“Un Goberno socialista en Madrid é a única opción do municipio de Porriño para acadar o ansiado soterramento das vías do tren ao paso polo centro da localidade” asegurou hoxe a alcaldesa porriñesa, Eva García de la Torre, quen acompañada do secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades, anunciou que o Xestor de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e o Ministerio de Fomento teñen moi avanzados os trámites para a licitación do proxecto de execución. “Se Pedro Sánchez continúa na Moncloa, –explicou García de la Torre– o proxecto estará adxudicado a unha enxeñería especializada en torno ao próximo mes de decembro”.
A alcaldesa do Porriño lembrou que en setembro xa mantivo unha xuntanza coa directora xeral de Proxectos e Planificación do ADIF, María Luisa Domínguez, na que lle confirmou que o asunto está na axenda e hai un compromiso de investimento duns 15 millóns de euros para executalo.
O trazado ferroviario que
cruza polo centro de Porriño, incluíndo un problemático paso a
nivel, data de 1840. Segundo os datos do Concello, a primeira vez que
se falou da posibilidade de solucionar o impacto no centro da
localidade, diante do crecemento urbano de Porriño, foi en 1948. Eva
García de la Torre recalcou que, dende entón, pasaron moitos
alcaldes e agora, por fin, comeza a madurarse a solución definitiva.
“A veciñanza de Porriño
ten a posibilidade de votar tamén en clave local nas próximas
Eleccións Xerais, pois ademais de elixir ao próximo Goberno de
España tamén estarán tomando unha decisión con repercusión sobre
o territorio no que viven”, afirmou.
“O primeiro paso é unha
decisión política, o segundo a redacción dun proxecto técnico e,
finalmente, a execución das obras e para iso fai falta que haxa un
Goberno en plenas funcións e que sexa quen de aprobar uns
Orzamentos”, concluíu.
A solución que está a
barallar o Ministerio de Fomento pasa polo que denomina tecnicamente
“depresión da rasante”, de forma que as vías comezarían a
perder cota uns 1.500 metros antes do paso nivel e aflorarían
novamente á superficie na zona de Frigolouro.
Onte martes, 5 de novembro, celebrouse na sala de concelleiros da Casa do Concello de Tui, a primeira das reunións de planificación do proxecto ‘Aloiada 2020’. Nesta actividade organizada polos oitos colexios de Tui, en colaboración co Concello de Tui, ao longo de dous días, os rapaces e rapazas de 6º de Primaria de Tui, participan en diferentes actividades no medio natural, tanto no Parque Natural do Monte Aloia e no Monte Galiñeiro, como no río Miño.
Os e as representantes dos CEIP’s Nº1 e Nº2,
Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, Randufe, Rebordáns e Santa María
Maristas, reuníronse coa concelleira de Educación, Sonsoles Vicente
e co concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, co fin de confirmar o
apoio do concello nesta actividade, así como para planificar as
datas e os posibles obradoiros a realizar ao longo das dúas
xornadas.
Os días 11 e 12 de xuño de 2020, serán as datas esperadas polos 200 alumnos e alumnas e máis de 50 mestras e mestres, para manter esta convivencia no medio natural, realizando, entre outras, actividades de escalada, noos, primeiros auxilios, orientación, remo e piragüismo.
A concelleira de Alternativa Ciudadana de Ponteareas, Raquel Bautista Alfaya, cualificou hoxe de “verdades a medias” os datos da liquidación positiva do ano 2018 ofrecida polo Goberno local xa que, segundo a concelleira independente, o executivo local “esquécese que o endebedamento real do Concello ronda os dous millóns de euros”.
Bautista asegura que o concello leva dando remanente positivo “desde fai anos antes de que o bipartito formara Goberno, xa que é resultado do control e obrigas do Ministerio de Facenda en Madrid que obriga a tódolos Concellos do Pais a facer control dos seus gastos e ingresos e non permite gastar mais do que teñen nos orzamentos”.
Afirma Raquel Bautista que “presumir do que non se ten tarde ou cedo queda ao descuberto” e na súa opinión, o Goberno local debería explicar que, no pasado mandato, “endebedou en 2 millóns de euros aos veciños e veciñas”.
Lembra a edil independente que o Goberno local debería ter en conta que Ponteareas “é o Concello que ocupa o penúltimo lugar de transparencia segundo os datos de DYNTRA (Organismo Plataforma que traballa na medición de transparencia e ética das administración en todo o mundo)” estando en lugares “nos que non deberíamos estar no referente a transparencia. Solo cumprindo 22 de 152 indicadores”.
Finalmente Bautista considera “indignante” que unha publicación do Ministerio de Facenda sinalase nas pasadas semanas “que Ponteareas incumpría a media do tempo para pagar a provedores”.
O secretario xeral dos socialistas de Galicia, Gonzalo Caballero, pechará a campaña electoral nunha cea-mitin que terá lugar no Convento de Vilavella, en Redondela, o vindeiro venres 8 de novembro.
Na cea, que dará comezo ás 21:30 horas, o Caballero estará acompañado por Olga Rodríguez Puga, candidata redondelá ao Congreso dos Deputados e da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.
As persoas interesadas en participar nesta cea-mitin de fin de campaña poden inscribirse nos teléfonos 687 780 955 e 698 108 686.
O Pavillón Municipal de Deportes do Porriño (rúa Donantes de Sangue s/n) acolle este xoves 7 de novembro ás 12 horas unha nova actividade musical dirixida a usuarios e usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria dos concellos do Porriño e Mos. O obxectivo principal desta iniciativa, promovida cada ano pola Deputación, é favorecer as capacidades cognitivas das persoas maiores, o contacto social e previr situacións de illamento e soidade a través da música.
Tras os talleres de memoria postos en marcha en 2018, este ano as actividades, que comezaron en marzo e rematarán en outubro, centraranse na estimulación mediante a música e o xogo.
Na actualidade, o servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra atende a un total de 633 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Trátase dun servizo que permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.
Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, dáselle resposta inmediata ás persoas usuarias, as 24 horas ao día os 365 días do ano, mobilizando os recursos necesarios para solucionar a incidencia.
O
servizo de teleasistencia domiciliaria como fórmula para manter a
calidade de vida das persoas maiores, é unha iniciativa importante,
especialmente, nas zonas rurais máis illadas, xa que permite ás
persoas usuarias estar conectadas permanentemente cos servizos
sociais e de saúde. Para os casos de especial vulnerabilidade, o
servizo dispón de Unidades de Control Remoto, con detector de
movemento, que envía unha alarma no caso de que non detecte
movemento da persoa usuaria en doce horas.
O secretario xeral do PsdG-PSOE de Pontevedra, David Regades, desprazouse esta mañá ata A Guarda, acompañado polo candidato ao Congreso, Guillermo Meijón e a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, para coñecer de primeira man os proxecto estatais que se están levando adiante no municipio. Acompañados do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, concelleiros e membros da agrupación local, visitaron en primeira instancia o xacemento arqueolóxico do ‘barrio de Mergelina’, en Santa Trega, que foi obxecto dun proxecto de escavación e consolidación, que xa está rematado, pendente tan só da musealización do que é considerado un dos castros máis importantes do noroeste peninsular.
“Con estas accións, levadas
adiante en virtude do convenio asinado entre o Ministerio de Fomento
e a Deputación de Pontevedra e no que tamén se está traballando
noutros 18 castros de toda a provincia, avanzamos na posta en valor
do noso patrimonio, apostando pola nosa cultura e por un punto de
especial importancia coma este castro”, explicou o secretario xeral
dos socialistas da provincia de Pontevedra, algo que destacou tamén
o alcalde da Guarda, quen fixo fincapé na sensibilidade do goberno
da provincia e do Estado para levar adiante este proxecto singular.
Escolleira na Lamiña
Tras esta primeira visita,
desprazáronse ata a praia da Lamiña, en Camposancos, onde este ano
o Ministerio de Transición Ecolóxica aprobou a execución dun
espigón para frear a erosión que estaba afectando ao sistema dunar
desta zona, un proxecto que aínda non está en marcha pero no que se
avanzou nestes últimos meses.
Mentres o proxecto remata os seus trámites administrativos, o avance da erosión fixo preciso actuar de xeito urxente para evitar a desaparición deste espazo, catalogado como protexido dentro da Rede Natura 2000, polo que desde a Subdelegación do Goberno e o Concello da Guarda impulsouse a execución dunha escolleira que xa se está facendo nestes días.
A escolleira de 100 metros de longo se está levando adiante de tal xeito que logo se poda revertir totalmente, empregando para iso materiais adecuados que non afecten á contorna, segundo explicou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba.
O investimento desta
escolleira é de 125 mil euros e prevese que estea rematada en menos
dun mes, “grazas á axilización dos trámites que levamos adiante
para conseguir os informes favorables tanto pola parte galega,
española como portuguesa”, explicou a subdelegada. Larriba tamén
fixo fincapé en que o proxecto definitivo segue avanzando e prevese
que a redacción do proxecto estea rematada a comezos do ano que vén,
cun investimento de dous millóns de euros e vai ser o que
definitivamente resolva este problema.
Revalorización das pensións, especialmente das de viudedade
Tanto Maica Larriba como o candidato ao Congreso, Guillermo Meijón, coincidiron en destacar tamén na sua visita á Guarda a importancia das políticas sociais estatais do goberno de Pedro Sánchez. Nomeadamente destacaron as pensións: “neste concello 2.558 pensionistas dos que 681 corresponden á pensións de viuvedade, que son as que máis se revalorizaron coa suba das base de cotización pensións que fixo o goberno de Pedro Sánchez e que supuxo unha revalorización das pensións nunha media do 7 % nun primeiro momento coa suba do 52 ao 56 % e logo, en decembro, coa nova actualización do 56 % ao 60 %, o que supuxo outra suba do 7 %”. Meijón tamén destacou que as pensións máis baixas tamén subiron unha media do 3% mentres que o resto subiron co IPC, o que supuxo unha suba media do 1,6 %, moi por enriba da suba do 0,25 % que fixo o Partido Popular durante os anos 2018 e 2019”.
O Concello da Guarda ven de realizar a retirada de varias árbores de gran porte do patio exterior do CEIP da Sangriña. Esta actuación realizouse sobre unha serie de chopos que se atopaban na zona leste do patio exterior do colexio e que, debido ao seu gran porte, supoñían un risco por estar moi preto da rúa Vigo.
As árbores supuñan un perigo tanto para os alumnos do centro educativo coma para os usuarios desta rúa, na que se atopa o Conservatorio e serve de comunicación coa zona escolar e deportiva.
