Venres, 24 Xaneiro de 2025

Rivas insiste en que o convenio para o PXOM “deberá axustarse ao indicado polos servizos técnicos e económicos do Concello”

A alcaldesa de Redondela asegura que a Xunta "pretende impoñer a sinatura dun convenio de financiamento que non se axusta ao contrato asinado coa empresa redactora

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de desmentir que o Concello de Redondela néguese a asinar coa Xunta de Galicia o convenio de financiamento para o PXOM e denuncia a pretensión da Xunta “de impoñer ao Concello de Redondela a sinatura dun convenio que, segundo os servizos técnicos e económicos municipais, non se axusta ao contrato adxudicado polo Concello á empresa redactora do documento”. Rivas, reafirmase en que o Goberno local quere asinar o convenio pero, insiste, “o mesmo deberá axustarse ao indicado polos servizos técnicos e económicos do Concello”.

A rexedora local asegurou que o departamento de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, mediante chamada telefónica, “impuxo, non propuxo”, á Alcaldía unha primeira cita en Santiago para asinar un convenio sen enviar o texto do borrador. Unha actitude que o Concello redondelán cualifica de “claramente electoralista” e que pretende “a sinatura a cegas dun documento que debería ser examinado polos servizos técnicos e económicos do Concello de Redondela”.

Un convio que se axuste ao que indican os servizos técnicos “é a única forma de traballar do novo Goberno de Redondela. Creemos que a única posible aínda que descoñecemos as costumes do anterior goberno municipal do PP”.

En todo caso, a rexedora local redondelá amosa a súa sorpresa polo feito de que a Xunta de Galicia anuncie “un financiamento dun 80%, cando en realidade o borrador fala dunha financiación dun 53% a abonar en 4 anualidades”. Do mesmo xeito pregúntase como é posible “que se o convenio xa estaba acordado dende o ano 2017, aínda estivese pendente de sinatura”.

Con estes datos na mán, todo parece apuntar “a unha política de acoso e derribo ao novo Goberno Municipal, de distinta cor política, deixando clara a falta de imparcialidade por parte do Goberno do PP da Xunta de Galicia”.

Cómpre lembrar que xa a comezos do pasado mes de outubro, alcaldesa de Redondela denunciaba “a falta de respecto e a mostra de deslealdade institucional da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo”, ao ter que enterarse o Concello de Redondela, a través da prensa, da intención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de asinar un convenio de colaboración para o financiamento do PXOM de Redondela, “facendo entender que a sinatura do mesmo sería imprescindible para poder continuar coa súa tramitación”, aseguran dende o Goberno local.

Digna Rivas, aclara que a elaboración do documento de PXOM, “non corre perigo”, xa que as separatas do mesmo xa foron presentadas pola empresa redactora a principios do pasado mes de setembro e remitidas polos servizos técnicos municipais ós distintos orgnismos da Xunta de Galicia e do Estado, “seguindo co trámite regulamentario establecido, polo que se está á espera da recepción dos preceptivos informes sectoriais e previsiblemente o documento poderá ser aprobado polo pleno municipal a principio do próximo ano 2020”.

Doutra banda quere a alcaldesa de Redondela “desmentir que fora a Consellería quen propuxera unha sinatura telemática do convenio, senón que foi iniciativa desta Alcaldesa para intentar acelerar o proceso e non retrasar o memos por motivos xustificados de axenda”.

O borrador do convenio foi remetido pola Concellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda á requirimento da Alcaldía de Redondela o pasado 14 de outubro, e unha vez examinado polos servizos correspondentes detectouse que as fases de financiación que se recollen no seu clausulado “non coinciden coas fases do contrato e que polo tanto este borrador ten que ser modificado para poder adaptalo a realidade da tramitación do PXOM, tal e como se lle comunicou pola técnica de Administracións á Consellería correspondente mediante escrito remitido o día 31 de outubro deste ano”, conclúe o executivo local.