Xoves, 7 Agosto de 2025

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda manifestarase o 12 de maio

0

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda chama a veciñanza a participar na Manifestación en defensa da Sanidade Pública convocada por todas as Plataformas en Defensa da Sanidade da Área Sanitaria de Vigo o próximo xoves día 12 de maio ás 20 horas en Vigo. Sairán autobuses gratuítos desde a comarca e calquera persoa que queira participar pode anotarse chamando ao 986 610465.

Desde a plataforma guardesa manifestamos que o nível de deterioro da Sanidade Pública require respostas conxuntas da cidadanía para premer a Xunta de Galiza diante do deterioro progresivo ao que levan sometendo este servizo público esencial.

A Plataforma está convencida que só coa mobilización da cidadanía imos ser capaces de frear o deterioro da sanidade e afianzar certos logros que despois de moita presión e moitas mobilización imos conseguindo. Nomeadamente, a dotación do PAC da Guarda cun segundo médico de urxencias, un segundo médico que non se está a garantir de forma constante senón intermitente. É o noso deber lograr que este paso se convirta nun segundo equipo completo, con persoal médico e de enfermaría, de forma permanente.

Continuamos esixindo, asimesmo, a cobertura completa das ausencias e permisos do persoal do noso Centro de Saúde e a dotación dunha ambulancia medicalizada para o Baixo Miño.

O Concello transformará a estrada vella de San Miguel de Tabagón

0

O Rosal aposta por unha estratexia de desenvolvemento global no municipio que permita poñer en valor a súa contorna e poñer ás persoas no centro. Neste camiño o Concello porá en marcha un novo proxecto que transformará a estrada vella de San Miguel de Tabagón que foi presentado pola alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, ante á veciñanza nun acto de participación social que contou cunha alta implicación de rosaleiros e rosaleiras do barrio.

A rexedora, acompañada do equipo técnico do proxecto, explicou a todas e todos os presentes que o obxectivo da reforma é “mellorar a calidade dunha contorna que conta cun perfil urbano cun carácter singular, ao tempo que se aumenta a seguridade dos percorridos peonís, facendo que estas rúas recuperen parte da súa identidade orixinal, máis favorable para o paseo e as relacións cotiás e sociais entre a veciñanza”.

O proxecto de reforma comezará a executarse pola zona máis deteriorada da estrada vella, ao carón da ferraxería, onde unha das principais accións que se levarán a cabo será a renovación dun muro de contención de mampostería, unha solución construtiva que se integrará na contorna e que resolverá os problemas que presenta o muro actual, en estado de deterioro.

A intervención xeral consistirá na renovación de pavimentos con materiais e elementos que contribúan a unha circulación máis calmada e a unha maior integración paisaxística, “dándolle prioridade ás persoas e creando espazos de calidade máis seguros, con vías accesibles e inclusivas que fomenten unha mobilidade máis saudable e sustentable”, salienta a alcaldesa.

Fernández Callís puxo en valor a implicación e compromiso de toda a veciñanza do barrio, que durante o encontro realizou algunhas achegas relevantes sobre temáticas como a problemática das pluviais nesa zona de escorrentía que se incorporarán ao proxecto.

A Xunta abre unha nova liña de axudas para o talento musical

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria e as bases dunha nova liña de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixida ao talento musical galego, que suporá unha inxección económica directa de 1,2 millóns de euros para a promoción e difusión de proxectos artísticos profesionais, sen precedentes no sector. Este fondo forma parte das medidas que o Goberno galego está a desenvolver a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que se abre agora á música despois de ter iniciado xa varias accións específicas para o audiovisual e os videoxogos.

Tal e como lle adiantou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, a unha representación do sector o pasado día 23, a apertura desta vía de apoio é o resultado dun proceso de diálogo coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), colectivo que agrupa as principais compañías de management e axencias artísticas galegas, co obxectivo de apoiar toda a cadea de valor que permite o impulso das carreiras musicais de artistas que desenvolvan a súa actividade maioritaria en Galicia.

Prazo ata o 6 de xuño

Así, estas subvencións poden solicitarse desde mañá e ata o 6 de xuño por parte de profesionais autónomos ou de empresas musicais de Galicia para o desenvolvemento e promoción tanto de solistas e grupos como de proxectos colaborativos entre cando menos catro deles.

Con esta convocatoria extraordinaria, cuxo alcance económico se estende a 2023, dáse un salto cuantitativo e cualitativo respecto a anteriores axudas específicas para o sector musical, dirixidas maioritariamente á organización de festivais e á produción discográfica. Desta volta, búscase contribuír directamente á promoción dos artistas en diferentes fases, que van desde a análise e implementación de ferramentas para o desenvolvemento do talento musical ata a internacionalización, pasando pola súa introdución e consolidación no seo da industria.

Financiarase, con tal fin, ata o 70% dos gastos de cada proxecto adxudicatario que teñan que ver con produción, comercialización e márketing, promoción e comunicación, distribución dixital, concertos e xiras, consultaría e persoal, entre outros.

Dúas modalidades

Establécense dúas categorías de propostas subvencionables: a modalidade A para proxectos musicais unitarios arredor dun só artista, xa sexa solista ou grupo, e a modalidade B para proxectos arredor dun mínimo de catro solistas ou bandas. No primeiro dos casos fíxase unha axuda máxima de 40.000 euros por solicitude, mentres que no segundo este límite ascende a 200.000 euros.

A música pasa a integrarse así nas liñas de acción deseñadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do seu Hub, un programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros nas industrias culturais galegas ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19.

Salvaterra de Miño prepara actividades con motivo do Día das Letras Galegas

Un ano máis o Concello de Salvaterra de Miño organiza a través da Biblioteca Municipal unha actividade para os máis cativos, co fin de conmemorar o Día das Letras Galegas, adicado este ano a Florencio Delgado.

A través dun divertido xogo por equipos os/as participantes coñecerán algo máis sobre a orixe e significado do Día das Letras Galegas, e os autores e autoras homenaxeados ata o momento, ao tempo que descubrirán interesantes datos sobre a vida e obra do homenaxeado deste ano, Florencio Delgado

A actividade realizarase o próximo mércores 18 de maio ás 18.00 horas no recinto Amurallado. Para participar recomendase inscribirse no teléfono 637 108 343 ou no correo [email protected].

Asinado o convenio para que o Museo poida unir baixo terra e rehabilitar os edificios centrais

O Museo de Pontevedra ten xa un paso máis dado cara a rehabilitación dos seus edificios centrais. A Deputación-da man da presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera- e Concello de Pontevedra -da man do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores- asinaron o convenio de colaboración para a cesión de uso do subsolo público que permitirá unir os inmobles baixo terra de maneira accesible, consolidalos e restauralos.

Grazas ao acordo o Concello permite o uso de 355 metros cadrados do subsolo das rúas Sarmiento (30 m2), Pasantería (225 m2) e García Flórez (100 m2) coa finalidade de que se poidan acometer as obras necesarias para a interconexión. As superficies dos treitos de subsolo manterán a titularidade municipal como bens de uso e dominio público e, moi probablemente, segundo avanzou o vicepresidente Mosquera, non se utilizarán na súa totalidade. Inicialmente realizarase a conexión entre o edificio García Flórez e o Castro Monteagudo e deixarase para unha segunda fase a unión co Fernández López.

A sinatura do convenio era un paso imprescindible para sacar adiante a licitación das obras de mellora. A día de hoxe a modificación do Peprica está en fase de aprobación definitiva e o proxecto de execución enfocado, co visto bo de Patrimonio sobre o proxecto básico, polo que a previsión é que no segundo semestre do ano poidan adxudicarse os traballos e iniciar a obra.

O vicepresidente Mosquera amosouse optimista pese a todas as dificultades que tiveron xurdido no camiño: “xa é o tempo da rehabilitación”, dixo, asegurando que de todas as obras que tivo que xestionar (Mercado de Abastos, aparcamento da Praza de España, ou a rehabilitación do Pitillo, entre outras) estas están a ser as máis complicadas de levar adiante tanto pola complexidade como pola tramitación.

En canto ao orzamento da actuación, aínda que non está pechado o proxecto definitivo, o nacionalista asegurou que roldará os seis millóns de euros. Subliñou que se reiterará a petición de fondos á Xunta de Galicia e ao Estado, ademais de solicitar fondos europeos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) na súa segunda convocatoria, “para os que se cumplen todos os criterios de concesión”. Destacou, sen embargo, que se non se obtén inxección económica externa “hai fondos provinciais suficientes” para que a Deputación afronte soa a mellora.

Outra previsión é a do prazo de execución, que será de entre un ano e medio ou dous anos, aproximadamente, sen que teña afeccións elevadas na contorna, xa que a actuación apenas suporá un valado inicial da rúa García Flórez e non implicará máis superficie pública que a dos inmobles en si.

O alcalde de Pontevedra, logo de asinar o acordo para ceder o subsolo necesario para conectar os edificios do Museo asegurou estar encantado polo traballo feito para a rehabilitación. Salientou que hai sobre a mesa unha solución de vangarda operativa, “imaxinativa e que funciona” que ten referencias de vangarda coma o Louvre. “Agradecemos o investimento potentísimo nestes tres edificios, e no sétimo edificio que será Santa Clara se todo vai ben”, asegurou, para engadir que é preciso poñer en valor o patrimonio e que todos os fondos que ten o Museo sexan expostos para goce da cidadanía de Pontevedra e de toda Galiza.

Logo de salientar a excelente colaboración entre o Concello e a Deputación, solicitou que se “dediquen todos os esforzos para que o Museo, no menor prazo de tempo posible, estea no seu esplendor”. Así mesmo, confirmou que na entrevista que manterá con Alfonso Rueda retomarase a petición de colaboración económica da Xunta na rehabilitación dos edificios. “É absolutamente razoable”, finalizou.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou a transcendencia do convenio para seguir avanzando no desenvolvemento do que cualificou como o “Museo Nacional de Galicia” que garda o noso patrimonio e a nosa cultura como ningún outro”.

Felicitou ao vicepresidente César Mosquera e ao director do Museo, José Manuel Rey, polo esforzo en sacar adiante este proxecto de ampliación “para que a cidadanía poida desfrutar de todo o que o Museo contén”, e destacou a “estreita colaboración” amosada polo Concello pontevedrés en todas as actuacións relativas ao Museo, “nas que o trata como propio”.

Carmela Silva confía amais en que a Xunta comprometa o seu apoio económico para a ampliación así como a administración estatal. “Cando esa ampliación sexa unha realidade virá moita máis xente da que o fai agora. Virá xente de Galicia, do Estado e a nivel internacional a coñecer un museo que vai ser absolutamente referencial a nivel europeo.

A Asociación de Empresarios de Redondela difunde entre as empresas o programa Kit Dixital

0

A sinatura de convenios de colaboración con axentes dixitalizadores será un dos eixos deste programa. SOYCOM, empresa con orixe en Chapela,  ven de asinar o primerio destes convenios e lanzar a súa proposta de dixitalización ás empresas asociadas.

Este novo convenio coa empresa SOFYCOM achega ademais solucións e paquetes de hardware que dan a posibilidade de adquirir en condicións vantaxosas este equipamento non incluído no programa Kit Dixital pero que resultan imprescindibles para optimizar o prodeceso de “redixitalización” dos negocios con equipos de úlltima xeración.