Para
seguir mantendo unha zona alborada no patio, está previsto realizar,
de xeito coordinado co centro de ensino, unha plantación de especies
autóctonas.
O vindeiro venres 8 de novembro ás 18:00 horas terá lugar na biblioteca municipal de Baiona, un contacontos de igualdade dirixido a público familiar e recomendable a partir de catro anos. A actividade correrá a cargo de Paula Carballeira, e desenvolverase baixo o título ‘Elas tres’.
A actividade é gratuíta e enmarcase no programa «Novembro Lila» deseñado pola Concellería de Igualdade do concello baionés que coordina Yasmina Costas Moreira e que inclúe, entre outras actividades, contacontos os venres ao longo de todo o mes de novembro na biblioteca , co obxectivo de promover valores igualitarios e previr a violencia de xénero.
Un total de 8 pezas audiovisuais permitirán revivir as “historias non escritas” representadas na visita dramatizada ao barrio do Arrabal que foi realizada no marco da iniciativa 6×6 punto de encontro, O Arrabal. Oproxecto está organizado polo Concello de Oia e cofinanciado pola Xunta de Galicia dentro do programa O teu Xacobeo.
Os vídeos poden visualizarse a través da canle de Youtube do Concello de Oia e tamén están dispoñibles nos códigos QR das placas de información turística instaladas en puntos de interese patrimonial do Arrabal, polo cal pasa o Camiño Portugués da Costa. Deste xeito, as persoas que visitan o barrio histórico oiense poderán contemplar os vídeos no mesmo lugar onde foron representadas as pezas dramáticas, coñecendo diferentes historias e personaxes presentes na cultura local.
Este material audiovisual pretende recoller os resultados do obradoiro de teatro veciñal desenvolvido entre os meses de febreiro e maio, concretamente da xornada de representación celebrada o 2 de xuño, a cal incluíu unha variada programación lúdico-cultural baixo o título 6×6 punto de encontro O Arrabal, historias non escritas.
En
total, foron elaborados 8
vídeos: un vídeo-resumo das actividades da xornada do 2 de xuño
(visita dramatizada, exposición, postos de artesanía, música nas
rúas, espectáculo infantil, etc.) e outros 7 específicos da
visita, un por cada unha das pezas dramáticas representadas:
Vídeo resumo: 6×6 punto de encontro O Arrabal, historias non escritas
As Lavandeiras
Jesús, o Monte
As choronas
A Picota
As cornetadas
Castellanos de Castilla
As pantasmas do Mosteiro
A elaboración e difusión das citadas pezas audiovisuais busca concienciar e sensibilizar sobre a riqueza cultural, natural e humana do Camiño da Costa ao seu paso por Oia e comunicar e difundir o patrimonio da zona a través dunha clara aposta polas fórmulas innovadoras, que fomenten a participación social. Así mesmo, pretende asociar a imaxe de Oia como enclave estratéxico no Camiño da Costa e como destino turístico cunha oferta singular nos eidos cultural e de natureza.
Proxecto
Estes vídeos forman parte do proxecto que, baixo o título global 6×6 punto de encontro O Arrabal, historias non escritas, desenvolveu ao longo dos últimos meses unha serie de actividades lúdico-culturais vinculadas ao patrimonio, a participación social e a promoción de artistas emerxentes.
Este
proxecto incluíu a celebración dun obradoiro veciñal de teatro,
unha programación lúdico-cultural celebrada o día 2 de xuño (que
incluíu unha visita dramatizada a cargo do antedito obradoiro
veciñal), una exposición, un ciclo de visitas guiadas, a edición
dos vídeos e dunha publicación escrita na que se recolle todo o
proceso de reflexión veciñal arredor do patrimonio local.
O Concello do Porriño recibiu 80 composteiros individuais del Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra que se almacenan no Multiusos de Torneiros ata que sexan repartidos próximamente entre veciños de O Porriño que os solicitaran para as súas vivendas. O prazo para pedirllos ainda está aberto e pódese rechear a solicitude no rexistro do Concello.
Sergio Casal,
concelleiro de Medio Ambiente explicou que o vindeiro 21 de novembro
ás 11 horas da mañán serán convocados todos os peticionarios a
unha reunión informativa no propio Multiusos de Torneiros. Alí
recibirán explicacións dos mestres composteiros e técnicos do Plan
Revitaliza e se lles fará entrega dos composteiros.
O desarrollo da
compostaxe no concello de O Porriño e a vinculación da veciñanza
co tratamento e reciclaxe dos residuos orgánicos foi unha tarefa
iniciada no anterior mandato municipal polo exconcelleiro Orlando
Marquez.
O Concello de Nigrán continúa co seu programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha excursión o 14 de novembro a Moaña, museo Meirande de Redondela e xantar-baile no restaurante Casas tamén en Redondela. O prazo de inscrición abre este xoves 7 de novembro ás 9:00 horas e pecha o venres 8, sendo na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán (só se permite anotar a un máximo de 2 persoas por solicitante). O pago da excursión realizarase o mesmo día 14, polo que os inscritos asumen o compromiso de acudir excepto causa de forza maior.
A excursión, con saída ás 10:00 horas en autobús dende a Casa do Concello, inclúe visita guiada ao casco urbano de Moaña e ao Museo das Carreiras, visita ás 12:30 ao museo da batalle de Rande ‘Meirande’ en Redondela e posterior xantar-baile ás 14:00 no restaurante Casas do mesmo municipio. O menú consta de langostinos, vieiras, mexillóns, pescada, codillo, café, postre e bebida. O baile comezará ás 16:00 h e a hora aproximada de regreso é ás 19:00 h.
O
Goberno local de Nigrán entende que viaxar “non só serve para
descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios
especialmente útiles para as persoas maiores, como a mellora do
ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver
problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da
memoria e da atención”.
Nese
sentido, o alcalde de Nigrán, Juan González, deixa clara a súa
aposta por este programa, “porque a todos estes beneficios hai
que engadir que se socializarán e, en definitiva, faraos sentir máis
felices e vitais”.
O Concello de Tomiño vén de transmitir o seu “máis sinceiro parabén” ao ao padeeiro Roi Rodríguez Huertas, do Kayak Tudense, “por facerse un oco entre os piragüistas con posibilidades de obter unha praza para participar nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020”.
O Concello tomiñés, amais de desexarlle sorte nos selectivos nacionals, amosou o seu convencemento “de que conseguirá o seu pasaporte olímpico para Xapón. Moito ánimo!”.
A redacción dun proxecto para a rehabilitación do Teatro Principal e outro para a adecuación do edificio de Cam-Fran na Avenida da Concordia para convertelo na sede nos Servizos Sociais Municipais e dun Centro de Día, son dúas das actuacións para as que se vén de habilitar crédito no Concello de Tui. O mércores en pleno aprobáronse sendos expedientes de modificación de créditos, con cargo ao remanente líquido de tesourería, para poder acometer de xeito inmediato tanto a redacción de proxectos coma a execución de obras cun importe que suma 216.466,04 €. Os puntos foron aprobados con dez votos a favor, do PSOE, En Marea e Converxencia 21, e a abstención de PP, BNG e Ciudadanos.
En concreto destinaranse 18.150 € para a redacción do proxecto de rehabilitación do Teatro Principal, e 17.908 € para o de adecuación do edificio para Servizos Sociais. Outros proxectos que van a ser redactados serán o da humanización da travesía de San Domingo (11.470,80 €) e o soterramento das instalacións e servizos tanto nas travesías de San Domingos coma San Francisco (11.640,20 €).
A realización dun estudo de tráfico no núcleo
urbano, que permita toman decisións con todos os datos sobre
sentidos de circulación, peonalización e humanización de vías
contará un investimento de 18.089,50 €. En materia de tráfico
figura tamén, cun importe de 29.175,65 €, o repintado da
sinalización vial no termo municipal. Por outra parte destinaranse
11.374 € á realización dun levantamento topográfico de parcela e
edificacións, infografía da proposta e redacción do proxecto
básico e de execución para a ampliación do Centro Cultural As
Laxes de Paramos. Amais 14.928,98 € terán por obxectivo a
colocación e subministro de tarima tecnolóxica reforzada e a
limpeza e tratamento da existente no Paseo Fluvial.
Outras actuacións previstas para as que se
habilitou o crédito son a revisión e actualización da numeración
municipal (18.150 €), a reparación de beirarrúas na estrada
autonómica en Caldelas (10.890 €), a reforma do alumeado público
nas parroquias coa substitución das actuais luminarias por led
(15.972 €), a construción de 12 metros de sumidoiros en distintos
puntos (653,40 €), a poda de árbores no termo municipal (12.971
€), e a corta de árbores secas que supoñen un perigo no recinto
de festas de Paramos (1.113,20 €)
Con cargo ao remanente de tesourería financiarase tamén o Servizo de Asistencia Técnica para a xestión de fondos europeos na Eurocidade Tui-Valença (7.145,05 €), a cota extraordinaria de acceso á Red de Juderías de España (9.000 €), e a cota da anualidade da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural (2.389,26 €).
Un premio distinguíu, por vez primeira na historia de Ponteareas, o emprego da lingua galega no ámbito comercial e empresarial. Con este xesto o Goberno ponteareán quere non só promover o uso da lingua galega “senón tamén recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector”.
Con este obxectivo naceu o premio ‘Ponteareas, Lingua e empresa’ que entregou os galardóns deseñados en exclusiva para este evento polo escultor ponteareán Silverio Rivas. Unha obra en aceiro inoxidable inspirada nunha porta aberta, elemento máxico e protector presente en tódalas culturas ancestrais e mitolóxicas segundo explica o propio autor.
“A
porta simboliza o paso a un nivel superior. Se a porta é o inicio,
al lingua é o modo de facer a viaxe, o vehículo que nos permite
acadar novos horizontes e conectar mundos diversos”, manifestou
Silverio Rivas.
A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil e o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, acompañados do alcalde Xosé Represas e dos membros do xurado, entregaron os diplomas as tres empresas gañadoras que no desempeño da súa actividade diaria elexiron a lingua galega para se comunicar tanto interna como externamente e que mesmo conseguiron marcar fitos históricos.
Industrias Cárnicas Fontefría, DIE gabinete técnico e Máis Vida son as tres empresas que recibiron da man de Silverio Rivas o galardón e o diploma da man dos membros do xurado composto por Inma Viejo Gómez, en representación de BANASTRA, Carme Pérez Vaquero da Fundación Lois Peña Novo e Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador .
