Venres, 6 Xuño de 2025

A Xunta formaliza a adxudicación de 3 parcelas na Plisan

A Xunta de Galicia acaba de formalizar a adxudicación de 3 parcelas cunha superficie de preto de 44.000 metros cadrados na Plataforma loxística e industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan). A xefa da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo en Pontevedra (IGVS), María Martínez, asinou esta mañá as escrituras correspondentes xunto aos representantes das dúas empresas adxudicatarias: Frinsa e Gainser.

Despois das últimas adxudicacións, a superficie total dispoñible nesta gran área industrial ascende a máis de 134.000 m2 urbanizados e repartidos entre 31 parcelas, que se poden adquirir en réxime de compravenda ou en dereito de superficie, neste segundo caso, a cambio dun canon anual moi reducido.

En concreto, a conserveira galega Frinsa vén de comprar, en adxudicación directa e por un importe de 2,63 millóns de euros, as parcelas LE 5.1 e LE 5.9, contiguas entre si e que ocupan unha superficie de 40.921,85 m2.

Pola súa banda, Gainser, dedicada ao estudo, deseño, instalación e servizo posvenda de infraestruturas de equipos de bombeo e tratamento de auga para abastecemento, saneamento e depuración, fíxose coa parcela LE 4.4 en réxime de dereito de superficie.

Cun tamaño de 2.641,56 m2 e localizada ao carón de BETA Implants, o prezo de remate da operación é de 189.426,31 euros. Neste caso, a firma ten previsto construír unha nave de 800 m2 que destinará a almacén.

O investimento total previsto entre ambas empresas para levar a cabo os seus respectivos proxectos na Plisan suma preto de 8 millóns de euros —incluído o custo de adquisición dos terreos por parte de Frinsa— e implicará a creación de 25 postos de traballo no caso da conserveira e de 6 máis no de Gainser.

Estas dúas novas adxudicacións en Salvaterra-As Neves súmanse aos 68.180,67 m2 asignados xa anteriormente á conserveira Albo e á empresa do sector tecnolóxico BETA Implants, pertencente ao grupo Arbinova.

Así mesmo, o mes pasado tamén se anunciou a próxima adxudicación a Lonza Biologics Porriño S.L de 4 parcelas cun total de case 102.000 m2, o que suporá a maior superficie de solo asignada ata o momento nesta área empresarial dos sur de Galicia.

Deste xeito, confírmase o bo momento da Plisan e o efecto chamada que está a ter nas empresas, tal e como demostra o feito de que só desde o mes de marzo tres novas firmas decidiran implantarse neste ámbito. Así, a superficie total adxudicada ata o de agora ascende a 214.000 m2, cun prezo global de adquisición de 11,23 millóns de euros.

Cómpre lembrar que os promotores da Plisan son a Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, e que o investimento previsto neste ámbito, unha vez rematen as actuacións actualmente en marcha, ascenderá xa a preto de 235 millóns de euros.

Toda a información sobre a tarifa eléctrica e a factura da luz, nunha charla no Rosal o 19 de abril

0

Tras a gran subida do prezo da luz e da enerxía, o Concello decidiu achegar á veciñanza información da man dunha persoa especialista “sobre un tema que tanto preocupa a todos os rosaleiros e rosaleiras nun momento no que estar informado é de vital importancia”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Por este motivo, o Concello colaborará co Instituto Galego de Consumo para que o programa Consumo Responde se traslade a vindeira semana ao Rosal para ofrecer unha interesante charla en formato presencial.

Será o martes 19 de abril cunha charla formativa sobre a tarifa eléctrica e a factura da luz, na que o xefe do servizo de Consumo de Vigo-Pontevedra da Xunta de Galicia, Alfonso Diéguez, afondará ante as persoas asistentes en diferentes medidas a aplicar para abaratar o consumo, explicará a diferenza entre mercado libre ou regulado ou explicará como reclamar, entre outros aspectos.

A cita será no Centro Social Polivalente con entrada de balde.

Ponteareas acolle a sétima edición dos Xogos Florais

O Concello de Ponteareas pon en marcha a sétima edición dos Xogos Florais, un concurso literario co que se procura contribuír ao desenvolvemento da poesía local. “Ponteareas é unha terra de escritoras e escritores, algo que está máis ca demostrado na historia da literatura. Con esta iniciativa buscamos crear posibilidades e espazos de convivencia entre voces consolidadas e outras novas que están aparecendo con forza, difundindo a súa actividade creativa e permitíndolles ser escoitadas por toda a veciñanza”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

As persoas interesadas en participar terán ata o 5 de maio para entregar as súas obras, textos orixinais e inéditos escritos en lingua galega de temática libre con entre 14 e 40 versos. Nesta edición haberá dúas categorías: a xuvenil, de 13 a 18 anos, que debe incluír unha autorización asinada por parte do pai, nai ou titor ou titora legal; e a de adultos, para maiores de 18 anos.

As e os participantes deberán presentar os seus traballos baixo pseudónimo ben por correo electrónico a [email protected], enviando dous arquivos, un co poema presentado a concurso e outro cos datos persoais; ou de forma presencial na Biblioteca Pública Municipal en dous sobres, un sobre pechado cos datos persoais que deberá ir dentro doutro sobre máis grade coa copia do poema no que se deberá indicar a categoría de participación e o pseudónimo.

Nesta ocasión haberá tres premios por categoría, que consistirán na entrega dunha flor natural, diploma acreditativo e unha peza de artesanía galega conmemorativa a cada unha das persoas galardoadas.

Os membros do xurado valorarán a calidade literaria, a orixinalidade, o uso correcto do galego e outros aspectos que consideren oportunos. As súas deliberacións serán secretas e rematarán cun acta na que se recolla a decisión final, inapelábel e que se fará pública con antelación á celebración dos Xogos Florais que terán lugar no mes de maio. O edil de Cultura convida a toda a veciñanza a participar nesta sétima edición do certame, un escaparate inigualábel para dar a coñecer a capacidade creativa que agochan os ponteareáns.

A Guarda organiza os Obradoiros Balcóns Verdes enmarcados no ciclo medioambiental sostendo o futuro

0

Dentro do Ciclo medioambiental Sostendo o futuro, a OMIX da Guarda, en colaboración con Medio ambiente, oferta tres obradoiros diferentes baixo o título Balcóns verdes, coa intención de aproveitar os balcóns ou terrazas para crear zonas verdes para gozar, para espertar o interese en cultivar á propia saúde e acadar momentos de alegría tanto para nós como para a comunidade en xeral todo coa axuda do mundo vexetal e a súa diversidade.

Os obradoiros terán unha duración de 10 horas cada un, repartidas entres os venres pola tarde e os sábados polas mañás e poderán realizarse todos ou cada un por separado.

Os cursos van dirixidos a persoas con ou sen experiencia nos cultivos de plantas, só terán interese na creación de espazos verdes, na diversidade de colores, olores e colleitas.

Os tres obradoiros son:

Plantas aromáticas e flores no balcón

22, 23, 29 e 30 de abril

  • Coñecer a orientación óptima no teu balcón e que flores e plantas aromáticas poderanse cultivar.
  • Macetas e outros envases para o cultivo así como a importancia da terra apropiada. Onde conseguir a mistura de terra axeitada para o meu cultivo.
  • Que é o que quero e podo cultivar no meu balcón. Onde e como adquiro as plantas.
  • Usos das herbas e plantas medicinais na cociña e infusións.
  • Exemplos para a reprodución e conservación das plantas

Balcón verde de plantas comestibles

6,7,13 e 14 de maio

  • Coñecer a exposición do balcón ao vento e ao sol: cales son as hortalizas que podo cultivar.
  • prender a aproveitar ao máximo cada espazo para poder cultivar variedades diferentes.    Estruturas diferentes para cada balcón (palets, estantes…).
  • Combinacións de hortalizas para favorecer un crecementos saudable (plano de cutivo para cada participante).
  • Exemplos de combinacións de hortalizas e plantas aromáticas que melloran o crecemento e atraen insectos para garantizar a colleita (importancia polinización).

A horta vertical con ciclo biolóxico completo

20,21,27 e 28 de maio

  • Que é unha horta vertical con ciclo biolóxico completo e que necesidades ten.
  • A construción do envase para a horta vertical con compostaxe, adaptada a cada balcón e o seu espazo.
  • A terra para cubrir as necesidades das plantas.
  • Adquisición semente, reprodución plantas anuais e perennes.
  • Mellores combinacións de hortalizas, plantas aromáticas, flores, etc.

Para información e inscrición todas as persoas interesadas deberán poñerse en contacto con OMIX A Guarda  no mail [email protected].

Mos acolle a III Andaina Solidaria “En marcha contra o cancro”

0

O vindeiro domingo, 24 de abril, o Concello de Mos organiza, coa colaboración da Asociación Española Contra o Cancro en Mos, a III Andaina Solidaria “En Marcha Contra o Cancro”.

O percorrido, que ten unha dificultade fácil e é apto para toda a familia, comezará ás 10:00 horas con saída desde o Castro de Herville, Cela. Serán en total 7 kilómetros.

As persoas que desexen inscribirse poden facelo na Piscina Municipal (número de teléfono: 986 334 070), no Multiusos As Pozas (número de teféfono: 986 339 404) ou nos teléfonos da sede local da Asociación en Mos:  697 484 529 e 663 546 218.

O prezo da inscrición son 5 euros, que inclúe a entrega do dorsal e unha bolsa con avituallamento.

 Todo o recadado neste evento destinarase a seguir financiando tódolos programas e servizos que a Asociación ofrece, de maneira gratuíta, ós pacientes de cancro e as súas familias; e entre os que se atopan, a atención psicolóxica e social, préstamo de material ortoprotésico (camas, andadores, perrucas, cadeiras de rodas, etc), campañas de prevención, acompañamentos en hospitais e domicilios e programas de investigación en cancro.

A actividade da Asociación Española Contra o Cancro en Mos

A Sede Local de Mos retomará a partir do próximo mes de maio a súa atención ao público nun local cedido polo Concello en San Rafael, Camiño de Campo de Eiró, 100, os mércores de 10.00 a 12.30 horas. Ademais de dar información sobre os servizos gratuítos de apoio e acompañamento que ofrece a Asociación a pacientes oncolóxicos/as e aos seus familiares, para calquera dúbida ou consulta, as persoas interesadas en contactar coa Asociación tamén poderán facelo no 900 100 036 (as 24 horas, os 365 días do ano de maneira gratuíta).