Máis información sobre o convenio.

O programa prevé a sinatura de convenios con empresas adheridas como axente dixitalizador do programa Kit Dixital, a realización de webinars para informar ás empresas e a publicación dun boletín con información dos eventos de difusión que teñan lugar no entorno ou de forma dixital.

Os axentes dixitalizadores son actualmente os únicos habilitados para subscribir acordos de presentación de solucións de dixitalización coas empresas beneficiarias das axudas do programa Kit Dixital.

As empresas que cumplan as condicións establecidas nas bases da convocatoria de axuda do Kit Dixital, poderán dispoñer dun BONO DIXITAL que lle permitirá acceder as solucións de dixitalización previstas no programa.

O programa Kit Dixital comprende dez solucións ás que é posible adhrerise:

  1. Sitio web e Presencia en internet
  2. Comercio electrónico
  3. Xestión de redes sociais
  4. Xestión de clientes
  5. BI e analítica
  6. Servicios de oficina virtual
  7. Xestión de procesos
  8. Factura electrónica
  9. Comunicacións seguras
  10. Ciberseguridade

O 9 de maio abre o prazo de solicitude de reserva de prazas para a Escola Infantil Municipal

0

O Departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda informa de que a Escola Infantil Municipal abrirá do 9 ata o 31 de maio o prazo de presentación de SOLICITUDES PARA A RESERVA DE PRAZAS PARA O CURSO 2022/2023.

As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes por sede electrónica ou nas dependencias municipais.

Para maior información dirixirse o Departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda no teléfono 986614507.

A Asociación de Veciños de Angoares nomea socio de honra a Alfonso Pexegueiro

Sentida homenaxe esta fin de semana da Asociación de Veciños de Angoares a un dos seus veciños ilustres, o poeta Alfonso Pexegueiro González, encargado de levar o nome de Ponteareas e da parroquia polo mundo a través dos seus versos. Unha homenaxe que contou coa colaboración do Concello e que rematou co nomeamento do escritor como socio de honra da asociación veciñal.

Durante a homenaxe, todas e todos os presentes salientaron a gran traxectoria do poeta, nado na parroquia ponteareá en 1948, creador do grupo de comunicación poética ‘Rompente’ en 1975 e fundador nos anos 80 xunto con outros autores e autoras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Un longo percorrido sempre ligado ás letras que o sitúan como referente indiscutíbel da lingua e literatura galega, xa que coa súa obra ‘Seraogna’ (1976) deu comezou a renovación poética actual, antes incluso de autores máis difundidos como Xosé Luis Méndez Ferrín ou Arcadio López Casanova.

Pexegueiro estará hoxe venres 6 de maio na sala multiúsos do auditorio municipal (20.00 h) xunto a Xabier Alcalde presentando a obra de Manuel Pizcueta ‘Naturezas Doentes’, un acto que pon o broche de ouro á programación do Mes do Libro de Ponteareas.

Tanto a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, como o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, quixeron trasladar os parabéns do Concello ao escritor e agradecerlle a súa contribución a cambiar o rumbo da poesía galega e a reivindicar a importancia da lingua galega.

La Sestelo-Álvaro Pino ultima detalles do seu paso por Covelo

0

O gañador de La Vuelta España, Álvaro Pino, visitou o concello de Covelo para presentarlle ao alcalde, Pablo Castillo, o maillot da marcha La Sestelo-Clásica Álvaro Pino e pechar detalles da marcha ao seu paso polo concello.

“Esta mañá quixen presentarlle ao alcalde Pablo Castillo o maillot da marcha que leva o meu nome e agradecerlle persoalmente a súa implicación”, comenta Álvaro Pino.

O afamado ciclista e o alcalde estudaron a ubicación do punto de avituallamento no que os e as participantes farán un pequeno parón para repor folgos e reagruparse. A marcha Sestelo-Clásica Álvaro Pino terá lugar o vindeiro 22 de maio e congregará a ciclistas chegados de todos os puntos da península que se agruparán na praza Mestre Cerviño para continuar pedaleando.

O gran fondo cicloturista repite este ano percorrido. 110 quilómetros, con saída e chegada a Ponteareas, cun tramo inicial neutralizado e o resto a velocidade libre, reagrupando aos corredores nos avituallamentos da Cañiza e Covelo tentando así evitar a dispersión. A marcha pasará por 7  concellos (Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra), terá máis de 2.000 metros de desnivel acumulado nun percorrido esixente pero asumible, e pasará por 3 altos de montaña.

O alcalde Pablo Castillo amosa a súa satisfacción pola realización da proba e lembra a importante conexión que hai entre o noso concello e os afeccionados/as ao ciclismo, “é unha clásica moi arraigada no Condado Paradanta, que da a coñecer os dez concellos así como a riqueza natural e paisaxística axudando a posicionar este territorio como un destino de calidade para turismo deportivo. Covelo é un concello de grande atractivo para os ciclistas e, a diario, vemos como adestran nas nosas estradas tanto profesionais como afeccionados. Para nós é unha satisfacción e un espectáculo poder ter a tantos deportistas na nosa praza, véndoos chegar e saír para continuar a proba”.

Os organizadores, Plan C, estiman este ano unha participación de 500 corredores/as tras o éxito da pasada edición. Desde a organización adianta que o último tramo de inscricións que comezou o 18 de abril e ten un prezo de 45 euros pechará o 8 de maio ás 23.59 horas.

A organización confirma a dispoñibilidade de prazas para todos aqueles que aínda desexen inscribirse, a través da páxina web oficial www.clasicaalvaropino.com.

La Sestelo-Álvaro Pino está patrocinada por Grupo Sestelo e Grupo Asegurador Lynalfa e conta co apoio e coa colaboración do Concello de Ponteareas, da Deputación de Pontevedra e o GDR Condado Paradanta.

Diego Giráldez presenta a súa nova novela no barrio de San Benito do Porriño

Hoxe venres, Diego Giráldez presenta o seu novo libro no barrio de San Benito do Porriño acompañado da xornalista de Radiovigo-Cadena SER María Díaz e o tamén xornalista e director do Festival de Cans Alfonso Pato. Para o evento, o escritor porriñés conta ademais coa colaboración da Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián.

A partir das 20:00 horas, diante da capela, os tres conversarán sobre a nova novela do autor que leva por título “O meu sangue” e que está publicada pola Editorial Galaxia. Para o autor, “presentar este libro no meu barrio trae moitas emocións. A este lugar, agora verde e paseable, están vinculadas algunhas das persoas que máis quero e nas que me fixo a diario para seguir en marcha”. Ademais, engade, “levamos tres anos escuros, practicamente perdidos, que, dalgún xeito, temos que recuperar. Para min, a presentación desta novela é como encher de novo os pulmóns de aire. Presento un libro como quen vai de novo a unha verbena. Igual ata poño música para, por fin, bailar”.

Escrita cun marcado estilo persoal, “O meu sangue” mergullará ás  lectoras e lectores nunha intriga que arrastra ao particular descenso  aos infernos do protagonista e a unha defensa irracional do que nos fai máis felices: os seres e os lugares queridos.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976)

Exerceu o xornalismo en distintos  medios escritos e dixitais. Ademais de coordinar varias cabeceiras,  colaborou como columnista de opinión nos xornais A Nosa Terra e Xornal  de Galicia e, a través de reportaxes culturais, con El País. Na  actualidade, faino co diario dixital Praza Pública e a revista Luzes.  Fundou e dirixiu as revistas Malladoura e CanZine e escribiu libros  relacionados coa arquitectura e a historia económica de Galicia.

En 2016 publicou o libro de relatos curtos “Galería de saldos”, o seu  primeiro traballo de narrativa, polo que foi elixido “Autor galego do  ano” pola revista Fervenzas Literarias. En 2019 publicou en Editorial  Galaxia a novela “Hotel para coleccionistas discretos” e participou nas obras colectivas “O libro dos trens” e “A secreta melancolía da garza”  (Galaxia, 2019).

Entre os galardóns que recibiu destacan o Premio Literario José Saramago  de relato curto (2010), o primeiro accésit do Certame Nacional de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo (2015) e o Premio Literario  Manuel Murguía (2016). En 2020 quedou finalista do XVII Premio de  Xornalismo Francisco Fernández del Riego.

O Concello de Nigrán convoca o seu ‘I Certame Infantil e Xuvenil de Relatos Curtos Carlos Casares’

0

O Concello de Nigrán vén de convocar o seu ‘I Certame Infantil e Xuvenil de Relatos Curtos Carlos Casares’ dirixido a todos os centros públicos e concertados do municipio (Primaria, Secundaria e Bacharelato) ou de Educación Especial. O obxectivo é promover a lingua galega entre a mocidade ao tempo que se homenaxea a un dos veciños máis ilustres de Nigrán, Carlos Casares, no 20 aniversario do seu cabodano. Neste sentido, o Concello organizará múltiples actos durante todo o ano tamén xunto á Fundación Carlos Casares, como é o caso.

“Para Nigrán é un orgullo que Carlos e Cristina elixisen vivir en Vilariño e que aquí virán medrar aos seus fillos, as súas ilusións, os seus libros e os seus proxectos”, sinala o rexedor, Juan González, quen aposta por manter este certame de xeito anual adicado a súa figura e avanza un verán cheo de programación adicada ao escritor que incluirá roteiros, teatro ou exposicións. “Todos tiñamos conciencia cando o víamos pasear coma un veciño máis de que Casares era unha persoa moi especial e de que era unha honra telo aquí, por eso consideramos un deber honrar a súa memoria desde o Concello”, considera.

Cada colexio e instituto poderá presentar ata o 17 de Maio un máximo de 4 obras, ben elaboradas por un alumno ou por un grupo deles, sempre coa condición indispensable de ser en galego, inéditas e orixinais. O Concello establece neste certame dúas categorías, ‘Cativos’ (nados entre o 01/01/2013 ó 31/12/2010) e ‘Mozos’ (nados do 01/01/2009 ó 31/12/2003), outorgando cadanseu premio ao centro gañador, consistente nunha obra de teatro ou similar e un lote de libros, ademais dunha condecoración. O xurado estará representado por un representante da Fundación Carlos Casares e outras dúas persoas recoñecidas pola súa vinculación ao mundo editorial e literario. O resultado darase a coñecer o 1 de xuño no Taboleiro Municipal e Sede Electrónica. Neste mesmo espazo están penduradas as bases do certame, onde se explica o sistema de sobres e pseudónimo para preservar o anonimato en todo o proceso ou cuestións como a extensión máxima, tamaño de letra…  

A Andaina Solidaria Tudense leva 18 anos dando a coñecer o entorno natural e patrimonial de Tui

0

O próximo sábado, 14 de maio, celebrarase a décimo oitava edición da Andaina Solidaria Tudense, un evento que foi presentado esta mañá na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e o presidente do club Andatui Rego da Pedra, José Martínez Tato.

Neste acto o alcalde, Enrique Cabaleiro, manifestaba que “manter unha actividade deste tipo durante 18 anos reflicte o traballo que hai detrás de cara a poder consolidar esta proba que é un referente no noso calendario deportivo, e é un referente para moitas persoas, afeccionadas a camiñar, que nos visitan cada ano para participar nesta andaina”. Engadía o rexedor tudense que nesta actividade “mestúrase a práctica deportiva co coñecemento do medio, un medio excepcional coma o Parque Natural do Monte Aloia e do ámbito patrimonial do noso conxunto histórico”.

