Mércores, 11 Decembro de 2024

O BNG traballará para que ACEESCA quede no Porriño

O Bloque Nacionalista Galego,a través do seu portavoz municipal no Porriño, Pedro Pereira, trasladoulle á xerencia de ACEESCA o compromiso dos nacionalistas para traballar co obxectivo de manter as súas instalacións no concello do Porriño, como xa o fixera noutras ocasións.

“No BNG sempre valoramos e recoñecemos o traballo que ACEESCA realiza coas persoas con diversidade intelectual”, sinalou o portavoz municipal, ao mesmo tempo que manifestou o traballo que desde a organización nacionalista sempre se fixo en prol da igualdade de dereitos para todas as veciñas e veciños, en especial para as persoas con discapacidade que a día de hoxe seguen a ter unha maior dificultade na busca de emprego.

Os nacionalistas levaron no programa para as municipais de maio de 2019 unha proposta neste sentido: “Favorecer que as persoas con discapacidade estean máis presentes no mundo laboral, con inclusión de prazas, apoio á empregabilidade nas empresas, con especial atención ás persoas que poidan correr risco de exclusión laboral ou sufran discriminación”.

O proxecto de emprego e formación dual de apoio a persoas con diversidade intelectual que quere levar a cabo ACEESCA no concello do Porriño encaixa perfectamente cos principios e liñas de programa que os nacionalistas queren levar a cabo no Porriño, os cales xa lle foron transmitidos á asociación nunha reunión previa ás eleccións de maio.

O BNG traballará para que a curto prazo se someta á aprobación do pleno a cesión dunha parcela municipal para que ACEESCA amplíe as súas instalacións no Porriño coa construción e posta en marcha do centro de formación profesional para persoas con diversidade intelectual.