A Asociación Española Contra o Cancro en Mos realizou durante o pasado ano 2021 un total de 181 intervencións, desglosadas da seguinte maneira:

  • 120 intervencións de atención a pacientes en final de vida e aos seus familiares
  • 32 de atención psicolóxica
  • 26 da área de Traballo Social (información/orientación, préstamo de material  ortoprotésico como camas,  andadores, perrucas, etc, inserción laboral, alimentos, axudas económicas)
  • 3 actuacións do equipo de voluntariado

Música, danza e teatro con ‘Lara Hierro’ esta fin de semana no Rosal

0

Esta fin de semana O Rosal ten unha cita coa música, a danza e o teatro. Será o vindeiro domingo 17 de abril coa representación no auditorio municipal de ‘Lara Hierro’, un espectáculo multidisciplinar da compañía Constance Hurlé protagonizado por tres mulleres da xeración milenial que poñen voz, movemento e música á fráxil situación do sector cultural e á crise emocional, social e medioambiental da sociedade actual.

As tres figuras que compoñen a peza navegan entre o mundo cotiá e un plano de ensoño no que os seus corpos e discursos se atopan. ‘Lara Hierro’ é unha chamada ao recoñecemento dos sentimentos de frustración, parálise e esgotamento provocados pola pandemia e a precariedade inherente ás xeracións actuais, un espectáculo de carácter poliédrico onde as ferramentas empregadas para chegar ás espectadoras e espectadores son a danza, a palabra a música e a imaxe audiovisual.

A representación, dirixida a público adulto, será ás 19.30 horas no auditorio municipal con entrada de balde e libre ata completar aforo.

Ponteareas regresa do III Torneo Eixo Atlántico de Taekwondo con 13 medallas

Grandes resultados para Ponteareas no III Torneo Eixo Atlántico de Taekwondo celebrado esta fin de semana no Centro de Alto Rendemento de Vila Nova de Gaia.

Vinte mozos e mozas ponteareás estreábanse nesta competición transfronteiriza da que regresaron con 13 medallas, catro ouros, unha prata e oito bronces nas dez categorías de peso disputadas nas modalidades de cadete e júnior. Destacan os bos resultados obtidos en cadete feminino, no que as cinco representantes da vila obtiveron metal, quedando segundas clasificadas por equipos na categoría.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere felicitar a todas e todos os deportistas participantes polo bo traballo e o alto nivel exhibido durante todo o campionato “e deixar o nome de Ponteareas en tan bo lugar”, así como pola boa convivencia co resto de deportistas galegos e portugueses participantes. O edil animounos a continuar por este camiño, “a seguir adestrando e gozando do deporte por riba de calquera competición”.

Concluídas as obras de saneamento no lugar de Albagueira, Trasmañó

0

O Concello de Redondela rematou os traballos de dotación de servizo de saneamento a un núcleo de vivendas situadas no Albagueira, parroquia de San Vicente de Trasmañó, traballos que contaron cun investimento de 57 290,58 con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

As obras realizadas consistiron na execución dunha rede formada por un colector de 512,63 m de lonxitude con tubaxe de P.V.C. de parede compacta e clase SN4 de 250 mm de diámetro. A rede finaliza nun colector existente executada no mesmo diámetro cos colectores proxectados.

O cruzamento co río existente resolveuse levando o colector grampado ao canto do taboleiro do pontón que salva o río de forma que houbo afección algunha ao río. A rede complementouse con 20 pozos de rexistro de 1 m de diámetro colocados a distancias non superiores a 50 m, así como en derivacións e cambios de dirección e/ou pendente.

“A dotación de servizos básicos, como é o saneamento, é unha prioridade deste goberno e nesa liña seguiremos traballando”, afirma a alcaldesa Digna Rivas que subliña a importancia do Plan Concellos da Deputación “como ferramenta para que os Concellos poidan desenvolver obras que contribúan á mellora da calidade de vida da Cidadanía”.

A Semana Santa volve ás rúas de Baiona

0

Tras dous anos de parón obrigado pola aparición do coronavirus e as restricións determinadas polas autoridades sanitarias volven as procesións e as actividades durante estas datas crave para os veciños e veciñas de Baiona e para as persoas que se achegan a gozar da Semana Santa da Vila.

As procesións da Semana Santa, que comezaron o domingo, Día de Ramos, coa tradicional bendición de Ramos e Palmas na Iglesia Conventual das Nais Dominicas (12:00 horas), para seguir coa procesión cara á Igrexa Parroquial. A localidade recuperou o programa de actos e cultos organizado pola Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia e a Parroquia de Santa María de Baiona, coa colaboración do Concello de Baiona e ACEBA (Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona.

Seguindo coa programación o xoves 14, xoves Santo, ás 11.00 horas terá lugar a meditación na Igrexa parroquial.

Ás 16.00 horas oficiarase a santa misa da institución da eucaristía na igrexa conventual das Nais Dominicas e ás 18.00 horas na igrexa parroquial.

Ás 20.00 horas comezará a solemne procesión dos Pasos, desde a capela da Misericordia, organizada pola Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia, acompañada da Banda de Música Municipal de Baiona.

Na praza do Concello levará a cabo a oración ao Cristo dos Pasos.

Ás 23.00 horas, as persoas devotas poderán acudir á igrexa parroquial á celebración da Hora Santa, seguida da Vixilia Extraordinaria da Adoración Nocturna.

Venres 15, Venres Santo, comeza o día ás 10.00 horas coa celebración do
Vía Crucis na igrexa parroquial.

Ás 16.00 horas terá lugar a celebración da Paixón do Señor e a adoración da Cruz na igrexa conventual das Nais Dominicas, santos oficios que se repetirán a partir das 18.00 horas no templo parroquial.

Ás 20.00 horas sairá a procesión do Santo Enterro acompañada da Banda de Música Municipal de Baiona. Ás 23.00 horas comezará a procesión da Soidade desde a igrexa parroquial, só para mulleres.

Sábado 16, Sábado Santo, ás 10.00 horas terá lugar, na igrexa parroquial, o Vía Crucis. Ás 20.00 horas terá lugar a Vixilia Pascual na igrexa conventual das Nais Dominicas e ás 22.00 horas a solemne Vixilia Pascual na igrexa parroquial.

Domingo 17, Domingo de Pascua, nesta xornada oficiaranse misas en horario de costume: Ás 9:00 h no Convento e ás 10:00; 12:30 e 19:00 horas na Colexiata.

O alcalde anuncia que as operadoras de telefonía móbil na Cañiza despregarán 4G e 5G

0

As operadoras de telefonía móbil, Telefónica, Vodafone e Orange, anunciaron que durante as próximas semanas realizarán na Cañiza o proceso de implantación dos servizos de telefonía móbil de nova xeración, 4G e 5G, sobre as bandas de 800 e 700 MHz, respectivamente, o que permitirá aos veciños gozar de conexións móbiles de alta velocidade cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior extensión xeográfica.

Para garantir a compatibilidade da nova tecnoloxía coa televisión dixital terrestre (TDT), Llega700 é a entidade posta en marcha polos operadores para solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión. 

O proceso de implantación está a realizarse de forma paulatina por toda a xeografía nacional. Para comprobar as localidades onde xa están activos estes servizos pódese consultar a seguinte ligazón: https://www.llega700.es/contacto_mapa.php.

O despregamento enmárcase no establecido no Real Decreto 579/2019, do 11 de outubro, a partir do cal se procedeu á liberación das frecuencias entre 694 e 790  MHz (canles 49 ao 60 de  UHF) que ata entón empregábanse para a recepción da Televisión Dixital Terrestre, proceso tamén coñecido como Segundo Dividendo Dixital. A partir de entón, ditas frecuencias foron asignadas ás operadoras de telefonía móbil para prestar os seus servizos de telefonía móbil de nova xeración.

Principais vantaxes: máis e mellor cobertura

Coa nova rede móbil abriuse a porta a innovadores servizos e aplicacións, ademais de proporcionar significativas melloras tanto na velocidade de descarga, como de envío de datos (fotos, música ou contidos audiovisuais de alta definición) ou permitir sacar o máximo partido a aplicacións en liña, como os videoxogos. 

A rede de telefonía móbil de nova xeración introduce dúas melloras fundamentais. A primeira é a solvencia dos diversos problemas relacionados con orografías complicadas presentes na xeografía española onde tradicionalmente fallaba a cobertura. A segunda, é a gran penetración en zonas interiores dos edificios.

A nova xeración tamén facilita a introdución de novos servizos na área empresarial e das administracións públicas, como aplicacións empresariais en mobilidade con alto contido multimedia ou o uso da  videollamada, entre outros.

Ademais, a maior cobertura que alcanza o despregamento nas bandas de 700 e 800  MHz mellorará o servizo no interior de edificios e será a banda que permita estender xeograficamente o servizo de forma eficiente.

Garantindo a compatibilidade da rede móbil de nova xeración e a TDT

Llega700 é a entidade xestora encargada de ofrecer os servizos que garantirán a compatibilidade entre a posta en marcha da emisión móbil 4 G e 5 G nas bandas de 800 e 700  MHz, respectivamente, e a recepción do servizo de TDT.

Para garantir esta compatibilidade, Llega700 presta aos cidadáns unha serie de servizos gratuítos que inclúe un procedemento correctivo tras o aceso das estacións, polo que Llega700 encargarase de atender aos usuarios afectados xestionando e resolvendo posibles afectacións sen custo algún.

Para xestionar estes servizos, púxose ao dispor dos cidadáns un teléfono de atención gratuíto (900 833 999) e unha páxina web: www.Llega700.es.

Budiño será o epicentro do ciclismo este domingo da man de AD Avanza

O Porriño volverá ser este domingo epicentro do ciclismo . Máis de 600 deportistas subiranse á bici para pedalear polos montes da parroquia de Budiño nas dúas probas organizadas pola AD Avanza: o V TROFEO MINI BTT CONCELLO DO PORRIÑO e o II XCO TROFEO CONCELLO DO PORRIÑO.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, o vicepresidente, Oscar Estévez, e os presidentes da AC A Forna e da Comunidade de Montes de Budiño, Olga Romero e Manuel Rodríguez respectivamente, presentaron onte a proba no que será o punto neurálxico do evento: o centro cultural A Forna de Budiño.  Xunto a eles, representantes da Federación Galega de Ciclismo e a base do club porriñés.  

O alcalde felicitou á organización non só por “impulsar este tipo de eventos que poñen en valor tanto a práctica deportiva como a nosa contorna” senón tamén “polo impagable labor que fan coa súa canteira, dando a oportunidade a moitos pequenos e pequenas de coñecer, practicar e medrar no ciclismo”.

Pola súa banda, o presidente da AD Avanza quixo agradecer publicamente á Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño “que colaboraron en todo momento con nós e permitíronnos facer o circuíto nos seus terreos”, á asociación de veciños de A Forna “que puxeron á nosa disposición as instalacións da casa cultural” e “aos veciños da zona por permitirnos o paso por algunhas fincas privadas e polo seu entusiasmo con nenos e nenas da escola”. Un agradecemento que fixo extensivo aos patrocinadores e colaboradores e “por suposto ao Concelllo toda a colaboración e axuda que nos brindan”.