Trinta anos facendo marca en galego
Pola súa aposta e longa traxetoria no uso da lingua galega ao longo de décadas etiquetando os seus produtos en galego, levando o idioma galego ás grandes superficies e áreas de distribución tanto en Galicia como fóra dela, emitindo tíckets de compra en galego, na rotulación estática das tendas e na publicidade móbil dos seus vehículos de reparto, foi recoñecida Industrias Cárnicas Fontefría. O xurado salienta a importancia que estas actitudes teñen para o prestixio social da nosa lingua no ámbito socioeconómico xa que achega a lingua aos consumidores e consumidoras e provoca unha receptividade favorable ao seu uso na sociedade.
Marcando un fito histórico
Polo uso continuado e exclusivo da lingua galega na súa actividade profesional o xurado destacou ao gabinete técnico DIE que ademais destaca pola repercusión que ten sobre a creación dun corpus lingüístico de documentos técnicos en galego presentados perante organismos como o rexistro da propiedade ou notarías, que favorece que os usuarios e usuarias teñan a posibilidade de ter documentadas as súas propiedades en galego.
Ampliando fronteiras
Na
categoría de incorporación recente ao uso da lingua galega foi
premiado Máis Vida pola súa contribución a visibilizar o galego
dentro do eido da saúde, axundando a gañar novos espazos de uso
para a lingua galega a través dunha actividade que chega á ampla
capa da sociedade.
O vindeiro sábado, 9 de novembro, a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado organiza en Salvaterra de Miño, unha nova edición do seu xa tradicional magosto, unha cita que leva máis de corenta anos de celebración e que, ano a ano, acada un maior número de participantes.
Estamos, sen dúbida, ante un dos magostos máis antigos da comarca do Condado e é, como sinala a SCD “unha xornada de convívio na que toda a veciñanza está convidada”.
Este ano o magosto terá lugar na Praza do Peixe de Salvaterra asi que, en caso de choiva, non haberá problema algún. A festa comezará xa ás 13 horas cunha sesión vermú a cargo do grupo de gaitas Sons da Raia. Ás 15 horas, terá lugar o xantar popular previa inscrición no teléfono 615 387 360.
Ás 17:00 h, será a quenda da festa infantil con Pajarito e a súa vida tola. Xa ás 18:00 h, terá lugar o concerto de Tremiñado Folk para ás 19:30 h, comezar co magosto.
“Amais, durante todo o día haberá exposición e degustación de cogumelos, castañas, viño novo e moita festa!”, conclúe a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado.
Ana Belén Gómez recibiu hoxe de mans de David Alonso, concelleiro de Deportes do Concello do Porriño, unha metopa que recoñece o papel que fixo a atleta porriñesa na recente maratón de Chicago. Ana Belén, que é ademáis funcionaria municipal, fixo unha marca de 3 horas, 10 minutos e 13 segundos para completar os 42 kilómetros.
Finalizou decimoquinta no seu grupo de idade e como primeira española. Hai que lembrar que nesta pasada ‘2019 Chicago Marathon Bank of América’ competiron 45.000 corredores, perto da metade mulleres.
“O crono que fixo
é dunha marca excelente para unha atleta senior; hai que ter en
conta que o record de España feminino absoluto está en 2:26:51”
ponderou David Alonso.
Ana Belén Gómez ten 45 anos, leva 5 adicada ó maratón e para preparar a proba de Chicago disputada o pasado 13 de outubro, fixo un adestramento específico durante os 4 meses anteriores. Antes de adicarse ao atletismo, Ana Belén practicou baloncesto e montañismo. No Concello de O Porriño traballa no departamento da Secretaría Xeral.
O Bloque
Nacionalista Galego,a través do seu
portavoz municipal no Porriño, Pedro Pereira, trasladoulle á xerencia de
ACEESCA o compromiso dos nacionalistas para traballar co obxectivo de manter as
súas instalacións no concello do Porriño, como xa o fixera noutras ocasións.
“No BNG sempre valoramos e recoñecemos o traballo que ACEESCA realiza coas persoas con diversidade intelectual”, sinalou o portavoz municipal, ao mesmo tempo que manifestou o traballo que desde a organización nacionalista sempre se fixo en prol da igualdade de dereitos para todas as veciñas e veciños, en especial para as persoas con discapacidade que a día de hoxe seguen a ter unha maior dificultade na busca de emprego.
Os nacionalistas levaron no programa para as municipais de maio de 2019 unha proposta neste sentido: “Favorecer que as persoas con discapacidade estean máis presentes no mundo laboral, con inclusión de prazas, apoio á empregabilidade nas empresas, con especial atención ás persoas que poidan correr risco de exclusión laboral ou sufran discriminación”.
O proxecto de
emprego e formación dual de apoio a persoas con diversidade intelectual que
quere levar a cabo ACEESCA no concello do Porriño encaixa perfectamente cos
principios e liñas de programa que os nacionalistas queren levar a cabo no
Porriño, os cales xa lle foron transmitidos á asociación nunha reunión previa ás
eleccións de maio.
O BNG traballará para que a curto
prazo se someta á aprobación do pleno a cesión dunha
parcela municipal para que ACEESCA amplíe as súas instalacións no Porriño coa construción
e posta en marcha do centro de formación profesional para persoas con diversidade
intelectual.
O Concello de Covelo vén de realizar accións de recuperación de hábitats de interese comunitario e mellora da utilidade pública na zona de especial conservación do río Tea dentro do Termo Municipal. Os traballos desenvolvéronse ao abeiro dunha axuda para a realización de investimentos ligados a obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, e no marco dun convenio coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.
Levada de Redondo
Deste xeito, neste proxecto, tense recuperado para uso público dentro do roteiro AQA, o primeiro tramo da levada que conducía a auga de rego dende o río Tea en Maceira ata o barrio de Redondo en Barcia de Mera, e restauráronse os pasos Porta Liñares no rego San Breixo ó paso do roteiro dos Carranos pola parroquia de Maceira.
Sobreiral de Chan de Mos
No mesmo período de traballo, durante os meses de setembro e outubro, tamén se desenvolveron accións de conservación no bosque de sobreiras de Chan de Mons na parroquia de Barcia de Mera, unha das mellores masas de Quercus suberda comarca de Condado-Paradanta. Os traballos consistiron nunha roza preventiva da matogueira en 3,5 Ha de superficie ocupada polos corticeiros e na eliminación das especies invasoras como o eucalipto e a acacia.
O
proxecto viuse complementado por actuacións de mellora da
accesibilidade e sinalización na Rede Municipal de Roteiros do
Concello de Covelo.
Os alcaldes do Valmiñor puxeron de relevo a importancia dun Goberno presidido por Pedro Sánchez en Madrid, tanto polo desenvolvemento de políticas favorables aos concellos como pola continuidade de David Regades á fronte da Zona Franca, garantindo así a continuidade de importantes investimentos no territorio, especialmente nos polígonos industriais de Porto do Molle e A Pasaxe.
Os
rexedores de Baiona, Carlos Gómez; Nigrán, Juan González e
Gondomar, Francisco Ferreira, foron os protagonistas dun acto aberto
coa veciñanza da comarca, no que tamén participaron o secretario
xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades, e a candidata
número 1 ao Congreso, Olga Alonso. Con eles estivo tamén o
secretario de Organización socialista en Baiona, Fernando López.
Juan González destacou que para Nigrán é moi importante a vitoria do PSOE, pois os concellos precisan dun Goberno de España que pense e actúe en clave municipalista, xusto en dirección contraria ao que fixo o dúo Rajoy-Montoro, “pero máis importante aínda é que sigamos tendo un amigo á fronte da Zona Franca, que sigamos contando con David Regades pensando en Porto do Molle”.
Na mesma liña, o rexedor de Gondomar, Francisco Ferreira, destacou que hai pendente un gran investimento en A Pasaxe e Regades é a mellor garantía de que se vai levar a cabo. Pola súa banda, o alcalde baionés, Carlos Gómez, incidiu en que o Goberno de Sánchez abre novas expectativas para os concellos como, por exemplo, a rede de destinos turísticos intelixentes que se está a promover e na que Baiona ten posta a vista. “Agora o Valmiñor ten futuro”, concluíu.
Francisco
Ferreira recalcou que é a primeira vez que o Valmiñor conta con
tres alcaldes socialistas que non se conforman “porque nós non
imos ás Alcaldías a presumir, senón a traballar”. Un traballo
que os alcaldes e alcaldesas só poden afrontar cando hai
institucións como o Goberno de Pedro Sánchez ou a Deputación que
preside Carmela Silva “porque se non fora así, con esta Xunta
partidista e caciquil, teríamos que apretarnos os uns contra os
outros”. “Os alcaldes non só temos un amigo na Zona Franca,
senón que podemos falar coa subdelegada do Goberno, se nos escoita
na Deputación e podemos chamar aos deputados que nos representan nas
Cortes”.
Carlos
Gómez considera que hai que afrontar o 10N non como un “agora si”,
senón como un “agora outra vez” e remachou que hai conquistas
nas que a sociedade non pode retroceder: “se somos socialistas
somos feministas, porque o socialismo é igualdade, e hoxe vivimos o
tempo das mulleres”. Juan González dixo que o PSOE conseguiu
reverter en menos de ano e medio de Goberno en funcións unha boa
parte dos 7 anos de recortes do PP.
Durante
a súa intervención, David Regades recalcou que só o PSdeG-PSOE
presenta unha candidatura xenuinamente pontevedresa, con
candidatas/os imbricados no territorio. “Olga Alonso é dos nosos,
unha muller que foi secretaria xeral da UXT en Vigo, preocupada polo
benestar dos traballadores, que coñece os concellos e á súa
xente”. Destacou que Unidas-Podemos volveu poñer unha candidata de
Ferrol; Máis País a un de Ourense e o PP elixiu á alcaldesa de
Marín “que non vai defender á veciñanza do Valmiñor e que vai
ter que elixir entre dedicar o seu tempo á Alcaldía ou ao Congreso,
porque as dúas cousas non se pode”.
Olga
Alonso concluíu que o tempo de lamentarse rematou “agora hai que
ir a votar con alegría, polas conviccións e polos 140 anos de
historia dun PSOE que construíu o Estado do Benestar”.
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela que xestiona Roberto Villar, vén de poñer fin a un almacenamento indebido de varios flotadores de batea que estaban almacenados no Campo de San Pedro, na parroquia de Cesantes, dende xuño de 2017 debido, sinala a Concellería “a unha mala xestión e permisos verbais, que acabaron con un depósito indebido de materias nun espazo público que non está destinado para tal fin”.
A Concellería subliña que se trata “dun caso embarazoso con actuacións da policía municipal, denuncias no xulgado, debates non Consello Parroquial e preguntas sen responder no Pleno do Concello de Redondela”.
