Os alcaldes do Valmiñor puxeron de relevo a importancia dun Goberno presidido por Pedro Sánchez en Madrid, tanto polo desenvolvemento de políticas favorables aos concellos como pola continuidade de David Regades á fronte da Zona Franca, garantindo así a continuidade de importantes investimentos no territorio, especialmente nos polígonos industriais de Porto do Molle e A Pasaxe.
Os rexedores de Baiona, Carlos Gómez; Nigrán, Juan González e Gondomar, Francisco Ferreira, foron os protagonistas dun acto aberto coa veciñanza da comarca, no que tamén participaron o secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades, e a candidata número 1 ao Congreso, Olga Alonso. Con eles estivo tamén o secretario de Organización socialista en Baiona, Fernando López.
Juan González destacou que para Nigrán é moi importante a vitoria do PSOE, pois os concellos precisan dun Goberno de España que pense e actúe en clave municipalista, xusto en dirección contraria ao que fixo o dúo Rajoy-Montoro, “pero máis importante aínda é que sigamos tendo un amigo á fronte da Zona Franca, que sigamos contando con David Regades pensando en Porto do Molle”.
[su_image_carousel source=”media: 8347,8346,8345,8344,8343″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Na mesma liña, o rexedor de Gondomar, Francisco Ferreira, destacou que hai pendente un gran investimento en A Pasaxe e Regades é a mellor garantía de que se vai levar a cabo. Pola súa banda, o alcalde baionés, Carlos Gómez, incidiu en que o Goberno de Sánchez abre novas expectativas para os concellos como, por exemplo, a rede de destinos turísticos intelixentes que se está a promover e na que Baiona ten posta a vista. “Agora o Valmiñor ten futuro”, concluíu.
Francisco Ferreira recalcou que é a primeira vez que o Valmiñor conta con tres alcaldes socialistas que non se conforman “porque nós non imos ás Alcaldías a presumir, senón a traballar”. Un traballo que os alcaldes e alcaldesas só poden afrontar cando hai institucións como o Goberno de Pedro Sánchez ou a Deputación que preside Carmela Silva “porque se non fora así, con esta Xunta partidista e caciquil, teríamos que apretarnos os uns contra os outros”. “Os alcaldes non só temos un amigo na Zona Franca, senón que podemos falar coa subdelegada do Goberno, se nos escoita na Deputación e podemos chamar aos deputados que nos representan nas Cortes”.
Carlos Gómez considera que hai que afrontar o 10N non como un “agora si”, senón como un “agora outra vez” e remachou que hai conquistas nas que a sociedade non pode retroceder: “se somos socialistas somos feministas, porque o socialismo é igualdade, e hoxe vivimos o tempo das mulleres”. Juan González dixo que o PSOE conseguiu reverter en menos de ano e medio de Goberno en funcións unha boa parte dos 7 anos de recortes do PP.
Durante a súa intervención, David Regades recalcou que só o PSdeG-PSOE presenta unha candidatura xenuinamente pontevedresa, con candidatas/os imbricados no territorio. “Olga Alonso é dos nosos, unha muller que foi secretaria xeral da UXT en Vigo, preocupada polo benestar dos traballadores, que coñece os concellos e á súa xente”. Destacou que Unidas-Podemos volveu poñer unha candidata de Ferrol; Máis País a un de Ourense e o PP elixiu á alcaldesa de Marín “que non vai defender á veciñanza do Valmiñor e que vai ter que elixir entre dedicar o seu tempo á Alcaldía ou ao Congreso, porque as dúas cousas non se pode”.
Olga Alonso concluíu que o tempo de lamentarse rematou “agora hai que ir a votar con alegría, polas conviccións e polos 140 anos de historia dun PSOE que construíu o Estado do Benestar”.