V Mini BTT Trofeo Concello do Porriño

Arredor de 480 nenos e nenas, de entre 4 e  14 anos, participarán na quinta edición do torneo. A saída darase ás 9:30 h no Centro Cultural A Forna.

A proba consta de 6 categorías: benxamíns, promesas, principiantes, alevíns e infantís.

 II XCO Trofeo Concello do Porriño

A segunda edición do trofeo congregará arredor de 200 ciclistas.  A proba arrancará ás 17 h no Centro Cultural A Forna. A proba estará aberta para as categorías de Élite (masc-fem), Sub23 (masc-fem), Junior (masc-fem), Cadete (masc-fem) e Master30/40/50/60 (masc-fem).

O alcalde de Gondomar participa na clausura do 10° campus multideporte

0

O rexedor municipal participou esta mañá na clausura do campus multideporte solidario. Este campus que chegou este ano a sua décima edición contou coa participación de máis de 60 nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, que dende o lúns participaron no pavillón municipal en diferentes disciplinas deportivas.

Na clausura Paco Ferreira en nome do Concello fixo entrega dun agasallo a cada participante, que como non podía ser doutro xeito nestas datas, tratouse duns ovos de pascua de chocolate.

O alcalde sinalou que “este campus ten un triple obxectivo: fomentar a práctica deportiva entre as nenas e nenos de Gondomar, facilitar a conciliación familiar e laboral das nais e pais, e a recadación de alimentos en favor do Banco de Alimentos, obxectivos que se cumpriron sobradamente a tenor da alta participación”.

Asimesmo o rexedor aproveitou a visita para dar as grazas os clubes colaboradores, monitores,adestradores, e persoal do Concello, xa que “sen o seu gran traballo e colaboración non sería posible levar a cabo unha actividade tan gratificante”.

Máis de 200 nenos participan no X Torneo de Fútbol Infantil OROSALCUP

0

Semana Santa enche de deporte O Rosal. Máis de 200 nenos participarán esta semana na décima edición do Torneo de Fútbol Infantil OROSALCUP, un evento deportivo organizado polo UD. Ribera en colaboración con Concello e que xa está consolidado como competición de referencia do fútbol base infantil no Baixo Miño e a nivel galego. “Dende o Concello queremos poñer en valor todo o traballo realizado no deporte base, tanto no fútbol como noutras actividades, porque cando os nosos nenos e nenas e a nosa mocidade practican deporte aprenden a traballar en equipo, disciplina ou a respectar as regras e aos seus compañeiros e compañeiras”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Os xogadores e xogadoras, nados en 2008 e 2009, van desfrutar desta cita tan sinalada que se disputará en dous días. Por unha banda, o venres 15 de abril celebrarase a fase preliminar, na que os clubs da zona intentarán facerse un sitio na final. Nestes encontros participarán o UD Ribera B, o Sporting Guardés, o Goián CF e o AD Tomiño.

Por outro lado, o sábado 16 de abril o gañador da fase preliminar enfrontarase aos equipos da máxima categoría galega que visitarán O Rosal para disputar un apaixonante torneo. Esta xornada contará coa participación do UD Ribera do Rosal, o Portero 2000 de Pontevedra, o Vila do Corpus de Ponteareas, o Bertamiráns CF coruñés, o Cidade de Ribeira CF da Coruña, o Pabellón de Ourense CF e o UD Ourense.

A entrega de premios será a cargo das destacadas deportistas rosaleiras Lucía Ameal, Sara Álvarez, Noa Macías e Verónica Pérez.

A Deputación retoma a doazón de especies vexetais de Areeiro

A Deputación de Pontevedra ven de retomar a doazón de especies vexetais da Estación Fitopatolóxica de Areeiro para que concellos, centros educativos, entidades, institucións e particulares poidan seguir enriquecendo os xardíns abertos ao público na provincia. A institución puxo en marcha esta iniciativa o pasado ano co obxectivo de enriquecer a diversidade botánica e o patrimonio vexetal dos parques e xardíns, amais de mellorar o espazo público e preservar os valores ambientais. Amais, estas doazóns teñen tamén como finalidade servir de recurso educativo e turístico dos espazos onde se planten. Deste xeito, no 2021 foron preto de 800 as plantas cedidas, a maior parte a concellos, seguidos de asociacións, fundacións e centros escolares.

En concreto, as especies vexetais que poderán solicitarse son excedentes das cultivadas no viveiro da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, onde anualmente se reproducen con sementes e se propagan con esgallos especies vexetais para realizar diferentes estudos e conservar a diversidade vexetal da provincia. Este ano hai 91 especies para elixir, máis do dobre ofertado o ano pasado, entre as que figuran carballos, rododendros, tuias, feixoas, castiñeiros, carballos, araucarias, palmeiras, cipreses, sobreiras ou magnolios entre outras. Entre as plantas que se ofrecen hai 45 cultivares de camelias, en concreto diversas variedades de xapónicas, sasanqua, ou híbridos williamsii. 

As entidades, concellos e centros escolares que dispoñan de xardíns abertos ao público e estean interesadas nestas especies deben presentar unha única solicitude na que poderán pedir ata 35 exemplares de diferentes especies. Poderán facelo ata o próximo 9 de maio, e para formalizalas terán que facelo de xeito telemático a través da sede electrónica da institución provincial. No caso das persoas físicas, poderán tramitalo de xeito presencial.

Camelia williamsii Brigadoon
Camelia Narumigata

A doazón só estará condicionada á presentación dunha memoria que incluirá un bosquexo (plano sinxelo) e fotos do lugar onde se localizarán os exemplares. Así mesmo, o persoal de Areeiro determinará tamén se as especies solicitadas son adecuadas para a zona de cultivo e poderá suxerirlle á persoa ou institución interesada cambialas por outras consideradas máis idóneas.

Trala entrega das especies vexetais, que terá lugar entre os meses de outubro a decembro coincidindo co período máis favorable para a súa plantación, as persoas beneficiarias deberán identificar os exemplares cunha placa de identificación, na que deberá figurar o xénero botánico e a especie da que se trata, o nome común e o Código QR para acceder á información da planta de maneira telemática. O citado código deberá xerarse, para cada unha das especies recibidas, a través dun enlace a web da Deputación. As placas poderán levar ademais o logo do concello, organismo, colexio ou asociación e, no caso de se trate dunha camelia, a placa deberá levar tamén o logo da colección de camelias da Deputación de Pontevedra. Estas fichas técnicas que se entregarán coas plantas, que inclúen a identificación das especies e información xeral, reforzarán o carácter educativo e turístico destes xardíns e das áreas integradas nestas doazóns.

Doazóns do 2021

O pasado 2021 a través desta iniciativa a Deputación doou preto de 800 especies vexetais (779) entre unha trintena de concellos, asociacións e fundacións e centros escolares da provincia. En concreto, foron 15 os municipios beneficiados cun total de 466 plantas: Mos, Cerdedo-Cotobade, Meaño, A Guarda, Catoira, a entidade local de Vilasobroso, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moaña, Forcarei, Caldas de Reis, Gondomar, Vilaboa, O Grove e Vilagarcía de Arousa. No que atinxe aos centros escolares, beneficiáronse o IES e o CEIP Mestre Valverde de Mos e o IES Antonio Alonso Ríos de Tomiño de 83 plantas. E, por último, recibiron 230 plantas o Centro Social Cultural e Deportivo As Pedriñas (Mos), a Fundación Monte Castrove, a Fundación Pazo de Mos, a Comunidade de Montes de Tameiga (Mos), a Fundación CEO, Ciencia e Cultura, a Asociación Camiño Portugués, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Comunidade de Montes de Vincios e o Obradoiro de Caldas de Reis.

Unha vintena de voluntarios limparon a contorna do río Uma

Gran labor o realizado polo grupo rapaces e rapazas do voluntariado ambiental xuvenil, que retomaron as saídas cunha recollida de residuos no na contorna do Uma. Unha mañá de traballo na que percorreron as beiras do río retirando unha morea de residuos da máis variada tipoloxía, dende extintores e aceites e disolventes, ata colchóns, xeringas ou distintas partes de automóbiles, como defensas ou rodas.

O concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó, resalta a importancia da retirada de todo o lixo recollido durante xornada, “situado en zonas de escorrentía que provoca que os residuos rematen no río”. O edil quixo agradecer o traballo dos voluntarios e voluntarias, que demostraron unha vez máis que Ponteareas conta con mocidade comprometida coa localidade e co medio ambiente.

“Con estas accións buscamos contribuír a acabar co grave problema que supón o abandono de lixo nun espazo natural, pero tamén contribuímos a concienciar á mocidade sobre a importancia de conservar a nosa contorna natural”, concluíu.

A visita aos Monumentos e as procesións dos Pasos e do Santo Enterro actos centrais da Semana Santa en Tui

0

Relixiosidade, tradición e patrimonio van da man esta Semana Santa en Tui coa recuperación dos actos procesionais e da Visita aos Monumentos que marcan o programa destes días baixo a organización da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia, a Catedral e o Concello de Tui.

Na Capela da Misericordia volve realizarse este ano a recreación do Horto das Oliveiras, que se realiza dende 1818. Este é precisamente un dos monumentos que visitan no Xoves Santo, a partir das 19 h. Un percorrido polo patrimonio relixioso do conxunto histórico de Tui dende a Catedral, á igrexa das Clarisas, San Telmo, a capela da Residencia San Telmo, e as igrexas de San Domingos e San Bartolomeu, que conta con gran tradición entre a poboación tudense.

Cómpre salientar tamén como na Catedral, no lado norte da nave central do cruceiro, atopamos unha peza de mobiliario litúrxico único en España coma é o “Monumento de Santa Santa” realizado no século XVIII por Juan Luís Pereira.

O Venres Santo celebrarase o Sermón do Encontro, cunha recreación parateatral, con saída, ás 11 h, dos pasos dende a Capela da Misericordia até a praza de San Fernando, onde D. Ángel Carnicero, reitor do Seminario Maior San Xosé será o orador. A continuación terá lugar a procesión dos Pasos polas rúas do conxunto histórico, coa participación da agrupación de exvoluntarios de Protección Civil portando a imaxe do Santo Cristo da Agonía, coma levan facendo dende hai 29 anos.

Ás 20 h na igrexa de San Domingos terá lugar o Sermón do Desencravo con D. Samuel Montes, formador do Seminario Maior San Xosé coma orador. A continuación comezará a procesión do Santo Enterro irá dende esta igrexa polas rúas do conxunto histórico até a igrexa parroquial de San Francisco.