Unha investigación do axente de medio ambiente realizada este verán, “relata cronoloxicamente como os tubos de batea foron trasladados a este campo de cesantes presuntamente de forma provisional pero que nunca se chegaron a retirar”.
Feitos constatados
No recinto de festas de San Pedro de Cesantes, existen varios tubos de “poliester” acopiados uns enriba de outros xunto ó muro que divide o recinto da vía pública. Os tubos presentan un estado de abandono, cubertos na súa maioría por silveiras de gran tamaño que comezan a invadir a vía pública pasando por enriba do muro de peche. Aparentemente parecen tubos utilizados para a fotabilidade das bateas. No momento da inspección non desprenden mal olor nin se observa o material deteriorado. Xunto os tubos obsérvase tamén restos de escombros de obra tirados no chan.
O Concello de Nigrán reclama á Xunta de Galicia que rectifique “de xeito inmediato” e respecte a decisión da Corporación Municipal de establecer por vez primeira na súa historia San Roque de Camos como festivo local no 2020 “ante a coincidencia de San Fiz en sábado e ao ser declarado San Xoan festivo autonómico”.
Precisamente, ante esta probabilidade, o pleno do 26 de xullo de 2018 estableceu por unanimidade San Roque de Camos (24 de agosto) como a segunda alternativa válida de festivo local en Nigrán (paralelamente refrendouse nesta sesión que os festivos tradicionais e preferentes na localidade son San Pedro o 29 de xuño e San Fiz o 1 de agosto, sendo a primeira alternativa a estes San Xoan o 24 de xuño e San Roque de Camos o 24 de agosto como segunda opción).
Así,
conforme ao referendado neste Pleno do 26 de xullo de 2018, o
Concello de Nigrán comunicou por escrito o pasado 2 de outubro á
Consellería de Economía, Emprego e Industria a súa decisión de
establecer finalmente San Pedro e San Roque como festivos locais no
2020 (comunicación dentro do prazo establecido, xa que finalizaba 15
de outubro). Sen embargo, pese ao Concello a cumprir en tempo e
forma, dende á Xunta insisten en invalidar a decisión adoitada co
voto favorable de toda a corporación.
“A
Xunta pretende impoñer os festivos de 2019 para o 2020 incumprindo
así o acordo plenario do Concello no que se decidiu San Roque como
alternativa. A negativa sistemática da Xunta con Nigrán chega a
extremos surrealistas”, sinala o alcalde, Juan González, quen
incide en que isto significaría que, na práctica, os veciños de
Nigrán serían os únicos de Galicia cun único festivo local e non
dous.
“Precisamente, eliximos San Roque de Camos por ser unha data con gran arraigo no municipio, non foi un capricho, toda a corporación así o considerou, así que esiximos que a Xunta respecte o acordado polo Concello e acate a nosa decisión, o contrario sería un agravio a toda a veciñanza”, incide González.
A Deputación de Pontevedra xa dispón de orzamento para o ano 2020. O pleno aprobou hoxe as contas que ascenden a 161 millóns de euros e que o deputado Carlos Font definiu como “o mellor orzamento da historia da institución, e o que da resposta aos grandes retos da provincia. É unha oportunidade histórica de futuro, equidade, compromiso e autonomía local. Un orzamento, dixo, equilibrado, xerador de riqueza, crecemento económico e emprego co que seguiremos a transformar a provincia como vimos facendo desde fai catro anos”.
Fonte relatou as cifras que priorizan os cinco grandes eixos transversais para este mandato: 27,4 millóns de euros para a sustentabilidade e transición ecolóxica; 10,4 millóns para economía, innovación e fomento do emprego, que se incrementa nun 9 %; 33,9 millóns para o avance socio cultural e deportivo; 1,34 millóns para as políticas de igualdade, que duplica os seus recursos respecto a 2016 “e fronte aos cero euros dos gobernos do PP”; e máis de 54,4 millóns de euros para a asistencia económica e técnica aos concellos. Deles, 42.2 millóns son o financiamento do Plan Concellos 2020, destinados a respectar a autonomía municipal e garantir a equidade na colaboración cos municipios.
“Un plan, sinalou Font, coas mesmas regras para todos, claras e públicas, no que os protagonistas son os concellos en función das súas características obxectivas, apartándonos do dedo, do capricho e da arbitrariedade”. De feito, o deputado recordou que “amais de seguir con cero euros de libre disposición, o orzamento recolle unha brutal diminución das subvencións nominativas. Das 271 que se repartiron sen xustificar co goberno do PP en 2015, neste orzamento tan so hai 80 e todas elas suxeitas a Lei de Subvencións e a Ordenanza que nós creamos e cumprimos”.
“
“Recibimos unha administración hipotecada e endebedada en 41 millóns de euros que baixamos a 3,9, co que agora mesmo somos unha administración modélica que en breve acadará o obxectivo de débeda Cero”
Carlos
Font subliñou o crecemento do orzamento “de forma progresiva desde
que chegamos en 2015, de 148 a 161 millóns”, pero tamén a
continua redución da débeda. “Recibimos unha administración
hipotecada e endebedada en 41 millóns de euros que baixamos a 3,9,
co que agora mesmo somos unha administración modélica que en breve
acadará o obxectivo de débeda Cero. Non é cuestión de maxia, nin
de arquitecturas financeiras, dixo o deputado, tan so de respecto
máximo polos recursos públicos”. “Un orzamento envexable,
subliñou Font, que os alcaldes e alcaldesas do PP aplaudirían. E
senón é así, engadiu o deputado, rétolles a que me presenten un
escrito asinado por eles no que digan que prefiren a política de
reparto de recursos públicos do PP, por exemplo a que fan na
Deputación de Ourense. Xa lles digo que non o conseguirán, porque
co goberno de Louzán recibían dez veces menos”.
Por iso, Font insistiu en que cunha transferencia de máis dun 30 % aos concellos, segundo datos do Ministerio de Hacienda, “esta institución segue a ser a Deputación de todo o Estado que más recursos transfire aos municipios”. O deputado ensinou as gráficas nas que se demostra que, amais, Pontevedra non só duplica a media nacional de transferencias, media á que non chega nin unha soa Deputación gobernada polo PP, senón que “a comparativa con Ourense é insostible porque fronte as nosas transferencias dun 30 %, Ourense transfire o 0,06 %. E si falamos da Xunta tampouco resisten as cifras porque Feijoo só transfire o 2,3 % da súa recadación tributaria no Fondo de Cooperación Local”.
“Os números non enganan, dixo o deputado, e invítolle a que mire a Ourense: nesa Deputación que gobernan vostedes as transferencias aos concellos, incluídas as mancomunidades, son de 5,75 millóns. As nosas transferencias chegan aos 54,4 millóns”. “Pero hai máis, engadiu Font: en Ourense, dos 13 millóns do capitulo 4 de transferencias correntes, menos da metade é para os concellos (44 %). No noso orzamento 2020 destinamos o 65 %, 19.3 millóns. En Ourense, territorio altamente diseminado, no capitulo 6 de investimentos destinan vostedes 3 millóns de euros ás estradas provinciais. No noso destinamos mais de 6 millóns, mais do dobre”.
Dentro desa área de asistencia económica e técnica aos municipios de máis de 54 millóns de euros, o Plan Concellos suporá a transferencia de 42,2 millóns de euros disgregado en 29,7 millóns para investimentos, 9,5 millóns para empregos nos concellos e 3 millóns para actividades e gasto corrente. Carlos Font desmentiu as críticas do PP asegurando que “vostedes menten porque saben que non hai descenso algún. O importe baixa respecto a 2018-2019 porque no pasado plan se engadiron os recursos para facer fronte a vaga de lumes que sufriu a provincia“. “A vostedes non hai que lles entenda, –dixo o deputado–. O pasado ano dicían que non había un euro para os lumes e agora, cando nos acusan de baixar o importe, recoñecen que esas partidas si existiron”.
Respecto a acusación dos populares sobre o nivel de execución na Deputación, Font foi tallante ao afirmar que “estamos cansos de escoitar criticas de quen non asume as súas responsabilidades“. O deputado insistiu en que “hai concellos nesta provincia que non xustifican as súas obras nos prazos establecidos e, polo tanto, non as podemos pagar no ano en curso e despois, eses mesmos alcaldes e alcaldesas teñen a desvergoña de cuestionar o noso nivel de execución orzamentaria”. Font puxo exemplos como os dos concellos de Rodeiro, A Estrada ou Vilanova con proxectos sen xustificar desde o ano 2017, ou do mesmo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, “que ten aínda tres proxectos sen xustificar o que supón que non podemos transferir os cartos e, polo tanto, iso reduce o noso nivel de execución. Digan a verdade, traballen un pouco máis nos seus concellos e cuestionen menos aos demais”, esixiu o deputado provincial.
De feito, Font recordou que as bases do próximo Plan Concellos contemplará a obrigatoriedade de cumprir os prazos para xustificar as obras. O deputado sinalou “a falta de congruencia do PP que se abstén na Coruña cando alí o plan único supón repartir 47.23 millóns entre 93 concellos, mentres en Pontevedra cuestionan que repartamos 42.2 millóns para 59 concellos. Tente explicalo se pode, señor Cubela”.
O
deputado socialista ironizou ante a acusación do PP de ser un
orzamento non elaborado coa participación dos populares. “A
elaboración dos orzamentos
é unha prerrogativa dos gobernos e vostedes son a oposición. Chamou
Feijoo á oposición para elaborar os orzamentos da Xunta?¿O alcalde
da Estrada chamou á oposición?¿O Presidente da Deputación de
Ourense chamou á oposición? Vostede como alcalde chamou á
oposición? Está claro que vostede non ten prezo como humorista“,
dixo Font.
