12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO coleccionista de postais e imaxes antigas de Redondela Luis Borines cede...

    O coleccionista de postais e imaxes antigas de Redondela Luis Borines cede parte da súa colección ao Arquivo Audiovisual

    A Concellería de Cultura do Concello de Redondela, que xestiona Iria Vilaboa, vén de recibir 125 imaxes cedidas ao Arquivo Audiovisual por Luis Borines, veciño de Cesantes que comezaba aló polos anos 80, unha colección de tarxetas postais con remitentes ou destinatarios e destinatarias de Redondela, colección que ao longo dos anos foi engrosando con pezas que atopa en anticuarios, páxinas e tendas especializadas ao longo do mundo.

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradeceu “á xenerosidade” de Luis Borines que permite á hora de compartir tanto as imaxes “como os seus amplos coñecementos sobre as mesmas”. A alcaldesa adiantou que dende a Concellaría de Cultura “estase traballando para poder difundir a súa colección tamén noutros formatos coma exposicións ou charlas explicativas”.

    Hoxe en día Luis Borines conta con máis de 300 obxectos de coleccionismo: tarxetas postais dos antigos Hauser e Menet, da Fototipia Thomas ou dos fotógrafos locais Díaz e Rodríguez ou Avelino Cal e Saturno Cal; cromos, fotografías, fotogravados de prensa antiga, … mais tamén dispar documentación coma facturas de antigas fábricas (EIMA, IME,..) ou almanaques de Redondela do 1904.

    Trataríase de 600 imaxes aproximadamente, de fins do s. XIX e primeira metade do s. XX: a maior e máis antiga colección centrada en Redondela que se coñece hoxe en día. Parte desta colección foi recollida no 2001 no libro A memoria de Redondela. Álbum de Postais de Luis Borines e J. A. Xesteira editado por Xerais no 2001.

    Pero a gran valía desta colección reside nos coñecementos que Luis Borines ten sobre o mundo das tarxetas postais: a importancia dos selos, dos timbres, das técnicas de impresión, das modas de edición, etc.

    Desta vez a colección ampliada vai acompañada dunha ficha descritiva na que Luis Borines, en colaboración co Arquivo municipal, explica as paisaxes de Redondela que nelas se recollen, a propia historia da postal e dos produtores da mesma. Deste xeito, a historia da tarxeta postal convértese nunha testemuña visual da Historia da vila de Redondela.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.