12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaChega á Guarda a exposición do Fondo Galego sobre Dereitos Humanos en...

    Chega á Guarda a exposición do Fondo Galego sobre Dereitos Humanos en Mozambique

    A Casa dos Alonso acolle a partir do luns 4 de novembro a exposición ‘Dereitos Humanos en Mozambique: acompañando a mellora da saúde e a educación desde a cooperación municipalista’, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello da Guarda. A mostra ofrecerá ata o 22 de novembro unha panorámica dos proxectos de desenvolvemento apoiados no país lusófono, canda intres da vida cotiá, a través das fotografías realizadas polo reporteiro Adrián Irago, que viaxou á zona como gañador do certame Imaxes con Fondo III.

    A exposición, que se estreou polo 70º aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, estrutúrase en cinco cubos que nos achegan á realidade mozambicana, comezando polas iniciativas de loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2001 en materia de educación, saúde ou abastecemento de auga. O Fondo Galego ten impulsado no país africano unha decena de proxectos, que supuxeron uns 300.000 euros de investimento e que na súa maioría se levaron a cabo coa Casa do Gaiato e a súa “irmá” a Fundação Encontro como parceiros locais, pero tamén coa colaboración de ONGD galegas ou do Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD).

    Nos últimos tempos, executouse canda a Fundação Encontro unha intervención co deporte como ferramenta para previr doenzas e adiccións entre a mocidade. Tamén se traballou directamente co municipio de Nhamayábue para a construción de pequenos sistemas de abastecemento de auga. Adrián Irago visitou estes e outros proxectos anteriores, coma o realizado con Ecos do Sur para reparar un centro educativo na contorna de Maputo ou o impulsado canda Arquitectura sen Fronteiras para mellorar as condicións sanitarias na provincia de Inhambane. O seu obxectivo recolleu ademais actividades económicas, aspectos culturais, momentos de lecer, espazos naturais, etc.

    O fotógrafo

    Adrián Irago, que traballou en medios locais durante varios anos, conta na súa andaina con galardóns coma o Premio Nacional de Fotoperiodismo da Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión. Entre os traballos do fotoxornalista vigués destaca a cobertura dos desafiuzamentos en Madrid de 2012, os incendios en Galicia de 2013 e a ruta das persoas refuxiadas en 2015, que o levou a percorrer Grecia, Macedonia, Serbia, Alemaña e Francia.

    Un dos países máis empobrecidos

    Mozambique ten experimentado un crecemento considerable desde o Acordo de Paz asinado en 1992 que puxo fin a dezaseis anos de guerra civil, mais o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser dos máis baixos do planeta. A pobreza atinxe ao 55% da poboación, especialmente as mulleres, e a esperanza de vida sitúase nos 57 anos. No entanto, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter esa situación, algunhas delas con colaboración internacional. Tal é o caso dos concellos e organizacións apoiadas polo Fondo Galego, que nos últimos anos mesmo iniciou unha liña de traballo coa Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos.

    O Fondo Galego

    O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.