Do
mesmo xeito, cualificou de “ignorancia ou mala fe”, que o PP non
recoñeza que o aumento do gasto corrente do orzamento débese
basicamente ao novo contrato
de limpeza ao ter que axustalo ao incremento salarial do sector, de
obrigado cumprimento; ás aportacións aos proxectos europeos
adxudicados; e para adecuar a administración electrónica con compra
de licencias e novos programas. “¿Realmente cree vostede que non
debemos aplicar este incremento? ¿Non considera importante que
paguemos por lei o que corresponde ás traballadoras e
traballadores?, preguntou o deputado, que engadiu “é unha crítica
ridícula sobre todo cando o seu compañeiro e presidente da
Deputación de Ourense, coa metade de orzamento ten un peso no
capítulo 2 dun 24 %, moi superior ao noso. O que sirve en Ourense,
non sirve en Pontevedra”. Respecto ao gasto do persoal, “que co
dobre do orzamento é 10 puntos menos que na Deputación de Ourense”,
Carlos Font explicou que o aumento débese fundamentalmente aos
incrementos retributivos do ano 2019 (2,5 %), que afectou non só ao
persoal da Deputación senón tamén ao da Escola de Enfermaría e os
Consorcios. Iso si, Font non dubidou en falar “da ousadía do PP
cando vostedes tiveron durante catro anos de asesor a Rafael Louzán
que cobrou 180.000 euros sen dar un pau a auga e agora van a dispoñer
de tres persoas para axudalo nas súas tarefas de voceiro. “Si
queren, dixo o deputado, poden renunciar a elo para reducir os
gastos”
O
deputado socialista tamén contestou á acusación de que se rebaixa
o nivel de investimentos. Carlos Font sinalou que “é falso que
baixe de 11 millóns a 9, cando a redución é de 773.616 €. Non se
poden manipular os datos. É máis, incorporamos ao capítulo 6
investimentos a desenvolver en 2020, inversións que se poden
executar xa. E ao longo do ano, se van a incrementar, en
colaboración cos concellos, cando ao través de plans nos presenten
proxectos maduros porque como xa lle dixen son moitos os concellos,
sobre todo do PP, que non son capaces de asumir as súas obrigas e
non son eficientes na súa xestión”.
Finalmente
Font referiuse á pretendida comarcalización que o PP provincial
esixía que figurase nos orzamentos. “Que comarcalización?,
preguntou o deputado socialista “de que comarcalización fala
vostede cando o propio Rueda recoñece agora que o acordo coa
Deputación da Coruña non está aínda feito, ou que so para
Santiago necesitaría 900.000 euros cando ten millón e medio para
toda Galicia?”
Carlos
Font tamén lembrou que os recursos que a Deputación está a
destinar a competencias impropias ascenden a mais de 16 millóns de
euros, “o que impide que poidamos destinar a totalidade do
orzamento a servicios para as e os pontevedreses. A Deputación, dixo
o deputado, non pode estar mantendo nin financiando servizos e
centros nos que a súa competencia non é propia nin delegada, como a
Escola de Enfermería, a Escola de Cantería, a Finca Areeiro,
Mouriscade, ou a Cidade Infantil Príncipe Felipe que deberían ser
xestionadas pola Xunta de Galicia”.
“Oxalá,
rematou, algún día nesta corporación, algúns
esqueceran as súas cores políticas e traballaran con nos para
conseguir a transferencia destes servicios á comunidade autónoma”
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, sinalou hoxe nunha visita á empresa ponteareá ‘Maderas Hermanos Castro’, o potencial da industria forestal “para xerar riqueza e oportunidades laborais en Galicia”.
A visita na que Francisco Conde estivo acompañado polo alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e na que tamén participaron representantes da Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga), e alumnos e profesores da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra da Universidade de Vigo, celebrouse no marco da Semana Forestal Europea, unha conmemoración que busca aumentar a visibilidade deste tecido empresarial.
Tal e como resaltou o conselleiro, en Galicia búscase poñer o foco no papel da industria forestal “como dinamizadora económica e do entorno rural”. A Comunidade é a novena potencia forestal europea, empregando o sector a preto de 80.000 familias, e representando o 2 % no PIB galego.
Para
garantir o crecemento neste eido, a Xunta, a través da Axencia
Galega da Industria Forestal (Xera), ten en marcha a Axenda da
Industria Forestal. Trátase dunha folla de ruta deseñada
conxuntamente entre a Administración e os actores protagonistas
(empresas e centros de coñecemento) para potenciar o sector e
impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, priorizando a
dinamización económica e do entorno rural, e buscando xerar
empregos que permitan tamén a fixación de poboación.
A
execución desta Axenda mobilizará 125 millóns de euros ata 2021,
prestixiando esta industria para posibilitar novos mercados e o
acabamento de novos produtos, incorporando as tecnoloxías
específicas máis avanzadas, e mellorando a formación dos
traballadores do sector para garantir a súa profesionalización.
Trátase así de conseguir que a madeira e os produtos forestais
actúen como o elemento central de impulso á bioeconomía.
Maderas
Hermanos Castro, é unha empresa familiar con máis de 35 anos de
traxectoria que conta con 15 empregos e factura dous millóns de
euros ao ano. O conselleiro resaltou a aposta da compañía polos
investimentos e unha constante mellora nos procesos, achegando valor
engadido aos seus produtos, o que lle permitiu pasar de ser un
aserradoiro a converterse nunha industria da segunda transformación
e distribución da madeira e os seus derivados.
Nenos e nenas de arbo puideron gozar entre os días 31 de outubro e o día 2 de novembro do Samaín 2019 organizado polo Concello de Arbo e no que os máis pequenos e pequenas participaron en distintas actividades como xogos, merendas, música, disfraces e ata un ‘Túnel do terror’.
Estes dous días de celebración, os nenos e nenas de Arbo, así como o non tan nenos, puideron gozar dun espectacular Samaín coa participación en diversas actividades programadas, donde se pasaron unhas horas entretidas e se viviron momentos de medo, risas e diversión.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, considera que esta celebración “cada ano atrae a máis e máis nenos e nenas de tódalas idades, un evento ambientado para ocasión, esta sendo unha referencia no só para Arbo, senon para Galicia, é que cada ano consigue un maior numero de participantes”.
O rexedor subliñou a demanda de esta clase de actividades teñen non so para os cativos e cativas de Arbo, senón tamén para outros colectivos de Arbo, polo que o Concello estuda, para vindeiros anos, ampliar a oferta de actividades do Samain “o que tamen supora incrementar a asistencia e visitantes ao noso Concello”, asegura Horacio Gil.
O alcalde animou tamén a visitar Arbo neste outono xa que é “unha magnífica oportunidade para contemplar unha paixase que nesta época vólvese espectacular, non só nos campos e viñedos, senon tamén nos parques, sendeiros… É unha boa época para descubrir Arbo, a súa gastronomía e as súas belezas naturais…”.
O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellaría de Emprego e Formación que dirixe Verónica Tourón, está a poñer en marcha un Programa Integrado de Emprego, para o cal ven de recibir unha subvención de 250.000 € A por parte da Xunta de Galicia.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, salientou duro traballo que agora hai que desenvolver “para poder levar a cabo o proxecto co mellor resultado, que será o de insertar no mercado laboral ao maior número de persoas posible”. “Con accións coma esta, Salceda seguirá a ser referente en políticas de emprego”, afirmou a rexedora local.
O plan acollerá a 100 persoas desempregadas de sectores diversos: discapacidade, risco de exclusión social, menores de 30 anos con baixa cualificación e cualificadas, maiores de 45 anos, persoas desempregadas perceptoras de prestación, subsidios por desemprego e RAI, mulleres, etc., presentando un obxectivo de inserción laboral dun mínimo do 40% das persoas participantes.
As
persoas beneficiarias participarían nun mínimo de cinco accións
individuais e tres accións de distinta natureza de xeito activo
durante os 12 meses de duración do programa. Ademais da formación
que se agrupa en catro itinerarios formativos: Administración e
atención ao cliente, almacén, produción industrial e hostalería,
ademais prácticas en empresas da zona coas que o Concello
establecerá convenios de colaboración para cumprir co compromiso de
inserción marcado. Para poder acceder ao Programa, as persoas
interesadas deben pertencer a algún dos colectivos mencionados,
estar inscritas na oficina de emprego como demandantes de emprego e
estar empadroadas en Salceda de Caselas.
O Concello de Salceda conta cunhas instalacións idóneas para levar a cabo este tipo de programas no Centro de Desenvolvemento Local do Torrón, onde se establecerá o programa e as técnicas que atenderán ás 100 persoas participantes, e é alí a onde deben dirixirse as persoas interesadas para acceder a toda a información precisa, podendo facelo tamén por vía telefónica no 986347864 ou por mail en [email protected].
A concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera puxo en marcha o proceso de participación cidadá para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable. O proceso de participación desenvolverase a través de dous instrumentos, unha enquisa aberta a toda a poboación e reunións con colectivos sociais.
En canto á enquisa, poderase cumprimentar por parte de calquera persoa a través da web do Concello de Ponteareas onde se atopa dispoñíbel no apartado ‘Plan de Mobilidade’” ou directamente nesta ligazón. Tamén se farán ao longo desta semana enquisas a pé de rúa no centro urbano da localidade.
A enquisa pretende coñecer os hábitos de desprazamento dos e das ponteareás, que tipo de medio de transporte utilizan en función da clase de desprazamento, en qué días e franxas horarias, as orixes de destinos das viaxes e a súa duración, o nivel de uso compartido do vehículo a motor.
Tamén se pretende coñecer a opinión da veciñanza respecto a aspectos xerais da mobilidade como os problemas para desprazarse a pé, en vehículo ou en bicicleta, as problemáticas do aparcamento, da seguridade viaria ou da accesibilidade para persoas con discapacidade.
No ámbito dos desprazamentos
a pé, a enquisa dá a oportunidade aos participantes de pronunciarse
sobre os espazos peonís, o estado das beirarrúas e as súas
dimensións ou os pasos de peóns e a súa seguridade.
O Goberno Local tamén quere
coñecer a postura da veciñanza en relación coas peonalizacións.
Así, na enquisa pregúntase se son necesarias máis rúas peonís en
Ponteareas e, en caso afirmativo, o enquisado pode indicar que rúa
ou rúas deberían ser peonalizadas, total ou parcialmente.
Sobre o vehículo a motor,
pídese opinión sobre o nivel de conxestión e atascos, a seguridade
viaria, as prazas de aparcamento ou o funcionamento da zona azul, as
prazas para persoas con discapacidade, cargas e descarga, a
valoración do cumprimento das normas por parte dos condutores ou da
regulación do tráfico pola Policía Local. As persoas enquisadas
poderán pronunciarse sobre as medidas que o Concello debería
adoptar para mellorar a circulación dos vehículos a motor no centro
urbano. Neste aspecto, o enquisa pretende indagar nos hábitos dos
condutores á hora de estacionar.
O transporte público é outro
dos capítulos relevantes na enquisa e dá a oportunidade aos
enquisados de pronunciarse sobre o servizo de autobuses e de taxis.
Respecto ao primeiro, o goberno local quere saber os motivos da
cidadanía á hora de decidirse a empregar ou non o autobús como
medio de transporte, a frecuencia coa que se emprega, o nivel de
satisfacción coas rutas existentes, os horarios e as frecuencias, as
tarifas, paradas, etc.
Por último, respecto ao
transporte en bicicleta, coa enquisa o goberno local busca averiguar
o nível de uso deste medio para desprazamentos, as razóns polas que
non se utiliza e que medidas considera a cidadanía que debería
implementar o Concello para potenciar este medio de transporte.