O Sábado Santo ás 8 h celebrarse a procesión de Nosa Señora da Soidade, só para mulleres, dende a igrexa de San Francisco á Catedral, con posterior sermón a cargo de D. Ángel Carnicero. A partir das 21.3 h celebrarse a Solemne Vixilia Pascual.

Os actos pecharanse o domingo 17, Domingo de Pascua de Resurrección coa Misa Pascualpresidida polo bispo da Diocese, ás 12 h na Catedral.

Programa Semana Santa – Tui 2022

Mércores 13 de abril, mércores Santo

  • 12:00 h. Misa Crismal na S. I. Catedral
  • Presidida polo Bispo da diocese e concelebrada polo presbiterio diocesano. Bendición dos óleos que se empregan na administración dos sacramentos nas parroquias durante o ano e renovación polos presbíteros das súas promesas sacerdotais.

Xoves 14 de abril, xoves Santo

  • 19:30 h. Misa Vespertina da cea do Señor na S. I. Catedral
  • 19:00 a 23:00 h. Visita aos Monumentos
  • Tradicional percorrido polos seguintes lugares: S. I. Catedral, Igrexas das Monxas Clarisas, Igrexa de San Telmo, Capela da Residencia San Telmo, Igrexa de San Domingos e igrexa de San Bartolomeu. Na Capela da Misericordia visítase a representación do Horto das Oliveiras.
  • 23:00 h. Hora Santa na S. I. Catedral

Venres 15 de abril, venres Santo

  • 11:00 h. Sermón do Encontro e procesión dos pasos
    • Saída dos pasos dende a Capela da Misericordia até a Praza de San Fernando onde terá lugar o Sermón do Encontro.
    • Orador: D. Angel Carnicero Carrera, Reitor do Seminario Maior “San Xosé”.
    • A continuación procesión polas rúas da cidade.
    • Organiza: Irmandade do Docísimo Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia. Colabora: Asociación de antigos voluntarios de Protección Civil de Tui.
  • 18.00 h. Celebración da Paixón do Señor na S. I. Catedral
  • 20:00 h. Sermón do Desencravo e procesión do Santo Enterro
    • Na igrexa de San Domingos Sermón do Desencravo.
    • Orador: D. Samuel Montes Costas, Formador do Seminario Maior “San Xosé”. A continuación Procesión do Santo Enterro  polas rúas da cidade ata a igrexa parroquial de San Francisco.

Sábado 16 de abril, sábado Santo

  • 08:00 h. Procesión de Nosa Señora da Soidade
    • Saída dende a Igrexa de San Francisco ata a S. I. Catedral.
    • A continuación sermón a cargo de D. Ángel Carnicero Carrera, Reitor do Seminario Maior “San Xosé”.
  • 21:30 h. Solemne Vixilia Pascual na igrexa parroquial de San Francisco

Domingo 17 de abril, domingo de Pascua de Resurrección

  • 12:00 h. Misa Pascual na S. I. Catedral
  • Presidida polo Bispo da diocese.

O consello veciñal de Salceda avanza coa constitución da mesa sectorial de Educación, Mocidade, Infancia e Saúde e o consello do Deporte

O pasado xoves 7 de abril celebrouse a primeira mesa sectorial de Educación, Mocidade, Infancia e Saúde e o primeiro consello do Deporte aos que acudiron as asociacións, colectivos e clubs dos respectivos eidos. Estas reunións estiveron presididas e moderadas por Verónica Tourón Alcaldesa e Concelleira de Participación Veciñal, acompañada de concelleiros e concelleiras do equipo de goberno.

Os acordos adoitados por unanimidade na mesa sectorial de Educación, Mocidade, Infancia e Saúde foron a reclamación á Consellería de Sanidade para a dotación dunha praza de pediatría máis para o Centro de Saúde de Salceda e a solicitude dunha reunión na Consellería de Educación para reclamar un novo colexio de educación primaria. Igualmente acordouse que a través da Alcaldesa, como representante do concello no GDR Condado Paradanta, se solicite o apoio para reclamar de xeito conxunto a posta en marcha do Plan de Mobilidade e Transporte alternativo que se elaborou dende este organismo comarcal como alternativa ao Plan de Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia, xa que recolle mellor as necesidades territoriais de transporte da veciñanza dos concellos membros.

Por outra banda os acordos adoitados na mesa do Deporte incidiron na necesidade xeral de traballar conxuntamente as entidades deportivas e o concello para acadar o maior aproveitamento das instalacións deportivas existentes e abrir vías de colaboración coas diferentes administracións públicas para reclamar melloras e inversións nas dotacións deportivas municipais.

A Xunta envía unha primeira doazón de medicamentos a Ucraína

Dada a situación de emerxencia e necesidade de medicamentos pola guerra en Ucraína, están a solicitarse doazóns de medicamentos aos países europeos para os campos de refuxiados (República Checa, Polonia, Moldavia…). A Xunta de Galicia vén de enviar unha primeira doazón de medicamentos aos campos de refuxiados da guerra de Ucraína, en Polonia, por valor de 40.000 euros, e prepara outro envío para despois de Semana Santa.

O procedemento consiste en que o país solicitante (Ucraína, Moldavia…) envía aos estados da Unión Europea a información de cales son as súas necesidades de medicamentos ou produtos sanitarios a través de CECIS (sistema Común de Comunicación e Información de Emerxencia Europeo); esta trasládase a través da Axencia Española do Medicamento ás comunidades autónomas, as cales poden facer unha proposta de doazón, que finalmente debe ser aceptada polo país destinatario da doazón.

Neste contexto, desde a Comunidade Autónoma de Galicia, por medio da Subdirección xeral de Farmacia do Servizo Galego de Saúde, realizouse unha proposta de doazón de medicamentos por valor de 60.000 euros (antibióticos, antifúnxicos, diuréticos,  inhibidores da bomba de protóns, etc, todos eles de administración intravenosa), que foi aceptada por Polonia.

No prazo dunha semana, e tras xestionarse unha compra centralizada desde o servizo de farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, estes medicamentos chegarán ao seu destino, un primeiro envío a semana do día 11 e un segundo, despois de Semana Santa, dado que polo seu gran volume, non se puido enviar todo xunto.

Esta situación de necesidade de axuda é previsible que se manteña no tempo, polo que se poderán seguir planificando doazóns desde Galicia, mentres dure a situación de crise en Ucraína.

O Concello de Nigrán inicia con oito alumnos o curso de socorrismo

0

O Concello de Nigrán avanza para garantir a seguridade nas praias este verán ao iniciar este semana con 8 alumnos o seu segundo curso gratuíto para obter o certificado oficial de socorrismo, requirimento imprescindible para poder traballar nos areais. Foi precisamente con este obxectivo de atallar coa dificultade de cada ano de obter titulados co que o Concello investíu preto de 14.000 euros nesta formación dirixida inicialmente a 10 persoas empadroadas (8 foron as que superaron as probas de acceso). Impartido novamente por BIG Formación e cunha duración total de 420 horas, a formación práctica desenvolverase na Piscina Mancomunada da Ramallosa e os que superen o curso rematarán xusto a tempo de optar a un posto como socorrista este verán nos areais do Val Miñor.

“Anualmente se repite o problema de falta de socorristas en toda Galicia coa titulación requirida, polo que é importante ofrecer este curso á veciñanza”, engade. Así, o compromiso do goberno de Nigrán coa seguridade e calidade asistencial nos areais e máximo, e ante o insuficiente número de profesionais o Concello xa formou a unha decena de veciños o ano pasado co obxectivo de atallar este problema na súa comarca definitivamente.

“Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico alto tendo en conta que o traballo é moi estacional, motivo polo que hai escasos socorristas coa titulación válida para exercer o seu traballo nas praias, unha circunstancia que desde o Concello queremos palir ofrecendo esta formación de xeito gratuíto entre os nosos veciños”, explica González.

Neste curso oficial, o alumnado adquirirá os coñecementos necesarios para velar pola seguridade dos usuarios de zonas de baño público en espazos acuáticos naturais, de forma autónoma ou integrado nun equipo de rescate e socorrismo, velando pola seguridade, previndo que se produzan situacións potencialmente perigosas realizando unha vixilancia permanente e eficiente e intervindo de forma eficaz ante un accidente ou situación de emerxencia.

O Porriño celebra “do libro ás letras”

O club de lectura da Biblioteca Municipal do Porriño celebra este ano o Día do Libro e o Día das Letras Galegas dun xeito moi especial: con varias actividades en aberto que enlazarán as dúas festividades, a do 23 de abril e a do 17 de maio, nun programa que leva como título “Do Libro ás Letras”. Calquera persoa interesada está convidada a unirse ao club de lectura os días 18 de abril e 2 e 16 de maio na Biblioteca, en horario de 18 a 19:30 horas, nuns encontros especiais que porán en valor tanto os libros como a riqueza do mundo das letras.

Nelas, as persoas asistentes poderán participar e compartir o amor polos libros a través de lecturas conxuntas, recomendacións e retos literarios, así como coloquios arredor de anécdotas e inquedanzas relacionadas co mundo das letras, e achegaranse tamén á figura e obra do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán.

Programa especial despois de dous anos de celebracións a distancia

O club de lectura do Porriño volveu á súa actividade presencial o pasado mes de outubro, despois de case dous anos de pandemia, en que se vira obrigado a adaptarse ás circunstancias sanitarias e apostar por dinámicas de lectura e comentario a distancia para conseguir manter viva a súa actividade.  En 2022, logo de dous anos en que tivera que celebrar estas dúas festividades na distancia, o club de lectura, que conta con vinte participantes, quere resarcirse con este programa especial presencial, organizado pola Biblioteca Municipal e a coordinadora do club, Ana Abad de Larriva, en colaboración coas participantes.

O ano pasado conmemoraron o Día do Libro compartindo unha fotografía mosaico onde saían todas a ler un libro, cada unha nun lugar diferente, pero conectadas pola lectura. Este ano, por fin, poden celebralo tamén cunha imaxe de todas xuntas na biblioteca, acompañadas polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez.

E, se en 2020 e 2021 celebraran o Día das Letras Galegas cun podcast a partir da lectura conxunta e o comentario de poemas das dúas persoas homenaxeadas, Ricardo Carvalho Calero e Xela Arias, respectivamente;  en 2022 poden por fin facer as lecturas e comentarios en formato presencial. 

Ademais, as ferramentas desenvolvidas durante eses dous anos a distancia seguen a empregarse agora para complementar a actividade presencial do club. A información destas actividades especiais pode consultarse no blog https://clublecturaporrino.wordpress.com/, un espazo virtual no que están accesibles as guías de lectura e comentario dos libros, así como podcasts, recomendacións de lectura e outros recursos de interese compartidos pola coordinadora e as participantes do club.

