7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación pon en marcha o maior operativo de seguridade viaria

    A Deputación pon en marcha o maior operativo de seguridade viaria

    O deputado Infraestruturas, Gregorio Agís, explica que o investimento suma máis de 14 millóns de euros entre obras en execución e as xa licitadas

    A Rede Provincial de Estradas, que está a experimentar unha profunda transformación dende o ano 2016 cun modelo de mobilidade segura e integral, vive neste 2022 un “ano histórico” no que se van realizar un total de 36 grandes obras de seguridade viaria cun investimento total de 14.075.896 euros. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, fixo balance dunha planificación “seria, con rigor” e traballo man a man cos concellos para redactar decenas de proxectos: “Nunca antes a Deputación fixo tantas obras simultaneamente, nin dedicou tantos recursos; estamos a falar dun esforzo sen precedentes”, recalcou.

    Das 36 grandes actuacións en marcha, 20 están xa en execución e o resto están adxudicadas ou coa licitación iniciada, polo que o comezo é inminente. Agís destacou que este despregue sería imposible sen a sinerxía cos concellos da provincia nun proceso de diálogo continuo que se traduce na sinatura de convenios de colaboración e permite ir madurando as seguintes actuacións. A día de hoxe hai outros 41 proxectos, valorados noutros 34 millóns, xa redactados e pendentes de que os concellos acrediten a titularidade dos terreos e completen as súas obrigas. “Polo tanto”, explicou Agís, “sumando os convenios asinados e os proxectos ‘vivos’, dispoñemos de 77 actuacións de seguridade viaria sobre a mesa, é dicir, 77 propostas de colaboración para traballar man a man na seguridade viaria nos centros urbanos, pobos e núcleos rurais nos concellos da provincia”. “Un paso importantísimo –afirmou- na transformación da rede provincial que reforza o papel pioneiro desta Deputación na transformación das vías de comunicación”.

    “O ritmo da Deputación á hora de traballar pola mobilidade integral obriga tamén aos concellos a acompasarse. Se antes había moitos concellos que protestaban porque non se executaban obras nas estradas provinciais do seu territorio, agora os concellos reciben chamadas continuas dende a Deputación para preguntarlles como van nos seus trámites para materializar os convenios -subliñou o deputado de Infraestruturas. É dicir, antes eran os concellos os que agardaban pola Deputación e agora é a Deputación a que agarda polos concellos”. Así, hai convenios previstos con Arbo, Sanxenxo, Gondomar, Redondela, Moaña, Barro, Cangas, Meaño, Meis, Cuntis, Meis, Vilanova de Arousa, Salvaterra de Miño, O Rosal, Tomiño, Vila de Cruces, Ribadumia, Silleda, Illa de Arousa, Dozón, Valga, Tomiño, As Neves, Tui, O Porriño, Marín, Rodeiro, Vilaboa, Fornelos de Montes, Portas, Lalín, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Forcarei, Catoira, Pazos de Borbén, Mos, A Estrada, Moraña, Oia, Mondariz, Bueu, A Cañiza, Caldas de Reis, O Grove e Nigrán.

    Condicións idénticas para os concellos, “goberne quen goberne”

    Gregorio Agís significou que a Deputación achega o 80%, o 70% ou 0 60% en función de se os convenios prevén a execución de sendas peonís, a urbanización ou a reurbanización das vías. Tódolos convenios son “idénticos e con plena igualdade de condicións”, garantindo a transparencia e o impulso á seguridade viaria “goberne con goberne”. “Hai proxectos en case tódolos concellos da provincia –subliñou-. A seguridade viaria afecta a todo o mundo e de nada vale investir nas estradas dun concello concreto e desatender as do concello do lado, como fai a Xunta. Ninguén con rigor pode dicir que prime un signo político con respecto a outro, senón que priman criterios técnicos”. Unha política de Infraestruturas que, resaltou, foi obxecto de varios recoñecementos en congresos internacionais e responde á planificación e ao establecido no Decálogo de Criterios de Actuación nas Estrada Provinciais e sucesivas instrucións, así como ao Plan Estratéxico 2030 de Vías Provinciais que se presentará nas vindeiras semanas.

    O deputado destacou que os 36 convenios e os 41 que están en carteira súmanse aos 60 executados dende entre 2016 e 2022 e que supuxeron xa cambios substanciais nas estradas provinciais de Sanxenxo, Pontevedra, Tomiño, A Guarda, Salceda, Mos, Tui, O Grove, Poio, Baiona, Marín, Arbo, As Neves, Silleda, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Ponteareas, Covelo, Cuntis, Redondela, Ponte Caldelas, Meis, Soutomaior, A Cañiza, O Rosal e Ribadumia. Ademais fixo repaso das actuacións do Plan Móvese coa execución de case 1.500 elementos de “calmado de tráfico” e lembrou, a maiores, os traballos ordinarios de pavimentación, incidencias, sinalización e mantemento de firmes e cunetas.

    Gregorio Agís  subliñou que “en pouco máis de 6 anos non hai quen recoñeza ás estradas desta provincia”. E a pesar diso”, engadiu, “observamos con sorpresa un crecente ruído por parte do Partido Popular, que intenta distraer a atención e desvirtuar o debate poñendo o foco sobre reclamacións illadas, que responden a iso que o PP entende como intereses do seu partido”. Neste senso, afirmou que o PP “é incapaz de reivindicar o seu paso na institución, onde deixou a rede provincial nun estado deplorable, e o avance nos dous últimos mandatos, onde a Deputación pasou dos tempos da obra de asfaltado puro e duro a un modelo de mobilidade integral e inclusiva, e pasou da imposición ao diálogo. A realidade é hoxe que os concellos onde goberna o PP teñen as mesmas oportunidades de desenvolver proxectos que os demais”.

    O deputado comparou este modelo de traballo “serio e planificado” cos concellos, baseado na seguridade viaria, co “clientelismo” da Xunta á hora de modernizar a rede autonómica de estradas. Así recordou que a Xunta, segundo os datos publicados no Portal de Transparencia, tan só ten tres convenios de seguridade viaria en vigor con concellos da provincia “e resulta que os tres (Sanxenxo, Valga e Salvaterra) están gobernados polo PP”. Ademais referiu que o volume de obra mobilizado polo Goberno galego nestes convenios é só de 2.631.085€. “E isto a pesar de que a Deputación ten 377 estradas e 1.700 Km, mentres que a rede convencional da Xunta na provincia é de 152 estradas e 1.155 Km; é unha diferencia moi significativa”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.