9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesA Xunta formaliza a adxudicación de 3 parcelas na Plisan

    A Xunta formaliza a adxudicación de 3 parcelas na Plisan

    Ata o de agora foron adxudicados xa 214.000 m2 por un importe global de 11,23 M€

    A Xunta de Galicia acaba de formalizar a adxudicación de 3 parcelas cunha superficie de preto de 44.000 metros cadrados na Plataforma loxística e industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan). A xefa da área provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo en Pontevedra (IGVS), María Martínez, asinou esta mañá as escrituras correspondentes xunto aos representantes das dúas empresas adxudicatarias: Frinsa e Gainser.

    Despois das últimas adxudicacións, a superficie total dispoñible nesta gran área industrial ascende a máis de 134.000 m2 urbanizados e repartidos entre 31 parcelas, que se poden adquirir en réxime de compravenda ou en dereito de superficie, neste segundo caso, a cambio dun canon anual moi reducido.

    En concreto, a conserveira galega Frinsa vén de comprar, en adxudicación directa e por un importe de 2,63 millóns de euros, as parcelas LE 5.1 e LE 5.9, contiguas entre si e que ocupan unha superficie de 40.921,85 m2.

    Pola súa banda, Gainser, dedicada ao estudo, deseño, instalación e servizo posvenda de infraestruturas de equipos de bombeo e tratamento de auga para abastecemento, saneamento e depuración, fíxose coa parcela LE 4.4 en réxime de dereito de superficie.

    Cun tamaño de 2.641,56 m2 e localizada ao carón de BETA Implants, o prezo de remate da operación é de 189.426,31 euros. Neste caso, a firma ten previsto construír unha nave de 800 m2 que destinará a almacén.

    O investimento total previsto entre ambas empresas para levar a cabo os seus respectivos proxectos na Plisan suma preto de 8 millóns de euros —incluído o custo de adquisición dos terreos por parte de Frinsa— e implicará a creación de 25 postos de traballo no caso da conserveira e de 6 máis no de Gainser.

    Estas dúas novas adxudicacións en Salvaterra-As Neves súmanse aos 68.180,67 m2 asignados xa anteriormente á conserveira Albo e á empresa do sector tecnolóxico BETA Implants, pertencente ao grupo Arbinova.

    Así mesmo, o mes pasado tamén se anunciou a próxima adxudicación a Lonza Biologics Porriño S.L de 4 parcelas cun total de case 102.000 m2, o que suporá a maior superficie de solo asignada ata o momento nesta área empresarial dos sur de Galicia.

    Deste xeito, confírmase o bo momento da Plisan e o efecto chamada que está a ter nas empresas, tal e como demostra o feito de que só desde o mes de marzo tres novas firmas decidiran implantarse neste ámbito. Así, a superficie total adxudicada ata o de agora ascende a 214.000 m2, cun prezo global de adquisición de 11,23 millóns de euros.

    Cómpre lembrar que os promotores da Plisan son a Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Consorcio da Zona Franca de Vigo, e que o investimento previsto neste ámbito, unha vez rematen as actuacións actualmente en marcha, ascenderá xa a preto de 235 millóns de euros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.