A enquisa estará dispoñíbel
e poderase cumprimentar durante quince días, até o domingo 17 de
novembro.
Respecto ás reunións,
celebraranse encontros con todos os colectivos sociais e veciñais
para abordar a mobilidade en xeral, o transporte público en
particular e a accesibilidade a edificios públicos das persoas con
discapacidade ou mobilidade reducida.
O goberno municipal, encabezado pola alcaldesa Digna Rivas, quen tamén é concelleira de Normalización Lingüística, homenaxearon cunha placa na entrada do Cemiterio do Viso a todos e todas os que alí repousan. Digna Rivas chamaba a atención sobre o feito de que “a maioría dos habitantes do Concello falan en galego, mais só o 2% das lápidas ou placas colocadas nos cementerios están na nosa lingua”. Por este motivo, o Concello de Redondela animará cunha serie de iniciativas á utilización da lingua galega en lápidas e placas.
A placa foi colocada na entrada principal do Cemiterio do Viso, onde grazas á aportación do Párroco, don Carlos, destaca de forma ben visible a lenda ‘O Barrio de Todos’, un xeito de lembrar a unión da parroquia do Viso e para que chame a atención de cantas persoas acuden diariamente a este recinto a rendir homenaxe a seus difuntos, na memoria das persoas que xacen ahí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu.
No acto oficial de apertura da placa no camposanto do Viso, a alcaldesa estivo acompañada polo párroco do Viso, don Carlos; Xosé González, –durante moitos anos responsable da área de Normalización Lingüística de Redondela e que acudía en representación da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia– e concelleiras e concelleiros do equipo de Goberno como Susana Couñago, Leonardo Cabaleiro e Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura .
O Goberno Municipal e os funcionarios de normalización lingüística fixeron un chamamento á ciudadanía “a empregar con normalidade en tódolos ámbitos a lingua na que se manifiesta na intimidade familiar”.
“Cómpre que reaccionemos perante este feito anómalo e que mudemos vellos hábitos lingüísticos herdados que non son máis ca pouca autoestima polo propio, por aquilo que é patrimonio común de todos, o noso idioma. A lingua galega é o signo máis preclaro da nosa identidade. Este debe permanecer vivo nos ámbitos onde moura a memoria colectiva, sendo os cemiterios eses espazos singulares de recordo. Restaurar a memoria lingüística de Galicia é un obxectivo que debemos conseguir entre todos”, explicou a alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística.
O Concello de Nigrán, grazas a un convenio entre Deputación de Pontevedra e a Asociación Forestal Galega (ASEFOGA), promove coa Comunidade de Montes de Chandebrito a plantación dunha parcela piloto de froitos do bosque en 500 metros cadrados de superficie no coñecido como ‘Chans do Castro’ (moi próximo ao castro).
Este proxecto experimental nace co obxectivo de recuperar terras en desuso ou abandonadas servindo de guía e incentivo para a producción de arándanos, framboesas e amoras entre veciños e demais comunidades de montes (neste caso trátase de solo completamente calcinado nos incendios de 2017, que afectaron ao 99% da parroquia).
Este cultivo, que non precisa de gran superficie e resulta moi rendible económicamente, resulta idóneo para pequenos terreos infrautilizados en Galicia, contribuíndo así non só a xerar emprego, se non a evitar os lumes (producidos en gran medida polo abandono do medio rural).
“Recibimos
a proposta con entusiasmo porque dende o Concello o que buscamos é
ofrecer ás comunidades de montes alternativas á plantación de
eucaliptos para a superficie queimada, que é algo que estas
entidades teñen tamén moi claro, por iso estamos moi agradecidos á
Deputación e Asefoga de que buscasen este espazo en Nigrán”,
indica o alcalde, Juan González, quen recorda que, precisamente
grazas á Deputación e á colaboración das comunidades de montes
de Camos e Chandebrito, Nigrán contará co primeiro parque forestal
da comarca.
Deste xeito, técnicos de ASEFOGA iniciarán neste mes de novembro a preparación do terreo (non require unha preparación tan exhaustiva como outros cultivos) para, a inicios de decembro, realizar a plantación, que se agarda empece a dar os primeiros beneficios económicos ao cabo de tres anos (estímase que a partires do séptimo ano a producción chega ao seu máximo cun rendemento de 11.000/20.000 kg/ha).
Unha vez a plantación esté concluída (que será antes de que remate o ano) a Comunidade de Montes de Chandebrito asume o compromiso de coidala, mantela e explotala a lo menos dez anos, estando os primeiros tres anos totalmente asesorados por técnicos de ASEFOGA (periodo que se considera o máis delicado para que acade o seu completo desenvolvemento). Ademais, a Comunidade de Montes de Chandebrito se compromete a facilitar visitas a grupos ou persoas interesadas en coñecer o proceso para a producción de froitos vermellos.
“O PH ácido do solo de Galicia, a humidade e o clima atemperado fai que esta terra resulte especialmente idónea para cultivar os froitos do bosque, estes contan cada vez con maior demanda por parte do consumidor e teñen un rendemento económico moi superior ao resto de froita, xa que se están a vender en fresco a unha media de 7/15 euros kilográmo, sendo o arándano o mellor pagado”, explica Diego Barral, técnico de ASEFOGA que traballa neste proxecto.
Así, segundo os últimos datos, en España a facturación de `berries´ aumentou un 300% nos últimos cinco anos debido a súa crecente popularidade entre os consumidores polas súas cualidades dietéticas, gustativas e terapéuticas (consúmense fundamentalmente como producto fresco pero tamén en marmeladas, deshidratados ou conxelados).
A
Deputación destinou 36.000 euros a promover o cultivo sustentable,
mellorar o coñecemento dos froitos do bosque (amoras, arandos ou
framboesas) e facer fincapé na importancia ambiental da recuperación
das parcelas agrícolas e forestais en desuso.
O Concello de As Neves ven de adquirir un novo furgón e remolque para completar a renovación da flota municipal de vehículos. O novo vehículo, unha furgoneta destinada ao transporte das brigadas que traballan na xestión de medio ambiente, foi comprado grazas a unha subvención de compensación ambiental que cubriu o cen por cen do seu custo.
Este vehículo substituirá outro –de arredor de 20 anos de antigüidade– e que estaba supoñendo unha carga para as arcas municipais debido aos continuos gastos que xeraba por mantemento e reparacións.
Trátase dun furgón branco de ata 9 prazas, con gancho para remolque, baca e sistema de mans libres; cunha potencia de 120 c.v. O remolque consta de caixa de 2.600 x 1.800 mm con 2 eixes, con freo de inercia, rodas debaixo da caixa, 3 valdeiras abatibles, mallal dianteiro, arquillos e lona e tamén con dobre chasis e basculante hidráulico eléctrico.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada de Luis Martín Blanco (director de zona de Abanca), e Paloma Vela (coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación) inaugurou a exposición ‘Unha mirada de antaño’ da fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson.
Tras a sinatura do correspondente convenio de colaboración no Concello, trasladáronse ao Mercado Municipal de Tomiño onde participaron nunha visita guiada pola colección de instantáneas realizadas Ruth Matilda Anderson, a principios do século pasado (1924-1926), durante unha expedición financiada pola Hispanic Society of America, institución educativa dedicada á arte e á cultura do mundo hispano.
A
mostra, que permanecerá aberta até o 24 de novembro, reúne unha
colección de fotografías que buscaban documentar a vida da xente,
especialmente en aqueles lugares rurais de difícil acceso. Ata
entón, as actividades da poboación traballando no campo e no mar,
nin a cultura de Galicia, foran obxecto de atracción para a
fotografía.
A
actividade, enmarcada dentro do proxecto Corrente Cultural e supón
unha aposta por espallar a cultura galega e construír unha rede de
coñecemento que transcenda o material.
A exposición pode visitarse todos os días (agás os luns), no primeiro andar do mercado, de 09 h a 22 horas.
Ruth Mathilda Anderson (Cottonwood State Farm, Nebraska, 1893-Nova Iorque, 1983)
Ruth Matilda Anderson foi una fotógrafa que se iniciou no mundo da fotografía da man do seu pai. En 1921 cando traballaba como decoradora de interiores, foi contratada pola Hispanic Society of America e fixo cinco viaxes a España, centrando a súa carreira no estudo dos traxes típicos españois, publicando varios libros e artigos sobre o tema.
Na súa primeira viaxe por Galicia tomou unhas 5.000 fotografías, moitas das cales aínda permanecen sen positivar, e comprou outras 2.800 a fotógrafos locais. Na segunda viaxe tomou unhas 2.800 fotografías. As imaxes polo xeral, cobren a contorna rural e artesanías tradicionais. Estivo acompañada polo seu pai que escribiu un diario. Viaxaron cun Ford de aluguer e un chofer francés.
Nas fondas onde se hospedaban improvisaban un cuarto escuro para ir revelando algunhas fotos. Na súa estancia na Coruña tomou leccións de lingua castelá e interesouse pola historia de Galicia, lendo a Manuel Murguía, e pola literatura galega, lendo a Rosalía de Castro.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha xuntanza en Santiago de Compostela co alcalde de Arbo, Horacio Gil, na que a titular de Infraestruturas trasladoulle ao rexedor local o compromiso da Xunta para incrementar a seguridade viaria na travesía de Cequeliños.
Segundo
o acordado na reunión, o departamento de Infraestruturas financiará
as obras de reforzo de firme e unha senda neste tramo da travesía de
Cequeliños. Pola súa banda, o Concello de Arbo se compromete a
asumir a titularidade deste antigo tramo da PO-400.
A
conselleira tamén se comprometeu que o departamento que dirixe
mantén a súa colaboración para encamiñar as solucións aos
problemas que presentan os sistemas de abastecemento no núcleo de
Arbo e para dotar de saneamento ao núcleo de A Valouta na parroquia
de San Cristóbal.
Neste
eido, Ethel Vázquez indicoulle que está practicamente rematado o
estudo de actuacións para á mellora da captación de Arbo, e que
foi contratado este mesmo ano a través de Augas de Galicia por un
importe de 18.000 euros.
En paralelo a estes
traballos, comunicoulle ao alcalde que o organismo hidráulico da
Xunta está a tramitar a contratacións das obras de
impermeabilización de depósitos para tentar paliar as perdas de
auga do sistema de abastecemento neste núcleo. O investimento
previsto superará os 48.000 euros.
No
que se refire ao saneamento no núcleo de Valouta na parroquia de San
Cristóbal, Ethel Vázquez expresou a disposición da Xunta para
tramitar a contratación da redacción deste proxecto.
O alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil quixo agradecer “o compromiso da Xunta con Arbo, atendendo unha vez máis a proxectos estratéxicos de este concello, especialmente o que se refire o abastecemento integral que permitira mellorar o servizo de augas de todos os veciños e veciñas de Arbo”
Os compromisos da conselleira, sinalou o alcalde de Arbo, “permitirán mellorar as infraestructuras de comunicación municipais que serven de acceso a distintas localidades do municipio, co obxetivo de favorecer as condicions de transito e seguridade viaria”
O rexedor, manifesta que co compromiso da Conselleira de Infraestrutura e mobilidade no reforzo de firme e de construción dunha senda na contorna da bodega e o pazo e o Concello asumirá a titularidade deste antigo tramo da PO-400 na parroquia de Cequeliños mellorarase a seguridade nese tramo de estrada o igual que ocorreu coas obras da rotonda da Vila en Arbo financiada o 100% por esta Consellería.
O Concello de Tui vai realizar un Diagnóstico da Situación e Usos do Mercado Municipal co obxectivo de que no futuro a Praza de Abastos tudense poida ser recoñecida como mercado excelente. Este estudo, que será elaborado por unha empresa de consultoría especializada, determinará cales son as actuacións necesarias para lograr a finalidade perseguida.
Esta diagnose suporá un investimento de 12.705 €
dos que 6.352,50 € serán aportados pola Consellería de Economía,
Emprego e Industria da Xunta de Galicia a través da liña de
subvencións para o Impulso dunha Rede de Mercados Excelentes.
O estudo incluirá un proceso participativo no
que serán entrevistados os praceiros e praceiras, así como os
clientes do mercado e tamén os non clientes, posibles novos
emprendedores, xunto a comerciantes e hostaleiros. Igualmente serán
analizadas todas as variables económicas e sociais que inflúen na
súa marcha, así como os procedementos administrativos actuais para
a concesión de postos.
Unha vez concluído este diagnóstico o Concello
contará cunha revisión integral do mercado e das súas
posibilidades para convertelo nun gran foco de dinamización
comercial e económica. As propostas daranse a coñecer nos vindeiros
meses.
A Xunta de Galicia puxo en marcha o Plan
estratéxico de impulso ao comercio de Galicia 2015-2020 que ten
entre os seus obxectivos a modernización do comercio galego, con
especial atención á imaxe, a presentación do produto e a
prestación de servizos complementarios ao cliente, por isto se
inclúen medidas como a mellora da imaxe e o equipamento dos mercados
e prazas de abastos galegos, así como a creación dunha rede de
mercados excelentes.
A Deputación de Pontevedra programou para este mes de novembro sete novas accións formativas do programa ‘Smartpeme’ en Ponteareas. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade.
Deste xeito, “SmartPeme” oferta ás
persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de
información, análise, asesoramento, capacitación, demostración,
acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos
propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións
de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.
Así, os cursos que se impartirán dende o martes 5 ata o 26 de novembro serán: Así funciona Whatsapp Business, que se desenvolverá o 5 de novembro entre as 19 e as 21 horas; Optimiza a túa páxina de Facebook, que será o xoves 7 de novembro de 18 a 21 horas; ‘Crea un plan de marketing para a campaña de Nadal’, cuxa realización será entre as 19 e as 21 horas do martes 12 de novembro; Crea o teu propio logotipo con Canvas, que se desenvolverá o xoves 14 de novembro de 19 a 21 horas; Motores de reservas para empresas turísticas, o martes 19 de novembro de 17 a 19 horas; Como utilizar Instagram para promover a túa empresa, entre as 19 e as 21 horas do xoves 21; e, por último, Como facturar electronicamente para as empresas e administracións públicas, que se impartirá o martes 26 de novembro entre as 19 h e as 21 horas.
A totalidade destes obradoiros será impartida no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro 5, Ribadetea, Ponteareas). As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico [email protected] ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal. Ademais, o programa formativo SmartPeme estrea Twitter (@smartpeme) e Facebook (SmartPeme).
David Alonso, concelleiro de Deportes informou hoxe de que o goberno municipal porriñés acordou outorgar unha achega extraordinaria de 4.000 € ao C.D. Pontellas. Trátase, dixo, “dunha aportación especial a maiores da subvención anual que o Concello de O Porriño ten conveniada con C. D. Pontellas”. A axuda permitirá ao club Porriñés para afrontara viaxe e aloxamento do plantel en terras vascas para o seu enfrontamento co Tolosa.
Hai doce días, a presidenta do club local, Marta Costas, mantivo unha reunión na Alcaldía unha reunión con Eva García de la Torre e David Alonso, na que a directiva do club solicitaba “axuda económica e loxística do Concello” debido aos gastos extraordinarios que lle supón a este modesto club afrontar a súa histórica participación na Copa do Rei.
O equipo local deberá xogar unha eliminatoria a partido único o vindeiro 13 de novembro contra o Tolosa. No caso de superar esta previa, o C.D. Pontellas xogaría na seguinte ronda da Copa do Rei contra un equipo de Primeira División que non sería ningún dos catro que están a xogar a Champions League (Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid ou Valencia).
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de desmentir que o Concello de Redondela néguese a asinar coa Xunta de Galicia o convenio de financiamento para o PXOM e denuncia a pretensión da Xunta “de impoñer ao Concello de Redondela a sinatura dun convenio que, segundo os servizos técnicos e económicos municipais, non se axusta ao contrato adxudicado polo Concello á empresa redactora do documento”. Rivas, reafirmase en que o Goberno local quere asinar o convenio pero, insiste, “o mesmo deberá axustarse ao indicado polos servizos técnicos e económicos do Concello”.
A rexedora local asegurou que o departamento de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, mediante chamada telefónica, “impuxo, non propuxo”, á Alcaldía unha primeira cita en Santiago para asinar un convenio sen enviar o texto do borrador. Unha actitude que o Concello redondelán cualifica de “claramente electoralista” e que pretende “a sinatura a cegas dun documento que debería ser examinado polos servizos técnicos e económicos do Concello de Redondela”.
Un convio que se axuste ao que indican os servizos técnicos “é a única forma de traballar do novo Goberno de Redondela. Creemos que a única posible aínda que descoñecemos as costumes do anterior goberno municipal do PP”.
En todo caso, a rexedora local redondelá amosa a súa sorpresa polo feito de que a Xunta de Galicia anuncie “un financiamento dun 80%, cando en realidade o borrador fala dunha financiación dun 53% a abonar en 4 anualidades”. Do mesmo xeito pregúntase como é posible “que se o convenio xa estaba acordado dende o ano 2017, aínda estivese pendente de sinatura”.
Con estes datos na mán, todo parece apuntar “a unha política de acoso e derribo ao novo Goberno Municipal, de distinta cor política, deixando clara a falta de imparcialidade por parte do Goberno do PP da Xunta de Galicia”.
Cómpre lembrar que xa a comezos do pasado mes de outubro, alcaldesa de Redondela denunciaba “a falta de respecto e a mostra de deslealdade institucional da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo”, ao ter que enterarse o Concello de Redondela, a través da prensa, da intención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de asinar un convenio de colaboración para o financiamento do PXOM de Redondela, “facendo entender que a sinatura do mesmo sería imprescindible para poder continuar coa súa tramitación”, aseguran dende o Goberno local.
Digna Rivas, aclara que a elaboración do documento de PXOM, “non corre perigo”, xa que as separatas do mesmo xa foron presentadas pola empresa redactora a principios do pasado mes de setembro e remitidas polos servizos técnicos municipais ós distintos orgnismos da Xunta de Galicia e do Estado, “seguindo co trámite regulamentario establecido, polo que se está á espera da recepción dos preceptivos informes sectoriais e previsiblemente o documento poderá ser aprobado polo pleno municipal a principio do próximo ano 2020”.
Doutra banda quere a alcaldesa de Redondela “desmentir que fora a Consellería quen propuxera unha sinatura telemática do convenio, senón que foi iniciativa desta Alcaldesa para intentar acelerar o proceso e non retrasar o memos por motivos xustificados de axenda”.
O borrador do convenio foi remetido pola Concellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda á requirimento da Alcaldía de Redondela o pasado 14 de outubro, e unha vez examinado polos servizos correspondentes detectouse que as fases de financiación que se recollen no seu clausulado “non coinciden coas fases do contrato e que polo tanto este borrador ten que ser modificado para poder adaptalo a realidade da tramitación do PXOM, tal e como se lle comunicou pola técnica de Administracións á Consellería correspondente mediante escrito remitido o día 31 de outubro deste ano”, conclúe o executivo local.
O concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Roberto Mera,e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, criticaron o atraso no pintado da Avenida de Castelao por parte da Xunta de Galicia. O edil sinalou que esta situación está creando “serios problemas para a seguridade viaria, especialmente para os peóns, pola falta de pintado dos pasos de peóns, pero tamén para os vehículos en zonas de intersección e de refuxios para realizar xiros”. A Avenida de Castelao é unha arteria principal da rede viaria urbana, cunha grande densidade de poboación e de tráfico.
Mera
lembrou que o asfaltado se concluíu hai varias semanas e que desde
entón houbo días dabondo con boas condicións climáticas para
facer o pintado. “Desde a concellaría de Tráfico contactouse coa
empresa para que aproveitase eses días, pero alegaron que se
atopaban noutro concello facendo outras obras, pospoñendo o pintado
que agora non poden realizar mentres se manteña a choiva”.
Pola
súa parte, Chus Garrote, explica que tamén advertiron á Xunta a
necesidade de mellorar algún paso elevado que quedou mal rematado
así como corrixir nalgúns tramos os niveis nos encontros entre a
beirarrúa e o asfalto.
Os concelleiros, que aseguran “compartir o malestar da veciñanza” explican que “desde o Concello estamos vixilantes para que por parte da Xunta se realice o pintado no primeiro día que as condicións meteorolóxicas o permitan”.
A totalidade da candidatura do PSdeG-PSOE ao Congreso e ao Senado mantivo nesta pasada semana encontro coa veciñanza de Redondela, celebrada no Centro Cultural de Vilar. Un acto no que participaron Olga Alonso, Guillermo Meijón, Ángeles Marra, Jorge María e Olga Rodríguez, números 1 ao 5 na lista á Cámara Baixa, e Marica Adrio e Daniel Chenlo, candidatos ao Senado.
