“Un Goberno socialista en Madrid é a única opción do municipio de Porriño para acadar o ansiado soterramento das vías do tren ao paso polo centro da localidade” asegurou hoxe a alcaldesa porriñesa, Eva García de la Torre, quen acompañada do secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades, anunciou que o Xestor de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e o Ministerio de Fomento teñen moi avanzados os trámites para a licitación do proxecto de execución. “Se Pedro Sánchez continúa na Moncloa, –explicou García de la Torre– o proxecto estará adxudicado a unha enxeñería especializada en torno ao próximo mes de decembro”.
A alcaldesa do Porriño lembrou que en setembro xa mantivo unha xuntanza coa directora xeral de Proxectos e Planificación do ADIF, María Luisa Domínguez, na que lle confirmou que o asunto está na axenda e hai un compromiso de investimento duns 15 millóns de euros para executalo.
O trazado ferroviario que cruza polo centro de Porriño, incluíndo un problemático paso a nivel, data de 1840. Segundo os datos do Concello, a primeira vez que se falou da posibilidade de solucionar o impacto no centro da localidade, diante do crecemento urbano de Porriño, foi en 1948. Eva García de la Torre recalcou que, dende entón, pasaron moitos alcaldes e agora, por fin, comeza a madurarse a solución definitiva.
“A veciñanza de Porriño ten a posibilidade de votar tamén en clave local nas próximas Eleccións Xerais, pois ademais de elixir ao próximo Goberno de España tamén estarán tomando unha decisión con repercusión sobre o territorio no que viven”, afirmou.
“O primeiro paso é unha decisión política, o segundo a redacción dun proxecto técnico e, finalmente, a execución das obras e para iso fai falta que haxa un Goberno en plenas funcións e que sexa quen de aprobar uns Orzamentos”, concluíu.
A solución que está a barallar o Ministerio de Fomento pasa polo que denomina tecnicamente “depresión da rasante”, de forma que as vías comezarían a perder cota uns 1.500 metros antes do paso nivel e aflorarían novamente á superficie na zona de Frigolouro.