Martes, 29 Xullo de 2025

Ponteareas xa ten equipo de enduro e descenso, o «PonteBike Team»

Ponteareas é, ninguén o dubida, terra de ciclismo e de ciclistas independentemente da especialidade. Botábanse en falta, iso si, equipos e nomes nas especialidades, nada doadas, de enduro e descenso. Agora, o ‘PonteBike Team’ nace para cubrir ese espazo baleiro e, como todo o que se fai en Ponteareas, a bo seguro que o fará con nota.

O PonteBike Team conta con diferentes categorías, dende a Junior ata os Máster, pasando pola Élite-Sub 23 e, dende as súas filas, aseguran nacer “con ambición”. Tanta, que esta mesma fin de semana dous dos seus corredores, Ismael Romero Ucha e Pablo Porto Otero, desprazaranse ata La Adrada, en Ávila, para disputar a primeira proba do Open de España de Enduro, onde esperan conseguir entrar no Top-10 da súa categoría.

Márcanse como obxectivos desta tempada, o Open de España de Enduro, o Open de Galicia de Enduro e Descenso e tamén varias probas do Calendario Portugués de Descenso.

Aínda que son de recente creación conseguiron o apoio de dúas empresas da zona, como son Transportes Porto Martínez e Sportskids, agradecéndolles a ambas “o apoio que lles dan a estes corredores”.

Como non podía ser doutra maneira, no brazo do seu equipamento portan os logotipos das institucións públicas, como son Concello de Ponteareas, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e a declaración de NON á Violencia de Xénero.

Estaremos expectantes ante a evolución deste equipo que promete dar grandes éxitos a Ponteareas e á súa xente.

Máis de oitocentas persoas desfilarán no Entroido de Ponteareas

Máis de oitocentos participantes, repartidos en doce comparsas, desfilarán en Ponteareas no Entroido 2020 facendo gala de bo humor e simpatía, unha festa para a que a tenenta de alcalde, Cristina Fernández, convidou a toda a veciñanza “a desfrutar do desfile das comparsas e do resto das actividades programadas para estes días donde a creatividade e a imaxinación serán protagonistas”.

Este ano o percorrido do desfile cambia e comeza na praza Bugallal no enlace coa rúa Esperanza para continuar por Senén Canido, Amado Garra, Rosalía de Castro, Concha Brey, Constitución, Bugallal, Oriente e Praza Maior.

O Concello outorgará mencións ás comparsas atendendo a aspectos como a orixinalidade, temática, vestiario, animación, coreografía, coplas, tradición, interacción co público, uso de materiais reciclados e ecolóxicos e tamén a mellor carroza, entre outros aspectos.

O desfile escolar suporá o arranque do noso entroido mañá venres ás 11 horas. O sábado día 22 ás 17:30 horas na Praza Maior haberá un obradoiro de máscaras de entroido que a concellería de Cultura ofrece totalmente de balde. Ás 19 horas no mercado municipal concurso de doces de entroido en colaboracion con BANASTRA centro comercial aberto previa inscrición na biblioteca pública municipal.

O domingo día 23 ás 17 horas chega o momento do desfile de comparsas de entroido acompañadas de animación musical coa charanga Mekánica Rolling Band e ao remate na praza Maior leranse as coplas de entroido e bailarase ao son da charanga.

O parque da Perillana acollerá ás 12 do luns 24 o obradoiro de maquillaxe de entroido e na Praza Maior a partir das 17:30h terá lugar o concurso de disfraces na categoría infantil presentado polo pallaso Popin e ás 19:30h na categoría adulto conducido por Gossip Bufón. As inscricións deberán realizarse na propia praza dende as 17h e haberá premios para os cinco mellores disfraces de cada categoría.

O martes 25 o mercado municipal acolle o obradoiro de doces de entroido para nenas e nenos en colaboración con BANASTRA e previa inscrición no número de teléfono 644 896 840. Ás 19:30h as comparsas tomarán o protagonismo para desfilar polo centro urbano acompañadas de música e animación. Ao remate, entrega de mencións e diplomas ás comparsas na Praza Maior e actuación da The Turre`s Band.

O enterro da sardiña pechará o entroido o mércores día 26 ás 20:30 horas saíndo da Casa do Concello acompañada da charanga SDK para dar lectura ao testamento na Praza Maior.

A concellería agradece “o traballo e o espectáculo que ofrecen as comparsas que fan posible que se multiplique a ledicia do entroido e non se perda esta tradición”.

A Guarda mellorará a contorna dos colectores soterrados para limitar o seu impacto visual

0

O Concello da Guarda procederá ao acondicionamento da contorna dos contedores soterrados do porto da Guarda de cara a limitar o impacto visual dos mesmos dende a zona peonil e de terrazas, á vez que se mellora o sistema de recollida por parte dos operarios. O proxecto inclúe a ampliación do muro existente cun banco corrido das mesmas características, incorporando un respaldo de madeira tropical.

Na parte rodada facilitarase a recollida do lixo por parte dos operarios, creando unha zona de carga e descarga destinadas para este uso, sen necesidade de que o vehículo de recollida de lixo teña que circular pola rúa peonil, limitando as molestias para os peóns e para os establecementos e vivendas da zona.

Os traballos, segundo sinala o Concello da Guarda, terán unha duración aproximada de 20 días e contan xa coas autorizacións pertinentes de Portos de Galicia.

Esta actuación permitirá tamén mellorar a imaxe da vila de cara aos milleiros de visitantes e turistas que pasan cada ano por este espazo portuario do municipio.

Tomiño aproba as bases do ‘Circuíto Cultural 2020’

0

O Goberno local de Tomiño vén de aprobar as bases do ‘Circuíto Cultural 2020’, unha iniciativa que ten como finalidade “apoiar ás agrupacións musicais tradicionais do municipio que figuren no Rexistro de Asociacións do Concello de Tomiño”. A través do ‘Circuíto Cultural 2020’, as asociacións que cumpran os requisitos, poderán ser contratadas por un terceiro sendo aboada, unha parte da súa retribución económica, polo Concello tomiñés.

A efectos indicativos, considéranse como actividades ou eventos incluídos neste circuíto aquelas actuacións de grupos musicais relacionados coa música folclórica galega que se realicen dentro dos límites municipais.

“Dende o Concello de Tomiño a cultura enténdese coma unha práctica social, construída no diálogo e na comunidade. A cidadanía é máis que mera espectadora e consumidora da oferta, é suxeito activo e participativo na creación cultural, onde a Administración Local comparte responsabilidades, fomentando o pluralismo e a interculturalidade”, explican dende o Goberno local.

A creación e interpretación da música tradicional é un ben inmaterial que é necesario coidar. “Asumimos como responsabilidade impulsar a creación de novas agrupacións relacionadas co folclore musical local ofrecendo unha liña de axudas que permita o descubrimento e contratación das mesmas”, engaden.

Poderán solicitar a inclusión no Circuíto Cultural as seguintes agrupacións: bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandeireteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns. As Comisións de Festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións que aceptaron participar no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data da actuación, sendo exclusivamente un acordo entre as dúas partes.

Contía máxima e crédito orzamentario

As contías máximas dos distintos tipos de agrupación con sede social en Tomiño son as seguintes:
Banda de Música 400,00 €, corais 200,00 €, bandas de gaitas (con máis de 30 compoñentes) 300,00 €, grupos de gaitas 200,00 €, treboadas 200,00 €, pandereteiras 150,00 €, murgas ou charangas 150,00 € e grupos de acordeóns 150,00 €. O crédito orzamentario total comprende o gasto por importe de 14.000 € con cargo ao vixente orzamento.

As solicitudes presentaranse a través Sede Electrónica do Concello de Tomiño ata o 2 de decembro 2020, (será obrigatorio a presentación a través da sede electrónica para as asociacións. O modelo de solicitude está ubicado nesta URL, e dende o día seguinte á publicación da convocatoria das presentes bases na páxina web do Concello de Tomiño e no Portal de Transparecia do Concello de Tomiño, conforme ao Modelo (Anexo I) que acompaña a estas Bases.

O prazo de presentación das solicitudes será cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. Toda aquela solicitude que sexa presentada fóra de prazo poderá ser desestimada.

