Luns, 9 Decembro de 2024

Concello e Diócese de Tui-Vigo reúnense para abordar a reforma da capela do Cristo

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Patrimonio, Antía Carrera, mantiveron unha xuntanza con representantes da Diócese de Tui-Vigo para abordar a rehabilitación da capela do Cristo.

Na reunión, na que tamén estivo presente o párroco da parroquia Santa María do Porriño, Joaquín Estévez,  ambas institucións coincidiron na urxencia de acometer a restauración da capela. “É urxente rehabilitar a capela non só polo seu valor patrimonial e emocional para os porriñeses, senón tamén pola perigosidade que implica o estado no que se atopa dende hai case dous anos. O parque do Cristo é un lugar de moita afluencia na vila, especialmente a súa zona infantil, e tal e como está o edificio supón un risco”, afirmou o Alcalde, agradecendo a “disposición do obispado a axilizar o máximo posible a execución destas obras”.

Cabe lembrar que o edificio está danado dende o 16 de marzo de 2020, cando unha grúa pluma de grandes dimensións caíu sobre el destrozando a cuberta e parte do interior. A Diócese de Tui-Vigo, propietaria do recinto relixioso, presentou unha reclamación contra as seis empresas implicadas no sinistro e as súas respectivas aseguradoras que está pendente de resolver. Os representantes da diócese trasmitiron o seu compromiso de comezar as obras tan pronto o xulgado que instrúe a causa o autorice.

“Non podemos esperar a unha resolución xudicial para comezar a reforma, cando o estado supón un risco evidente para a nosa veciñanza. Algo que dende a Diócese Tui-Vigo comparten”, apuntou o rexedor, “Trasmitíronnos que tan pronto se aporte a pericial pendente, que estiman que sexa no vindeiro mes, solicitarase a autorización para iniciar as obras”.  Cabe destacar, que ambas entidades acordaron iniciar os trámites para axilizar os prazos administrativos unha vez conten coa autorización.

No encontro os representantes municipais expuxeron tamén outros temas de interese para o municipio que se tratarán polo miúdo en vindeiras xuntanzas. Concretamente,  a formalización dun convenio para realizar melloras  no local que utiliza a Asociación de Veciños O Castelo de Cans, propiedade da diócese, a reparación da cuberta da Igrexa de Santa María do Porriño e melloras na capela de Santa Leocadia, en Mosende.