O Concello e a Federación de ANPAS solicitaron este luns unha reunión urxente co conselleiro, da que aínda nin tan sequera recibiu resposta, ante “a política de improvisación” que está a desenvolver Educación sobre un tema “de capital importancia para a mocidade de Redondela e concellos limítrofes”.
“Non é de recibo que nun tema de tanto calado, como o Bacharelato de Artes, a Consellería de Educación estea actuando cunha política de improvisación continua”, asegurou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, logo de coñecer que a Consellería anunciou a apertura dun “período extraordinario” de prematrícula para dito bacharelato “e que só lle foi comunicado ao IES Pedro Floriani, onde presuntamente se impartirán estes estudos, ocultando dita información ao resto de IES que tiveron que enterarse, ao igual que o Concello, a través da Federación de ANPAS”.
Logo de asegurar a Consellería que, en caso de habilitarse dito bacharelato en Redondela “se daría un prazo de matrícula non interior a 15 días, nais, pais e alumnado atópanse coa sorpresa que tan só teñen 5 días –do 3 ao 9 de maio– para formalizar a preinscrición, nunha nova tomadura de pelo da administración educativa”, denuncia a alcaldesa de Redondela. A propia federación de ANPAS foi a que transmitiu ese prazo ao estudantado de Soutomaior e Pazos de Borbén, “aos que a Consellería tamén ignorou”.
Pese a terse aberto a preinscrición, segue sen coñecerse o número de alumnos e alumnas que a Consellería considera “suficiente” para implantar definitivamente o Bacharelato de Artes xa que, tal e como apunta Digna Rivas, “as rapazas e rapaces terán que preinscribirse ou anular a preinscrición realizada en Vigo, Pontevedra ou Mos para inscribirse aquí, sen saber se realmente van poder estudar esta vía de bacharelato porque a Consellería segue sen definir ese número mínimo de estudantes”.
Pese a importancia que este asunto ten para as familias de Redondela, “a Consellería segue ignorando ao Concello, representante de toda a veciñanza, e o que é máis grave, nin tan sequera dígnanse á responder a unha solicitude de reunión urxente realizada polo Concello, vía correo electrónico ao propio conselleiro, este pasado luns”.
Queda claro para Digna Rivas que tanto o anuncio realizado pola Consellería en días pasados como esta “apresurada e improvisada apertura de preinscrición” son políticas deseñadas “para que o PP local, que sempre estivo de perfil neste tema, poida sacarse a foto e comezar a buscar rendibilidade política a un ano vista dunhas eleccións municipais”.
“Hai temas como este, que afectan ao futuro dos nosos rapaces e rapazas, que deben deixarse fora do debate político” engade a alcaldesa de Redondela para quen “a deslealdade institucional que amosa a Consellería chega a límites dificilmente explicables”. A Xunta, remata Digna Rivas, “segue optando por ignorar ao representante lexítimo de toda a veciñanza para que sexa o PP local o que se anote os tantos”. Afortunadamente, remata a rexedora redondelá “a cidadanía, que coñece perfectamente o que está a pasar, será quen de sacar as súas propias conclusións”.