Pola súa parte o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, agradecía o labor do club AndaTui na organización tanto desta andaina solidaria con SOS Tomiño Baixo Miño, coma coas diferentes actividades que realizan ao longo do ano. O concelleiro animaba “a participar e disfrutar da paisaxe e das rutas que temos”.

O presidente do Club AndaTui Rego da Pedra, José Martínez Tato, comezaban indicando coma este ano cúmprese a 18 edición, tras a ausencia debido a pandemia en 2021, nunha actividade coa que cada ano “queremos ensinar a riqueza que ten Tui e o Parque Natural do Monte Aloia”, polo que cada edición presentan un novo percorrido. O próximo sábado, 14 de maio, sairán ás 10 h da praza da Inmaculada para realizar un tramo do Camiño Portugués, enlazar coa ruta da Pedra Santa, a Ponte das Febres, os Muíños de Paredes, a capela de San Xián, Frinxo e o Alto dos Cubos, para regresar ao punto de partida. En total serán 23 quilómetros de andaina.

A inscrición está aberta até o próximo mércores, 11 de maio, ás 23.59 h ou até completar as 200 prazas establecidas coma máximo. As persoas interesadas deben seguir as instrucións que figuran en www.andatui.es e aboar o prezo 12 euros, no que se inclúe seguro, camiseta conmemorativa, xantar e avitullamentos ao longo do percorrido. Os alimentos recollidos na entrega dos dorsais serán doados a SOS Tomiño Baixo Miño.

O Concello presenta ao proxecto de mellora viaria da N-120 un total de 16 alegacións consensuadas coa veciñanza

O Concello de Ponteareas presentou este mércores un total de 16 alegacións ao proxecto de trazado da mellora de seguridade viaria na N-120 presentado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, todas elas consensuadas coa veciñanza tras un mes de xuntanzas e encontros cos grupos políticos, con colectivos e cos propios veciños e veciñas das parroquias directamente afectadas polo proxecto do goberno do Estado para un treito de cinco quilómetros que atravesa Areas, Arnoso e Xinzo. “Traballamos todos xuntos e xuntas para mellorar este trazado, dar a solución axeitada a un problema histórico da vila e que Ponteareas conte por fin coas infraestruturas que lle corresponden”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Para conseguilo, tras unha primeira análise do proxecto, membros do Goberno municipal do BNG-PSOE mantiveron xuntanzas coa veciñanza destas tres parroquias afectadas, así como cos de Ribadetea e Padróns, cuxa estrada de acceso e saída principal se ve afectada no proxecto. “Quixemos abordar con todas e todos os afectados cuestións de interese xeral que detectamos e, ao mesmo tempo, recoller todas as súas suxestións para analizalas e incluílas no documento de alegacións en caso de que fora preciso”, explica a rexedora.

Con toda a información recollida, o Concello elaborou un documento de alegacións no que se recollen modificacións en aspectos como os accesos ás parroquias, a seguridade peonil, as marquesiñas de autobús ou as previsións de infraestruturas do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ponteareas. Así, solicítase ao Ministerio que o proxecto teña o seu inicio na Rotonda dos Alfombristas para favorecer a correcta comunicación das parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo co centro urbano; que se inclúan pasarelas peonís  ao longo do ponte sobre o Tea “para non deixar illados aos veciños e veciñas dunha e doutra beira e dar continuidade á actuación global”; ou a creación de sendas peonís a ambas marxes da N-120, a creación de novos pasos de peóns solicitada pola veciñanza e a incorporación de varios tramos de beirarrúas “para mellorar a seguridade viaria para os usuarios e usuarias” en diferentes tramos.

Nas alegacións o Concello tamén solicita que se incorporen as rotondas na Lomba e na zona de talleres Pino na saída de Ribadetea que se recollen no PXOM recentemente aprobado, así como a creación dunha nova entre a zona das naves industriais de Covelo e Hiperxel e o desprazamento da rotonda de entrada a Arnoso proposta pola veciñanza. Por outro lado, as alegacións tamén contemplan que se reforme a saída da antiga N-120 en Confurco para mellorar a seguridade viaria na zona; que se manteñan as conexións das vías municipais existentes, suprimindo todos os cortes e balizas propostas no proxecto; e que se manteñan as paradas de autobús existente e que se incorpore unha nova que substitúa á suprimida pola creación da rotonda de Xinzo, segundo os planos do documento.

Ademais, o Goberno municipal adheriuse á proposta veciñal de executar axeitadamente as ‘trompetas’ de entrada e saída en ata seis puntos de conexión coa N-120 dende os vieiros municipais, así como que se teñan ten conta as redes de abastecemento existentes ao longo do trazado, públicas e privadas, para que se poidan desenvolver por fóra da plataforma resultante e facilitar o seu acceso para o seu correcto mantemento e reparación.

Neste traballo de revisión conxunta do documento para presentar as alegacións oportunas, o Concello tamén puxo a disposición de veciñas e veciños o persoal da área urbanística para asesoralos na realización de alegacións individuais ao proxecto.

Tras a presentación das alegacións, o Concello continuará co seu seguimento exhaustivo de todo o proceso para garantir que se avance con axilidade e que as melloras na seguridade viaria da N-120 sexan unha realidade na maior brevidade de tempo posible, “executando as distintas fases do procedemento sen dilacións e sen retrasos”.

A Concellería de Medio Ambiente propón tres actividades para conmemorar o Día Mundial da Reciclaxe

0

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela que dirixe Alberto Álvarez vén de dar a coñecer tres propostas para toda a familia, que se desenvolverán entre maio e xuño, e coas que se quere conmemorar o Día Mundial da Reciclaxe.

A primeira das actividades será unha Xincana Infantil que terá lugar sábado 21 de maio. Cómpre sinalar que esta actividade, foi adiada ata o día 21 ao coincidir a celebración do Día Mundial da Reciclaxe, o 17 de maio, coa celebración do Día das das Letras Galegas.

Esta xincana infantil, que se desenvolverá entre as 17 horas e as 20 horas, está pensada para nenos e nenas de máis de 5 anos e o punto de saída será a Praza do Concello. As e os participantes serán distribuídos en equipos de 6 a 8 compoñentes e cun adulto responsable por cada un dos equipos.

Aínda que a actividade é de balde, será precisa inscrición previa e todas e todos os participantes recibirán un agasallo.

O venres 3 de xuño, chegará outra proposta ideada para toda a familia como é unha xornada de Observación do Ceo Nocturno. Trátase dunha actividade de observación astronómica para toda a familia na que, da man dun guía especializado, as persoas participantes recibirán explicacións sobre as estrelas máis importantes, as constelacións visibles e os métodos de orientación que se poden seguir a través do ceo nocturno.

A actividade desenvolverase no campo de fútbol de Tuimil, no Viso, entre as 22:30 horas e as 00:30 horas e será necesaria reserva previa.

Finalmente, o sábado 4 de xuño, a Concellería de Medio Ambiente propón unha actividade centrada na enseada de San Simón, como é un paseo en kaiak e paddle surf que permitirá coñecer os valores naturais da contorna dende unha óptica diferente.

O horario será de 10 h a 14 horas con saída dende o porto de Cesantes. O prezo desta actividade é de 15 euros, prezo bonificado polo Concello de Redondela.

Para reservar praza en calquera das actividades, as persoas interesadas poden facelo a través do teléfono 986 401 715 ou do enderezo de correo electrónico [email protected]

A Deputación deseña o Plan de Enogastronomía

O goberno da Deputación de Pontevedra vén de deseñar o Plan Provincial de Desenvolvemento Turístico do Destino centrado na Enogastronomía que se presentará á convocatoria dos Fondos Next Generation e que ten por obxectivo contribuír ao desenvolvemento económico fixando poboación no rural a través dunha iniciativa multiexperiencial que quere converter á provincia nun destino sostible, dixital, integrador e innovador e nun territorio de Excelencia. O traballo contou con un amplo proceso participativo onde o sector público e privado estivo activamente implicado e que se perfilou hoxe na reunión da Mesa Provincial de Turismo. No encontro,  presidido por Carmela Silva e no que participaron, entre outras persoas, o presidente do Clúster de Turismo, deputada e concelleiras de Vigo, Pontevedra e Poio, a directora do Aeroporto de Peinador e representantes da Ruta do Viño, Turismo de Sanxenxo, FEPROHOS e dos CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo), déronse a coñecer as principais liñas da proposta, que está aliñada co Plan Nacional de Turismo Gastronómico.

A presidenta da Deputación incidiu na importancia de que “falamos dun proxecto conxunto, dun plan moi diverso e plural, que parte do consenso entre o sector público e o sector privado, dando resposta a este territorio que é unha forza da natureza enogastronómica. Temos que ser ambiciosas e ambiciosos, sinalou, porque a nosa provincia conta con elementos para poder selo e sentirnos moi orgullosas e orgullosos”. O plan baséase na transición verde, na competitividade, na transición dixital e na eficiencia enerxética para converter á provincia nun destino enogastronómico que promova o desenvolvemento económico tanto dos concellos como do sector privado relacionado coa cadea de valor enogastronómica, desde a produción ata a transformación do produto, e a creación de experiencias turísticas. “As persoas turistas –remarcou Carmela Silva- buscan experiencias, emocións, contacto coa natureza, coa historia, co que identifica aos lugares ata onde se desprazan. A xente quere moverse, vivir cousas, ter coñecemento e involucrarse e nós temos moitas opcións que ofrecerlle, dende logo, todo o que ten que ver coa enogastronomía é fundamental. Este plan conta con iniciativas diferentes, moi diversas, multiexperienciais e traballadas conxuntamente que conforman unha idea turística moi potente para a provincia”. Así, o Plan contempla accións co sector privado, tanto da hostalería como das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas que operan na provincia, sexan do eido da economía circular ou do impulso de iniciativas turísticas. Tamén prevé actuacións e investimentos como a sinalización de recursos enogastronómicos e accións de dixitalización e creación de produto.

A primeira edición de FORMAMOS un éxito na xornada inaugural

0

Logo da implicación acadada dende os centros de ensino, entidades formativas e institucións públicas, o Concello de Mos, a través da concellería de Educación e Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego desenvolve a I MOSTRA DE EDUCACIÓN E FORMACIÓN FORMAMOS, durante as xornadas de onte e hoxe, no Pavillón Municipal Óscar Pereiro e nun espazo anexo exterior. 

Trátase dun escaparate formativo que permite asistir a demostracións en vivo, encontros con profesionais ou recabar información especializada do sector. 

O director xeral de Centros, Jesús Álvarez Bértolo, que visitou a mostra onte ao mediodía, definiuna como unha oportunidade para coñecer a ampla oferta educativa galega. O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade percorreu os expositores desta feira, que se desenvolve ata mañá xoves acompañado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Educación, Julia Loureiro, e o director do Colexio Lar, coorganizador do evento, Rodrigo Salgado Pombo.

Álvarez Bértolo puxo en valor a amplitude de posibilidades que ofrecen os centros de ensino dependentes da Xunta de Galicia, desde a etapa de Infantil ata a Formación Profesional, pasando polas ensinanzas de réxime especial (Escolas Oficiais de Idiomas, ensinanzas artísticas…). Así mesmo, destacou a oportunidade que citas como esta mostra representan para que o alumnado, as familias e o conxunto da comunidade educativa coñezan estas propostas académicas.

