18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaPresentación do libro ‘Os anos do silencio’

    Presentación do libro ‘Os anos do silencio’

    O salón de plenos da Deputación de Pontevedra, lugar emblemático que en xullo do 36 albergou o Comité en Defensa da República, quedou onte pequeno para o público na presentación do libro ‘Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)’ do investigador pontevedrés e colaborador do departamento provincial de Memoria Histórica Xosé Álvarez Castro.

    Ademais do propio autor participaron no evento a deputada de Memoria Histórica María Ortega, o editor de ‘Xerais’ Fran Alonso, e María Lores Torres, como neta de represaliado. A responsable da área provincial de Memoria destacou que a Deputación non dubidou un instante en colaborar na presentación do libro coa Libraría Paz, xa que  “Pepe Álvarez é unha peza fundamental no departamento e un exemplo de como se debe divulgar a memoria: con xenerosidade e rigor”.

    Para a nacionalista ‘Os anos do silencio’ é unha lectura obrigada no ámbito da memoria por tres cuestións: A primeira, o protagonismo que se lle dá ao papel da muller de xeito transversal en todo o libro; a segunda, o tratamento das distintas formas de represión, desde as máis evidentes, como o cárcere ou o asasinato ata as menos coñecidas como a extorsión económica; e por último, o estudo da resistencia, que evidencia de novo que Pontevedra como o resto da Galiza “non recibiu ao ditador cos brazos abertos, que foron moitas as persoas que dalgún xeito, máis ou menos belixerante, seguiron loitando pola democracia”.

    “Por iso era de xustiza que este libro se presentase aquí, neste lugar tan emblemático, neste edificio que aquel aciago 20 de xullo albergou o Comité en Defensa da República, que pagou ben caro o seu intento de frear o fascismo. Tiña que ser aquí porque poucas persoas honraron con tanta dignidade a memoria da Galiza Mártir como Pepe”, salientou Ortega.

    O propio autor explicou na presentación que ‘Os anos do silencio’ é unha ampliación tanto xeográfica como temporal do seu traballo anterior ‘Pontevedra nos anos do medo’, abranguendo a toda a provincia e chegando ata mediados do século XX. Nel fálase de como a represión que exerceu o réxime foi modulándose ao longo do tempo de maneira organizada en función das necesidades da administración franquista, poñendo o foco tanto nas represións directas como nas indirectas e salientando a grande corrupción e as tramas mafiosas organizadas arredor da Falanxe.

    O libro fai fincapé en documentar que a resistencia ao réxime produciuse dende o primeiro momento a pesares dos inicios nos que o medo marcaba calquera actuación. Subliñou Álvarez que non só na cidadanía se artellou unha oposición popular, senón que tamén houbo unha resposta militar por parte de algunhas figuras que chegaron a ser fusiladas.

    Capítulo especial dedica Álvarez –ademais da súa importancia no resto do texto- a falar de como as mulleres foron fundamentais tanto na represión como na resistencia. No primeiro ámbito porque perderon dereitos adquiridos na II República que supoñían pasos adiante no seu recoñecemento público fronte ao modelo franquista que limitaba os seus roles ao ámbito familiar seguindo o ideal do ‘anxo do fogar’, e no ámbito da resistencia porque foron pezas chave na supervivencia económica dos fogares.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.