26.6 C
Pontevedra
Venres, 20 de Maio de 2022
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Deputación inaugura a musealización do Castelo de Sobroso

    A Deputación inaugura a musealización do Castelo de Sobroso

    Coa inauguración de Sobroso, que desde o 9 de abril terá xornadas de portas abertas, Pontevedra convértese na única provincia galega con espazos fortificados musealizados

    De “día histórico” cualificou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, este luns no que se vén de inaugurar a musealización do Castelo de Sobroso, posible “grazas ao extraordinario traballo e enorme esforzo de dúas institucións, concello de Ponteareas e Deputación, que traballamos colaborativamente, sumando ideas, para que isto fose realidade”. A presidenta, que recordou o papel desenvolvido neste proxecto polo anterior alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, falecido fai case un ano, e a alcaldesa Cristina Fernández, que estiveron acompañadas no acto de alcaldesas e alcaldes dos concellos do Condado e A Paradanta, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo e As Neves, representantes do tecido cultural e social, medios de comunicación, blogueiras/os e instagramers de turismo, e de José Germán, neto de Alejo Carrera Muñoz –antigo propietario do castelo de Sobroso-, deron hoxe o pistoletazo de saída á innovadora e tecnolóxica musealización que potenciará a toda a comarca e a converterá nun dos grandes focos de atracción turística da provincia.

    “Esta musealización –subliñou Carmela Silva- vai servir para que moita xente veña visitarnos pero tamén para que todas e todos nós nos sintamos grandes, porque somos, e sempre fomos ao longo da historia, un pobo grande”. Tamén nesta liña se pronunciou a alcaldesa Cristina Fernández quen asegurou que a iniciativa desenvolvida en Sobroso “é un luxo e unha xoia, que abre moitas posibilidades para Ponteareas e toda a comarca do Condado e A Paradanta”.

    A xornada de inauguración do Castelo de Sobroso vestiuse de trasnos e seres do Bosque Atlántico coa produción “Bosque Vivinte”, a cargo das actrices de Sarao Animación a través da cal criaturas da natureza de Sobroso deron á benvida ao público asistente. Da súa man, e da do director da musealización, Antoni Nicolau, as persoas convidadas coñeceron o proxecto desenvolvido no castelo, que, unido a Soutomaior, converte á provincia no único destino galego con espazos fortificados musealizados e adaptados ás novas tecnoloxías, para atraer así a visitantes que demandan experiencias únicas. “Somos –asegurou Carmela Silva- das poucas institucións que teñen feito este tipo de musealizacións que contan a historia dende o século XII con elementos e innovacións do século XXI”.

    “Aquí -enxalzou a presidenta sobre Sobroso- aconteceron sucesos moi relevantes e esta musealización permite poñer en valor a longa historia que temos como pobo, descubrindo dende a persoeiros moi relevantes ata acontecementos que tiveron a grandes mulleres e homes como protagonistas”. Neste eido a presidenta detallou o papel de Dona Urraca, “a primeira raíña de Europa”, ou o paso polo castelo da feminista Emilia Pardo Bazán, asegurando que “non é que esteamos feminizando o castelo é que por aquí pasaron grandes mulleres, que deixaron unha pegada moi potente”. Tamén se detivo na figura de Alejo Carrera, “que fixo o que moitos mecenas, non permitir que morrera o noso patrimonio, reconstruír o castelo e permitirnos que hoxe teñamos esta xoia”. Todas estas figuras, así como a historia de trobadores ou profesionais da cantería, as lendas, ou outras cuestións “que forman parte da nosa historia esquecida e non contada”, teñen o seu espazo na musealización de Sobroso e comparten protagonismo co territorio e a contorna, “moi rica en lendas, gastronomía ou historias que temos que poñer en valor porque isto é o que buscan hoxe as e os novos turistas, que buscan identidade propia, emocións, e, neste territorio, imos sobradas e sobradas disto”, detallou Carmela Silva.

    O proxecto de musealización

    O investimento realizado na ambiciosa musealización do Castelo ascende a máis de 260.000 euros que permitiron dotar ao recinto dun equipamento museográfico actual, moi dixital, e potenciar o seu atractivo acorde coas tendencias da demanda turística. Así, tal e como se descubriu hoxe da man de Antoni Nicolau, as estancias adecuáronse para poñer en valor os recursos da comarca e ofrecer experiencias a través das tecnoloxías e de producións audiovisuais que recollen, de xeito ameno e entretido, dende os diferentes sucesos históricos que  aconteceron en Sobroso ata as historias das personaxes vinculadas ao mesmo.

