10 C
Pontevedra
Venres, 1 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaArranca o III Ciclo Aida Fernández Ríos da Deputación

    Arranca o III Ciclo Aida Fernández Ríos da Deputación

    O programa incluirá oito conferencias entre maio e xuño e abordará temas como o alzhéimer, o cambio climático, a intelixencia artificial ou a tecnoloxía farmacéutica

    A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias poñen en marcha a terceira edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que ten por obxectivo achegarao gran público a importancia da ciencia con charlas dirixidas a todos os públicos sobre temas de actualidade nos que o coñecemento xoga un papel fundamental.

    O ciclo xurdiu no ano 2020 en homenaxe á investigadora, bióloga oceanógrafa e académica Aida Fernández Ríos, falecida en 2015, co propósito xeral de difundir a ciencia e a tecnoloxía. O presidente da RAGC, Juan Lema, manifestou o seu “agradecemento á Deputación de Pontevedra, en particular á súa presidenta, Carmela Silva, pola súa implicación persoal a prol da divulgación científica, colaborando coa Academia como axentes activos. “Iniciamos este terceiro ano con moita ilusión, buscando temas con impacto social e seleccionando aos mellores expertos e expertas en cada un dos temas, moi satisfeitos ademais polo impacto e a participación da cidadanía no ciclo”. Pola súa banda, a presidenta provincial subliñou “a importancia que cada día máis temos que darlle á ciencia” e agradeceu a colaboración da Real Academia “nun Ciclo que só nos está a dar satisfaccións, tanto polos temas que se están a abordar como pola repercusión que estamos a encontrar na opinión pública”.

    Este 2022 serán oito os relatorios incluídos no ciclo entre o 3 de maio e o 9 de xuño, que protagonizarán cinco recoñecidas expertas e tres expertos da investigación e da universidade, que afondarán en temas diversos, como as investigacións sobre a enfermidade de alzhéimer, a tecnoloxía farmacéutica, a intelixencia artificial ou os movementos sísmicos en Galicia entre outros.

    As charlas, que se complementarán nos vindeiros meses con outras a desenvolver en institutos de secundaria da provincia, terán todas formato webinario a excepción da inaugural, que será telemática e presencial no salón de plenos do Pazo Provincial (todas ás 19 horas)  e as persoas interesadas poderán inscribirse desde este martes 12 de abril a través do formulario que atoparán na web da Deputación (www.depo.gal).

    O programa

    O ciclo ábrese o 3 de maio cunha dobre sesión, na que Carlos Spuch, investigador do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur abordará “A enfermidade de alzhéimer. Estamos preto de tratar esta enfermidade?”. De seguido, a investigadora do Programa Beatriz Galindo, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña, Vanessa Valdiglesias, falará sobre os “Biomarcadores para a identificación precoz da fraxilidade asociada ao envellecemento”.

    “A tecnoloxía farmacéutica na era da medicina personalizada” centrará a segunda das charlas, que terá lugar o 5 de maio e estará impartida por Carmen Álvarez, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago e académica electa da RAGC.  

    Posteriormente, o 12 de maio será a quenda da catedrática de Análise Económica da Universidade de Santiago e académica electa da RAGC María Loureiro quepronunciará unha charla sobre “A cidadanía ante o cambio climático: aspectos socioeconómicos”, e o día 19 o catedrático emérito da Área de Xeodinámica Externa da Universidade da Coruña e académico da RAGC Juan Ramón Vidal abordará “Os movementos sísmicos en Galicia: por que se producen e cal é o maior perigo que podemos esperar deles”.

    No mes de xuño celebraranse outra sesión dobre o día 2, na que María José Carreira, profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago falará sobre “Intelixencia artificial e imaxe médica”. A continuación, José Pazos Arias, catedrático no Departamento de Enxeñería Telemática da Universidade de Vigo e académico da RAGC , o fará sobre “Os sistemas recomendadores, combatendo a saturación de información”.

    O ciclo finalizará o 9 de xuño coa intervención de Herminia Domínguez, catedrática de Enxeñería Química da Universidade de Vigo, que pronunciará unha conferencia sobre “Antioxidantes naturais: obtención e aplicacións tecnolóxicas”. Ás persoas que asistan ao ciclo entregaráselles un certificado de participación.

    O ciclo tamén fomenta as vocacións científicas nos centros de ensino

    O ciclo consta dun segundo bloque de actividades no que se celebrarán cinco conferencias en institutos de Secundaria e Bacharelato, entre os meses de setembro e decembro deste ano. Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan. As charlas estarán impartidas por investigadores e investigadoras das tres universidades galegas, que abordarán temas moi atractivos para os rapaces como o papel do ADN na resolución de problemas xudiciais, o valor das Matemáticas na sociedade actual, a transformación da auga residual nun recurso, a ciberseguridade e a importancia dos hackers, así como a relevancia das microalgas.

    LIBROS

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.

    Fran Fernández Davila, «Groenlandia»

    A Fran Fernández Davila gústalle sorprender cos seus traballos literarios, descolocar ao lector para levalo por paisaxes pouco transitadas física e emocionalmente, escapar da rutina diaria e, cunha forte carga de imaxinación, argallar historias nas que a intriga e o humor acaban por se converter en personaxes convidadas da trama.