Sábado, 8 Febreiro de 2025

O Goberno de Ponteareas critica o “atraso” no pintado da Avenida Castelao

As Concellería de Mobilidade e Vías e Obras critican á Xunta por un atraso que ocasiona "serios problemas de seguridade viaria"

O concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Roberto Mera,e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, criticaron o atraso no pintado da Avenida de Castelao por parte da Xunta de Galicia. O edil sinalou que esta situación está creando “serios problemas para a seguridade viaria, especialmente para os peóns, pola falta de pintado dos pasos de peóns, pero tamén para os vehículos en zonas de intersección e de refuxios para realizar xiros”. A Avenida de Castelao é unha arteria principal da rede viaria urbana, cunha grande densidade de poboación e de tráfico.

Mera lembrou que o asfaltado se concluíu hai varias semanas e que desde entón houbo días dabondo con boas condicións climáticas para facer o pintado. “Desde a concellaría de Tráfico contactouse coa empresa para que aproveitase eses días, pero alegaron que se atopaban noutro concello facendo outras obras, pospoñendo o pintado que agora non poden realizar mentres se manteña a choiva”.

Pola súa parte, Chus Garrote, explica que tamén advertiron á Xunta a necesidade de mellorar algún paso elevado que quedou mal rematado así como corrixir nalgúns tramos os niveis nos encontros entre a beirarrúa e o asfalto.

Os concelleiros, que aseguran “compartir o malestar da veciñanza” explican que “desde o Concello estamos vixilantes para que por parte da Xunta se realice o pintado no primeiro día que as condicións meteorolóxicas o permitan”.