10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta abre unha nova liña de axudas para o talento musical

    A Xunta abre unha nova liña de axudas para o talento musical

    A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria e as bases dunha nova liña de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, dirixida ao talento musical galego, que suporá unha inxección económica directa de 1,2 millóns de euros para a promoción e difusión de proxectos artísticos profesionais, sen precedentes no sector. Este fondo forma parte das medidas que o Goberno galego está a desenvolver a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que se abre agora á música despois de ter iniciado xa varias accións específicas para o audiovisual e os videoxogos.

    Tal e como lle adiantou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, a unha representación do sector o pasado día 23, a apertura desta vía de apoio é o resultado dun proceso de diálogo coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), colectivo que agrupa as principais compañías de management e axencias artísticas galegas, co obxectivo de apoiar toda a cadea de valor que permite o impulso das carreiras musicais de artistas que desenvolvan a súa actividade maioritaria en Galicia.

    Prazo ata o 6 de xuño

    Así, estas subvencións poden solicitarse desde mañá e ata o 6 de xuño por parte de profesionais autónomos ou de empresas musicais de Galicia para o desenvolvemento e promoción tanto de solistas e grupos como de proxectos colaborativos entre cando menos catro deles.

    Con esta convocatoria extraordinaria, cuxo alcance económico se estende a 2023, dáse un salto cuantitativo e cualitativo respecto a anteriores axudas específicas para o sector musical, dirixidas maioritariamente á organización de festivais e á produción discográfica. Desta volta, búscase contribuír directamente á promoción dos artistas en diferentes fases, que van desde a análise e implementación de ferramentas para o desenvolvemento do talento musical ata a internacionalización, pasando pola súa introdución e consolidación no seo da industria.

    Financiarase, con tal fin, ata o 70% dos gastos de cada proxecto adxudicatario que teñan que ver con produción, comercialización e márketing, promoción e comunicación, distribución dixital, concertos e xiras, consultaría e persoal, entre outros.

    Dúas modalidades

    Establécense dúas categorías de propostas subvencionables: a modalidade A para proxectos musicais unitarios arredor dun só artista, xa sexa solista ou grupo, e a modalidade B para proxectos arredor dun mínimo de catro solistas ou bandas. No primeiro dos casos fíxase unha axuda máxima de 40.000 euros por solicitude, mentres que no segundo este límite ascende a 200.000 euros.

    A música pasa a integrarse así nas liñas de acción deseñadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do seu Hub, un programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros nas industrias culturais galegas ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.