A través de máis de 40 expositores, os visitantes poden informarse sobre a oferta de centros de FP ou universidades, así como da actividade de diferentes formacións xuvenís. Ademais dos stands ou casetas, no marco da mostra realízanse demostracións prácticas das ensinanzas FP, amósase un simulador de incendios da empresa Seganosa ou equipamento de robótica da empresa Unimate.

Tras a visita institucional á mostra a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou “a gratitude aos representantes dos mais de 40 expositores chegados desde Galicia, Navarra e Madrid pola súa participación”. Entre eles atópanse as Forzas Armadas, Garda Civil e Policía Local, AEMOS, Universidades de Vigo e da Coruña, etc. E a rexedora local mosense puxo en valor sobre todo “a importancia desta mostra que é de gran interese tanto para mozos/as, familias e centros educativos e unha inmellorable oportunidade para coñecer de primeira man as posibilidades educativas existentes en función das necesidades, intereses, obxectivos e perfil do usuario/a. Esta mostra coincide co comezo do periodo de matriculación do alumnado de Bacherelato en: Universidades,  Ciclos Formativos, Academias ou Corpos de Seguridade, etc. Polo que con ela preténdese dar respostas ás inquedanzas: do estudantado e das súas familias, así como a toda a veciñanza interesada na procura de saídas profesionais con futuro laboral. Abrangue todo o abano de possibilidades, desde formación universitaria a ciclos, estudos musicais, escola de pilotos, azafatas…etc. É importante visibilizar a necesidade tamén da Formación Profesional e que a mocidade non crea que a clave do éxito está somentes na Universidade. A profesionalización en todos os sectores é clave para a economía e para a sociedade”, concluiu a alcaldesa.

O percorrido polos expositores rematou cunha demostración do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Torroso, concretamente do grupo Argonat Band.

Os 42 expositores da feira ofrecen múltiples posibilidades educativas en Galicia, Navarra e Madrid.

A concelleira de Educación Julia Loureiro Campo, explica que, “a idea de poñer en marcha esta mostra naceu xa antes da pandemia na procura de saídas profesionais con futuro laboral na contorna próxima e para dar visibilidade ás entidades formativas con presenza no ámbito local, provincial, autonómico e nacional. Un soño que por fin se fixo realidade”, declarou.

Consolídase o crecemento nos visitantes a Tui

0

Ata 2.854 persoas se achegaron en abril á nova Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui, situada no céntrico Paseo da Corredoira. Ao longo do mes esta Oficina atendeu  a un total de 2.087 turistas, deles 154 de procedencia estranxeira e 1.933 de procedencia española. Xunto a eles un total de 767 peregrinos, 354 procedentes doutros países e 413 de orixe española. Compleméntanse estes datos cos ofrecidos pola Oficina do Peregrino da catedral de Santiago de Compostela, que recollen que un total de  2.665 peregrinos iniciaron o seu Camiño de Santiago na nosa cidade, consolidando a Tui como terceiro lugar de inicio da peregrinación a Compostela, logo de Sarria e a moi pouca distancia de Porto (con 2774). Sumando os peregrinos que inician a súa ruta xacobea en Valença (1.380) a Eurocidade Tui – Valença é o segundo lugar de inicio da peregrinación polos diferentes Camiños de Santiago.

Cabe resaltar como o Camiño Portugués con 8.598 peregrinos é o segundo itinerario elixido polos peregrinos logo do Camiño Francés (con 18.330) e a moita distancia do Camiño Inglés (1763 peregrinos) ou o Camiño Portugués da Costa (1.686 peregrinos).

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, consolídase a tendencia que se recolleu nas estatísticas de visitantes na pasada Semana Santa con 1.436 consultas nesta Oficina Municipal de Turismo (entre o venres 8 e o domingo 17 de abril). As cifras pois recollen unha tendencia crecente no número de visitantes á nosa cidade, atraídos polos recursos de interese patrimonial e turístico que oferta o núcleo tudense, un continxente de visitantes que dinamiza o tecido socio-económico do noso municipio.

Do desglose dos datos, podemos recoller que a maioría dos visitantes á nosa cidade proceden de Madrid (366),  Burgos (70), Biscaia (61)   Cantabria (49), Barcelona (39), Valladolid (35), Asturias (27), sen esquecer aos visitantes de proximidade procedentes de Pontevedra (271), A Coruña (193) ou Ourense (53). Pola súa banda, os visitantes de orixe estranxeira teñen a súa orixe en Portugal (52), Croacia (25), Arxentina (24), Eslovenia (15), Alemaña (10)….

No caso do peregrinos tamén é a Comunidade de Madrid a que aporta máis, con 99 peregrinos, seguida de Pontevedra (63), Sevilla (33), Barcelona (27), Málaga (16), Navarra (16), Alacante (15),Murcia (13), Xaén (12), Las Palmas (11)…..

No que atinxe aos peregrinos estranxeiros os datos da Oficina Municipal de Turismo recollen estas procedencias: Portugal (68), Alemaña (62), Italia (47),Reino Unido (24),Francia (20), Bélxica (16),Corea (11), Brasil (10), Países Baixos (8)…

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, estima que estes datos positivos expresan as posibilidades de desenvolvemento e crecemento do sector turístico tudense, un labor no que o Concello de Tui amosa o seu compromiso promovendo nos últimos meses importantes actuacións (apertura da nova Oficina de Turismo, proxecto Río Miño navegable coas viaxes turísticas no río Miño, presenza en feiras como a BTL de Lisboa, etc.) para mellorar a oferta de Tui. Unhas actuacións nas que o Concello procura tamén a implicación e complicidade da sector privado para dotar de maior atractivo e calidade a visita á nosa cidade.

O Concello de Nigrán arranca este sábado a súa programación especial do Mes das Letras Galegas

0

O Concello de Nigrán arranca este sábado 7 de maio ás 21:00 horas na Alameda de A Ramallosa a súa programación especial polo ‘Mes das Letras Galegas’ co concerto estrea da nova xira de ‘A Banda da Loba’. Este grupo feminino que revolucionou no 2017 o panorama musical galego elixe Nigrán para dar a coñecer “Xabón Lagarta”, o seu cuarto disco inspirado neste caso no universo vital das lavandeiras e neses espazos de liberdade, confidencias e insubmisión que eran os lavadoiros. Integrado por cinco mulleres que decidieron unir as súas traxectorias, destacan polo seu repertorio propio e por musicalizacións de poetas célebres. Todo isto baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, pop, folk… A banda de Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión) resultou gañadora de diferentes certames e é unha habitual na programación cultural do Concello de Nigrán.

A programación especial polo Mes das Letras Galegas continúa o 8 de maio cunha excursión gratuíta para realizar sendeirismo nas aldeas do Xisto (Portugal) cuxa inscrición está aberta ata este xoves a través dun formulario web en www.nigran.es. Este mesmo día o Concello colabora co Centro Cultural Bolos da Carrasca nos actos polo Día da Nai e das Letras Galegas con música tradicional en directo (Folk Remol O Torreiro e Ecos e Agarimos de Peitieiros) desde as 19:00 horas. Xa o 14 de maio o Concello organiza coa Asociación Galega de Lupus a súa primeira foliada solidaria en Chandebrito, que comezará pola mañá con plantación de árboles e sesión vermú co grupo de gaitas da parroquia e, xa a partir das 17:00 horas, coa actuación de diversos grupos tradicionais de toda a provincia. Ao día seguinte, 15 de maio, o Concello estrea o ciclo ‘Redeiras, elas tecen’ co concerto de Law&GazzFunkdation ás 20:00 horas no Auditorio Municipal, este ciclo de música continúa o día 28 con Sabela Cereijo.

No propio día 17 de maio, como é habitual, o Concello participa no Día da Bicicleta no Val Miñor con saída ás 10:00 desde o Pavillón de Panxón (inscripción previa mínimo 40 minutos antes). Xa pola tarde, coincidindo coa Festa Gastronómica de Camos no Torreiro de San Roque, o Concello ofrecerá neste espazo actuacións musicais tradicionais e representación dos Maios. A partir das 20:00 horas a festa trasládase ao Torreiro de Priegue coa lectura de poesía galega e as actuacións de Loureiro Verde e Dúo de Acordeóns Vilas . Precisamente, este día 17 de maio é o prazo límite para enviar propostas ao I Certame Infantil de Relato Curto ‘Carlos Casares’ dirixido aos colexios de Nigrán, sendo o primeiro concurso do Concello ao respecto.

Nito Pereiro-Oliveira inaugura a súa exposición “Verdades e quimeras”

O Círculo Recreativo Cultural do Porriño acolleu onte a presentación da exposición “Verdades e quimeras”, do porriñés Nito Pereiro-Oliveira.

A mostra foi presentada polo seu discípulo e membro da asociación O Porriño Arte, Carlos Díaz, e polo alcalde, Alejandro Lorenzo.

Díaz indicou que foi da man de Nito Pereiro con quen tivo a oportunidade de recuperar unha afición que tiña aparcada dende hai moitos anos. “Con el, tanto eu como moitos outros pintores porriñeses entusiasmámonos co mundo da pintura”, explicou, “Con Nito aprendín o pouco que sei e a el recurrín sempre ante calquera dificultade e para que puxera algúns toques de realidade en moitos dos meus cadros”. Asegurou que o artista porriñés é para el “un gran maestro da cor. As súas obras están repletas de imaxinación, pasión, compromiso…Nito fálanos a través dos seus cadros”.

Pola súa banda, o alcalde puxo en valor a obra e a figura de Pereiro-Oliveira. “Falar do Porriño é falar de cultura, e falar de cultura é falar de Nito Pereiro-Oliveira”, asegurou, “Hoxe xoga en casa, apoiado por un montón de porriñeses que se sinten, coma min, orgullosos de contar cun artista do seu nivel na vila”.

“Hai 47 anos saín do Porriño cun único obxectivo: estudiar e formarme o máximo posible para convertirme nun bo pintor. Pero nunca perdín o contacto co Porriño. Aquí nacín, aquí viviu sempre a miña familia e aquí está moita xente que me importa”, confesou Nito Pereiro,  “Hoxe síntome emocionado de estar aquí con esta mostra que presenta unha obra que creei durante a pandemia e reflexa o que me afectou e o que quixen compartir”

A exposición estará aberta ao público ata o 2 de xuño no salón de actos do Círculo Recreativo Cultural.

Longa e prolífica traxectoria

Nito Pereiro-Oliveira é un dos máis prolíficos artistas plásticos do Porriño. É membro de ARGA (Asociación de Artistas Plásticos Galegos) e da Asociación Española de Pintores e Escultores. Durante estes anos de pandemia desenvolveu unha incesante e recoñecida labor. Participou, por citar algunhas, na Exposición colectiva 40+1 na Casa de Cantabria en Madrid, Exposición en Galería Souto de Vigo, “REENCUENTRO” na Galería Santana Art de Madrid, “VERANO” na galería OCCO-ART de Madrid, “CINCO MIRADAS” na Galería ALEMI de León, “PRIMAVERA na galería OCCO-ART de Madrid. Destaca tamén a súa recoñecida obra, “Intento Mirarte” que obtivo o premio BALUARTE na 85º Edición do Salón de Otoño, que estivo exposta na prestixiosa Sala Baluarte do Centro Cultural Adolfo Suárez de Madrid, e que hoxe pode disfrutarse na mostra do Porriño.