Ponteareas incorpórase á ‘VI Semana Cultural de Convergências Portugal-Galiza’

Ponteareas foi un dos poucos concellos seleccionados para participar na ‘VI Semana Cultural de Convergências Portugal-Galiza’ que homenaxeará a Rosalía de Castro e a Zeca Afonso do 23 de febreiro ao 1 de marzo cun amplo programa de actividades culturais que se desenvolverán en Santiago, Padrón, Ponteareas e Braga e que fornecerá os vínculos culturais dos dous lados da raia.

O concelleiro de Cultura e tamén concelleiro de Lingua, Fernando Groba, participou onte na presentación desta sexta edición na cidade portuguesa de Braga, Capital Europea da Cultura 2020.

Unha das novidades deste ano é a duración da programación, que se estende ao longo dun mes, e a incorporación do noso concello a esta iniciativa. A programación çomprenderá a celebración de concertos, ciclos de cine, coloquios, teatro e presentacións literarias e xa comezou o pasado día 8 en Braga, onde dentro do marco de Convergências teñen lugar as actuacións de Amancio Prada e Uxía, o grupo de baile Tequexetéldere e a Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada.

A última fin de semana de febreiro esta iniciativa recala en Ponteareas e Santiago de Compostela. Así na nosa vila o venres de febreiro ás 21:30 horas terá lugar o concerto Fado Converxente no auditorio municipal con Artur Caldeira á guitarra portuguesa e Daniel Paredes á viola de fado acompañados das fadistas Ana Lains de Lisboa e Iria Esteves do proxecto musical Clave de Fado e coas colaboracións especiais de Catarina Araujo e Miguel Oliveira.

O sábado día 29 ás 20 horas concerto da Orquestra de Sopros do conservatorio de Ponteareas e do grupo Canto D’Aqui de Braga. Pola súa banda en Santiago o venres na Casa das Crechas terá lugar o concerto de Sérgio Mirra: Trio. No Teatro Principal da capital galega o trío compartirá escenario co Grupo Poesis o sábado 29 de febreiro.

O 1 de marzo será a Casa Museo de Rosalía a que acollerá o acto de peche do evento que reunirá tres actuacións musicais.

Esta iniciativa, na que colaboran a Xunta de Galicia, desde o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, a formación bracarense Canto D’Aqui, os concellos de Santiago, Padrón e Ponteareas e a Fundación Rosalía de Castro, enmárcase nas accións de desenvolvemento da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

O Castelo do Sobroso, marco espectacular para un desfile de traxes nupciais

0

O Castelo de Sobroso foi o espectacular marco que acolleu, este xoves, o desfile de traxes de noiva no que o estilita Óscar Novo presentou as novas apostas da deseñadora Patricia Avendaño, que forman parte da súa colección nupcial para o ano 2020. O evento contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, entre outras autoridades.

De esquerda a dereita, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Xosé Represas, alcalde de Ponteareas; Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e Verónica Carrera, concelleira de Igualdade do Concello de Ponteareas

Na cita, que comezou as 19:30 horas no Castelo, houbo tempo para a cultura e tamén para a posta en valor dun dos elementos máis importantes do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra. Deste xeito, o evento –que estivo conducido por Diana Nogueira– contou, ademais de co desfile de traxes nupciais da colección de Patricia Avendaño, con dúas actuacións estelares a cargo da vocalista Rosa Cedrón, imaxe de marca de Óscar Novo, e a compañía Nova Galega de Danza.

[su_image_carousel source=”media: 12115,12118,12116″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O desfile foi unha mostra máis do xeito en que tradición e vangarda conflúen no traballo que vén desenvolvendo a Deputación de Pontevedra estes últimos anos, co obxectivo de crear novas experiencias e novos atractivos para a captación de visitantes do destino #PontevedraProvincia.

Cómpre salientar a aposta pola moda que realiza a institución provincial a través de actividades, de grande éxito, como a exposición A moda en detalles, que acolleu en 2019 o Castelo de Soutomaior acompañada de visitas guiadas temáticas arredor da moda e da camelia, ou a mostra Galicia, a terra dos mil panos, que se converteu nunha das máis visitadas do ano 2019 no Museo de Pontevedra. Ademais, a presidenta provincial Carmela Silva presentou hoxe a pasarela de traxe tradicional Unha ollada polas arcas pechadas, que terá lugar este venres a partir das 20:30 horas na nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo coa colaboración da Asociación Etnográfica Sete Espadelas.

O CPI Arquitecto Palacios de Nigrán celebra o aniversario de Rosalía cun concerto de Arpa de Rodrigo Romaní

0

O CPI Arquitecto Palacios de Panxón festexou esta mañá o aniversario de Rosalía de Castro (24.02.1837) co concerto de arpa de Rodrigo Romaní Blanco, fundador de Milladoiro e da orquestra Sondeseu. Esta iniciativa, na que colaborou o Concello de Nigrán, contou cun público de máis de 500 alumnos do propio CPI, o CEE de Panxón, CEIP Mallón e IES Val Miñor (estudantes da ESO).

Romaní, acompañado doutra arpista, cantou e musicou en directo poemas de Rosalía como Campanas de Bastabales. Para finalizar, alumnos de flauta do CPI Arquitecto Palacios interpretaron conxuntamente con Romaní Negra Sombra. Cada ano este centro educativo de Panxón ofrece un concerto adicado ao Día de Rosalía, como foi o de Uxía Senlle no 2019.

Romaní no ano 1978 participou no primeiro Festival do Mundo Celta de Ortigueira, no que tamén actuaron Antón Seoane e o grupo Faíscas do Xiabre, que ese mesmo ano se unirían para formar o grupo de música folk Milladoiro, do que foi membro durante 22 anos. A partir do 2000 comezou a publicar discos en solitario: Albeida (2000), Cuantos Caucanos (2003) e As arpas de Breogán (2012).

É multiinstrumentista con especial predilección pola guitarra, o bouzouki, a ocarina e, sobre todo, o arpa; sendo o introductor, xunto con Emilio Cao, da arpa céltica no repertorio da música folk galega. Foi profesor deste instrumento no Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo.

Un semáforo mellorará a seguridade viaria nas inmediacións do colexio de Angorén, en Chapela

0

O Concello de Redondela instalará, nos vindeiros días, un semáforo na estrada N-552 ao seu paso por Chapela, a sinalización permitirá garantir a seguridade das veciñas e veciños residentes na zona así como as familias e escolares que, diariamente, acuden ao colexio Alexandre Bóveda.

O Goberno que preside Digna Rivas solicitou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Mitma, a correspondente solicitude para instalar a correspondente sinalización de cara a previr accidentes nas inmediacións do acceso ao centro escolar. A maiores do correspondente grupo semafórico, realizarase unha modificación da sinalización vertical e horizontal actual para a súa adecuación á nova situación.

Os traballos contarán cun investimento de 36.142,70 euros, que serán financiados con fondos propios do concello por entender que “se trata dunha actuación de máximo interese para a poboación”, apuntou a alcaldesa Digna Rivas. A empresa encargada comezará os traballos nos próximos días e terán un prazo máximo de execución de 2 meses.

O Concello de Redondela da resposta, deste xeito, a unha das demandas históricas da parroquia de Chapela que durante anos leva manifestado a súa preocupación pola situación de perigosidade nunha estrada de moita afluencia que se atopa, prácticamente, nun casco urbano e moi preto dun centro escolar.

Digna Rivas amosou a súa satisfacción por ter conseguido a autorización do Mitma, “tan só uns meses despóis de acadar o Goberno”, aínda que lamenta que “o precedemento administrativo ordinario de contratación dilatara máis do desexado a súa instalación”.

O Colexio de Arquitectos sinala que a Fonte de Troncoso “debe ser urxentemente rehabilitada”

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) vén de elaborar un informe no que sinala que “o ben inmoble catalogado «Fonte e instalacións anexas de Troncoso» situado no municipio de Mondariz Balneario, atópase nun deplorable estado de conservación, presentando unhas condicións históricas, arquitectónicas, culturais, turísticas e sociais, de indubidable interese, por tanto consideramos que deben ser urxentemente rehabilitada e consecuentemente posta en valor, como merece correspondendo en primeiro lugar ao seu titular, e en inacción deste á administración municipal ou no seu caso á galega, o aplicar as medidas necesarias de protección que garantan a conservación deste interesante ben catalogado que forma parte do patrimonio cultural galego.”

