Sentida homenaxe esta fin de semana da Asociación de Veciños de Angoares a un dos seus veciños ilustres, o poeta Alfonso Pexegueiro González, encargado de levar o nome de Ponteareas e da parroquia polo mundo a través dos seus versos. Unha homenaxe que contou coa colaboración do Concello e que rematou co nomeamento do escritor como socio de honra da asociación veciñal.
Durante a homenaxe, todas e todos os presentes salientaron a gran traxectoria do poeta, nado na parroquia ponteareá en 1948, creador do grupo de comunicación poética ‘Rompente’ en 1975 e fundador nos anos 80 xunto con outros autores e autoras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Un longo percorrido sempre ligado ás letras que o sitúan como referente indiscutíbel da lingua e literatura galega, xa que coa súa obra ‘Seraogna’ (1976) deu comezou a renovación poética actual, antes incluso de autores máis difundidos como Xosé Luis Méndez Ferrín ou Arcadio López Casanova.
Pexegueiro estará hoxe venres 6 de maio na sala multiúsos do auditorio municipal (20.00 h) xunto a Xabier Alcalde presentando a obra de Manuel Pizcueta ‘Naturezas Doentes’, un acto que pon o broche de ouro á programación do Mes do Libro de Ponteareas.
Tanto a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, como o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, quixeron trasladar os parabéns do Concello ao escritor e agradecerlle a súa contribución a cambiar o rumbo da poesía galega e a reivindicar a importancia da lingua galega.