O Museo enche de música as ruínas de San Domingos no concerto ‘Gromos’

O Museo de Pontevedra vai encher de música este venres o seu edificio máis antigo, as Ruínas de San Domingos, cun concerto titulado ‘Gromos’ a cargo dunha formación exclusiva liderada Ábe Rábade no piano e a composición, Davide Salvado na voz e percusión, Jimena Andión no cello e Pablo Martín Carnicero no contrabaixo.

Será un recital no que se poderán escoitar coplas e melodías populares relacionadas coa vexetación autóctona de Galicia que funden o rural e o urbano, “un mapa sonoro de especies vexetais que guía ao oínte por un bosque mixto: o jazz contemporáneo, a tradición musical galega e a orquestración colorista”. Trátase de pezas tradicionais e outras orixinais “cun pé na música tradicional galega”, di o compositor.

Cada creación que se tocará en ‘Gromos’ estará dedicada a unha árbore, froita, semente, flor ou conxunto de especies: Freixo, Amor de raíz, Amores de ponla, Maneo do Tempo, Narciso, Castaña, Teixo, Menciñeira núa e Alalá fugado& Carballesa de Duír.

O proxecto ‘Gromos’ supón a estrea da nova parte do próximo disco de Abe Rábade titulado ‘Botánica’, un traballo máis grande e global, que se gravará en Madrid no mes de xuño e que se completará coa parte xa coñecida –presentada en Londres- e centrada no jazz baixo o nome de ‘Seeds’ (sementes).

Na actuación en Pontevedra xuntaranse catro músicos Abe Rábade, Davide Salvado (do mundo da música tradicional), Jimena Andión (do mundo da música clásica), e Pablo Martín Caminero (do mundo do flamenco-jazz) nunha formación exclusiva para o concerto das Ruínas de San Domingos, sen ter bagaxe previo como banda. No novo disco converxerán estas e estes catro intérpretes tocando a parte máis tradicional e étnica do repertorio xunto a outros catro diferentes para a parte máis jazzística de ‘Seeds’. A asistencia ao concerto do Museo, que será o venres 6 ás nove da noite nas Ruínas de San Domingos, será por entrada libre ata completar capacidade.

Bateo de ouro e obradoiros na cuarta edición da Feira de Minerais e Fósiles de Guláns

A cuarta edición da Feira de Minerais e Fósiles de Guláns chega a Ponteareas esta fin de semana cunha morea de actividades de balde para todos os públicos. Os vindeiros 6, 7 e 8 de maio o auditorio do Centro Cultural de Guláns converterase no escenario desta feira que contará coa presenza de doce expositores de minerais, fósiles e xoiaría de Galicia e Portugal e cun programa de obradoiros dos que o público poderá gozar cada día de 10.00 a 21.00 horas.

Organizada en colaboración co Concello de Ponteareas, a feira contará con 60 metros de exposición que abrirá diariamente ao público totalmente de balde. Pero ao longo destes tres días tamén haberá obradoiros como o de bateo de ouro ou de xoiaría ou un taller de mineraloxía impartido polo Grupo Mineralóxico Galego e outro de identificación de minerais pola Escola de Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo dirixido especialmente a alumnado de diferente centros de ensino.

A concelleira de Ensino e alcaldesa, Cristina Fernández Davila, anima a toda a veciñanza e familias a visitar estes días a feira e gozar das actividades didácticas e lúdicas que se ofrecen. A rexedora salienta que “iniciativas como a Feira de Minerais de Guláns permite especialmente á mocidade descubrir sectores diferentes e temáticas científicas sorprendentes que poden converterse en vocación para moitos rapaces e rapazas”.

O Concello felicita á organización polo traballo feito e agradece ao Grupo Mineralóxico Galego é á Escola de Enxeñaría de Minas da Universidade de Vigo a súa colaboración para levar adiante unha nova edición desta feira.

A Deputación celebra a nominación da seria “Un asunto privado” no Festival de Montecarlo

A Deputación de Pontevedra vén de amosar a súa alegría e orgullo tras coñecer que “Un asunto privado”, de Bambú Producciones, competirá pola Ninfa de Ouro na categoría de ficción do Festival de Monte Carlo, o festival máis recoñecido de televisión en Europa, que se desenvolverá entre o 17 e o 21 de xuño. A institución provincial, na súa estratexia de promoción como destino de rodaxes no marco da Pontevedra Provincia Film Commission, cedeu o Pazo Provincial de xeito gratuíto e áxil para acoller escenas da serie, que se estreará proximamente en Prime Vídeo en máis de 240 países. Xunto ao Pazo, foron tamén escenarios de rodaxe da serie as cidades de Pontevedra, Vigo, Tui, así como Combarro, Fornelos de Montes e Baiona.

Para a Deputación de Pontevedra a nominación de “Un asunto privado”, producida pola pontevedresa Teresa Fernández-Valdés a quen trasladou a felicitación, é un revulsivo para seguir apostando pola promoción de Rías Baixas como lugar de rodaxes de proxectos audiovisuais e cinematográficos no marco da Pontevedra Provincia Film Commission. Con este servizo público e gratuíto a institución provincial pretende incrementar o posicionamento da súa  imaxe de marca a nivel nacional e internacional e o crecemento económico da provincia, asesorando a empresas e profesionais do sector audiovisual que desexen rodar en Pontevedra, facilitándolles todos os trámites e necesidades para poder realizar os traballos.  “Un asunto privado” foi rodada na provincia en plena pandemia, entre  outubro de 2020 e mediados do 2021.  Sen ser aínda estreada xa ten sido nominada na 61 edición do Festival de Monte Carlo, converténdose na única española na competición oficial. Así, pelexará pola “Ninfa de Ouro” contra Ida´s Novel” (Hungría), “Made in Oslo” (Noruega), “Martha Liebemann” (Alemaña), “The Offer” (EEUU), “The terminal list” (EEUU), “The Tourist” (Gran Bretaña), “Torm” (Islas Feroe) e “Vincenzo Malinconico, Avvocato D´Insuccesso” (Italia).

Baiona abre o prazo para participar na “Escola de Verán 2022”

0

Imaxe de arquivo da Escola de Verán 2021

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona abre o prazo para solicitar praza para participar na Escola de Verán 2022.

A actividade está dirixida a nenos e nenas nados entre o ano 2010 e 2018. Ademáis deberá acreditarse unha das seguintes circunstancias: Unha das persoas proxenitoras (pai/nai/titor) debe estar empadroada no municipio con data anterior a esta convocatoria (non é necesario acreditalo, o Concello de Baiona verificará que a nai ou pai das persoas menores para as que se solicita praza están empadroadas no municipio); que o neno para o que se solicite praza este escolarizado no curso escolar 2021-2022 nun centro educativo  de Baiona ou que o pai, nai, titor do menor para o que se solicita praza, traballe ou posúa un negocio en Baiona. En caso de familias monoparentais deberá traballar o pai, nai titor que estea a cargo do menor.

O programa desenvolverase ao longo do mes de xullo, de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas no CPI Covaterreña e no CEP de Sabarís, salvo festivos. Haberá flexibilidade no horario de entrada (de 8:00 a 9:15h. ) e no horario de saída (de 13:45 a 15:00h) sempre que se sinale na solicitude.

A Escola de Verán 2022 do Concello de Baiona é un programa que ten como obxectivo xeral “facilitar ás familias do municipio un recurso para conciliar a vida laboral, persoal e familiar, establecendo un servizo sociocomunitario que mellore a calidade de vida do territorio, potenciando ademais a optimización de recursos a través da utilización dos centros educativos municipais fóra do horario lectivo”.

As persoas interesadas en participar na convocatoria deberán presentar a solicitude de inscrición (Anexo I) debidamente cumprimentada e asinada, xunto coa documentación requirida de acordo co artigo 12, no rexistro de entrada do Concello de Baiona de luns a venres en horario de mañá, , ou a través da sede electrónica do  Concello de Baiona, O prazo para presentar a solicitude é   dende o xoves 5 de maio ata o venres 20 de maio ámbolos dous incluídos. No caso de solicitudes presentadas pola Sede Electrónica, éstas poderán presentarse en calquera hora ou día durante a vixencia do prazo de solicitudes ata o venres 20 de maio ás 14:00 horas.

O Programa é cofinanciado polas familias participantes, polo Concello de Baiona e pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022 (Liña 2).

O autobús de “Coidados porta a porta” chega ao Porriño

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernándo González Abeijón, e os concelleiros Abel Estévez, Rosario Costas e Carolina González, vistou onte o autobús de Coidados Porta a Porta, que está a ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores da localidade xeito gratuíto.

Segundo informaron, as citas están completas os catro días que a unidade móbil permanecerá no Porriño, no aparcamento da Piscina Municipal.

“É unha iniciativa pioneira que aplaudimos chegue ao Porriño e que está a ter moita demanda”, explicou o alcalde, “Desde o Concello volcámonos especialmente na atención aos nosos maiores e en poñer á súa disposición todas as ferramentas que estén ao noso alcance para mellorar a súa calidade de vida”.

Neste sentido, cabe destacar que o novo executivo puxo en marcha a tal fin a concellería de Terceira Idade, un departamento específico que traballa de maneira transversal co resto das áreas para dar resposta ás necesidades das persoas maiores e garantizar que a localidade ofreza a calidade de vida que estes merecen. 

O sábado 7 de maio, nova cita coa Mostra de Produtos de Covelo na praza Mestre Cerviño

0

Este sábado 7 de maio e despois de máis de corenta anos, volve o fotógrafo minuteiro á praza Mestre Cerviño. O fotógrafo, artista, profesor e veciño de Covelo, Ángel Borrué, homenaxeará ao pai deste máxico invento, o fotógrafo barcelonés Juan Cantó y Mas, e retratará ás xentes e visitantes de Covelo que pasen este sábado pola Mostra de Produtos.

Como cada primeiro sábado de mes, Covelo celebrará a súa feira de produtos ecolóxicos e de proximidade e nela daranse cita produtores e vendedores de toda a comarca. Produtos téxtiles, macramé, artesanía, decoración, cestería, cosmética natural, xoiería, horta ecolóxica, pan artesán, maquetería, libros, prantas, xoguetes, cerámica e un longo etc de xéneros dispostos a atraer e satisfacer aos visitantes.

Trasladámonos a finais do século XIX

A novidade deste sábado vén da man de María e Ángel que, ademais do seu posto de libros, ofrecerán a oportunidade única de fotografarse ao estilo do século XIX. O 12 de novembro de 1887 Juan Cantó y Mas, fotógrafo de Barcelona e fillo do tamén fotógrafo Juan Cantó y   Esclús, patentaba o primeiro aparello de fotografía automática co nome de Báscula fotográfica automática, precedente do  Photomaton. Foi o primeiro no mundo en idear un automatismo fotográfico que funcionaba mediante a introdución dunhas moedas e sería a primeira vez que se integra unha máquina, a cámara e o laboratorio fotográfico.

Daquela era unha moeda de dez céntimos a que accionaba o aparello fotográfico nos lugares turísticos, hoxe Ángel recupera este oficio tradicional case extinguido dende os anos 70 para amosalo en Covelo

Ademais, nesta edición volverán os obradoiros para os máis pequenos e pequenas da casa e  o domingo os roteiros guiados con Julio Eiroa que, nesta ocasión, chegará á Poza Piñeiro. Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse no número de teléfono 654 500 652.

A Mostra de Produtos de Covelo conta co apoio da Deputación de Pontevedra e celébrase de xeito estable cada primeiro sábado de mes posibilitando un espazo de feira no que tamén se pode degustar a gastronomía local e logo partir para percorrer as múltiples rutas de sendeirismo e descansar nas casas e hoteis rurais que ofrece Covelo.

A Mancomunidade do Val Miñor adquirirá un furgón de Protección Civil

0

A Xunta da Mancomunidade aprobou a consignación de 14.000 € para mercar un furgón á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor, concretamente unha Fiat Ducato de 9 prazas. A proposta da presidencia fora acordada previamente polas tres alcaldías que conforman o Val Miñor tras recibir esta petición.

“Realizan de maneira altruísta unha labor encomiable e fundamental para a seguridade dos tres concellos, así que desde a Mancomunidade entendemos que era urxente solventar esta carencia que lles complica a súa propia organización”, explica Juan González, alcalde de Nigrán e actual presidente da Mancomunidade, quen aproveitou a sesión para trasladar os parabéns públicos das tres corporacións e da veciñanza á Agrupación pola ‘Placa ao Mérito’ na Categoría de Ouro polos seus 25 anos de servizo que lles será entregada este sábado na Academia Galega de Seguridade Pública (A Estrada) por parte da Asociación Nacional de Agrupaciones y Asociaciones de Voluntarios de Protección Civil de España.

Este vehículo de segunda man permitirá remplazar definitivamente o todoterreo Nissan Patrol de case 30 anos de antigüidade e, ao mesmo tempo, facilitará moitísimo os grandes dispositivos na comarca, xa que se empregará fundamentalmente para o movemento de persoal e/ou traslado de material. “Eventos como a Arribada, San Xoan, a Vig-Bai, as cabalgatas de Reis ou a Festa da Bicicleta ou a seguridade nas praias implican moitos desprazamentos de persoal, polo que este furgón facilitará enormemente a nosa labor”, explica Iago Álvarez, o seu presidente, quen destaca que se trata dunha das agrupacións máis numerosas de Galicia con 136 voluntarios a día de hoxe. Así, este vehículo que ‘xubilará’ ao actual Patrol sumarase ao todoterreo e á camioneta pickup que conforman a súa frota.

Axuda ao Sáhara

Igualmente, a Xunta da Mancomunidade aprobou a consignación de 25.000 € ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para que os destine a axuda alimentaria de emerxencia nos campamentos de refuxiados saharauis e á recollida de residuos e sensibilización ambiental nestes territorios arxelinos. Estes cartos súmanse aos 10.000 € que xa aprobou ao respecto o Concello de Nigrán e a outros 15.000 € que achegará directamente o Fondo Galego despois de que o rexedor nigranés, presidente tamén do Fondo, visitase xunto ao seu homólogo de Gondomar os campamentos en febreiro e apreciasen in-situ estas necesidades.

“Inicialmente esta achega ía destinarse exclusivamente ao proxecto de recollida de lixo e concienciación ambiental nos campamentos pero desde a Media-Luna Roja Saharaui nos trasladan unha necesidade imperiosa de alimentos ao punto de que nos últimos cinco meses tiveron que reducir as súas racións mensuais en máis dun 50 %”, explica González, quen subliña o “compromiso inquebrantable” do Val Miñor cos saharauis.

Fin de semana musical en Tomiño

0

O Auditorio Municipal de Goián acollerá este fin de semana o tradicional “Concerto do Socio” a cargo da Agrupación Musical de Goián, e o Encontro de Corais, no que a Coral Polifónica de Tomiño actuará como anfitrioa.

O vindeiro sábado 7 de maio actuarán as bandas Xuvenil e Agrupación Musical de Goián, dirixidas por Pedro Villarroel.

Con este concerto, aberto a todo o público, a agrupación quere agradecer “a todas as entidades e persoas que colaboran e fan posible que se poida levar a cabo a nosa labor musical”. O programa escollido para este tradicional concerto posúe pezas dos autores Eric Whitacre, Frank Ticheli, Ralph Vaughan, Masanori Taruya, Robert W. Smith e Naohiro Iwai.

Por outra banda, o domingo 8 de maio ás 19.00 horas, terá lugar o Encontro de Corais de Primavera, no que participarán as corais polifónicas de Oleiros (A Coruña), A Cañiza e Tomiño. A organización corre a cargo desta última, coa colaboración do Concello e da Federación Coral Galega.

A coral tomiñesa pechará o concerto do domingo, baixo a dirección de David González. O programa escollido para a ocasión é o seguinte: “Alecrín dourado” (popular); “Te quisiera llevar” (A. López García. Arranxo de Javier Alonso); “Hermosa” (harmonía de Rey Rivero); “Enguedellos” (harmonía de Rey Rivero) e “A virxe do Portovello” (Manuel de Dios).

A Coral Polifónica de Tomiño comezou a súa andaina no ano 1997, da man de Teresa Clara Iglesias Ramilo, estando formada na actualidade por 30 voces mixtas. Dende a súa fundación, a agrupación polifónica recorreu as comarcas veciñas, e outras moitas de Galicia, Portugal e España, participando en numerosos intercambios, encontros e concursos. Este encontro prodúcese despois de dous anos de parón por mor da pandemia, e con máis de 10 baixas por causa de enfermidade.

A Deputación dá as grazas aos clubes de elite masculinos polo seu compromiso co deporte

Os clubs de elite masculinos da provincia estiveron onte na Deputación para recibir o recoñecemento público da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e do deputado de Deportes, Gorka Gómez. “Queremos darvos as gracias polo voso esforzo e compromiso” e desexarvos “todos os éxitos do mundo”. No acto participaron Lupe Murillo, presidenta do Pontevedra C.F.; Ana Portela, directora deportiva do GD Supermercados Froiz; Charo Castro, presidenta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra; Manuel Falque, vicepresidente do Coruxo C.F.; Manuel Abalo Portas, presidente do Arosa C.F.; Alberto González, presidente do Club Balonmán Cangas; José Antonio Beiro, presidente do Club AMFIV; José Luis Chamorro, presidente do Club Ciclista Rías Baixas; Emilio Álvarez Vilariño, presidente do Tenis de Mesa Monteporreiro-Visit Pontevedra e Jesús Pereiro, director técnico do Bádminton Ravachol.

Carmela Silva subliñou a importancia do deporte e definiuno como “fundamental para construír sociedades mellores e inclusivas, polo que ten que formar parte das prioridades de xestión”. Neste senso, lembrou que “as administracións públicas temos a obriga de financiar o deporte de base, que é fundamental, e tamén o de elite que”, engadiu, ”ten un enorme poder de atracción e sitúa á nosa provincia no mapa”. A presidenta falou con “especial agarimo” do deporte adaptado “que ten moitas máis dificultades que ningún outro” e referiuse así especificamente ao AMFIV que “con tanto sacrificio e traballo foi capaz de situarse como unha grande referencia do deporte da provincia”. “Todas e todos temos que ter a oportunidade de participar”. Carmela Silva tamén se referiu ao “esforzo enorme” dos deportistas “por manterse na elite e mellorar” e fixo fincapé no valor do conxunto dos equipos nos que “hai moitísima xente que traballa sen máis remuneración que a do amor polo deporte”.  

O deputado de Deportes secundou as palabras da presidenta e puxo o acento na axilidade coa que a Deputación de Pontevedra tramita as achegas que se lle conceden anualmente a estes clubs “que sempre teñen que dispor deses recursos económicos canto antes”. Con esas axudas “recoñecemos a vosa dedicación posto que somos conscientes do grande esforzo que facedes para poder competir”. Gorka Gómez tamén repasou os éxitos acadados polos equipos da provincia e situounos como referencias indispensables para achegar o deporte aos máis cativos.

Máis de 800.000 euros no apoio ao deporte na provincia

Os clubs de elite masculinos da provincia recibiron este 2022 da Deputación 590.000 euros en achegas, que sumados aos concedidos aos clubs femininos suman un total de 801.000 euros cos que a institución provincial continúa a impulsar o deporte na provincia.

As mostras de agradecemento dos clubs cara a Deputación foron moitas, tanto pola rapidez coa que recibiron este ano as subvencións como pola predisposición para axudarlles en todo o preciso para tramitalas. Lupe Murillo destacou que as achegas da Deputación “son importantes para a supervivencia dos clubs” e referiuse ao deporte de elite “como fundamental para que haxa deporte de base” xa que nestes equipos están as e os referentes das e dos máis novos. Pola súa banda Charo Castro puxo de manifesto o “apoio incondicional da Deputación non só con achegas económicas senón tamén anímicas”. “Sentímonos moi mimados de xeito especial por esta institución”. En palabras de Ana Portela, a Deputación tivo importancia para o seu club “sobre todo nos últimos dous anos, que foron difíciles para o ciclismo” e Jose Luis Chamorro deixou claro que “outras administracións deben copiar o que fai a Deputación de Pontevedra sobre todo en relación a deportes como o ciclismo que, ao non dispor de ingresos por socios ou venda de entradas, dependen enteiramente dos patrocinios públicos e privados. No acto tamén participou Jesús Pereiro, quen recalcou que a Deputación é “un dos apoios importantes que temos no traballo que estamos a levar a cabo para intentar continuar na elite”. Alberto González fixo mención á axuda brindada pola Deputación a través do Plan Concellos que serviu para renovar o pavimento do pavillón do Gatañal, en Cangas, e José Antonio Beiro, quenfixo fincapé na “proximidade cos clubs” indiferentemente da zona da provincia da que sexan. Pola súa banda Manuel Falque reiterou a importancia do “cambio substancial na entrega das subvencións, que era un problema engadido a todos os que temos que sufrir deportivamente no día a día”. O encargado de poñer fin ás intervencións foi Manuel Abalo, que tomou a palabra para asegurar queno seu primeiro ano en Segunda División B “custounos moito facer un orzamento” e neste senso recalcou que “o apoio da Deputación é o máis grande que temos a nivel económico”.

O Concello cualifica de “ridículo” o prazo de prematrícula aberto para o Bacharelato de Artes de Redondela

0

O Concello e a Federación de ANPAS solicitaron este luns unha reunión urxente co conselleiro, da que aínda nin tan sequera recibiu resposta, ante “a política de improvisación” que está a desenvolver Educación sobre un tema “de capital importancia para a mocidade de Redondela e concellos limítrofes”.

“Non é de recibo que nun tema de tanto calado, como o Bacharelato de Artes, a Consellería de Educación estea actuando cunha política de improvisación continua”, asegurou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, logo de coñecer que a Consellería anunciou a apertura dun “período extraordinario” de prematrícula para dito bacharelato “e que só lle foi comunicado ao IES Pedro Floriani, onde presuntamente se impartirán estes estudos, ocultando dita información ao resto de IES que tiveron que enterarse, ao igual que o Concello, a través da Federación de ANPAS”.

Logo de asegurar a Consellería que, en caso de habilitarse dito bacharelato en Redondela “se daría un prazo de matrícula non interior a 15 días, nais, pais e alumnado atópanse coa sorpresa que tan só teñen 5 días –do 3 ao 9 de maio– para formalizar a preinscrición, nunha nova tomadura de pelo da administración educativa”, denuncia a alcaldesa de Redondela. A propia federación de ANPAS foi a que transmitiu ese prazo ao estudantado de Soutomaior e Pazos de Borbén, “aos que a Consellería tamén ignorou”.

Pese a terse aberto a preinscrición, segue sen coñecerse o número de alumnos e alumnas que a Consellería considera “suficiente” para implantar definitivamente o Bacharelato de Artes xa que, tal e como apunta Digna Rivas, “as rapazas e rapaces terán que preinscribirse ou anular a preinscrición realizada en Vigo, Pontevedra ou Mos para inscribirse aquí, sen saber se realmente van poder estudar esta vía de bacharelato porque a Consellería segue sen definir ese número mínimo de estudantes”.

Pese a importancia que este asunto ten para as familias de Redondela, “a Consellería segue ignorando ao Concello, representante de toda a veciñanza, e o que é máis grave, nin tan sequera dígnanse á responder a unha solicitude de reunión urxente realizada polo Concello, vía correo electrónico ao propio conselleiro, este pasado luns”.

Queda claro para Digna Rivas que tanto o anuncio realizado pola Consellería en días pasados como esta “apresurada e improvisada apertura de preinscrición” son políticas deseñadas “para que o PP local, que sempre estivo de perfil neste tema, poida sacarse a foto e comezar a buscar rendibilidade política a un ano vista dunhas eleccións municipais”.

“Hai temas como este, que afectan ao futuro dos nosos rapaces e rapazas, que deben deixarse fora do debate político” engade a alcaldesa de Redondela para quen “a deslealdade institucional que amosa a Consellería chega a límites dificilmente explicables”. A Xunta, remata Digna Rivas, “segue optando por ignorar ao representante lexítimo de toda a veciñanza para que sexa o PP local o que se anote os tantos”. Afortunadamente, remata a rexedora redondelá “a cidadanía, que coñece perfectamente o que está a pasar, será quen de sacar as súas propias conclusións”.

O Centro Cultural Os Muíños de Oliveira, novo escenario do obradoiro de xoguetes e xogos de refugallo

Ponteareas gozará a vindeira semana dun novo obradoiro de xoguetes e xogos de refugallo, un ciclo de talleres por distintos centros culturais do municipio co que o Concello continúa levando actividades de lecer ás 24 parroquias da vila. A nova xornada deste taller terá lugar o vindeiro martes 10 de maio no Centro Cultural Os Muíños de Oliveira, no que nenos e nenas de 5 a 10 anos traballarán con materiais de reboutallo para realizar diferentes xoguetes de 16.00 a 17.30 horas.

O obxectivo destes obradoiros é, ademais de encher as parroquias de actividade, “facilitar un espazo de entretemento para nenos e nenas e fomentar e estimular neles e nelas a creatividade co uso de restos que xa non se aproveita e  que ían rematar no lixo, o que nos permite sensibilizar ás novas xeracións dun xeito divertido sobre a importancia de darlle unha segunda vida aos obxectos e de reducir o que desbotamos”, salienta o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. Esta actividade percorrerá tamén entre maio e xuño os centros culturais de Bugarín, San Mateo, Areas, Prado e Angoares.

A actividade do vindeiro día 10, de balde, contará con prazas limitadas a un máximo de 15 participantes. As persoas interesadas poderán facer a reserva de praza no propio centro cultural Os Muíños de Oliveira.

Baiona asfalta a ponte sobre o río de Baíña

0

A Concellería de Vías e Obras do Concello de Baiona levou a cabo traballos de mellora do firme na ponte sobre o río de Baíña, no Camiño dá Lavandeira, estrada de acceso ao encoro. Concretamente, hase asfalto toda a ponte dándolle caída á auga facía ao río. Con esta actuación púxose unha solución definitiva a unha problemática que a veciñanza viña padecendo desde hai anos.

“Con estes traballos mellorarase a seguridade viaria da zona. Unha intervención necesaria que tamén ten como finalidade facilitar a mobilidade, e dar resposta ás demandas veciñais”, sinala o rexedor, Carlos Gómez Prado, quen engade que” esta obra súmase a tantas outras que o noso goberno está a realizar nas parroquias, co fin de mellorar as condicións das mesmas”.

O Rosal adxudica a instalación das caldeiras de biomasa na Casa do Concello e na Escola de Pancenteo

0

Novos pasos para facer do Rosal un municipio máis sostible. O Concello vén de adxudicar a subministración e instalación de dúas caldeiras de biomasa para a produción de calefacción mediante combustible de pellet de madeira na Casas Consistorial e na Escola Unitaria de Pancenteo, unha renovación que “permitirá facer destes dous edificios catalogados por Patrimonio instalacións máis respectuosas co medio ambiente”, como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Concello inicia así un camiño cara a transformación paulatina do sistema de calefacción dos edificios públicos nos que o emprego de combustibles fósiles dará paso a outras formas de enerxía renovables. A renovación de caldeiras comezará pola Casa do Concello e a Escola Unitaria de Pancenteo despois de que un estudo pormenorizado do estado dos sistemas de calefacción das instalacións públicas constatara que se trataban das caldeiras máis obsoletas e que se atopaban ao final da súa vida útil.

O uso desta nova fonte de enerxía nestas dúas instalacións “permitirá reducir as emisións de CO2 á atmosfera e favorecerá a eliminación de materiais residuais debido ao tipo de biomasa empregada”. “Avanzamos pouco a pouco cara a unha maior sostibilidade e eficiencia enerxética, deixando de lado caldeiras de gasóleo antigas e pouco eficientes por outras que proporcionarán unha maior eficiencia. O noso obxectivo é diminuír o consumo e seguir camiñando cara a unha enerxía limpa, convertendo pouco a pouco ao Rosal nun referente no emprego de enerxías renovables”, destaca a rexedora.

As obras de instalación, que contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, contarán cun investimento de máis de 94.000 euros para a caldeira da Casa do Concello e case 31.000 euros para a da escola unitaria. En total serán máis de 125.000 euros cofinanciados con fondos propios do Concello e polo Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.

A Deputación recoñece o traballo do SNL de Redondela cunha subvención de 20.000 euros

0

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de recoñecer o traballo que realiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, dependente da concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, coa concesión dunha subvención de 20.000 euros –a máxima cantidade posible– dentro das axudas que o organismo provincial outorga para o reforzo e mantemento do SNL nos concellos.

A concelleira de Normalización Lingüística e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quixo destacar “a importancia da colaboración e apoio da Deputación en materia de normalización lingüística”. A rexedora local adiantou que esta axuda “permitirá avanzar en varios proxectos que o SNL de Redondela ten en marcha”.

Lembrou Digna Rivas que nesa liña de traballo, recentemente presentouse o proxecto de recuperación e conservación da microtoponimia do municipio e, con esta axuda, “poderemos seguir avanzando noutros proxectos innovadores cos cales quere integrar a novos axentes no proceso de normalización lingüística, dende o comercio local até o ensino pasando por áreas tan diferentes como as persoas maiores ou o tecido cultural”.

A alcaldesa redondelá lembrou que Redondela “foi e segue a ser un referente en materia de normalización lingüística” e, historicamente, “un dos primeiros concellos de Galicia en apostar e normalizar o uso do noso idioma nas relacións da administración local coa cidadanía”.

“O noso idioma defínenos como pobo ao igual que a cultura e o patrimonio e como sinal de identidade, temos non so que conservalo, senón fomentar o seu uso”, conclúe Rivas.

A Deputación dará a coñener o “compromiso e a loita” de Florencio Delgado Gurriarán

A Deputación de Pontevedra vén de pechar a súa programación das Letras Galegas 2022 para homenaxear a figura de Florencio Delgado Gurriarán con actividades destinadas a todos os públicos. Dende a dirección dos departamentos de Lingua e Memoria Histórica a deputada María Ortega  considera que o autor “é un exemplo de compromiso co país e de loita mesmo nas peores circunstancias”, polo que a intención  é dar a coñecer e poñer en valor a súa figura entre todas as idades.

Segundo subliña a nacionalista, na planificación das actividades participan as áreas de Memoria e Lingua de maneira coordinada porque “achegarnos a Florencio é un modo de achegarnos a aquela xeración do pasado por vir que quería unha Galiza distinta máis próspera e máis libre. E tamén é achegarnos á literatura do exilio, destacando que na súa obra ademais de gabar o país, denunciou a barbarie do fascismo e nos deu a coñecer o que significaba ser exiliado”.

Para chegar con esta mensaxe a cada público utilizaranse distintas linguaxes: Haberá actos centrais en Vigo (público familiar) e Pontevedra (adulto) os días 11 e 12 de maio, tamén obras teatralizadas para crianzas que se levarán a 35 concellos da provincia, editouse unha banda deseñada sobre a figura destinada á xente moza, e tamén se distribuirán títulos propios do autor para dar a coñecer a súa obra entre os centros de ensino e as bibliotecas e puntos de lectura municipais da provincia.

O primeiro acto aberto ao público (Vigo, sede provincial da Deputación, mércores 11 ás 19 horas) é o espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’, de Serafín Marcos, onde o autor noiés fai un percorrido pola vida do autor a través da súa poesía levando ás persoas asistentes dende o Valdeorras natal ata México co humor característico das súas montaxes. 

O evento parte dun verso tomado unha obra de Delgado Gurriarán e pretende descubrir a traxectoria que fai ao escritor ser merecedor do recoñecemento das Letras Galegas deste ano. Será unha “viaxe de volta ao seu Córgomo natal revivindo a travesía marítima de fuxida no Ipanema e gozando pausadamente da natureza valdeorresa, un relato dinámico e participativo no que os versos de Florencio cobran vida”, explica Serafín Marcos.

O segundo acto aberto ao público será ao día seguinte (mércores 12, ás 19 horas no Pazo Provincial de Pontevedra) baixo o título ‘O retorno de Florencio Delgado Gurriarán’. Será unha mesa redonda conducida por Silvana Moril na que intervirán o biógrafo de Florencio Delgado Gurriarán, Ricardo Gurriarán, cunha exposición baixo o título “Marchei sen calar, dándolle sebo as canelas”; o escritor e profesor de Lingua e Literatura Miro Villar coa intervención “O macrotexto poético de Florencio Delgado Gurriarán”; e a escritora, investigadora e tradutora Tamara Andrés, que falará “Do xardín alleo: Florencio Delgado Gurriarán desde o prisma da tradución”. Haberá intervención musical de Sheila Patricia, que interpretará pezas baseadas en poemas do homenaxeado.

Para asistir a ámbolos dous actos está aberta inscrición de público na páxina web da Deputación. As prazas outorgaranse por orde de solicitude ata completar capacidade.

Crianzas e xente moza

Un dos obxectivos principais dos departamentos de Lingua e de Memoria Histórica da Deputación é achegar os contidos e actividades á cativada e á xente moza. É por iso que sobre todo na programación das Letras Galegas hai as actividades para elas e eles son centrais.

Así, da man de ‘Polo Correo do Vento’ levarase a 35 concellos da provincia totalmente de balde unha actividade que, de xeito ameno e participativo, achegue a figura do homenaxeado como exemplo de amor á terra e mantemento da loita polos ideas. Nestes momentos está aberto o prazo de solicitude para os concellos, que poderán desenvolver o acto ata o mes de xullo.

Neses ‘obradoiros’ alternarase a narración da biografía do homenaxeado coa creación dunha ilustración  e a interpretación de distintas pezas musicais. Contarase ademais con tradución en lingua de signos, para que sexa accesible a todas as crianzas, e rematará cun pequeno coloquio adaptado ás súas idades e un obradoiro no que cada participante realizará a súa propia caricatura de Florencio Delgado Gurriarán

Para xente moza (e non tan moza) a editorial do Servizo de Publicacións da Deputación vén de publicar unha obra de banda deseñada realizada por alumnado de ’O Garaxe Hermético’ e coordinada por Kiko da Silva. Será distribuída entre os centros de ensino da provincia e tamén en diversos actos, así como nos centros de lectura públicos.

Para rematar, a Deputación vén de facer a compra de diferentes títulos realizadas polo propio Florencio Delgado Gurriarán e realizará unha distribución entre as bibliotecas municipais e puntos de lectura de varias das obras, co fin de ampliar a dispoñibilidade da bibliografía a disposición de toda a cidadanía.

Oia abre a tempada de curros este domingo na Valga

0

A tempada de rapas das bestas comeza esta fin de semana en Oia co tradicional curro da Valga, que se celebra este domingo 8 de maio. A actividade comezará desde primeira hora da mañá e prolongarase ao longo da xornada, sendo o momento central da celebración (tarefas de rapa e marcado) arredor das 17.00 horas.

A partir das 9.00 horas os gandeiros comezarán a xuntar as bestas e estímase que a chegada dos cabalos ao recinto da Valga (parroquia de Loureza) se producirá arredor as 13.00 horas. Xa pola tarde, sobre as 17.00 horas, terán lugar as actividades de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.

En total, estímase que arredor duns 300 cabalos participarán este ano.

O curro da Valga transcorrerá no seu habitual ambiente festivo, de forma que as persoas que se acheguen ata o lugar poderán gozar dunha xornada que combina actividade, celebración e tradición popular arredor do cabalo da Groba.

Despois do da Valga, que abre a tempada, en Oia desenvolveranse os curros de Torroña (5 de xuño) e Mougás (12 de xuño).

Avisos sobre medio ambiente e acampadas

En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase a prohibición de realizar acampadas. As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non permitidas.

Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.

O Mercado de Arte de Sabarís reunirá 65 obras do 13 ao 17 de maio

0

O Mercado de Arte de Sabarís regresa á axenda cultural na súa XIV edición cun total de 65 obras de máis de 60 autores en exposición e venda no Multiusos de Sabarís.

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (Coemsa) e a Asociación de Empresarios do Val Miñor (Ovalmi) promoven esta cita coa arte, na que se expoñerán as obras de 45 pintores e fotógrafos que ofertarán os seus traballos, xunto con 15 escultores.

Do 13 ao 17 de maio, as persoas interesadas na exposición do Mercado de Arte poderán conecer as abras en horario de venres de 17 h a 20:30 h, de sábado a martes de 10 a 20:30 h.

Esta edición consistirá na mostra de 50 cadros e fotografías; 15 esculturas, una por cada artista participante. Cada obra disporá dunha ficha informativa do autor e a obra (a maioría deles presetes algún día da exposición para poder charlar cos asistentes).

Ao longo de cinco xornadas poderase ver na rúa, a praza e nos soportáis ós artistas pintando e esculpindo obras.

Cada día programaráse algunha actividade complementaria, ben no salón de actos, ben no exterior. Conferencias, proxeccións…

Obxectivo

O obxectivo da organización é dar a coñecer os artistas locais e novos valores emerxentes para os que aínda é difícil mostrar a súa obra en galerías comerciais. Tamén exporán autores xa amplamente recoñecidos no panorama da pintura galega que coa súa presenza apoian estes novos valores da arte galega.

Outro obxectivo e achegar os nosos veciños e veciñas estas disciplinas artísticas non habituais e que cremos é fundamental para cultivar a sensibilidade polas artes e a beleza estética nos cidadáns.

Programación

Sala CHARLARTE con pases continuos de charlas breves sobre Arte.

Sala CITA A CEGAS, arte interactivo con Irene Silva.

10 postos de artistas na rúa traballando e vendendo as súas obras.

MURO ABERTO para que os visitantes (ilustradores, artistas…) deixen as súas tarxetas de contacto ilustradas coa intención coa intención de que poidan facerse publicidade.

Sábado 14

  • Obradoiros para todos os públicos
  • 12 a 13 h, Obradoiro de PAPIROFLEXIA por Luis Jiménez González
  • 17 a 19 h, Obradoiro O LAPIS ESCACHARRADO OU COMO DEBUXAR UN ANIMAL NUNCA ANTES VISTO por Mara Obispo Ríos e Luisa Martínez Lorenzo
  • Prazas limitadas: inscripción gratuíta por email a [email protected].

Domingo 15

  • I Certame de pintura rápida o domingo 15 de maio
  • Durante toda a xornada poderemos ver como os participantes plasman nos seus lenzos todos os recunchos de Sabarís
  • 12:30 Conferencia ARTE E POLÍTICA NA OBRA PLÁSTICA DE XAIME QUESSADA, por Xesús Alonso Montero
  • 20:30, entrega de premios do Certame

Martes 17

  • URBAN SKETCHERS

Organiza: COEMSA, OVALMI

Coa colaboración de: CONCELLO DE BAIONA, ABANCA, IRENE SILVA, A FURGOLIBRO DA TIA NI, VIVEROS SABARÍS, AGUASANA

Para calquera información, inscripción, etc… poden ponerse en contacto no email: [email protected].

Remata a II Ruta do Libro 2022 da Guarda

0

O mes de abril estivo na Guarda adicado ao libro e á lectura, concentrando diferentes actividades como contacontos na Biblioteca, presentacións de libros, a exposición sobre o Principiño e a celebración do Día do Libro o propio 23 de abril coa visita de Mortadelo e Filemón na Biblioteca e Librerías, así como o desconto na venda de libros.

Paralelamente a estas actividade desenvolveuse a II Ruta do Libro, coa pretensión de premiar o consumo de libros nas nosas librerías coa entrega dun agasallo na Biblioteca Municipal, consistente nunha lámpada de lectura, para aquelas persoas que xuntaran un gasto igual ou superior a 30€ en libros.

Esta iniciativa, que se celebrou por segundo ano consecutivo foi moi ben acollida por público e librerías, que valoraron positivamente a iniciativa. Así mais de cento  cincuenta un  persoas achegáronse ata a Biblioteca a recoller a súa lampadiña, demostrando unha vez mais o gusto polo libro e a lectura existente na nosa vila. A campaña desenvolta co propósito de pór en valor a importancia do libro e a lectura destacando o bo pulso da cidadanía guardesa e do tecido comercial coa variedade e riqueza que leva a unha vila como a nosa a concentrar ata catro librerías nas que atopar un amplo catálogo de novidades editoriais de todo tipo.

Todos aqueles lectores que durante o mes de abril adquirisen libros en calquera das librerías da vila por valor de 30€ poderán aínda canxear os seus tickets na Biblioteca. Non é preciso ter o pasaporte lector, pero sí os tickets de compra en unha ou varias librerías.

A campaña foi completada coa edición de tres audiovisuais de curta duración, distribuídos nas nosas redes sociais cos que quixemos deixar constancia da importancia do libro como base da cultura e do coñecemento, os gustos dos lectores guardeses e a ampla oferta de libros que se poden atopar nos establecementos da nosa localidade. Así mesmo realizouse unha enquisa entre os participantes que valoraron positivamente a iniciativa e aportaron novas ideas para facela medrar en vindeiras ocasións.

O Porriño comeza o reparto de composteiros individuais

Coincidindo coa Semana Internacional da Compostaxe, o Concello do Porriño, a través da concellería de Medio Ambiente, inicia a entrega dos composteiros individuais que se entregarán a aquelas persoas que o tiveran solicitado.

Polo de agora foron 25 os composteiros requeridos pero todo aquel que queira facerse con un, de maneira gratuíta, pode solicitalo no Rexistro do Concello. 

A entrega realizarase no Punto Limpo, no seu horario de apertura habitual (de luns a venres de 10 a 14 h e ademais os luns pola tarde de 16 a 20 h).

A Semana Internacional da Compostaxe (ICAW – International Compost Awareness Week) celébrase a primeira semana de maio de cada ano en diferentes países do mundo para informar e promover o uso da compostaxe, explicar de onde provén o compost, como utilizalo e cales son os seus beneficios.

“Dende o Concello queremos destacar a importancia de incorporar o proceso da compostaxe como un hábito de vida e dar todas as facilidades a aqueles que decidan facelo”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “O compost é un recurso chave na xestión dos residuos orgánicos. Trátase de reproducir o ciclo natural da materia orgánica e así contribuír na loita contra o cambio climático”.

Comezan os obradoiros ‘Camiño da Lingua’ dirixidos ao estudantado de primaria de Redondela

0

Dende o luns, 2 de maio e até o vindeiro día 12 de maio, alumnos e alumnas de primaria dos colexios de Redondela, participan nos obradoiros ‘Camiños da Lingua’, unha iniciativa posta en marcha pola Concellería de Normalización Lingüística, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, e dentro das actividades encamiñadas a celebrar o 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Un xogo arredor da lingua

‘Camiños da Lingua’ leva aos cursos de primaria unha actividade didáctica, lúdica e participativa concibida como “un xogo a través da lingua” e a través do que búscase que nenos e nenas aprendan distintos aspectos relacionados coa lingua –como poden ser vocabulario, refráns, cantigas…– pero que tamén lles permita coñecer a historia da cultura e da sociedade galega en xeral e da de Redondela en particular.

Serán, en total, 16 obradoiros nos que participarán os colexios de primaria de Quintela, Laredo, Cedeira, Porto Cabeiro, Alexandre Bóveda, Reboreda e Santa Mariña.

“É importante que as nosas nenas e nenos coñezan non só o idioma que nos é propio e que nos identifica como pobo, senón tamén a cultura e a historia de Galicia e Redondela que forman parte da nosa propia identidade”, afirma a alcaldesa Digna Rivas para que, “o único xeito de conservar o noso idioma e mantelo vivo a través do tempo, é que as e os máis pequenos o coñezan e o utilicen”.

Álvaro Pino visita A Cañiza para a presentación da VII edición da Clásica

0

Na mañá de onte, Luis Piña, alcade de Cañiza, recibiu no Concello a visita do gran ciclista e ex corredor Álvaro Pino, quen se achegou ata o concello para presentar unha nova edición da Clásica Álvaro Pino, marcha cicloturista que se celebrará o vindeiro 22 de maio polas terras do Condado e A Paradanta.

O alcalde quiso agradecerlle ter elexido A Cañiza para formar parte do circuito deste gran fondo ciclista e lle entregou como agasallo unha réplica en miniatura da Casa consistorial. Ademais convidouno a deixar unha pegada da súa visita no Libro de Honra do Concello.