O preocupante estado da Fonte de Toncoso foi tratado pola Xunta de Goberno COAG, ao tratar dentro do Informe do Presidente da delegación do COAG en Vigo, o punto relativo á petición da “Plataforma SOS Fonte de Troncoso na súa defensa do patrimonio e da cultura de Mondariz Balneario, para que o COAG emita un informe en relación ao estado e posta en valor da fonte e instalacións anexas da fonte de Troncoso sita no municipio de Mondariz Balneario, atribuída ao arquitecto Antonio Palacios”.

Así, o COAG accedía á petición da asociación veciñal para a defensa da Fonte de Troncoso, “no sentido de emitir polos servizos técnicos colexiais, informe para obxectivar o valor da Fonte de Troncoso en Mondariz Balneario, e emitir pronunciamento expreso a enviar aos axentes implicados en favor da súa rehabilitación”.

O Colexio de Arquitectos tratou este asunto ao contemplar os seus estatutos, entre outras funcións, “colaborar con institucións ou entidades de carácter formativo, cultural, cívico, de previsión e outras análogas dedicadas ao servizo dos arquitectos ou ao fomento e defensa dos valores culturais e sociais que atinxen á profesión, e promover a constitución das mesmas”.

Inacción da administración

As leis establecen a obriga dos propietarios e propietarias de bens culturais, neste caso a empresa madrileña Fuentes Capital S.A, a conservalos e mantelos en bo estado material, así como o deber dos concellos a ordenar a execución de obras cando o estado das edificacións non sexa o axeitado. Nesa liña, a Lei 5/2016, do Patrimonio Cultural de Galicia establece no seu art. 32 que “as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración”,

No mesmo sentido a Lei 2/2016 do Solo de Galicia establece (arts. 135 e 136) o deber de conservación e rehabilitación que todos os propietarios teñen para cos edificios da súa propiedade. A plataforma veciñal recorda que a Xunta de Galicia e o Concello de Mondariz Balneario están obrigados por lei a ordenar a execución das obras necesarias para conservar en boas condicións todas as edificacións protexidas levantadas na vila balnearia, algo que –incomprensiblemente– non fai.

SOS Fonte de Troncoso é clara ao acusar “a ambas administracións de inacción e indiferenza diante da ruína progresiva e constante de edificios de grande interese cultural e notable valor arquitectónico de Mondariz Balneario, como o antigo Hotel Avelino, o Hotel Roma ou a Fonte de Troncoso, por citar tres exemplos”.

A Plataforma veciñal amosou a súa satisfacción polo respaldo que o Colexio de Arquitectos de Galicia vén de ofrecerlle publicamente á Fonte de Troncoso, “apostando pola súa conservación e rehabilitación, xa que se trata dunha das opinións máis cualificadas e respectadas do noso país”.

Semáforo e paso de peóns na N-120 á altura do IES do Barral, en Ponteareas

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico do Concello de Ponteareas, Roberto Mera, anunciou que o Concello dotará de semáforo e paso de peóns a N-120 á altura do IES O Barral neste ano 2020. O anuncio prodúcese logo de que o Ministerio de Fomento decidira autorizar esta actuación xunto co acondicionamento dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada e a iluminación nos accesos exteriores ao centro. O paso de peóns e semáforo era unha das principais demandas da comunidade educativa para paliar os graves problemas de seguridade vial que presenta o actual acceso ao instituto.

Con esta futura actuación completaranse os traballos de mellora da seguridade e mobilidade no entorno do IES realizados nos últimos meses pola concellaría de Mobilidade e Tráfico que consistiron na ordenación do espazo de aparcamento de dez autobuses, accesos peonís e circulación de vehículos amais do acondicionamento da zona de aparcamento do persoal do IES, habilitándose 40 prazas.

Os traballos tamén permitiron a creación dun percorrido en sentido único con máis de 20 prazas de aparcamento para entrada e saída de vehículos de pais e nais. Segundo Mera “estas medidas, unidas á presenza diaria da Policía Local, reduciron de forma considerábel a situación caótica e perigosa anterior, con coches estacionados no arcén da N-120, nenos e nenas cruzando a estrada sen control, etc.”.

Mera lembrou que “os problemas de mobilidade e seguridade no IES O Barral débense á falta de planificación dos gobernos do PP cando se construíu o instituto sen crear uns accesos axeitados e sen contar co PXOM onde se prevé o acceso definitivo por un novo vial. Por iso é fundamental que a Xunta aprobe dunha vez o Plan Urbanístico, para dar unha solución definitiva a este grave problema”.

O ‘desfile dos coles’ da a benvida ao Entroido 2020 da Guarda

0

A Concellería de Cultura e a Concellería de Turismo do Concello da Guarda preparan unha animada e divertida programación para este Entroido 2020 con actividades para todas as idades e que arranca xa na xornada deste venres día 21 de febreiro co tradicional Desfile dos Colexios da vila. A programación inclúe, ademais desta cita obrigada e do desfile de Entroido, o martes 25, diversas actividades con animación infantil, obradoiros, pintacaras, música en directo, entre outras.

A Guarda dará a benvida ao Entroido 2020 na mañá do venres día 21 de febreiro cun desfile no que participarán a meirande parte dos alumnos e alumnas dos centro educativos da vila cun percorrido polo casco urbano, onde lucirán os sempre espectaculares e coloridos disfraces de entroido.

Na xornada do sábado 22 de febreiro ou sábado de guateque a Alameda da Guarda será o epicentro dunha noite moi especial e chea de boa música que comezará ás 23:3 0h co Concerto do grupo rosaleiro Quedequé, que amenizarán esta noite cos seus clásicos do pop e rock´n´roll dende os anos 80 e 90 e as súas cancións propias, para pechar a noite coa pinchada ‘Bailongo session’ a cargo de ‘Furry Destroyer’.

O Domingo 23 de febreiro A Alameda da Guarda acollerá o ‘Domingo das Familias’ a partir das 18:00 h co concerto Gramola Ye Ye e o Obradoiro de pintacaras para nenos con Manunú. Gramola Ye Ye é un cuarteto musical pertencente á Gallaecia Big Band que amenizará a xornada por primeira vez na Guarda cun repertorio moi especial, de case dúas horas de duración, con música dos anos 60´s e 70´s especialmente dedicado a público familiar e público xeral.

Para a xornada do luns día 24 de febreiro, os nenos e nenas da vila serán os protagonistas, co espectáculo infantil ‘Abordaxe Pirata’ e ‘Minidisco’ de Barafunda e un ‘Obradoiro de máscaras’ de Manunú, a partir das 17:30 h na Alameda da Guarda. A ‘Abordaxe Pirata’ é un espectáculo participativo no que dous piratas realizarán xogos, bailes e música interactiva cos nenos e nenas asistentes. ‘Minidisco’ continuará con máis amenización infantil para todos os nenos e nenas que se acheguen ata a Alameda da Guarda.

Xa para por o broche final a esta programación do Entroido 2020 na Guarda, o martes día 25 de febreiro terá lugar o ‘Desfile de Entroido’ ás 17:30 h, con saída dende a ‘Esquina Famosa’ e percorrido polas rúas da Guarda ata a Alameda acompañados da Batucada “Bate no Cobre de Matamá e que conta con preto de 15 integrantes. As inscricións para participar estarán abertas do 11 ao 20 de febreiro, con axudas á participación de mais de 3.000 €, bases completas na web municipal www.aguarda.es. A diferenza doutros anos o desfile deste ano pretende involucrar á maior cantidade de xente posible, e animar a asociacións, colectivos e grupos de amigos a participar. Este ano todos os nenos e nenas que participen terán un agasallo.

