8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aproba o "mellor orzamento da historia"

    A Deputación aproba o “mellor orzamento da historia”

    A institución que preside Carmela Silva volve a ser a Deputación de toda España que máis transferencias fai aos municipios e a menos hipotecada moi preto da débeda cero

    A Deputación de Pontevedra xa dispón de orzamento para o ano 2020. O pleno aprobou hoxe as contas que ascenden a 161 millóns de euros e que o deputado Carlos Font definiu como “o mellor orzamento da historia da institución, e o que da resposta aos grandes retos da provincia. É unha oportunidade histórica de futuro, equidade, compromiso e autonomía local. Un orzamento, dixo, equilibrado, xerador de riqueza, crecemento económico e emprego co que seguiremos a transformar a provincia como vimos facendo desde fai catro anos”.

    Fonte relatou as cifras que priorizan os cinco grandes eixos transversais para este mandato: 27,4 millóns de euros para a sustentabilidade e transición ecolóxica; 10,4 millóns para economía, innovación e fomento do emprego, que se incrementa nun 9 %; 33,9 millóns para o avance socio cultural e deportivo; 1,34 millóns para as políticas de igualdade, que duplica os seus recursos respecto a 2016 “e fronte aos cero euros dos gobernos do PP”; e máis de 54,4 millóns de euros para a asistencia económica e técnica aos concellos. Deles, 42.2 millóns son o financiamento do Plan Concellos 2020, destinados a respectar a autonomía municipal e garantir a equidade na colaboración cos municipios.

    “Un plan, sinalou Font, coas mesmas regras para todos, claras e públicas, no que os protagonistas son os concellos en función das súas características obxectivas, apartándonos do dedo, do capricho e da arbitrariedade”. De feito, o deputado recordou que “amais de seguir con cero euros de libre disposición, o orzamento recolle unha brutal diminución das subvencións nominativas. Das 271 que se repartiron sen xustificar co goberno do PP en 2015, neste orzamento tan so hai 80 e todas elas suxeitas a Lei de Subvencións e a Ordenanza que nós creamos e cumprimos”.

    “Recibimos unha administración hipotecada e endebedada en 41 millóns de euros que baixamos a 3,9, co que agora mesmo somos unha administración modélica que en breve acadará o obxectivo de débeda Cero”

    Carlos Font subliñou o crecemento do orzamento “de forma progresiva desde que chegamos en 2015, de 148 a 161 millóns”, pero tamén a continua redución da débeda. “Recibimos unha administración hipotecada e endebedada en 41 millóns de euros que baixamos a 3,9, co que agora mesmo somos unha administración modélica que en breve acadará o obxectivo de débeda Cero. Non é cuestión de maxia, nin de arquitecturas financeiras, dixo o deputado, tan so de respecto máximo polos recursos públicos”. “Un orzamento envexable, subliñou Font, que os alcaldes e alcaldesas do PP aplaudirían. E senón é así, engadiu o deputado, rétolles a que me presenten un escrito asinado por eles no que digan que prefiren a política de reparto de recursos públicos do PP, por exemplo a que fan na Deputación de Ourense. Xa lles digo que non o conseguirán, porque co goberno de Louzán recibían dez veces menos”.

    Por iso, Font insistiu en que cunha transferencia de máis dun 30 % aos concellos, segundo datos do Ministerio de Hacienda, “esta institución segue a ser a Deputación de todo o Estado que más recursos transfire aos municipios”. O deputado ensinou as gráficas nas que se demostra que, amais, Pontevedra non só duplica a media nacional de transferencias, media á que non chega nin unha soa Deputación gobernada polo PP, senón que “a comparativa con Ourense é insostible porque fronte as nosas transferencias dun 30 %, Ourense transfire o 0,06 %. E si falamos da Xunta tampouco resisten as cifras porque Feijoo só transfire o 2,3 % da súa recadación tributaria no Fondo de Cooperación Local”.

    “Os números non enganan, dixo o deputado, e invítolle a que mire a Ourense: nesa Deputación que gobernan vostedes as transferencias aos concellos, incluídas as mancomunidades, son de 5,75 millóns. As nosas transferencias chegan aos 54,4 millóns”. “Pero hai máis, engadiu Font: en Ourense, dos 13 millóns do capitulo 4 de transferencias correntes, menos da metade é para os concellos (44 %). No noso orzamento 2020 destinamos o 65 %, 19.3 millóns. En Ourense, territorio altamente diseminado, no capitulo 6 de investimentos destinan vostedes 3 millóns de euros ás estradas provinciais. No noso destinamos mais de 6 millóns, mais do dobre”.

    Dentro desa área de asistencia económica e técnica aos municipios de máis de 54 millóns de euros, o Plan Concellos suporá a transferencia de 42,2 millóns de euros disgregado en 29,7 millóns para investimentos, 9,5 millóns para empregos nos concellos e 3 millóns para actividades e gasto corrente. Carlos Font desmentiu as críticas do PP asegurando que “vostedes menten porque saben que non hai descenso algún. O importe baixa respecto a 2018-2019 porque no pasado plan se engadiron os recursos para facer fronte a vaga de lumes que sufriu a provincia“. “A vostedes non hai que lles entenda, –dixo o deputado–. O pasado ano dicían que non había un euro para os lumes e agora, cando nos acusan de baixar o importe, recoñecen que esas partidas si existiron”.

