A Xunta investirá preto de 600.000 euros nas obras de mellora da seguridade viaria para intervir no treito de concentración de accidentes da estrada PO-403, no concello de Ponteareas. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución pola que se convoca para maio e xuño os propietarios dos terreos necesarios para executar esta actuación.
Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 12 de maio, das 10:00 ás 10:10 horas, no salón de plenos do Concello de Ponteareas. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 23 de xuño, á mesma hora e no mesmo lugar. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://bit.ly/3rn6FrA .
Intervirase nun tramo de 1,6 quilómetros de lonxitude, desde o punto quilométrico 8+600, despois do enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52, e o final da travesía de Angoares, no punto quilométrico 10+200.
Esta actuación enmárcase na estratexia da Xunta para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica e as obras xa foron adxudicadas. O obxectivo é desenvolver esta actuación durante este ano, xa que contan cun prazo de execución de 8 meses.
As obras consistirán na mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.
Na intervención prevese a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente en condicións de visibilidade.
Ademais mellorarase a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas proximidades ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.
Nos traballos se inclúe a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.
Nesta actuación incorporáronse as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúen a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. A intervención atende, ademais, a solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.
Tamén se actuará na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.