o prazo de execución é de 90 días.
A data límite de presentación de ofertas en ambos casos é o 11 de abril de 2022.
Toda a información destas licitacións está no Perfil do Contratante da Sede Electrónica do Concello da Guarda.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.