11.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoA Xunta estudará desenvolver unha aldea modelo no Porriño a solicitude deste...

    A Xunta estudará desenvolver unha aldea modelo no Porriño a solicitude deste concello

    Trátase de avaliar a idoneidade de diversos núcleos para a posta en marcha desta figura, contemplada na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

    A Consellería do Medio Rural estudará a posibilidade de desenvolver un proxecto de aldea modelo dentro do termo municipal do Porriño. Así o acordaron o titular deste departamento da Xunta, José González, e o alcalde da localidade pontevedresa, Alejandro Lorenzo, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou, por videoconferencia, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

    Así, os servizos técnicos de Medio Rural avaliarán a idoneidade de diversas localizacións para a posta en marcha da iniciativa, que se enmarca na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, xunto a outras como os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta. Todos estes instrumentos, tal e como lle trasladou o conselleiro ao rexedor municipal, teñen como principal obxectivo poñer en valor terras en desuso para poñelas a producir e xerar riqueza e emprego no rural, ao tempo que se fai unha prevención activa diante dos incendios forestais.

    No caso concreto das aldeas modelo, o obxectivo é fomentar o aproveitamento agroforestal do perímetro do núcleo de poboación, co fin de xerar actividade nesa franxa e dese xeito contribuír á dinamización das terras e, simultaneamente, á anticipación aos incendios forestais.

    Na reunión tamén se afondou na cooperación entre a Consellería e o Concello en materia de prevención de lumes, en particular no que atinxe aos labores de roza mecanizada para o control da biomasa. Ademais, a xuntanza serviulles aos responsables da Consellería do Medio Rural para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio pontevedrés relacionadas co agro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.