Mércores, 11 Decembro de 2024

Mondariz seguirá tendo acceso á orientación laboral do Servizo Público de Emprego

A partir de outubro, os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario deixarán de dispoñer dunha técnica de orientación laboral do Servizo Público de Emprego de Galicia nas oficinas dos servizos sociais comunitarios do Concello de Mondariz, mais seguirán tendo acceso a este servizo de competencia autonómica a través da oficina de emprego de Ponteareas.

A técnica de orientación laboral de Mondariz é un posto subvencionado pola Xunta de Galicia desde 2016, no marco dun convenio de colaboración entre os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario, que naquel momento sumaban pouco máis de 5.300 veciños. Malia prestar servizo nas oficinas municipais do Concello de Mondariz, este depende exclusivamente da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e actúa como un brazo do Servizo Público de Emprego dedicado só á orientación laboral de persoas que se atopen en situación de desemprego, estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e soliciten cita previa a través deste mesmo organismo, sen que o Concello de Mondariz poida marcar a axenda en ningún momento. Para inscribirse como demandante de emprego ou renovar cada tres meses a tarxeta de demanda de emprego, os veciños e as veciñas de Mondariz xa teñen que desprazarse a Ponteareas.

“Ata agora fomos renovando o convenio porque era un posto subvencionado que non lle costaba moito ao concello, tan só os esforzos administrativos de tramitar periodicamente a subvención correspondente, e facilitaba o acceso á orientación laboral ás persoas desempregadas. Mais coa lei para a estabilización do emprego aprobada en 2021, o Concello de Mondariz corre o risco de ser demandado xuridicamente para estabilizar ese posto de traballo e asumir todos os custos do mesmo, mesmo cando non se trata dunha competencia municipal”, explica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

Malia non desempeñar unha función de competencia municipal, senón autonómica, a técnica de orientación laboral foi incluída na Relación de Postos de Traballo (RPT) aprobada en maio de 2019 no Concello de Mondariz. “Naquel momento, houbo informes de intervención contrarios a incluír o posto de técnica de orientación laboral no RPT porque non respondía a competencias municipais, mais non se consideraron. O feito de que o posto de orientadora laboral estea incluído na RPT pode levar a unha obriga de estabilización a costa dos recursos municipais que non é razoable porque é competencia exclusiva do Servizo Público de Emprego”, comenta Barros.

Diante desta situación, o Concello de Mondariz propúxolle ao veciño Concello de Mondariz-Balneario que tramitase a subvención correspondente para non prolongar os contratos temporais desde o Concello de Mondariz e compartir responsabilidades, pois o Concello de Mondariz-Balneario tamén é beneficiario deste servizo de orientación laboral a través do convenio de colaboración asinado en 2016. “Polo momento non houbo interese por parte do Concello de Mondariz-Balneario”, sinala Barros.

Para o Goberno municipal de Mondariz, é crucial avaliar as necesidades dos servizos estritamente municipais antes de emprender contratacións laborais, xa que os recursos son moi limitados. “Non podemos asumir o risco real de ter que estabilizar un posto de técnica de orientación laboral, que realmente non é competencia municipal, cando temos outras necesidades máis acuciantes que non están cobertas. Por exemplo, non existe ningún posto de fontaneiro municipal cando o Concello de Mondariz ten decenas de depósitos que precisan atención e ao cabo do ano gasta moitísimo en externalización de servizos de reparación”.

O servizo de orientación laboral, con todo, seguirá sendo prestado na oficina comarcal do Servizo Público de Emprego en Ponteareas.