    Respecto a acusación dos populares sobre o nivel de execución na Deputación, Font foi tallante ao afirmar que “estamos cansos de escoitar criticas de quen non asume as súas responsabilidades“. O deputado insistiu en que “hai concellos nesta provincia que non xustifican as súas obras nos prazos establecidos e, polo tanto, non as podemos pagar no ano en curso e despois, eses mesmos alcaldes e alcaldesas teñen a desvergoña de cuestionar o noso nivel de execución orzamentaria”. Font puxo exemplos como os dos concellos de Rodeiro, A Estrada ou Vilanova con proxectos sen xustificar desde o ano 2017, ou do mesmo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, “que ten aínda tres proxectos sen xustificar o que supón que non podemos transferir os cartos e, polo tanto, iso reduce o noso nivel de execución. Digan a verdade, traballen un pouco máis nos seus concellos e cuestionen menos aos demais”, esixiu o deputado provincial.

    De feito, Font recordou que as bases do próximo Plan Concellos contemplará a obrigatoriedade de cumprir os prazos para xustificar as obras. O deputado sinalou “a falta de congruencia do PP que se abstén na Coruña cando alí o plan único supón repartir 47.23 millóns entre 93 concellos, mentres en Pontevedra cuestionan que repartamos 42.2 millóns para 59 concellos. Tente explicalo se pode, señor Cubela”.

    O deputado socialista ironizou ante a acusación do PP de ser un orzamento non elaborado coa participación dos populares. “A elaboración dos orzamentos é unha prerrogativa dos gobernos e vostedes son a oposición. Chamou Feijoo á oposición para elaborar os orzamentos da Xunta?¿O alcalde da Estrada chamou á oposición?¿O Presidente da Deputación de Ourense chamou á oposición? Vostede como alcalde chamou á oposición? Está claro que vostede non ten prezo como humorista“, dixo Font.

    Do mesmo xeito, cualificou de “ignorancia ou mala fe”, que o PP non recoñeza que o aumento do gasto corrente do orzamento débese basicamente ao novo contrato de limpeza ao ter que axustalo ao incremento salarial do sector, de obrigado cumprimento; ás aportacións aos proxectos europeos adxudicados; e para adecuar a administración electrónica con compra de licencias e novos programas. “¿Realmente cree vostede que non debemos aplicar este incremento? ¿Non considera importante que paguemos por lei o que corresponde ás traballadoras e traballadores?, preguntou o deputado, que engadiu “é unha crítica ridícula sobre todo cando o seu compañeiro e presidente da Deputación de Ourense, coa metade de orzamento ten un peso no capítulo 2 dun 24 %, moi superior ao noso. O que sirve en Ourense, non sirve en Pontevedra”. Respecto ao gasto do persoal, “que co dobre do orzamento é 10 puntos menos que na Deputación de Ourense”, Carlos Font explicou que o aumento débese fundamentalmente aos incrementos retributivos do ano 2019 (2,5 %), que afectou non só ao persoal da Deputación senón tamén ao da Escola de Enfermaría e os Consorcios. Iso si, Font non dubidou en falar “da ousadía do PP cando vostedes tiveron durante catro anos de asesor a Rafael Louzán que cobrou 180.000 euros sen dar un pau a auga e agora van a dispoñer de tres persoas para axudalo nas súas tarefas de voceiro. “Si queren, dixo o deputado, poden renunciar a elo para reducir os gastos”

    O deputado socialista tamén contestou á acusación de que se rebaixa o nivel de investimentos. Carlos Font sinalou que “é falso que baixe de 11 millóns a 9, cando a redución é de 773.616 €. Non se poden manipular os datos. É máis, incorporamos ao capítulo 6 investimentos a desenvolver en 2020, inversións que se poden executar xa. E ao longo do ano, se van a incrementar, en colaboración cos concellos, cando ao través de plans nos presenten proxectos maduros porque como xa lle dixen son moitos os concellos, sobre todo do PP, que non son capaces de asumir as súas obrigas e non son eficientes na súa xestión”.

    Finalmente Font referiuse á pretendida comarcalización que o PP provincial esixía que figurase nos orzamentos. “Que comarcalización?, preguntou o deputado socialista “de que comarcalización fala vostede cando o propio Rueda recoñece agora que o acordo coa Deputación da Coruña non está aínda feito, ou que so para Santiago necesitaría 900.000 euros cando ten millón e medio para toda Galicia?”

    Carlos Font tamén lembrou que os recursos que a Deputación está a destinar a competencias impropias ascenden a mais de 16 millóns de euros, “o que impide que poidamos destinar a totalidade do orzamento a servicios para as e os pontevedreses. A Deputación, dixo o deputado, non pode estar mantendo nin financiando servizos e centros nos que a súa competencia non é propia nin delegada, como a Escola de Enfermería, a Escola de Cantería, a Finca Areeiro, Mouriscade, ou a Cidade Infantil Príncipe Felipe que deberían ser xestionadas pola Xunta de Galicia”. Oxalá, rematou, algún día nesta corporación, algúns esqueceran as súas cores políticas e traballaran con nos para conseguir a transferencia destes servicios á comunidade autónoma”

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.