Tomiño vén de publicar as bases do “Circuíto Cultural 2022”

0

O Concello de Tomiño vén de publicar as bases do “Circuíto Cultural” 2021 co obxectivo de promocionar un ano máis as agrupacións musicais tradicionais do municipio.

Poderán solicitar a inclusión no Circuíto Cultural as seguintes agrupacións: bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandereiteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns. As Comisións de Festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións que aceptaron participar no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data da actuación, sendo exclusivamente un acordo entre as dúas partes.

As contías máximas dos distintos tipos de agrupación con sede social en Tomiño son as seguintes:

  • Banda de Música 400,00 €
  • Corais 200,00 €
  • Bandas de gaitas (con máis de 30 compoñentes) 300,00 €
  • Grupos de Gaitas 200,00 €
  • Treboadas 200,00 €
  • Pandereteiras 150,00 €
  • Murgas ou Charangas 150,00 €
  • Grupos de Acordeóns 150,00 €

O crédito orzamentario total comprende o gasto por importe de 14.000€.

As solicitudes presentaranse a través Sede Electrónica do Concello de Tomiño ata o 2 de decembro 2022, (será obrigatorio a presentación a través da sede electrónica para as asociacións. O modelo de solicitude está ubicado na seguinte URL: https://tomino.sedelectronica.gal/dossier.1),  e dende o día seguinte á publicación da convocatoria das presentes bases na páxina web http://www.tomino.gal e no Portal de Transparecia do Concello de Tomiño, na seguinte URL: 

https://tomino.sedelectronica.gal/transparency/9328420c-cb70-4a0c-939e-93f945339125/ , conforme ao Modelo (Anexo I) que acompaña a estas Bases.

O prazo de presentación das solicitudes será cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. Toda aquela solicitude que sexa presentada fóra de prazo poderá ser desestimada.

A alcaldesa de Ponteareas, nova presidenta do grupo de Sustentabilidade Urbana do Eixo Atlántico

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, vén de converterse na nova presidenta do grupo de Sustentabilidade Urbana do Eixo Atlántico, entidade transfronteiriza que reúne a preto de 40 municipios para promover a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal e á que a vila adheriuse recentemente.

Este é un dos catro grandes grupos temáticos nas que divide a súa actividade o Eixo Atlántico, a través dos que se traballa en proxectos de futuro vinculados ao turismo, cultura e educación, deporte e sustentabilidade.

O grupo que preside xa a rexedora ponteareá ten como obxectivo desenvolver con todos os concellos integrantes medidas para reforzar as políticas de sustentabilidade urbana centrándose en diferentes aspectos, como pode ser un novo Plan de Mobilidade Urbana Sustentable do Eixo Atlántico, presentado hai uns meses en Póvoa de Varzim.

“É un orgullo presidir unha área que para o noso concello é tan importante e coa que buscamos ter municipios cada día máis sustentábeis a todos os niveis, desenvolvendo modelos urbanísticos que non degraden a nosa contorna e que primen a calidade de vida da veciñanza”, salienta a rexedora. Deste xeito, Ponteareas dá un paso máis para converterse “en referente de vila cun modelo de crecemento organizado e planificado, baseado no desenvolvemento sostíbel que ten como pedra angular a estratexia ‘Ponteareas hábitat saudábel’, que conta co apoio dos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea”.

O alcalde de Gondomar e a deputada autonómica solicitan a mellora de viais de titularidade autonómica

0

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, visitou, xunto á deputada socialista do parlamento de Galicia, Leticia Gallego, varios viais de titularidade autónomica nos que a Xunta leva anos sen facer ningún investimento nen mantemento.

Así o rexedor municipal e membros do goberno local, xunto a Leticia Gallego, desplazáronse á PO-331, na parroquia de Vincios, onde os veciños levan anos reclamado a mellora das beirarruas, que se atopan nun estado de total abandono, así como a mellora da seguridade viaria nun punto de alto tránsito. O alcalde suliñou a necesidade da instalación neste tramo de varios pasos recrecidos así como una rede semafórica que permita a mellora da seguridade peoníl.

O alcalde indicou que “os vías de titularidade autonómica tanto a PO-331 entre Porriño e Gondomar,  como a PO-340 entre Gondomar e Tui se atopan nun estado de total abandono por parte da Xunta. En moitos tramos destes viais, as beirarruas atópanse intransitables e en outros tramos son directamente inexistentes”

Pola sua banda Leticia Gallego indicou que levará estas demandas tanto do Concello como dos propios veciños ao parlamento de Galicia a través de diferentes iniciativas parlamentarias que “solicitan á Xunta de Galicia a asumir a sua responsabilidade nuns viais que son únicamente da sua competencia, e atender as demandas do Concello de Gondomar e do seu alcalde”.

O Concello desenvolve actividades medioambientais para nenos e nenas durante a Semana Santa en Redondela e o Meirande

0

O Concello de Redondela desenvolve, durante toda esta semana, actividades medioambientais dirixidas a nenos e nenas do municipio. A través da construción de caixas-niños para paxaros, a iniciativa busca o dobre obxectivo de, por unha banda, concienciar aos nenos a partir dos 7 anos sobre a importancia que as aves teñen para o equilibrio medioambiental e, por outra, permitir a conciliación laboral das familias durante as vacacións de Semana Santa.

Nas actividades, que se desenvolven no Meirande de Rande e no Multiúsos da Xunqueira, participan máis de 60 rapaces e rapazas que, posteriormente, instalarán as caixas-niños construídas na contorna da Alameda Castelao de Redondela, Museo Meirande de Rande e Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela.

Con estas iniciativa en marcha, non entende á alcaldesa Digna Rivas, as críticas do PP local sobre a non realización de Campamentos de Semana Santa e sobre a falta de actividades que permitan a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños.

“Unha vez máis, e xa non é novidade, o PP recorre a terxiversación da realidade coa clara intención de desgastar ao Goberno”, afirma Digna Rivas quen asegura que “fronte a iso, o Goberno socialista ofrece feitos concretos e datos irrefutables sobre a potenciación das actividades de conciliación”.

Lémbralle a alcaldesa aos populares redondeláns “que fronte ao mes de campamento de conciliación que ofrecían os Gobernos conservadores, o Goberno socialista realiza campamentos gratuítos durante os meses de xullo e agosto, incrementando polo tanto o orzamento destinado á conciliación, algo que eles non foron quen de facer”.

De feito o Concello de Redondela oferta, durante o verán, campamentos de conciliación, totalmente gratuítos, durante os meses xullo e agosto e cun sistema de inscrición quincenal que permite a participación de maior número de nenos e nenas. De igual xeito, no Nadal o Goberno socialista optou pola ampliación dos campamentos de conciliación “que cobren a totalidade das vacacións escolares, e non só unha parte das mesmas como viña sendo habitual cos anteriores gobernos do PP”.

En todo caso a Digna Rivas non lle sorprende a actitude dun PP de Redondela “instalado dende hai tempo na terxiversación e a falsidade, aplicando continuamente a política de ‘todo vale’ á hora de desgastar a este Goberno”.

O Concello inicia a reforma integral do acceso principal ás Neves

0

O Concello das Neves vén de iniciar as obras de mellora e acondionamento das rotonda do Conde, a principal entrada á vila. Os traballos forman parte po Plan de Mellora da Mobilidade emprendida polo Goberno municipal e que, ata hoxe, abranguen os cambios xa rematados na senda do Ravelo, a Praza do Cruceiro, a Praza de San Agustín, a rúa Rosalía de Castro, a inminente renovación da rúa Eira da Liñaza e os traballos na estrada EP-4006, na zona do IES Pazo da Merce son algúns exemplos.

Dar prioridade á seguridade

As obras están encamiñadas a modernizar a funcionalidade da vía e, principalmente, a incrementar a seguridade tanto para o tráfico rodado como peonil.

A solución proxectada busca darlle prioridade aos peóns, incrementando o espazo ocupado polas beirarrúas, e extremar a seguridade viaria mediante unha reordenación dos accesos á rotonda e ó apartadoiro do autobús.

Previamente ó inicio das obras é preciso proceder á demolición dos pavimentos existentes, o fresado da calzada a conservar, así coma á retirada de sinais e luminarias, demolición da marquesiña existente adaptación de pozos de rexistro e arquetas á cota da nova rasante.

A rotonda proxectada contará cun diámetro interior de 6 metros, dous carrís de 4 metros cada un e unha beiravía exterior máis ancha.

Nos vaos peonís disporase un pavimento táctil indicador direccional e de botóns mediante lousa hidráulica e para o acondicionamento das zonas verdes, rotonda e illotes disporase unha capa de terra vexetal e a plantación de céspede.

Recollida de pluviais e alumeado

O proxecto tamén contempla a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e alumeado público. No primeiro caso procederase á reposición dos sumidoiros e á posta á cota da nova rasante das arquetas existentes.

No referente ó alumeado público renovaranse os puntos de luz existentes e dispoñeranse dúas novas luminarias na contorna da nova marquesiña.

Empregaranse luminarias LED nas beirarrúas e 4 proxectores LED na rotonda. Ademais, empregarase un alumeado ornamental no interior da rotonda composto por 3 luminarias orientables empotradas no terreo. Por último, ao longo das beirarrúas distribuiranse 9 árbores co correspondente alcorque e 4 bancos de pedra granítica.

A Deputación pon en marcha o maior operativo de seguridade viaria

A Rede Provincial de Estradas, que está a experimentar unha profunda transformación dende o ano 2016 cun modelo de mobilidade segura e integral, vive neste 2022 un “ano histórico” no que se van realizar un total de 36 grandes obras de seguridade viaria cun investimento total de 14.075.896 euros. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, fixo balance dunha planificación “seria, con rigor” e traballo man a man cos concellos para redactar decenas de proxectos: “Nunca antes a Deputación fixo tantas obras simultaneamente, nin dedicou tantos recursos; estamos a falar dun esforzo sen precedentes”, recalcou.

Das 36 grandes actuacións en marcha, 20 están xa en execución e o resto están adxudicadas ou coa licitación iniciada, polo que o comezo é inminente. Agís destacou que este despregue sería imposible sen a sinerxía cos concellos da provincia nun proceso de diálogo continuo que se traduce na sinatura de convenios de colaboración e permite ir madurando as seguintes actuacións. A día de hoxe hai outros 41 proxectos, valorados noutros 34 millóns, xa redactados e pendentes de que os concellos acrediten a titularidade dos terreos e completen as súas obrigas. “Polo tanto”, explicou Agís, “sumando os convenios asinados e os proxectos ‘vivos’, dispoñemos de 77 actuacións de seguridade viaria sobre a mesa, é dicir, 77 propostas de colaboración para traballar man a man na seguridade viaria nos centros urbanos, pobos e núcleos rurais nos concellos da provincia”. “Un paso importantísimo –afirmou- na transformación da rede provincial que reforza o papel pioneiro desta Deputación na transformación das vías de comunicación”.