Menú de Entroido

Ao igual que en anos anteriores, a Concellería de Turismo organiza en colaboración cos diferentes establecementos de hostalaría do municipio o «Menú de Entroido», onde ao longo de 4 días varios establecementos de hostalaría da Guarda ofertarán o «Menú de Entroido» que inclúe un primeiro prato de Caldo ou empanada, un segundo prato de Lacón con Grelos e unha sobremesa con Filloas ou Ourellas de Entroido. O prezo é de 18 € por persoa e o menú inclúe viño e café. Nesta edición participan a Tapería–Restaurante Arruaz, Camping Santa Tecla, Celtic, La Pizzicata, O Cangrexal e Restaurante Xantar. Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.

O proxecto de reforma do campo da Gándara, no Viso, non incluía a mellora dos vestiarios

0

O Concello de Redondela está a traballar arreo de cara a que as instalacións do campo da Gándara, na parroquia do Vigo, estea plenamente operativo no máis breve prazo de tempo posible logo que o Goberno local atopárase coa sorpresa “que a rehabilitación do campo non contemplaba a construción de vestiarios que, nestes momentos, están nun estado total de abandono”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, aseguraba “non entender como se proxectan unhas obras de rehabilitación dun campo de fútbol e non se prevén obras nos vestiarios”. Na misma liña expresábase o concelleiro de Deportes, Ignacio González, que subliñaba a importancia “duns vestiarios dignos que permitan comezar a tempada con normalidade”.

O pasado mes remataban as obras de acondicionamento deste campo coa instalación de céspede artificial, sistema de rego, ilminación e acondicionamento perimetral coa execución de novos peches, segundo proxecto contratado polo anterior alcalde, cun importe de licitación de 476.662,45 euros.

Pero durante a realización dás obras, a empresa construtora atopouse con algúns problemas de execución que retardaron os traballos, como o derrubo dun muro perimetral ou os problemas de caudal de auga para o rego. Isto, unido as inclemencias meteorolóxicas con choivas continuas durante practicamente dous meses, contribuiron a que a execución dás obras dilatásese sensiblemente.

O certo é que a finalización destas obras non son suficientes para que ou Club de fútbol Cesantes poida estrear campo, como xa advertiran representantes do mesmo ao anterior Goberno do PP, xa que será imposible utilizar as instalacións mentres non conten con vestiarios operativos.

Digna Rivas asegurou que, polo que parece, “ao goberno do PP só lle importaba a fachada, pois non se explica que instalacións deportivas como o campo de fútbol do Choco, luciran un céspede espectacular e esconderan vestiarios infrahumanos”.

Esa mesma situación, engadía a rexedora local, acontece agora con campo dá Gándara “e por este motivo a construción desta nova infraestrutura é unhas das prioridades deste Goberno que xa tivo que realizar unha actuación de urxencia para arrombar os vestiarios do campo do Choco, instalacións que moitos usuarios negábanse a utilizar debido ao seu estado deplorable”.

O Mitma encarga o proxecto de mellora da seguridade viaria da N-120 en Ponteareas

O Ministerio de Tranportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) formalizou este pasado luns o contrato para a redacción de proxectos de varias estradas de Galicia, entre elas figura o proxecto de mellora da seguridade viaria na N-120 ao seu paso polas parroquias ponteareás de Xinzo, Areas e Arnoso.

O PSOE ponteareán salientou o “cumprimento dos compromisos” por parte do Goberno socialista “que non se limita a poñer millóns nun orzamento e non facer nada, como facía o PP”. As e os socialistas de Ponteareas destacan o traballo feito “seguindo cauces legais” e que darán solución “aos graves problemas de seguridade viaria que, dende hai 40 anos, sofren as veciñas e veciños de Xinzo, Areas e Arnoso”.

Hoy dicho Ministerio comunicó que, tal y como adelantó el partido socialista esta misma semana a miembros de la plataforma nacional 120, realizó ya su primer encargo a la empresa adjudicataria.

O PSdeG-PSOE de Ponteareas, a través do presidente da xestora local, Alfonso Porto, agradeceu o traballo realizado “tanto Subdelegación do Gobierno coma pola Plataforma da Nacional 120”. “Cando a veciñanza e o Goberno traballan de xeito conxunto e rigoroso –subliñou Porto– alcánzanse os obxectivos buscados para satisfacer o interese xeral”.

Alfonso Porto non dubidou en asegurar que “hoxe queda demostrado que non é o mesmo que goberne a dereita neste país a que o faga o Partido Socialista”. “Nos falamos con feitos que é o que cambia e mellora a vida dos nosos veciños e veciñas” rematou o presidente da xestora.

O PSOE de Tomiño denuncia as “dificultades” para acceder á información sobre o treito II da VAC Tui-A Guarda

0

As e os socialistas de Tomiño veñen de amosar o seu rexeitamento polo que cualifican de “dificultade para poder acceder á información pública á que fai referencia o DOG n°27 do 10/02/2020 sobre ‘Proxecto de trazado: Reformulación do treito PO-350-Goián da VAC Tui-A Guarda Treito II”.

Segundo o Partido Socialista de Tomiño, nos primeiros días de información pública o acceso á mesma resultou imposible “por problemas técnicos na web da Axencia Galega de Infraestruturas” ao que se sumou, aseguran, “a imposibilidade de conseguir esa información no Concello de Tomiño”. O PSOE tomiñés asegura que unha veciña afectada, o pasado 14 de febreiro “tras invertir toda a mañá no intento, tan solo pudo acceder á planimetría pero sin códigos e sin ningunha persoa dispoñible que a poidera axudar”.

Postas as consabidas reclamacións a AXI contestou aumentando o período de alegacións ata o 25 de marzo para subsanar o erro, “pero o Concello sigue sin informar da nova data” afirman. As concelleiras socialistas critican o que cualifican de “veto á oposición na presentación deste trazado, demostrando unha vez máis a falla de transparencia, lealdade institucional e talante democrático do goberno nacionalista”.

Do mesmo xeito critican o feito que “a día de hoxe o Concello non teña realizado unha xuntanza cos veciños e veciñas que están enterándose, de maneira casual, das consecuencias que este trazado pode carrexar como o grande impacto no Lago da Pedra, a anulación da carretera que une San Benito coa igrexa e escola de Forcadela, o terreo expropiado á Aurora del Porvenir ou a grandísima afectación dos terreos lindantes coa futura autovía”. 

Finalmente, as concelleiras socialistas de Tomiño pídenlle ao Goberno “que non se poña de perfil unha vez máis con este tema tan sensible e que a veciñanza sexa a súa prioridade, trasladándolle e poñendo a disposición, en tempo e forma, toda a información da que dispoñen e manexan”.

O Rosal e Vila Nova de Cerveira manteñen a súa primeira reunión institucional

0

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, visitou este martes ao presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, para a presentación institucional destes dous concellos veciños que contan cunha fronteira común. Trátase da primeira reunión institucional entre ambos os dous mandatarios, na que Nogueira e Fernández destacaron o potencial dos dous municipios, territorios que contan con algunhas complementariedades fortalecidas pola súa proximidade xeográfica e polas posibilidades que ofrece a cooperación transfronteiriza.

Esta reunión supón o punto de partida para esa colaboración transfronteiriza e para o desenvolvemento de accións de futuro nas que os dous municipios traballen conxuntamente. Ambos mandatarios destacaron a importancia de tecer lazos entre as veciñanzas dos dous concellos e de aproveitar as potencialidades de cada un, como o destacado papel que xoga o tecido asociativo no Rosal.

Ánxela Fernández convidou ao presidente da cámara de Cerveira a visitar o Rosal en próximas datas e así continuar traballando nas relacións transfronteirizas entre ambos concellos.

A Xunta “pasa” de Salceda

Aínda que, semánticamente, poida utilizarse algunha outra expresión, a realidade é que a Xunta de Galicia ‘pasa’ e de feito ‘pasa amplamente’ do Concello de Salceda de Caselas. De non ser así, non se entende que as reiteradas peticións de reunión realizadas polo Goberno de Salceda de Caselas con distintas consellerías teñan a calada por resposta e, por non haber, non haxa nin a mínima cortesía institucional –que debería ser obrigada entre administracións– de contestar, aínda que sexa cun ‘non’, as demandas do executivo local.

Ante esta situación, tan real como absurda, o equipo de Goberno de Salceda, coa súa alcaldesa Loli Castiñeira á cabeza, vén de facer pública a situación que consideran “discriminatoria” por parte da Xunta de Galicia. A resposta ás múltiples peticións de reunión, sinala o Goberno local, “preséntase aínda máis difícil unha vez que se veñen de convocar eleccións autonómicas”.