Entre
o público, que superaba o centenar de persoas, estivo a alcaldesa
de Redondela, Digna Rivas, e mesmo varios suplentes da candidatura
socialista para este próximo 10 de novembro. Tan só faltou á cita
o candidato á Cámara Alta Modesto Pose por enfermidade.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asistiu ao acto celebrado no Centro Cultural de Vilar
Olga Alonso denunciou que nesta campaña electoral “ao PP non lle convén falar de Barreras e Vulcano” e lembrou que é un asunto que afecta a centos de postos de traballo directos e milleiros indirectos. “A política industrial correspóndelle á Xunta”, lembrou antes de destacar que Feijoo só pode presumir de facerse fotos con exdirectivos da petroleira pública mexicana Pemex no ano 2012, “fotos con xente que hoxe está fugada da xustiza”. “Dos compromisos alcanzados para construír buques e xerar postos de traballo, anunciados a bombo e platillo nunha campaña das Eleccións Autonómicas, nada de nada e o estaleiro en concurso de acreedores”.
Guillermo
Meijón definiu ao presidente da Xunta como un “espectador diante
do naufraxio da industria galega” e preguntouse se durante os 7
anos de Goberno de Mariano Rajoy á fronte do Goberno chamou algunha
vez ao ministro de Industria “para que viñera por Galicia a ver
que estaba ocorrendo”. O cambio de actitude no presidente galego,
que agora culpa da situación ao Goberno central, cando as
competencias de Industria están transferidas dende hai anos,
encaixa, ao seu xuízo, na “política de fogos de lucería e de
grandes titulares” que practica Feijoo. Por elo, en lugar de buscar
culpables externos, animouno a explicar as fotos de Pemex “e os
apretóns de mans con tipos que agora están en busca e captura”.
O
candidato ao Congreso foi tamén moi crítico coa ex-ministra de
Fomento, Ana Pastor, a quen cualificou como unha mestra para
maquillar as contas do AVE nos orzamentos do ADIF. “Pastor fixo
sempre o mesmo truco: metía grandes partidas arrastradas dun ano a
outro e logo non executaba nin o 40% ou, no caso doutras
infraestruturas cruciais para esta provincia, deixaba caducar as
tramitacións de impacto ambiental”.
Ángeles
Marra lembrou que o Goberno socialista en funcións foi quen de
aprobar en menos de ano e medio unha suba das pensións co IPC,
incrementou o salario mínimo e o permiso de paternidade, desbloqueou
o superávit orzamentario dos municipios e acometeu grandes logros
sociais.
Jorge
María aludiu á aposta polo Ensino público e de calidade, que supón
a mellor medida para a igualdade social. Marica Adrio criticou a
deriva dos independentistas cataláns, pero tamén das forzas da
dereita acusando a uns e outros de non respectar a lei. Así,
subliñou que cando se di que os políticos presos non deberían
poder gozar de beneficios penitenciarios “algúns pretenden
cargarse a Lei Xeral Penitenciaria e o Regulamento Penitenciario”.
“Todos somos iguais, dende Urdangarín ao último delincuente”,
destacou.
Daniel
Chenlo amosou o seu desacordo cos que din que xa están cansos de
votar e lembrou que foi unha sentencia xudicial por corrupción o
que motivou a moción de censura que descabalgou ao PP do poder. “Os
socialistas, e tamén os socialistas galegos, estamos aquí para
cambiar as cousas e o que máis importa agora é garantir un goberno
de progreso para os próximos catro anos”.
Olga
Rodríguez insistiu nesta idea recalcando que non se pode consentir
que goberne a ultradereita porque iso levaría aparellado un
inmediato retroceso en dereitos que hoxe ningún demócrata discute.
Puxo en valor os resultados en Redondela nas últimas Eleccións e
destacou a fortaleza do partido nesta localidade, unha fortaleza que
debe volver manifestarse nas urnas o próximo 10 de novembro.
O vindeiro sábado, 23 de novembro, o Club Andatui organiza unha nova saída para percorrer a que é, posiblemente, unha das rutas máis botindas da Ribeira Sacra ourensá: o Canón do río Mao.
Para esta andaina hai 40 prazas baleiras a un prezo de 10 euros por participante e a inscrición xa está aberta na páxina www.andatui.es, onde tamén os interesados e interesadas poderán atopar toda a información precisa sobre esta ruta.
A ruta percorre un sendeiro duns 17 quilómetros, con dificultade alta e unha duración aproximada de 7 horas, na que as e os participante camiñarán por pasarelas de madeira, desde as que poderán gozar dunhas espectaculares vistas do canón e val do río Mao.
Así memo visitarase a ponte medieval de Conceliñas, e a capela e necrópole de san Vitor de Barxacova, conxunto arqueolóxico medieval de obrigada visita.
Logo de pechar as súas portas durante uns meses para a realización das obras de mellora de eficiencia enerxética o Museo Municipal de Ponteareas volve abrir ao público o vindeiro mércores día 6, ás 19 horas, con importantes novidades. En colaboración coa Concellería de Vías e Obras que dirixe Chus Garrote executáronse obras en todo o edificio enmarcadas na estratexia de futuro ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’.
O
concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a cidadanía a
desfrutar do día de reapertura no que o arqueólogo Alberte Reboreda
ofrecerá unha breve charla de presentación e xunto a Gonzalo
Fernández, o historiador municipal, ofrecer unha visita guiada a
todos os presentes.
A
recente doazón de diferentes restos arqueolóxicos atopados de xeito
accidental nas inmediacións do Castro da Croa, en Ribadetea, son
unha das novidades. Varios restos de tégulas romanas, un elemento
lítico, probablemente un machacador e un resto dun dolium pasan a
formar parte da historia de Ponteareas. Todas estas pezas foron
cotexadas polo arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez.
Os e as nosas creadoras
Ademais,
nesta nova etapa os e as visitantes poderán gozar con innovadoras e
imaxinativas obras da serie creadores ponteareáns, concretamente de
Aurora Quinteiro que retratou a Alfonso Pexegueiro e Alfonso
Quinteiro e Silverio Rivas.
O
Museo Municipal de Ponteareas está situado nas dependencias dunha
antiga fábrica de curtidos. A nivel expositivo, articúlase de
maneira cronolóxica en grandes varios apartados: Ponteareas e
comarca desde a época paleolítica á romanización, onde se
recollen principalmente materiais procedentes do xacemento
arqueolóxico do Castro de Troña pertencente á cultura
galaico-romana. Destacan tamén nesta área o petróglifo de Chan de
Gándara e unha pequena coleccións de bronces de datación romana do
Coto de Altamira – Taboexa (As Neves) coa figura dun togado.
Da
época medieval sobresae unha pila bautismal de notables proporcións,
ben conservada e que pertence ao estilo románico.
A
parte de historia contemporánea está dedicada fundamentalmente ás
importantes figuras nadas en Ponteareas, que se distinguiron en
distintos ámbitos da vida política, social e cultural. Así no
campo político é necesario destacar a Amado Garra Castellanzuelo,
Gabino Bugallal, e Isidoro Bugallal Araujo. No campo das letras e as
artes hai que facer mención a Manuel Domínguez Benavides, Fermín
Bouza Brey, Alfredo Pedro Guisado, Emilia Éstevez Villavede; músicos
como Reveriano Soutullo, artistas , Antono Medal, Rogelio Lorenzo,
Afonso Quinteiro…
No
museo tampouco falta un lugar dedicado á principal festa de
Ponteareas: o Corpus Christi e as súas alfombras florais, un dos
sinais de identidade colectiva da vila.
Fernando Groba lembra que o horario ao público é de luns a venres de 08:00 a 21:00 horas e os sábados 10:30 a 13:30 h. Tamén quere recordar que a entrada ao Museo Municipal de Ponteareas é totalmente gratuíta.
A Casa dos Alonso acolle a partir do luns 4 de novembro a exposición ‘Dereitos Humanos en Mozambique: acompañando a mellora da saúde e a educación desde a cooperación municipalista’, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello da Guarda. A mostra ofrecerá ata o 22 de novembro unha panorámica dos proxectos de desenvolvemento apoiados no país lusófono, canda intres da vida cotiá, a través das fotografías realizadas polo reporteiro Adrián Irago, que viaxou á zona como gañador do certame Imaxes con Fondo III.
A
exposición, que se estreou polo 70º aniversario da Declaración
Universal dos Dereitos Humanos, estrutúrase en cinco cubos que nos
achegan á realidade mozambicana, comezando polas iniciativas de
loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2001 en materia de
educación, saúde ou abastecemento de auga. O Fondo Galego ten
impulsado no país africano unha decena de proxectos, que supuxeron
uns 300.000 euros de investimento e que na súa maioría se levaron a
cabo coa Casa do Gaiato e a súa “irmá” a Fundação Encontro
como parceiros locais, pero tamén coa colaboración de ONGD galegas
ou do Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD).
Nos
últimos tempos, executouse canda a Fundação Encontro unha
intervención co deporte como ferramenta para previr doenzas e
adiccións entre a mocidade. Tamén se traballou directamente co
municipio de Nhamayábue para a construción de pequenos sistemas de
abastecemento de auga. Adrián Irago visitou estes e outros proxectos
anteriores, coma o realizado con Ecos do Sur para reparar un centro
educativo na contorna de Maputo ou o impulsado canda Arquitectura sen
Fronteiras para mellorar as condicións sanitarias na provincia de
Inhambane. O seu obxectivo recolleu ademais actividades económicas,
aspectos culturais, momentos de lecer, espazos naturais, etc.
O fotógrafo
Adrián
Irago, que traballou en medios locais durante varios anos, conta na
súa andaina con galardóns coma o Premio Nacional de Fotoperiodismo
da Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y
Televisión. Entre os traballos do fotoxornalista vigués destaca a
cobertura dos desafiuzamentos en Madrid de 2012, os incendios en
Galicia de 2013 e a ruta das persoas refuxiadas en 2015, que o levou
a percorrer Grecia, Macedonia, Serbia, Alemaña e Francia.
Un dos países máis empobrecidos
Mozambique
ten experimentado un crecemento considerable desde o Acordo de Paz
asinado en 1992 que puxo fin a dezaseis anos de guerra civil, mais o
seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser dos máis
baixos do planeta. A pobreza atinxe ao 55% da poboación,
especialmente as mulleres, e a esperanza de vida sitúase nos 57
anos. No entanto, trátase dun país cun gran potencial e existen
iniciativas locais desde as que se loita por reverter esa situación,
algunhas delas con colaboración internacional. Tal é o caso dos
concellos e organizacións apoiadas polo Fondo Galego, que nos
últimos anos mesmo iniciou unha liña de traballo coa Asociación
Nacional de Municipios Mozambicanos.
O Fondo Galego
O
Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97
concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que
concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da
cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión
profesional e transparente, así como a realización de proxectos con
impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a
prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia
municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o
Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30
países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos
desequilibrios Norte-Sur.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.