“O ritmo da Deputación á hora de traballar pola mobilidade integral obriga tamén aos concellos a acompasarse. Se antes había moitos concellos que protestaban porque non se executaban obras nas estradas provinciais do seu territorio, agora os concellos reciben chamadas continuas dende a Deputación para preguntarlles como van nos seus trámites para materializar os convenios -subliñou o deputado de Infraestruturas. É dicir, antes eran os concellos os que agardaban pola Deputación e agora é a Deputación a que agarda polos concellos”. Así, hai convenios previstos con Arbo, Sanxenxo, Gondomar, Redondela, Moaña, Barro, Cangas, Meaño, Meis, Cuntis, Meis, Vilanova de Arousa, Salvaterra de Miño, O Rosal, Tomiño, Vila de Cruces, Ribadumia, Silleda, Illa de Arousa, Dozón, Valga, Tomiño, As Neves, Tui, O Porriño, Marín, Rodeiro, Vilaboa, Fornelos de Montes, Portas, Lalín, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Forcarei, Catoira, Pazos de Borbén, Mos, A Estrada, Moraña, Oia, Mondariz, Bueu, A Cañiza, Caldas de Reis, O Grove e Nigrán.

Condicións idénticas para os concellos, “goberne quen goberne”

Gregorio Agís significou que a Deputación achega o 80%, o 70% ou 0 60% en función de se os convenios prevén a execución de sendas peonís, a urbanización ou a reurbanización das vías. Tódolos convenios son “idénticos e con plena igualdade de condicións”, garantindo a transparencia e o impulso á seguridade viaria “goberne con goberne”. “Hai proxectos en case tódolos concellos da provincia –subliñou-. A seguridade viaria afecta a todo o mundo e de nada vale investir nas estradas dun concello concreto e desatender as do concello do lado, como fai a Xunta. Ninguén con rigor pode dicir que prime un signo político con respecto a outro, senón que priman criterios técnicos”. Unha política de Infraestruturas que, resaltou, foi obxecto de varios recoñecementos en congresos internacionais e responde á planificación e ao establecido no Decálogo de Criterios de Actuación nas Estrada Provinciais e sucesivas instrucións, así como ao Plan Estratéxico 2030 de Vías Provinciais que se presentará nas vindeiras semanas.

O deputado destacou que os 36 convenios e os 41 que están en carteira súmanse aos 60 executados dende entre 2016 e 2022 e que supuxeron xa cambios substanciais nas estradas provinciais de Sanxenxo, Pontevedra, Tomiño, A Guarda, Salceda, Mos, Tui, O Grove, Poio, Baiona, Marín, Arbo, As Neves, Silleda, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Ponteareas, Covelo, Cuntis, Redondela, Ponte Caldelas, Meis, Soutomaior, A Cañiza, O Rosal e Ribadumia. Ademais fixo repaso das actuacións do Plan Móvese coa execución de case 1.500 elementos de “calmado de tráfico” e lembrou, a maiores, os traballos ordinarios de pavimentación, incidencias, sinalización e mantemento de firmes e cunetas.

Gregorio Agís  subliñou que “en pouco máis de 6 anos non hai quen recoñeza ás estradas desta provincia”. E a pesar diso”, engadiu, “observamos con sorpresa un crecente ruído por parte do Partido Popular, que intenta distraer a atención e desvirtuar o debate poñendo o foco sobre reclamacións illadas, que responden a iso que o PP entende como intereses do seu partido”. Neste senso, afirmou que o PP “é incapaz de reivindicar o seu paso na institución, onde deixou a rede provincial nun estado deplorable, e o avance nos dous últimos mandatos, onde a Deputación pasou dos tempos da obra de asfaltado puro e duro a un modelo de mobilidade integral e inclusiva, e pasou da imposición ao diálogo. A realidade é hoxe que os concellos onde goberna o PP teñen as mesmas oportunidades de desenvolver proxectos que os demais”.

O deputado comparou este modelo de traballo “serio e planificado” cos concellos, baseado na seguridade viaria, co “clientelismo” da Xunta á hora de modernizar a rede autonómica de estradas. Así recordou que a Xunta, segundo os datos publicados no Portal de Transparencia, tan só ten tres convenios de seguridade viaria en vigor con concellos da provincia “e resulta que os tres (Sanxenxo, Valga e Salvaterra) están gobernados polo PP”. Ademais referiu que o volume de obra mobilizado polo Goberno galego nestes convenios é só de 2.631.085€. “E isto a pesar de que a Deputación ten 377 estradas e 1.700 Km, mentres que a rede convencional da Xunta na provincia é de 152 estradas e 1.155 Km; é unha diferencia moi significativa”.

A Xunta estudará desenvolver unha aldea modelo no Porriño a solicitude deste concello

A Consellería do Medio Rural estudará a posibilidade de desenvolver un proxecto de aldea modelo dentro do termo municipal do Porriño. Así o acordaron o titular deste departamento da Xunta, José González, e o alcalde da localidade pontevedresa, Alejandro Lorenzo, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou, por videoconferencia, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

Así, os servizos técnicos de Medio Rural avaliarán a idoneidade de diversas localizacións para a posta en marcha da iniciativa, que se enmarca na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xunto a outras como os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos estes instrumentos, tal e como lle trasladou o conselleiro ao rexedor municipal, teñen como principal obxectivo poñer en valor terras en desuso para poñelas a producir e xerar riqueza e emprego no rural, ao tempo que se fai unha prevención activa diante dos incendios forestais.

No caso concreto das aldeas modelo, o obxectivo é fomentar o aproveitamento agroforestal do perímetro do núcleo de poboación, co fin de xerar actividade nesa franxa e dese xeito contribuír á dinamización das terras e, simultaneamente, á anticipación aos incendios forestais.

Na reunión tamén se afondou na cooperación entre a Consellería e o Concello en materia de prevención de lumes, en particular no que atinxe aos labores de roza mecanizada para o control da biomasa. Ademais, a xuntanza serviulles aos responsables da Consellería do Medio Rural para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio pontevedrés relacionadas co agro.

Esta Semana Santa, ‘Ponlles nome’

0

O Rosal viaxa ao pasado esta Semana Santa. O Centro Cultural das Eiras acolle os días 15, 16 e 17 de abril a exposición de fotografías antigas ‘Ponlles nome’, unha mostra organizada pola asociación Ghorghalado Cultura e Patrimonio en colaboración co Concello do Rosal que permitirá aos veciños e veciñas coñecer como era o municipio hai décadas.

“Son instantes para o recordo doutras épocas do Rosal que a xente poderá visitar durante tres días e desfrutar identificando lugares e persoas, facendo un percorrido visual único pola nosa historia”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Unha mostra retrospectiva do Rosal que brindará a oportunidade a todas e todos os visitantes de coñecer un pouco máis o concello e de xogar a recoñecer a todas as persoas que aparecen nas imaxes e a poñerlle nome e apelidos. A exposición estará aberta ao público de 10.00 a 14.00 horas con entrada libre.  

A Biblioteca Municipal conmemora o Día do Libro cun espectáculo teatral para público infantil

A Biblioteca Municipal de Ponteareas súmase á conmemoración do Día Internacional do Libro cunha actividade pensada especialmente a público infantil. O vindeiro 21 de abril, ás 18.00 horas, chegará ás instalacións ‘Conversas con Tana’, un espectáculo teatral de Alejandro Gustavo Guanella dirixido a nenas e nenos de 5 a 12 anos encadrado nas actividades do programa ‘Ler conta moito’.

Será un espectáculo baseado na ventriloquía onde un granxeiro e a súa cadeliña, Tana, manteñen unha fluída e divertida conversa na que van aflorando temáticas como Don Quixote, o fomento do hábito da lectura, o coidado e respecto polo medio ambiente, a alimentación, a igualdade de xénero, a música, o cepillado dos dentes e outras cuestións de cans e humanos e humanas tratadas dende o humor. Con música interpretada a dúo, a obra consta dun apartado de contos propios e con outro no que a propia Tana recita a poetas como Rafael Alberti, María Victoria Moreno ou Pablo Nerura.

Con estas actividades “buscamos promover entre o público máis novo non só o amor pola lectura, senón tamén a comprensión oral en galego ou o desenvolvemento da creatividade, facendo ver aos nenos e nenas a biblioteca como un espazo de lecer, aberto e participativo”, explica o concelleiro de Cultural, Fernando Groba.

As persoas interesadas poderán inscribir aos nenos e nenas a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986 660 765.

Baiona retoma as visitas guiadas gratuítas de Semana Santa

0

O Concello de Baiona aposta por diferentes iniciativas coas que dar a coñecer a riqueza patrimonial e cultural do municipio con diferentes programas de visitas gratuítas coas que reactivar o sector turístico tras a Covid-19.

Deste xeito, a Concellería de Turismo volva retomar a oferta de visitas guiadas durante a Semana Santa que tan boa acollida ten na Vila. A cidadanía de Baiona e as persoas visitantes poderán gozar do amplo patrimonio cultural do municipio acompañados por unha guía oficial durante o xoves santo14 de abril, sábado 16 e domingo 17 ás 11:30 horas. O punto de encontro para a saída será o exterior da oficina de turismo de Baiona (entrada ao Parador).

As visitas son gratuítas e é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo de Baiona no correo electrónico: [email protected], ou por teléfono no 986 68 70 67.

Durante 90 minutos, unha guía oficial de Galicia, acompañará aos participantes durante un interesante percorrido por diferentes lugares emblemáticos da localidade entre os que se atopan o monumento Atopo Entre Dous Mundos, o Paseo Ribeira, cun percorrido polo Centro histórico finalizando no paseo marítimo.

As visitas levarán a cabo seguindo as medidas de prevención necesarias e cumprindo coa normativa vixente. Serán guiadas por unha Guía Oficial habilitada pola Xunta de Galicia, como vén sendo habitual, e formada en materia de prevención de riscos laborais ante a COVID- 19.

Tui reforza a súa aposta pola mobilidade peonil e ciclista da man da Deputación

0

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra está a implantar en Tui un modelo de mobilidade amable e sostible con obras como o acondicionamento da ruta peonil e da vía ciclable na rúa Loureiro ou a mellora no acceso á praia de Areeiros, que tiveron un orzamento total de 345.788 euros. Ata estes puntos trasladáronse a deputada e o deputado provinciais, Raquel Giráldez e Santos Héctor, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nunha visita na que comprobaron o estado destes espazos públicos tralas obras.