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, lamentaba esta situación ao tempo que aseguraba que “a veciñanza de Salceda é igual de importante que a dos demais municipios galegos, sexa cal sexa a súa cor política, e este goberno non vai deixar de loitar pola defensa dos seus intereses”.

Na mesma liña manifestábase a tenenta de alcaldesa, Verónica Tourón, ao salientar que agardaba que “a Xunta non se limite á xa habitual visita de campaña a Salceda sen tratar os problemas reais da veciñanza”. “O Goberno municipal de Salceda –engadía Tourón– é o lexítimo representante dos e das salcedenses, e non recibir ó Goberno é o mesmo que non recibir á veciñanza”

O certo é que o equipo de Goberno de Salceda ten pedido xa en tres ocasións xuntanza coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, para tratar sobre os enlaces da Gándara e a Lagoela co casco urbano, así como do saneamento das parroquias de Soutelo e Entenza, obras cualificadas polo Goberno de Salceda como “fundamentais para o Concello”. “Ata o día de hoxe nin tan sequera se deu resposta ás solicitudes de xuntanza enviadas dende o mes de outubro”, aclara o executivo salcedense.

Tres cuartos do mesmo acontece coa reunión solicitada coa conselleira de Educación, Carmen Pomar Tojo. Neste caso o equipo de Goberno optou por acudir directamente á conselleira logo de que o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, “tampouco dera resposta ás múltiples solicitudes de reunión enviadas ao longo do mandato pasado e tamén no actual”.

Salceda, cunha enorme poboación infantil, ten moitos temas relativos á área de educación que están sobre a mesa, sen que ata o de agora fose posible o seu tratamento ante a falla de resposta da conselleira e, entre eles, cita o Concello de Salceda “situación do CEP Altamira, necesidade de patio cuberto no CRA Raíña Aragonta, necesidade de ampliación e de implantación de bacharelato no IES Pedras Rubias, etc.”.

Con estes antecedentes, tampouco é preciso darlle moitas voltas para chegar á mesma conclusión que á que chegou o equipo de Goberno: “a cor política está a influír neste silenzo por parte da Xunta de Galicia” xa que, doutro xeito, non se pode entender que “diariamente publíquense nos diferentes medios de comunicación multitude de xuntanzas entre a Xunta e os diferentes Concellos, sen que o Concello de Salceda de Caselas poida optar a algunha desas xuntanzas”.

Denunciar públicamente “esta situación discriminatoria” é, para alcaldesa Loli Castiñeira, “a única vía que nos queda agardando que, deste xeito, as conselleiras teñan a ben atender as nosas solicitudes”. A convocatoria de eleccións autonómicas por parte do presidente da Xunta de Galicia, “non pode ser excusa para deixar sen atender as múltiples citas solicitadas”, conclúe a rexedora local.

Tui amplía a 27 o número de colectores de recollida de aceite de cociña

0

Nunha aposta pola reciclaxe e a recollida selectiva o Concello de Tui, a través da concellería de Medio Ambiente, vén de ampliar a recollida de aceite de cociña usado tanto no centro urbano coma parroquias tudenses cun total de 27 colectores a dispor da poboación.

Estes días están a ser renovados os 13 colectores para a recollida deste produto que existían no centro urbano, e están a colocados novos contedores nas distintas parroquias, nun proceso que se prolongará até o mes de marzo. Conta xa co servizo Areas, Randufe, San Bartolomeu de Rebordáns, e Caldelas.

O proxecto de saneamento de Ribadetea, en Ponteareas, segue a súa marcha

O martes 11 de febreiro foi unha xornada de traballo na que estiveron presentes un enxeñeiro de Augas de Galicia, un enxeñeiro municipal e dúas enxeñeiras da empresa redactora do proxecto de saneamento integral da parroquia de Ribadetea, que dará servizo a 800 veciños. Estiveron acompañados polos membros da Plataforma Veciñal, recorrendo distintos lugares da parroquia.

Os técnicos da Xunta e da empresa redactora estudaron sobre o terreo algúns treitos que, en principio, poden presentar maiores dificultades tratando de buscar a mellor solución para que se poida dar servizo a todas as casas da parroquia. Valoraron tamén as particularidades que presenta por pertencer á Rede Natura 2000, o que implica unha maior protección medioambiental deste espazo.

A empresa redactora ten previsto rematar este proxecto no vindeiro mes de marzo. Este será o documento imprescindible para comezar a planificar e executar as obras da rede de saneamento en Ribadetea.

A Plataforma Veciñal asegurou estar “ocupada e comprometida en realizar as xestións e accións necesarias para conseguir que a Confederación Hidrográfica autorice o inicio das obras de inmediato”, para que no ano 2023 a parroquia de Ribadetea poida xa verter pola rede de saneamento unha vez rematada a ampliación da depuradora de Ponteareas. Por parte da Plataforma valorouse “positivamente” esta visita dos técnicos de Augas de Galicia, “que vai permitir rematar un proxecto de saneamento adaptado á realidade actual da parroquia”, conclúen.

Nigrán reformará as casas dos mestres ao carón do Concello como local para a terceira idade

0

O Concello de Nigrán ven de aprobar o proxecto de reforma das antigas casas dos mestres situadas ao carón da Casa Consistorial para reconvertelas nun local social a disposición da terceira idade. O investimento de 110.064 € será incluído no Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

O Goberno local tomou a decisión de transformar este local municipal en desuso despois de que un nutrido grupo de mulleres trasladase o ano pasado ao alcalde, Juan González, a súa demanda de máis servizos destinados aos maiores no propio centro urbano. Tras manter diversos encontros co rexedor e co arquitecto redactor o proxecto contempla as súas principais peticións: dispor dun lugar adaptado e confortable destinado á convivencia e onde, ao mesmo tempo, poidan manter reunións, consultar a prensa ou internet e realizar actividades.

Paralelamente, esta mellora das antigas casas dos mestres suporá para o Concello continuar avanzando cara a humanización completa de toda a contorna, onde xa creou un itinerario peonil seguro pensando especialmente nos alumnos do CEIP Humberto Juanes. “Queremos que todo o centro de Nigrán sexa un lugar de encontro da veciñanza e camiñamos neste sentido, neste núcleo dispomos da Praza do Concello como lugar de convivencia e agora sumamos este local que, ademais, está ao carón dun centro educativo, sendo dous usos que nos gusta especialmente que convivan preto un doutro”, sinala González.

Así, o volume orixinal do edificio non se modificará, tan só se mellorarán os acabados renovando a cuberta e limpando as fachadas, polo que a súa relación coa contorna non variará. O obxectivo paralelo desta reforma é por en valor a pranta orixinal, moi desvirtuada por sucesivas reformas e que volverá a responder á tipoloxía de ‘Casas dos mestres’ dispersas por toda a comarca do Val Miñor. Isto último implica demoler a totalidade da tabiquería interior para crear espazos diáfanos (o esquema que sempre se repite nestas construcións é un único volume de pranta baixa con aulario adosado á vivenda e, usualmente e como é o caso, articulado por un patio de acceso). A nova tabiquería contará con acabados en madeira, carpinterías e mobiliario facilmente desmontable.

A parte norte do edificio contará con aseos adaptados e unha sala de reunións, mantendo os ocos na fachada para conservar esa iluminación natural. A parte sur servirá para un uso máis polivalente, cun espazo visualmente aberto que disporá de mesas, zona de consulta de prensa ou internet e ou de descanso informal con sofás. O proxecto contempla recuperar o patio interior cuberto como zona de acceso e comunicación entre ambos lados e, ademais, porá en valor a estrutura de vigas de formigón orixinal limpando os seus revestimentos para deixalas á vista no interior (o resto dos acabados serán en branco agás os servizos, que se revestirán con panelados en madeira de roble).

“As persoas maiores de Nigrán reclamaban un espazo no centro onde poder socializar e autoxestionarse e, tanto eles coma o goberno de Nigrán, consideramos este lugar como o máis axeitado: é céntrico, permite usos polivalentes e cumple con todos os requerimentos que nos fixeron. Estamos moi orgullosos de seguir con este proxecto cara a humanización completa da contorna da Casa do Concello”, finaliza o alcalde.

