20 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasPonteareas destaca ás empresas "que naceron e medraron na lingua nai"

    Ponteareas destaca ás empresas “que naceron e medraron na lingua nai”

    O premio «Ponteareas, lingua e empresa» distinguíu a tres empresas que na súa actividade diaria empregan a lingua galega

    Un premio distinguíu, por vez primeira na historia de Ponteareas, o emprego da lingua galega no ámbito comercial e empresarial. Con este xesto o Goberno ponteareán quere non só promover o uso da lingua galega “senón tamén recoñecer publicamente a contribución ao aumento e mellora do uso social do galego desde este sector”.

    Con este obxectivo naceu o premio ‘Ponteareas, Lingua e empresa’ que entregou os galardóns deseñados en exclusiva para este evento polo escultor ponteareán Silverio Rivas. Unha obra en aceiro inoxidable inspirada nunha porta aberta, elemento máxico e protector presente en tódalas culturas ancestrais e mitolóxicas segundo explica o propio autor.

    “A porta simboliza o paso a un nivel superior. Se a porta é o inicio, al lingua é o modo de facer a viaxe, o vehículo que nos permite acadar novos horizontes e conectar mundos diversos”, manifestou Silverio Rivas.

    A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil e o concelleiro de Lingua, Fernando Groba, acompañados do alcalde Xosé Represas e dos membros do xurado, entregaron os diplomas as tres empresas gañadoras que no desempeño da súa actividade diaria elexiron a lingua galega para se comunicar tanto interna como externamente e que mesmo conseguiron marcar fitos históricos.

    Industrias Cárnicas Fontefría, DIE gabinete técnico e Máis Vida son as tres empresas que recibiron da man de Silverio Rivas o galardón e o diploma da man dos membros do xurado composto por Inma Viejo Gómez, en representación de BANASTRA, Carme Pérez Vaquero da Fundación Lois Peña Novo e Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador .

    Trinta anos facendo marca en galego

    Pola súa aposta e longa traxetoria no uso da lingua galega ao longo de décadas etiquetando os seus produtos en galego, levando o idioma galego ás grandes superficies e áreas de distribución tanto en Galicia como fóra dela, emitindo tíckets de compra en galego, na rotulación estática das tendas e na publicidade móbil dos seus vehículos de reparto, foi recoñecida Industrias Cárnicas Fontefría. O xurado salienta a importancia que estas actitudes teñen para o prestixio social da nosa lingua no ámbito socioeconómico xa que achega a lingua aos consumidores e consumidoras e provoca unha receptividade favorable ao seu uso na sociedade.

    Marcando un fito histórico

    Polo uso continuado e exclusivo da lingua galega na súa actividade profesional o xurado destacou ao gabinete técnico DIE que ademais destaca pola repercusión que ten sobre a creación dun corpus lingüístico de documentos técnicos en galego presentados perante organismos como o rexistro da propiedade ou notarías, que favorece que os usuarios e usuarias teñan a posibilidade de ter documentadas as súas propiedades en galego.

    Ampliando fronteiras

    Na categoría de incorporación recente ao uso da lingua galega foi premiado Máis Vida pola súa contribución a visibilizar o galego dentro do eido da saúde, axundando a gañar novos espazos de uso para a lingua galega a través dunha actividade que chega á ampla capa da sociedade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.