22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaCoveloLa Sestelo-Álvaro Pino ultima detalles do seu paso por Covelo

    La Sestelo-Álvaro Pino ultima detalles do seu paso por Covelo

    O vindeiro 22 de maio o concello de Covelo será un dos puntos de avituallamento e reagrupamento dos corredores de La Sestelo-Álvaro Pino

    O gañador de La Vuelta España, Álvaro Pino, visitou o concello de Covelo para presentarlle ao alcalde, Pablo Castillo, o maillot da marcha La Sestelo-Clásica Álvaro Pino e pechar detalles da marcha ao seu paso polo concello.

    “Esta mañá quixen presentarlle ao alcalde Pablo Castillo o maillot da marcha que leva o meu nome e agradecerlle persoalmente a súa implicación”, comenta Álvaro Pino.

    O afamado ciclista e o alcalde estudaron a ubicación do punto de avituallamento no que os e as participantes farán un pequeno parón para repor folgos e reagruparse. A marcha Sestelo-Clásica Álvaro Pino terá lugar o vindeiro 22 de maio e congregará a ciclistas chegados de todos os puntos da península que se agruparán na praza Mestre Cerviño para continuar pedaleando.

    O gran fondo cicloturista repite este ano percorrido. 110 quilómetros, con saída e chegada a Ponteareas, cun tramo inicial neutralizado e o resto a velocidade libre, reagrupando aos corredores nos avituallamentos da Cañiza e Covelo tentando así evitar a dispersión. A marcha pasará por 7  concellos (Ponteareas, Mondariz Balneario, Mondariz, Covelo, Cañiza, As Neves e Salvaterra), terá máis de 2.000 metros de desnivel acumulado nun percorrido esixente pero asumible, e pasará por 3 altos de montaña.

    O alcalde Pablo Castillo amosa a súa satisfacción pola realización da proba e lembra a importante conexión que hai entre o noso concello e os afeccionados/as ao ciclismo, “é unha clásica moi arraigada no Condado Paradanta, que da a coñecer os dez concellos así como a riqueza natural e paisaxística axudando a posicionar este territorio como un destino de calidade para turismo deportivo. Covelo é un concello de grande atractivo para os ciclistas e, a diario, vemos como adestran nas nosas estradas tanto profesionais como afeccionados. Para nós é unha satisfacción e un espectáculo poder ter a tantos deportistas na nosa praza, véndoos chegar e saír para continuar a proba”.

    Os organizadores, Plan C, estiman este ano unha participación de 500 corredores/as tras o éxito da pasada edición. Desde a organización adianta que o último tramo de inscricións que comezou o 18 de abril e ten un prezo de 45 euros pechará o 8 de maio ás 23.59 horas.

    A organización confirma a dispoñibilidade de prazas para todos aqueles que aínda desexen inscribirse, a través da páxina web oficial www.clasicaalvaropino.com.

    La Sestelo-Álvaro Pino está patrocinada por Grupo Sestelo e Grupo Asegurador Lynalfa e conta co apoio e coa colaboración do Concello de Ponteareas, da Deputación de Pontevedra e o GDR Condado Paradanta.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.