O goberno de Nigrán inclúe no Plan Concellos 2020 un total de 773.305,23 € de investimento para actuacións como esta e a instalación de saneamento e abastecemento na Carrasca por 138.344 €; a restauración e posta en valor de 7 lavadoiros de Camos, Parada, Priegue e Panxón por 129.000 € ; saneamento e reposición de firme na rúa Carreiro (Panxón) cun orzamento base de 90.547 € e de 51.084 € na Carousa (Camos) e máis saneamentos.

A experta Mónica Novas impartirá en Tui unha charla sobre «Como evitar as relacións tóxicas»

0

A psicóloga xurídica, sexóloga e criminóloga especializada en igualdade de xénero Mónica Novas Dios impartirá este venres, 21 de febreiro, ás 19:30 h na Sala Xacobeo do Edificio Francisco Sánchez–Área Panorámica unha charla titulada ‘Como evitar as relacións tóxicas’. Este evento está organizado pola Concellería de Igualdade que dirixe a concelleira Ana Maria Núñez.

Entre as cuestións que se abordarán na charla están as definicións de relación tóxica e relación sa, as claves para identificar unha relación tóxica (con exemplos destes tipo de vínculos perniciosos) e as causas que nos levan a establecelas e a mantelas.

“A través desta actividade tamén se aportarán ferramentas para poñer fin a unha relación tóxica e os propios participantes plantexaranse a pregunta de se eles mesmos son ou se comportan como persoas tóxicas”, explica Ana María Núñez.

Mónica Novas Dios conta con 15 anos de contrastada experiencia en Psicoloxía Clínica e formación contra a violencia de xénero, colaborando en diversas campañas e programas de sensibilización, información e concienciación.

A participación é gratuíta pero é preciso inscrición previa no correo electrónico [email protected] ou no teléfono e whatsapp 682 66 05 80.

Arbo e As Neves, fronte común fronte ás lineas de alta tensión

0

Os alcaldes de Arbo, Horacio Gil, e de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, mantiveron este luns en Madrid unha xuntanza co director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica, Ismael Aznar Cano, para tratar o paso da liña de alta tensión por varias zonas habitadas dos dous concellos.

Horacio Gil e Xosé Manuel Rodríguez expuxéronlle ao Director Xeral o rexeitamento das dúas corporacións e das veciñas e veciños de Arbo e As Neves a esta iniciativa e ao recente estudo de tratado alternativo proposto á mesma.

Segundo a información de Red Eléctrica Española, por este tendido circularán máis de 400.000 voltios, pasaría por Fontefría, na Cañiza, e entraría en Portugal, moi preto de vivendas dos dous concellos algo que, segundo os rexedores locais, “non ten xustificación considerando os prexuízos para as persoas e o territorio”.

Á vista destes argumentos, o director xeral adquiriu o compromiso de convocar unha reunión entre os Concellos de Arbo e As Neves, representantes de Red Eléctrica Española e do propio Ministerio deTransición Ecolóxica. A reunión tería lugar pasado un prazo de dous meses, tempo no que estudará as contestacións ás consultas previas que formularon  tanto os concellos coma persoas individuais e colectivos de Arbo e As Neves.

A instancia dos dous alcaldes, o director xeral consultará con RedeEléctrica outras opcións a ese tendido tendo en conta a firme oposición das corporacións e os veciños de Arbo e As Neves a calquera das alternativas de trazado propostas ata agora.

Ponteareas contará cun «Catálogo de Propostas Culturais»

A concellería de Cultura do Concello de Ponteareas, que dirixe Fernando Groba, vén de publicar as bases para a creación do catálogo de propostas culturais do concello de Ponteareas para o ano 2020. Este catálogo ten a tripla función de ás entidades interesadas dunha ampla oferta de propostas culturais, promocionar as iniciativas artísticas locais e impulsar a riqueza da cultura popular existente no concello.

Fernando Groba asegurou que o catálogo “pretende ser ademais un instrumento vivo, útil e eficaz para o coñecemento dos diferentes grupos de música, teatro, danza e outras modalidades artísticas que existen no concello”. Para iso, no catálogo recollerase información detallada sobre cada un dos grupos ou artistas de xeito que as entidades interesadas e organizadoras de actividades poidan programar tomando como referencia este catáogo e atopen nel unha ampla oferta.

Bandas de música, masas corais, grupos de baile folclórico, música clásica, música tradicional, charangas, grupos músico-vocais, teatro, grupos de playback, pop-rock ou outras modalidades como as e animación infantil, audiovisual, ballet, cantautores, magos ou poetas.

O prazo de presentación estará aberto ata o 6 de marzo ás 23:59 horas e será preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible no apartado de Cultura da páxina web do Concello.

O Campionato Galego de Optimist celebra as súas vodas de ouro en Baiona

0

Baiona acolle esta fin de semana a celebración das vodas de ouro do Campionato Galego de Optimist, que cumprirá os seus 50 anos de vida no Monte Real Club de Iates, o club que o viu nacer en 1970 coa organización da súa primeira edición. Cinco décadas despois daquel primeiro campionato, no que participasen 17 nenos e resultase gañador José da Gándara a bordo do ‘Canario’, o club baionés reunirá a uns 120 regatistas de clubs de toda Galicia nunha competición que se prolongará durante tres días.

Dun mínimo de 3 regatas e un máximo de 9, dependendo das condicións meteorolóxicas, sairá o recoñecemento ao mellor regatista de Optimist de Galicia, un título ao que aspiran deportistas que se moven entre os 8 e 15 anos.

Entre os participantes de clubs como o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico de Vigo, o Club Marítimo de Canido, o Real Club Náutico de Rodeira, o Real Club Náutico da Coruña ou o Monte Real Club de Iates, entre outros, estarán os regatistas que encabezan a clasificación galega tras as clasificatorias previas.

Os cinco primeiros son Mencía Casas (Sanxenxo), Andrés Barreiro ( Canido), Pablo Astiazaran (Vigo), Pablo Rodríguez (Rodeira) e Liang Jane ( Canido), e salvo sorpresas de última hora, algún deles estará con seguridade no máis alto do podio do campionato galego.

O sábado 22, primeiro día de competición, a xornada empezará coas medicións e entrega de documentación aos participantes. Celebrarase despois unha reunión de adestradores e a partir das dúas da tarde darán inicio as probas.

O escenario da disputa será a baía de Baiona, os percorridos entre boias terán un deseño trapezoidal e os pequenos navegarán segundo o sistema de grupos da Real Federación Galega de Vela, que os divide en azul e amarelo.
O domingo 23, segunda xornada de probas, o sinal de atención para o comezo das mangas do día escoitarase ás 11 da mañá; e o luns 24, na última etapa do campionato, o inicio será algo máis madrugador, a partir das dez e media.

Intervención do vicepresidente do MRCYB Alejandro Retolaza / Foto ©Rosana Calvo

Ese mesmo día, ao redor das seis da tarde, celebrarase a entrega de premios aos gañadores, na que ademais de responsables do club e autoridades, participarán algúns dos gañadores do primeiro Campionato Galego de Optimist de 1970.
Na presentación oficial do evento, celebrada esta mañá cunha rolda de prensa en Baiona, o vicepresidente do Monte Real Club de Iates, Alejandro Retolaza, congratulouse porque o club fose elixido para celebrar o medio século de vida da competición. “A evolución nestas cinco décadas -dixo- foi enorme. Creceu o interese, creceu o número de escolas e de campionatos e, sobre todo, creceu, e moito, o número de nenos e nenas que cada ano inícianse na vela”.
O vicepresidente do Monte Real puxo cifras na mesa. Dixo que na actualidade navegan en Galicia uns 400 Optimist, dos que uns 130 participan en competicións. “E a gran parte deles –asegurou Retolaza– terémolos esta fin de semana en Baiona”.