A visita recalou en primeiro lugar na ruta peonil e na vía ciclista que existe na marxe dereita da rúa Loureiro, entre a ponte romana a rotonda que conecta coa PO-404 e que une o barrio da Pinza co centro de Tui. Esta zona foi acondicionada cunha partida de 154.352 euros do Plan Concellos, que serviu para reparar o pavimento, delimitar as vías cunha liña de elementos cerámicos continuos e sen arestas inseridos no pavimento e, deste xeito, eliminar a barreira que supuñan os antigos bordos.

O reforzo da “humanización” da rúa Loureiro tamén incluíu elementos como pérgolas ou un manto vexetal, que agora configuran novas zonas de recollemento para facilitar o descanso das persoas usuarias. Do mesmo xeito, para “calmalo tráfico” instaláronse redutores de velocidade na calzada e unha iluminación intelixente nos pasos de peóns que, ademais, foron elevados. Ademais, para garantir a permeabilidade peonil cara a praia de Areeiros, executouse un novo paso de peóns.

O acceso ao areal tudense dende a rúa Loureiro foi outro dos puntos visitados posto que a súa mellora e acondicionamento foron financiados con 191.436 euros do Plan Concellos. Este viario, situado na Veiga do Louro, conta con dous tramos diferenciados. No primeiro deles, entre a rúa Loureiro e o cruce coa senda peonil Tui-Caldelas, renovouse o pavimento e instaláronse zonas con aliviadoiros para os vehículos.

O segundo tramo do acceso a Areeiros, que chega ata a praia fluvial, converteuse nunha zona controlada ao tráfico rodado na que se deu continuidade á senda peonil, xerando un ambiente máis natural. Ademais, instalaranse puntos de luz en todo o percorrido así como unha nova rede subterránea de baixa tensión e de alumeado público.

O Porriño impulsa a reciclaxe de envases de vidrio entre a hostalería

O Concello do Porriño, coa colaboración de Ecovidrio, pon en marcha este mes de abril unha campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro no sector hostaleiro da localidade.

A iniciativa, nunha primeira fase, comezará o vindeiro martes, 19 de abril,  coa realización de enquisas e entrevistas a todos os establecementos de hostalería da vila para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes. Ademais, ofrécese información detallada aos locais de como reciclar correctamente e das vantaxes sociais, económicas e medioambientais que ten a reciclaxe de envases de vidro.

Nunha segunda fase, e para facilitar a reciclaxe de vidro na canle Horeca (Hostelería, Restauración e Catering), actuarase sobre os contedores existentes e instalaranse iglúes especiais dotados cunha boca máis ancha para un baleirado máis rápido e algúns deles incluirán un sistema de elevación hidráulica que permite a reciclaxe de grandes cantidades de vidro como as xeradas polos hostaleiros. Tamén se entregarán cubos adaptados con rodas para facilitar o transporte dos residuos de vidro aos contedores.

Para levar adiante esta iniciativa, poñerase en marcha un traballo de campo con visitas persoais aos hostaleiros para reforzar o coñecemento da lexislación en vigor para o sector dos grandes xeradores en materia de reciclaxe de envases de vidro. Da mesma maneira, preténdese lograr un incremento maior da taxa de reciclaxe de vidro no concello que actualmente se sitúa nos 15 kg/hab/ano, unha cifra lixeiramente por debaixo da media provincial e galega.

O sector da hostalería e a restauración consume preto do 52% dos envases de vidro dun solo uso que se producen en España.

“O vidro que se deposita nos contedores recíclase ao 100% e utilízase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais”, explicou a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, “Reciclando vidro evitamos o crecemento dos vertedoiros”.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, apuntou que “reciclar vidro é un elemento clave na loita contra o cambio climático. Ao usar calcín -vidro reciclado- na fabricación de novos envases, evítase a extracción de materias primas da natureza, evitando a erosión dos chans e a deforestación. Ademais de minimizarse a emisión de CO2 e aforrar enerxía”.  

A alcaldesa de Redondela retoma os encontros coa veciñanza nas parroquias que tiveron que ser suspendidos pola pandemia

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de anunciar a súa intención de retomar as reunións periódicas coa veciñanza das parroquias para dar a coñecer os proxectos que, para cada unha, ten o Goberno que preside e “escoitar as opinións, suxestións e problemas que veciñas e veciños lle poidan trasladar”.

“Somos a administración máis próxima á cidadanía e como tal temos que actuar” afirmou Digna Rivas para quen escoitar o que pensa a veciñanza sobre o traballo do Goberno, darlles a coñecer os proxectos que se ten para a contorna onde desenvolven o seu día a día e escoitar as súas suxestións e queixas “é fundamental para a labor de Goberno se realmente se quere gobernar para todos e todas sen ningún tipo de distinción”.

A primeira cita para estas xuntanzas será o vindeiro 19 de abril ás 19:30 h no Centro Cultural de Cesantes á que seguirá a que se celebre o 6 de maio, tamén ás 19:30 horas no Centro Cultural de Vilar. Amais da cidadanía en xeral, o Goberno local fará unha invitación as asociacións veciñais de cada unha das parroquias para que estean presentes nas reunións como representantes das veciñas e veciños.

Tralas primeiras reunións celebradas, a pandemia da Covid-19 freou en seco o calendario previsto e, posteriormente a restrición acordada polas autoridades sanitarias en canto ao número máximo de persoas que podían reunirse, tampouco fixo posible retomar esta actividade “que polo seu carácter de canle de comunicación directa entre a cidadanía e o Goberno local, non poden ter ningún tipo de restrición que impida que calquera veciña ou veciño poida asistir”, aclara Digna Rivas.

Coa chegada dunha nova normalidade a alcaldesa confía en que estas xuntanzas “sexan o que tiñamos planeado, unha ferramenta útil e áxil que nos permita coñecer, de primeira man, ás inquedanzas e peticións das veciñas e veciños que son, evidentemente, quen mellor coñecen a súa parroquia”.

O Concello de Nigrán crea na Ramallosa o seu primer horto urbán

0

O Concello de Nigrán ven de habilitar no núcleo urbano da Ramallosa a súa primeira horta urbana comunitaria da man da cooperativa local ‘SomosTerra’, a quen o consistorio encargou tamén dirixir este curso os cultivos nos centros escolares de Nigrán. “Con este proxecto piloto queremos promover o autoconsumo nunha contorna que é moito máis urbana que o interior do municipio, xa que moitos veciños desta zona o desexaban pero non dispuñan desta posibilidade nos seus fogares”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que ao mesmo tempo se fomentan hábitos saudables e se potencia a sensibilidade ambiental e o sentimento de pertenza ao barrio, polo que é un modelo que o Concello aposta por implantar noutros núcleos do municipio.

Así, esta iniciativa pioneira en Nigrán será levada adiante a partir do sábado 23 de abril na Praza Rosalía de Castro (ao carón da piscina mancomunada), onde xa están dispostos 13 bancais deseñados ex-profeso para o lugar pola empresa ‘Color Caléndula’. Todas as persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente a través dun formulariona web pendurado en www.nigran.es ou presencialmente no parking municipal da Ramallosa, o prazo para participar estará sempre aberto e o único requirimento é estar empadroado en Nigrán e cumplir as pautas de funcionamento.

A principal característica desta horta é que será comunitara, é dicir, todos os usuarios realizarán os traballos polo ben común e non en parcelas de uso individual, distribuíndose a posteriori a colleita de xeito equitativo entre os participantes. Para elo, Diana, Eva e Raquel, técnicas de SomosTerra, establecerán un calendario de tarefas que os usuarios deberán seguir e, en caso de acudir a facelo, deberán sinalalo nun taboleiro situado na propia horta co fin de estar todos coordinados. “Esta fórmula promove a importancia do traballo en equipo, fomenta a relación e convivencia entre os usuarios e ao mesmo tempo potencia a integración, non só se trata de cultivar, se non de crear un sentimento de identidade comunitaria”, xustifica González.

“Cada mes estableceremos uns criterios de plantacións axeitadas á estación e asociacións e intolerancias entre plantas, faremos tamén un diario de campo e estaremos abertas a recibir propostas alternativas por parte dos inscritos”, explican desde SomosTerra. De feito, todos os sábados de 12:00 a 13:30 horas impartirán obradoiros gratuítos, comezando o día 23 de abril cunha sesión adicada ás prantas aromáticas e continuando nas posteriores con asuntos como compostaxe e vermicompostaxe, hortas verticais, plantas menciñais, control biolóxico de pragas, recollida de auga… A maiores, os luns (de 12:00 a 13:30 horas) e mércores (de 17:00 a 18:30 horas) estarán as técnicas presentes na horta para resolver presencialmente dúbidas, asesorar e colaborar.

“Tal e como o Concello plantexa, queremos que este sexa un espazo de convivencia e de encontro entre veciños, por iso promoveremos tamén o intercambio de sementes e a creación dun banco que recompile as variedades locais”, explican.

“Esta zona verde da Praza Carlos Casares, que non se empregaba para nada e pasaba totalmente desapercibida, se transformará nun punto de encontro onde florecerán os mellores valores e dos que como goberno nos sentimos máis orgullosos de promover”, conclúe o alcalde.

Mos promove a compostaxe cunha nova entrega gratuíta de composteiros á veciñanza

0

Desde a Concellería de Medio Ambiente Sostible do Concello de Mos, que dirixe o edil Leo Costas, informouse onte de que se inicia unha nova campaña municipal de promoción da compostaxe mediante reparto de composteiros de xeito gratuíto entre a veciñanza.

Ademais dos composteiros clásicos, entregaranse por primeira vez no municipio, cubos de compostaxe para ter dentro das casas.

As persoas interesadas en facerse cun deles xa poden solicitalo por escrito a través do Rexistro Xeral do Concello ou on line na Sede Electrónica.

Nos últimos anos lévase experimentado en Mos un verdadeiro ‘boom’ da compostaxe. O concelleiro de Medio Ambiente sostible mosense, Leo Costas, declarou neste sentido sentirse “moi satisfeito do interese, a implicación e a concienciación cidadá neste senso” e salientou que “continuamos coa campaña anual de composteiros para seguir a fomentar entre os habitantes do municipio a compostaxe, unha práctica que comprobamos que xa está moi arraigada entre a veciñanza, como ven a demostrar a gran demanda que se rexistra”.

Estes composteiros sonlle concedidos ó Concello de Mos pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, SOGAMA, dependente da Consellería de Medioambiente, de xeito totalmente gratuíto. O Concello entrégallos aos veciños solicitantes a domicilio cun manual de uso e unha explicación técnica para o seu correcto emprego, e fáiselles unha revisión anual do composteiro para garantir o correcto funcionamento do mesmo.

