11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Museo de Pontevedra inaugurou hoxe a exposición de frascos de perfume

    O Museo de Pontevedra inaugurou hoxe a exposición de frascos de perfume

    O Museo expón dende hoxe ata o 12 de xuño a mostra ‘A presenza Invisible. Perfumes Art Nouveau & Art Deco’ con máis de 200 pezas do coleccionista portugués

    “Coleccionar frascos de perfume é contar a historia da civilización”. Así o asegurou hoxe na inauguración da mostra ‘A presenza Invisible. Perfumes Art Nouveau & Art Deco’ o comisario e coleccionista Afonso Oliveira, quen expón no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra más de 200 botellas, caixas e estoxos de perfumes, xabóns e pos, así como carteis publicitarios e publicacións da súa propiedade.

    Experto en perfumes de luxo e vicepresidente da Asociación Internacional de Frascos de Perfume, Oliveira conta no seu haber cunhas 4.200 pezas nunha das máis importantes coleccións do mundo, que comezou en 2008. Segundo dixo “coleccionar frascos non é unha cousa de moda, pero é preservar o patrimonio da humanidade, porque o frasco se debe ver como unha xoia e unha peza de arte”.

    A palabra perfume, explicou, “quere dicir ‘a través do fume’”, e xorde cando a humanidade descubre o lume e queima as madeiras: “Ese cheiro que saía era unha cousa como transcendente, divina. Aí comezaron os perfumes. Os romanos difundiron os perfumes por todo o Mundo. Os árabes descubriron o alcol, e aí comezaron a transportarse. Os franceses foron os que máis tiraron partido dos perfumes a través da moda, e os italianos e españois, sobre todo estes, tiveron un comercio moi grande de perfumes con empresas importantísimas. España ao ter herdanza árabe de hixiene e cultura soubo desenvolver moi ben a industria dos perfumes, que segue aínda nos nosos días”, apuntou. No Museo de Pontevedra propón un relato que confirma a consideración destas creacións como iconas das artes decorativas do século XX.

    Pola súa banda, o director do Museo Xosé Manuel Rei destacou que as persoas autoras dos frascos de perfume que se expoñen en Pontevedra foron artistas, deseñadores e recoñecidos vidreiros na que se coñece como a época dourada da perfumería, co nacemento en Francia de grandes casas de perfumes e na que se abandonaron presentacións máis propias dos produtos farmacéuticos para incorporar deseños influenciados por correntes artísticas de vangarda. “Entendeuse xa naquel momento que a presentación do perfume era tan importante como a fragancia en si, unha máxima que, como sabedes, mantense na actualidade”, dixo.

    “René Lalique, Baccarat, Julien Viard, Émile Gallé… están presentes nesta exposición na que poderedes ver como as botellas transcenden da súa mera función como contedoras para converterse en esculturas realizadas en vidro, cristal de Bohemia, Francia e Checoslovaquia; porcelana de Sèvres ou Noritake; opalina, entre outros materiais”, subliñou.

    O traballo destes e outros artistas como o ilustrador Federico Ribas, do que se conservan obras no Museo de Pontevedra, tamén está reflectido na mostra e quedará documentado grazas ao catálogo no que participa, ademais do comisario Afonso Oliveira, o experto e historiador en Arte e Patrimonio da Perfumería do século XX, Jean-Marie Martin-Hattemberg.

    Apartados da mostra

    A exposición está dividida en varios apartados, sendo o primeiro o de ‘Art Nouveau (1890-1910)’, un estilo que abrangueu todos os ámbitos da arte, caracterizada polo emprego de liñas e formas alongadas e trazos ondulantes e asimétricos inspirados na natureza. Ese estilo determinará o deseño dos frascos de perfume, con artistas como René Lalique, Baccarat, Julien Viard ou Émile Gallé dándolle forma en vidro á nova estética, creando pezas que son verdadeiras iconas de arte.

    Existe tamén na exposición un espazo específico para os ‘Frascos de vidro checo’; sobre ‘Coty e Lalique’, dous vidreiros-xoieiros que avanzaron no mundo da perfumería par ao grande público; outra sección para ‘Grandes deseñadores e vidreiros para grandes marcas’, con explicacións sobre Baccarat e Julien Viard; e finalmente, unha última parte sobre ‘Art Déco 1925’.

    Todas as persoas que visiten a mostra, ademais de contemplar os frascos de perfume, tamén poderán gozar da sala de exposicións perfumada coa fragancia ‘Alma da Comporta’ da casa Alma, creado por Pierre Boissou, de familia olfativa cítrica-aromática-amadeirada, con notas de mandarina, laranxa, lavanda, tomiño, cedro, piñeiro e auga de arroz.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.