Na rolda de prensa tamén interveu o patrocinador do evento, Juan Carlos González, director xeral de Baitra Accesorios Navais, unha empresa que leva anos apostando pola vela lixeira en Galicia e apoiando numerosas competicións.
“Sen sementar non hai colleita –dixo González– e neste proceso de sementa para o futuro da vela en Galicia, a Baitra encántalle colaborar, sobre todo se o fai da man dun gran club como o Monte Real Club de Iates”. O director xeral de Baitra Accesorios Navais asegurou que o mar está directamente relacionado coa súa empresa e que é por iso, e polos grandes valores que o deporte da vela achega aos mozos, decidiron apoiar esta competición.

Intervención de Juan Carlos González, director xeral de Baitra Accesorios Navais, na presentación do Campionato Galego de Optimist / Foto ©Rosana Calvo

O concello de Baiona co alcalde Carlos Gómez; a Deputación de Pontevedra co deputado de Deportes, Gorka Gómez e a Xunta de Galicia co coordinador de Deportes da Xunta de Galicia, José Manuel Freire; tampouco quixeron perderse a presentación do campionato, do que deu todos os detalles técnicos o director deportivo do MRCYB, Roy Alonso.

Carlos Font cualifica de “escandaloso e vergoñento” que o PP atrévase a falar do ORAL de Tui

O deputado provincial Carlos Font cualificou hoxe de “escándalo monumental” as declaracións de dirixentes do Partido Popular sobre a situación da oficina do ORAL de Tui, que a Deputación de Pontevedra tivo que pechar de forma urxente “ante a imposibilidade de arranxar as gravísimas deficiencias estruturais que ven arrastrando desde que foi adquirido, con sucesivas queixas das traballadoras e traballadores pola situación lamentable das dependencias, agravadas agora polos últimos temporais”.

Font esixiu ao PP explicacións “claras, inmediatas e contundentes dun dos episodios máis vergoñentos da historia dos populares en Tui que os debería ter agochados sen saír de casa”, ao lembrar que “en 2003 o goberno do PP na Deputación de Pontevedra comprou nada menos que ao entón conselleiro do Partido Popular de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Juan Miguel Diz Guedes, un inmoble insalubre, no que houbo que contratar obras para paliar graves problemas de humidades, malos cheiros das arquetas comunitarias do edificio etc…”.

O deputado sinalou que desde o primeiro día que o novo Goberno chegou á Deputación realizou un estudo para avaliar a situación do inmoble, que determinou “gravísimas patoloxías que só poderían subsanarse coa reparación da fachada, modificando o saneamento de todo o edificio, reparando as arquetas municipais de saneamento, ou levantando a calzada que une ás rúa Coruña e Foxo entre outras, causas todas elas relacionadas coa mala situación dos elementos comúns do edificio”. A diagnose concluiu a imposibilidade de arranxar a situación.

Carlos Font confesouse “escandalizado”. “¿Como é posible que o goberno do Partido Popular comprara unha oficina nesas condicións, por enriba por un prezo en 2003 de case 175.000 euros como se estivera en Manhattan e non en Tui, e amais, a un conselleiro do seu partido en exercicio naquel momento como Diz Guedes?. ¿En vez de estar fuxidos, aínda se atreven a falar no Partido Popular?, preguntou o deputado provincial. “Que dean explicacións, de porque compraron esta oficina, que todo o mundo sabía en que condicións estaba, a un prezo de loucura e a un conselleiro do PP. Que o expliquen, que o expliquen porque avergoñan a calquera”, engadiu López Font.

Font explicou que a Deputación tivo que decidir por urxencia pechar a oficina xa que os últimos temporais agravaron as patoloxías que ten todo o edificio, e que provocaron a entrada na oficina da augas fecais, graves riscos eléctricos e situacións incompatibles coa atención ao público. “De feito, dixo, se o PP non a pechou durante 10 anos foi porque o anterior propietario ao que se comprou era quen era”. Mentres, explicou o deputado, a atención ás veciñas e veciños de Tui, mantívose ao través da plataforma virtual “que cada vez é máis utilizada, por vía telefónica e de forma presencial na oficina más próxima que é O Porriño”

O deputado provincial anunciou que paralelamente, a Deputación traballou en sintonía co Concello de Tui para atopar unha solución que verá a luz a próxima semana. “Xa temos local para abrir con carácter provisional unhas novas dependencias. O concello cedeunos unha oficina no Edificio Área Panorámica, na rúa Colón, onde atenderemos ao público”. Font explicou que “xa se está dotando ao local de conexión a Internet e mobiliario, e que á vez nos próximos días publicaranse no BOPPO as bases para o aluguer dunha nova instalación na vila”.

O Servizo de Orientación Laboral de Ponteareas asesora ao alumnado dos centros educativos

A concellería de Formación e Emprego, que dirixe Vanesa Fernández, informa que o servizo de orientación laboral do concello de Ponteareas comezou as visitas aos centros educativos da comarca do Condado para informar ao alumnado das saídas laborais e tamén da oferta de estudos da que dispón.

En concreto, esta nova rolda de visitas e charlas, que imparte a orientadora laboral Isabel Illán, comezaron no IES Pazo da Merced do concello das Neves o pasado 12 de febreiro ás 10:30 horas. A orientadora dirixíuse ao alumnado dos ciclos de informática para o asesoramento en canto ás saídas formativas e laborais unha vez que rematen o seu ciclo.

O vindeiro 19 de febreiro ás 12:45 horas será o turno do alumnado dos últimos cursos da ESO do IES do Barral, en Ponteareas. Preto de cen alumnos e alumnas participarán nestas primeiras sesións informativas que se irán programando nos demais centros educativos da comarca ao longo deste curso.

A concelleira Vanesa Fernández explica a importancia de que o alumnado dispoña dunha ampla e detallada información sobre os diferentes estudos que se ofertan e as saídas laborais para que poidan deseñar o seu futuro con máis probabilidades de éxito, “dispor de información actualizada reduce a porcentaxe de fracaso e aumenta a porcentaxe de acertos á hora de decidir que estudar ou a que adicarse no futuro. Ás veces o alumnado pode atoparse perdido entre a ampla oferta ou descoñece hacia que mercado laboral se orientan as formacións, por iso, dende o departamento de orientación se realiza este indispensable traballo”.

O servizo de orientación laboral de Ponteareas está ubicado no Centro de Desenvolvemento Local e a él pode acceder toda a cidadanía que precise información sobre como reconducir a súa traxectoria laboral e de formación.

Nenos e nenas do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián reciben a visita da escritora Iria Misa

0

Os nenos e nenas do CEIP Pintor Antonio Fernández levan moito tempo esperando por unha visita moi especial. Non lles daba chegado o día para poder coñecer a Iria Misa, escritora do libro ‘Mamá quero ser Ziggy Satrdust’, libro do que quedaron prendados desde que comenzaran a lelo.

Iria non imaxinaba a mañá de emocións e sorpresas que lle esperaba. Emocións e sopresas preparadas dende as que sentiron os nenos e nenas ao ler a historia de Aine, a nena trans protagonista da súa obra literaria. Á vez que descubrían a Ziggy, atopáronse tamén a David Bowie que representa a diversidade, o respecto e a tolerancia, valores esenciais a traballar dende a educación.

Ao chegar ao cole acompañáronna á clase de 4°. Alí, os alumnos e alumnas fixéronlle unha pregunta moi especial: se aceptaba ser a súa madriña de aula e, así, rematar co proxecto de visibilización feminina de distintos espazos do centro. Por suposto aceptou encantada e moi emocionada.

Despois, dirixiuse á biblioteca do cole quedando abraiada co que alí atopou: unha biblioteca chea de nenos e nenas coa emoción debuxada nas súas caras, un tocadiscos no que soaba música de David Bowie e algúns discos de Vinilo do cantante. Alí, “acosáronna” a preguntas sobre o libro e lle entregaron os agasallos preparados especialmente para ela. Unha chapa coa imaxe de Ziggy (un pin igualitario e educativo), un libro coos traballos realizados polo alumnado e un dos premios que o Centro está a entregar este ano a diferentes persoas e colectivos pola súa labor a prol da Diversidade.

Para rematar unha mañá tan emocionante Iria asinou os libros dos nenos e nenas e tamén das mestras e mestres do centro e finalizaron realizando unha foto grupal nun mural coa figura Ziggy na que podía lerse a palabra Liberdade.
Ben seguro que foi un día de namorar inesquecible para todas as persoas alí presentes.