    O proxecto dota ao castelo dun percorrido polas súas salas que abranguen sete temáticas: “Sobroso na paisaxe”, onde se presenta unha impresión fotográfica dun gran mapa no chan e caixas retroalimentadas con imaxes nas paredes; “A historia do Castelo e os seus habitantes”; cun audiovisual que narra a vida na fortaleza medieval; “O castelo, protagonista na Idade Media”, cunha montaxe con elementos téxtiles e módulos de personaxes como Urraca I de León, Alfonso VII de León, Dinis de Portugal ou Isabel de Aragón; “O castelo, da destrución á recuperación”, que consiste nun “videomapping” para simular a destrución e reconstrución do castelo sobre as propias pedras, centrándose nos cambios experimentados no século XX e no papel desenvolvido polo xornalista Alejo Carrera; “A construción do Castelo”, con paneis gráficos sobre os traballos para erixir a fortaleza, introducindo ao público no oficio da cantería, con explicacións sobre as marcas de cantería que abundan no castelo; “Os seres máxicos e a auga”, que inclúe lendas dos bosques de Sobroso nun ambiente iluminado especialmente para a ocasión; e “Os castelos, escenario de trobadores”, onde se recupera a tradición oral en torno ao castelo e a súa contorna, fundamental para impulsar o patrimonio inmaterial do castelo. O percorrido deseñado, pensado para grupos reducidos de ata 15 persoas, remata co acceso á terraza, situando as e os visitantes na comarca e nos recursos da mesma.

    As visitas irán acompañadas dun guía que, mediante unha tableta dixital, activará e desactivará as producións audiovisuais en forma de caixas máxicas, videomapping, xogos de luz e son, que se atopan nas distintas salas do castelo, e elixirá o idioma correspondente á visita (galego, castelán ou inglés). Amais, explicará os detalles históricos e anécdotas do edificio e das persoas que o habitaron, adaptada tanto a visitas escolares cun carácter máis pedagóxico como a público familiar cun carácter máis lúdico.

    Xornadas de portas abertas

    Ao fío da inauguración da musealización do Castelo de Sobroso terán lugar unhas xornadas de portas abertas nas que poderán participar ata 450 persoas. A partir de mañá, martes 5 de abril, poderase facer xa a reserva (en reservas.castelodesobroso@depo.es) para participar nesta actividade que terá lugar os días 9, 10, 14, 15 e 16 de abril, con 6 pases diarios para 15 persoas cada un, ás 11, 12, 13 horas da mañá e ás 16, 17 e 18 horas da tarde.  “Estou segura que serán un éxito e que en cinco minutos van quedar esgotadas todas as prazas”.

    Carmela Silva tamén adiantou que ao longo desta semana se habilitará unha web propia sobre o castelo na que se detallará toda a información histórica e a actualidade sobre o recinto. Amais, a partir de maio, abriranse xa a venda as entradas para que todas as persoas interesadas poidan visitar a innovadora musealización do castelo de Sobroso.

    COLABORACIÓNS

    ¡El mago de la electrónica, ha muerto!

    El personaje de la portada, es probable que a muchos lectores no le suene, quizás algunos al ver los cachibaches que está utilizando, se puedan hacer una pequeña idea, pero los seguidores de la música electrónica clásica y el Krautrock, seguro que si lo conocen perfectamente. Estamos hablando del mago de la electrónica, uno de esos pioneros que elevaron este estilo musical y la forma de hacer música al grado de celestial. Esta semana nos ha dejado el gran e inigualable, Klaus Schulze.

    Ledicia Costas, «O neno de lume»

    Ledicia Costas ten unha imaxinación poderosa e unha rara habilidade para a construción do que poderiamos chamar «relato marabilloso», ese que mistura realidade e fantasía, no que conviven persoas do común con seres sobrenaturais dotados de habilidades especiais.

    Mamá

    Cuatro letras de una de las palabras que primero aprendemos, que más pronunciamos a lo largo de nuestra vida y que más seguridad nos transmite.

    Brillante papel do CN Ponteareas nos campionatos de España de Torremolinos

    Torremolinos, en Málaga, foi a sede do XXII campionato de España “Open” Absoluto–XXXVIII Campionato de España júnior, que se disputou en piscina de 50 metros do 9 ao 13 de abril. O evento congregaba aos principais nadadores e nadadoras nacionais e foi retransmitido en directo pola canle Teledeporte.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    19 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    12 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    63 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    40 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    4 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS