A Xunta da Mancomunidade aprobou a consignación de 14.000 € para mercar un furgón á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Val Miñor, concretamente unha Fiat Ducato de 9 prazas. A proposta da presidencia fora acordada previamente polas tres alcaldías que conforman o Val Miñor tras recibir esta petición.
“Realizan de maneira altruísta unha labor encomiable e fundamental para a seguridade dos tres concellos, así que desde a Mancomunidade entendemos que era urxente solventar esta carencia que lles complica a súa propia organización”, explica Juan González, alcalde de Nigrán e actual presidente da Mancomunidade, quen aproveitou a sesión para trasladar os parabéns públicos das tres corporacións e da veciñanza á Agrupación pola ‘Placa ao Mérito’ na Categoría de Ouro polos seus 25 anos de servizo que lles será entregada este sábado na Academia Galega de Seguridade Pública (A Estrada) por parte da Asociación Nacional de Agrupaciones y Asociaciones de Voluntarios de Protección Civil de España.
Este vehículo de segunda man permitirá remplazar definitivamente o todoterreo Nissan Patrol de case 30 anos de antigüidade e, ao mesmo tempo, facilitará moitísimo os grandes dispositivos na comarca, xa que se empregará fundamentalmente para o movemento de persoal e/ou traslado de material. “Eventos como a Arribada, San Xoan, a Vig-Bai, as cabalgatas de Reis ou a Festa da Bicicleta ou a seguridade nas praias implican moitos desprazamentos de persoal, polo que este furgón facilitará enormemente a nosa labor”, explica Iago Álvarez, o seu presidente, quen destaca que se trata dunha das agrupacións máis numerosas de Galicia con 136 voluntarios a día de hoxe. Así, este vehículo que ‘xubilará’ ao actual Patrol sumarase ao todoterreo e á camioneta pickup que conforman a súa frota.
Axuda ao Sáhara
Igualmente, a Xunta da Mancomunidade aprobou a consignación de 25.000 € ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para que os destine a axuda alimentaria de emerxencia nos campamentos de refuxiados saharauis e á recollida de residuos e sensibilización ambiental nestes territorios arxelinos. Estes cartos súmanse aos 10.000 € que xa aprobou ao respecto o Concello de Nigrán e a outros 15.000 € que achegará directamente o Fondo Galego despois de que o rexedor nigranés, presidente tamén do Fondo, visitase xunto ao seu homólogo de Gondomar os campamentos en febreiro e apreciasen in-situ estas necesidades.
“Inicialmente esta achega ía destinarse exclusivamente ao proxecto de recollida de lixo e concienciación ambiental nos campamentos pero desde a Media-Luna Roja Saharaui nos trasladan unha necesidade imperiosa de alimentos ao punto de que nos últimos cinco meses tiveron que reducir as súas racións mensuais en máis dun 50 %”, explica González, quen subliña o “compromiso inquebrantable” do Val Miñor cos saharauis.