O reparto dos composteiros faise a domicilio dos beneficiarios, unha vez alí, instalánselles e se lles explica como empregalos correctamente; e entregáselles ademais un manual de uso para consultar posibles dúbidas.

Esta iniciativa supón un paso máis na optimización da recollida selectiva de residuos no Concello de Mos. É crucial a axeitada xestión dos residuos para un mantemento sostible da localidade mosense. E é que cos composteiros se reutilizan restos de materiais orgánicos de orixe vexetal dando lugar a que a porcentaxe de residuos sometidos a tratamento final sexa menor o que supón unha gran vantanxe ambiental, económica e social. Ademais tamén lles permite ós particulares en posesión dun composteiro eliminar ou, polo menos minimizar, o uso de fertilizantes químicos como abono; e reducir o número de viaxes ós contedores para levar o lixo, posto que case a metade do lixo que se xera nos fogares galegos está formado por materia orgánica.

Cos composteiros existe a posibilidade de transformar a materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. A compostaxe é unha práctica tradicional en Galicia, consistente na separación dos residuos orgánicos para a elaboración de abono ou alimento do gando.

A compostaxe doméstica é un proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar, como é o caso dos restos de comida e podas. O composteiro é un recipiente que facilita a circulación do aire no seu interior, onde se introducen os restos orgánicos, permitindo unha óptima accesibilidade, tanto para depositar residuos como para extraer o abono resultante. A súa función é a de manter as condicións axeitadas de temperatura e humidade para a elaboración de compost, evitando ademais a entrada de pequenos animais e roedores que poden alterar o proceso.

Para obter un bo compost o mellor é utilizar unha grande variedade de materiais, tendo en conta que canto máis triturados estean, maior será a rapidez da súa descomposición e fermentación. No composteiro pódense depositar froitas e verduras, cascas de ovo, arroces e pasta cocidos, pan, pousos de café, té e infusións, cinzas e serrín, papel, cartón, xornais, restos de poda e de recolleita da horta, esterco de animais herbívoros, pó e peluxe do aspirador, pelos, teas naturais e plumas.

Dada a asúa condición de produto natural, sen compostos químicos e libre de patóxenos, o compost actúa en moitos casos como bactericida e funxicida; e é un excelente abono contribuíndo a que as plantas teñan unha maior resistencia ás pragas e enfermidades.

Este sábado 16, nova cita co sabor no Mercado de Tomiño

0

A actividade continúa esta Semana Santa en Tomiño con novas accións programadas ao abeiro de ‘Vive!’, unha campaña posta en marcha polo Concello para a reactivación económica e a dinamización do comercio local e que está a ter unha grande acollida por parte do público durante as súas primeiras semanas de vida.

Este 16 de abril, o Mercado de Tomiño acolle a segunda xornada dos ‘Sábados con sabor’, un formato co que se busca que a veciñanza desfrute do tempo lecer nestas instalacións mentres degusta novidosos pinchos e bebidas, á vez que enche de vida o mercado e convida a tomiñeses e tomiñesas a mercar nel.

Nesta nova xornada, o público poderá gozar de 13.00 a 15.00 horas de dúas bebidas e dous pinchos de autor ideados e creados para cada sesión polos propios praceiros e praceiras con produtos locais. Así, o menú desta fin de semana estará composto por falafel e por unha brocheta de tenreira con lagostinos en salsa teriyaki e sementes de sésamo.

As persoas interesadas en participar poden comprar xa os seus tíckets en calquera dos postos do Mercado Municipal de Tomiño. O prezo de cada entrada será de seis euros e haberá un aforo máximo de 60 persoas.

Dez centros educativos de Ponteareas e comarca participan no Campionato Zona Escolar de bádminton

Dez centros educativos de Ponteareas e comarca participarán o vindeiro sábado 16 de abril no Campionato Zona Escolar sub-13 de bádminton, unha competición coa que colabora o Concello de Ponteareas e que nace das xornadas deportivas escolares 2022 postas en marcha entre o Club Bádminton Ponteareas e a Asociación Deportiva Adencopar hai xa case unha década.

Nestas xornadas participa alumnado de primaria do CEIP Feliciano Barrera, CEIP Santiago Apóstol, CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP Ramiro Sabell, CEIP Antonio Blanco, CPI de Mondariz, CEIP Infante Felipe, CPR A Inmaculada, CEIP Santiago de Oliveira e CEIP de Leirado. Durante todo o mes de marzo en horario lectivo lévase a cabo a formación técnica e achegamento ás normas, regras e á competición neste deporte.

No campionato do 16 de abril participarán os tres rapaces e tres rapazas de cada centro educativo clasificados ao longo destas xornadas. A competición desenvolverase no pavillón municipal do complexo deportivo Álvaro Pino de 16.00 a 21.00 horas. O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, convida a toda a veciñanza a gozar do torneo e agradece ás entidades organizadoras “o esforzo por seguir cultivando a canteira e dar pulo a un deporte que está a un gran nivel na nosa vila”.

Dende a organización queren dar as grazas “a todos os nenos e nenas participantes pola súa predisposición a aprender e polo seu gran traballo en equipo e ao profesorado pola súa implicación e o extra na formación do seu alumnado”.

Ademais do Concello de Ponteareas, na posta en marcha desta competición colaboran a Federación Galega de Bádminton, a Federación Española de Bádminton, Repuestos Ojea, Frutas Santi, Biciebike, Empres Raúl e Confitería Ancla.

O Obradoiro de emprego da Guarda presenta varios proxectos que xiran en torno ao patrimonio da vila

0

En primeiro lugar presentáronse os resultados dunha enquisa realizada a pé de rúa, onde a poboación opinou sobre aspectos relacionados co turismo guardés como poden ser o patrimonio, os servizos e as infraestruturas.

Dentro das conclusións resalta o recoñecemento co que conta entre a cidadanía guardesa o Camiño Portugués da Costa como importante recurso turístico e a necesidade de ter  mellor comunicación tanto co resto da comunidade autónoma como con Caminha. Así mesmo expuxéronse un amplo abano de interesantes conclusións que serán analizadas polo equipo de goberno en aras de continuar mellorando a nivel turístico.

Outro dos proxectos que se presentou foi unha Ruta da Arquitectura Indiana na Guarda, un extenso itinerario que percorre diferentes lugares e rúas do municipio, coa descrición e localización de moitas das construcións indianas, tanto no casco urbano, como nas parroquias de Salcidos e Camposancos. Para este proxecto contaron coa colaboración de Miguel Villa ao que agradecemos enormemente o seu compromiso con esta parte tan importante do noso patrimonio.

Finalmente presentouse unha publicación sobre o Patrimonio da Guarda, un amplo estudo sobre múltiples elementos que compoñen o noso patrimonio como recursos histórico-artísticos, museos, persoeiros ilustres, espazos naturais, etc.

O resultado foi a edición impresa de cada un dos proxectos, rematando o acto coa intervención do Alcalde que amosou a súa satisfacción polos proxectos presentados e recoñeceu o gran labor deste grupo de alumnas e alumnos, así como do profesorado que os/as guiou durante o proceso. 

Redondela participa na asemblea xeral do Fondo Galego de Cooperación

0

O Concello de Redondela, representado por Olga García Ballesteros, concelleira de Xuventude, Ensino e Participación Cidadá, participou na Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, desenvolvida na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela e na que se aprobaron por unanimidade os proxectos de cooperación internacional, a ‘localización’ da Axenda 2030 e a loita contra o cambio climático.

Serán estes proxectos os que centren o Plan de Actividades 2022 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que conmemora este ano o seu 25 aniversario, aos que deputacións provinciais e concellos asociados deron luz verde ao longo dun encontro que retomaba a presencialidade despois de máis de dous anos.

Nel se chegou ao acordo de seguir impulsando os proxectos de cooperación ao desenvolvemento na África lusófona, tal é o caso do apoio á Rexión de Cacheu, en Guinea-Bissau, para facilitar o subministro de auga, ou o traballo a prol dos dereitos da infancia coa Fundação Encontro en Mozambique. En canto á axuda humanitaria e de emerxencia, en Mozambique actuarase tamén para paliar os efectos dos últimos ciclóns e nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís estase a reforzar o sistema de recollida de residuos co cofinanciamento de Nigrán e da Mancomunidade do Val Miñor.

Así mesmo, neste intre permanece aberto o prazo para que traballadoras e traballadores da administración local participen no novo programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar, cofinanciado pola Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, que oferta tres prazas para colaborar cos proxectos implementados en Mozambique nas áreas de arquitectura, igualdade e acción social.

No eido da sensibilización, cómpre salientar as actividades incluídas no convenio coa Xunta de Galicia, como son a elaboración de plans para a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) en sete municipios, o curso online sobre localización da Axenda 2030 ou o III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, apoiado tamén pola AECID, que se celebrará no mes de xullo en Cabo Verde coa participación de diversos países de lingua oficial portuguesa.

Unha ducia de municipios acollerán ademais as actividades programadas coas ONGD Agareso, Solidariedade Internacional de Galicia, Amigos da Terra e Fundación Vicente Ferrer. E ademáis, seguen en marcha as accións do proxecto europeo People & Planet, encamiñadas a concienciar a mocidade sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. Consellos Climáticos Xuvenís, obradoiros de cociña, debuxo urbano, performance, comunicación de guerrilla ou arte urbana son algunhas das metodoloxías que se empregarán nos concellos socios do Fondo Galego. A isto súmase a campaña Water of the future, lanzada con motivo do Día Mundial da Auga para promover a protección deste recurso.

Cómpre lembrar que o Concello de Redondela é membro do Fondo Galego de Cooperación dende 1997, o que lle permite formar parte da cooperación descentralizada, apoiando ao fortalecemento institucional e a aprendizaxe mutua con outras entidades locais.

En marcha o 10° campus deportivo solidario en Gondomar

0

O Concello de Gondomar puxo en marcha esta mañá una nova edición do seu campus deportivo de semana santa que chega o seu décimo aniversario.

Destinado a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, ten ademáis un fin solidario, xa que as familias tiveron que entregar un mínimo de dous quilos de alimentos destinados ao Banco de Alimentos a modo de taxa de participación.

Máis de 60 nenas e nenos de Gondomar participarán ata o mércores en actividades deportivas das disciplinas de: tenis, tenis de mesa,

fútbol sala, atletismo, ximnasia acrobática, vóley, baloncesto e taekwondo.

O alcalde, Paco Ferreira, sinalou que o goberno de Gondomar “ten unha aposta decidida polo deporte en xeral e polo de base en particular, e seguiremos destinando todos os recursos necesarios para a formación no deporte das nenas e nenos de Gondomar” Ademáis rexedor puxo en valor que actividades coma esta “permiten ademáis a conciliación laboral e familiar de nais e pais”.