«Falemos do Camiño» achega o legado do Camiño Portugués da Costa á Guarda

0

O pasado sábado día 15 de febreiro realizouse na Guarda a segunda das actividades do proxecto “O Camiño Aguárdate”, coa que o concello participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Consistiu nunha andaina guiada entre A Pasaxe, punto de entrada dos peregrinos en Galicia no Camiño Portugués da Costa, e a Praza da Guía, no casco urbano do municipio. Xavier Crespo, profesor de historia do IES A Sangriña da Guarda e ex-concelleiro de Patrimonio do municipio, fixo de guía amosando a pegada xacobea agochada na arquitectura e paisaxe ó longo do Camiño ó seu paso pola Guarda.

A finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos. 

Esta andaina, continúa co ciclo de “xornadas” que xa se iniciaron o pasado 25 e 26 de xaneiro, onde os participantes percorrerán o Camiño de Santiago dende a Pasaxe ata a ladeira do Monte Trega, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e   problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación, posteriormente os participantes prantaron árbores autóctonas. Desta volta a actividade amosa o camiño dende diferentes perspectivas baixo o nome “Falemos do camiño”, convidando á poboación local a participar en charlas, coloquios e seminarios que axuden a coñecer os valores, históricos, turísticos e espirituais.

[su_image_carousel source=”media: 12010,12013,12011″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Maís actividades

‘O Camiño Aguárdate’ continúa na Guarda o vindeiro 13 de marzo coa xornada divulgativa ‘O Camiño como produto cultural e turístico: oportunidades no desenvolvemento local’, que terá lugar ás 20:00 h na Casa dos Alonsos e contarán coa participación de Xosé Manuel Santos Solla, da Universidade de Santiago de Compostela e emprendedores locais en torno ao camiño.

O obxectivo desta xornada é o de debater sobre o Camiño de Santiago e a súa evolución, así coma atraer á poboación local a que se interese e reflexione sobre a importancia que ten en moitos aspectos da vida diaria da vila.

O 27 de marzo ás 20:30 h no San Xerome continúan as actividades cunha nova xornada titulada “O Camiño como forma diferente de viaxar: motivacións e experiencias”, na que se contará coa proxección do documental Santiago´s Way e rematará cunha charla-coloquio entre os asistentes.

No mes de abril pecharase o ciclo de “Falemos no Camiño” coa xornada “Unha mirada histórica sobre o Camiño Portugués  da Costa”, que contará coa presenza de Grato E. Amor Moreno e Ermelindo Portela Silva, realizarase o 17 de abril ás 20:30 h no Centro Cultural da Guarda.

As visitas teatralizadas mistura a creatividade teatral, a divulgación dos valores patrimoniais entorno ó camiño e a revalorización da peregrinaxe coma forma diferente de viaxar.

A compañía Os Quinquilláns, serán os encargados de realizar as visitas teatralizadas que terán lugar no Castro do Monte Santa Trega cun total de 8 sesións, para o público xeral e alumnos de secundaria, ata a primavera do 2020.

Gonzalo Caballero coñece sobre o terreo os principais problemas aos que se enfronta Tomiño

0

O secretario xeral do PSdeG-PSOE e candidato socialista á Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, visitou esta pasada semana Tomiño para, acompañado polas concelleiras Violeta de Santiago e Mirta Misa, percorrer as instalacións de Viveros Nilo e coñecer, de primeira man, algúns dos problemas que preocupan ao sector.

Juan Peixoto, xerente de Viveros Nilo, transmitiulle a Caballero o malestar do sector polo que cualificou de “descalabro e tardanza” no remate da concentración parcelaria da zona. Asi mesmo expúxolle a “a falta de sensibilidade” de algunas administraccións que, afirmou, “apostan máis polo formigón que por implantar espazos verdes, malia a crise climática que estamos a padecer”.

Outra das demandas que o candidato socialista escoitou e da que tomou nota, foi o descontento existente polo Proxecto de Reformulación do tramo PO-350 (recta de Figueiró), un proxecto realizado sen consenso coa veciñanza e cun grande impacto tanto no territorio coma no aspecto social e económico.

O Rosal organiza un curso de cociña de «pratos de culler» con produtos de tempada

0

O Concello do Rosal organiza para o vindeiro mes de marzo un curso de cociña no que se aprenderá a facer pratos de culler aproveitando os recursos da zona e produtos propios da tempada de inverno. O curso celebrarase todos os luns do próximo mes (2, 9, 16, 23 e 30 de marzo) en horario de mañá, de 09:30 a 12:00 horas, na cociña municipal situada fronte ao pavillón municipal.

O curso, dirixido a todos os públicos e con 12,5 horas totais de duración, terá un custo de 35 euros por persoa. O prazo de inscrición xa está aberto. Prazas limitadas.

Todas as persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden pedir máis información no teléfono 986 625 000.

Nigrán abre a inscrición para os cursos de prevención do deterioro congnitivo e benestar físico para maiores

0

Concello de Nigrán retoma o programa integral para a prevención do deterioro cognitivo e benestar físico e emocional dirixido a maiores de 60 anos e pensionistas empadroados no municipio. Nesta nova edición impartiranse cinco talleres para exercitar a memoria os martes ou xoves en horario de tarde, dous talleres de  ‘Vivilo  Corpo’ que serán durante as mañás dos martes e xoves e, finalmente, tres de informática os mesmos días pola mañá.

As prazas asignaranse por rigorosa orde de recepción de solicitudes  a partir do luns 17 de febreiro e ata o venres 21 na Oficina de Información Cidadá do Concello (a partir das 9:00 horas).  Os cursos desenvolveranse no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa a partir da primeira semana de marzo.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioros cognitivos e neles se basa este programa que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores.

O caracter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, como este tipo de cursos que tamén levamos neste ano a Chandebrito, turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas para os que sí teñen deterioro cognitivo”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.

«Mulleres en acción. Violencia Zero» chega a Crecente

0

O concello de Crecente acollerá este mércores 19 de febreiro a sétima acción da nova edición do programa da Deputación de Pontevedra “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, que se estreou no pasado mes de novembro. A cita terá lugar ás 18.30 horas no Auditorio Municipal de Crecente. Baixo o título “O bo rollo vai rematar”, o dúo de artistas “Dúas gamberras e un micro”, conformado polas artistas Nuria Vil e Vanessa Glemsel, poñerá o foco nas violencias machistas e a hexemonía heteropatriarcal facendo fincapé nos distintos tipos de diversidade, entre os que se atopan a diversidade corporal, a estética ou a afectivo-sexual.

O día do evento ás 16.30 horas tamén terá lugar a fase previa de preparación, na que as artistas levarán a cabo exercicios de quecemento de voz e de interpretación con 10 integrantes do club de lectura “Elefantes de Papel” e 70 da Asociación de Mulleres Rurais San Pedro de Crecente. Deste modo, a propia vivencia persoal das poetas e os asistentes constituirá unha fonte de recursos e situacións sobre as que poñer o foco para combater os micromachismos, a exclusión social e os clixés.

“Dúas gamberras e un micro” é o proxecto de poesía oral e intervención escénica formado polas autoras Vanessa Glemsel e Nuria Vil. A súa andaina como dúo comezou en 2016 tras comezar a experimentar entre os límites do literario e a improvisación a través da oralidade. O vencello co movemento feminista está patente ó longo da obra das dúas poetas.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición novamente se celebra en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove,  Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).

E Nigrán namorouse da ciencia

0

O Auditorio de Nigrán encheuse na xornada participativa que, baixo o nome máis que acertado de ‘Namórate da Ciencia’, pechaba toda unha semana de actividades celebradas nos centros escolares con motivo do ‘Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia’. Esta última xornada era a mostra evidente de que cando as cousas planifícanse ben, con sentidiño e sobre todo con paixón, adoitan sair ben así que, dende ese punto de vista, que ‘Namórate da Ciencia’ saíra extraordinariamente ben, tampouco era unha sorpresa.

Marina Vidal, concelleira de Ensino do Concello de Nigrán que aseguraba, unha vez rematada a xornada que “«Namórate da Ciencia» chegou para quedarse en Nigrán”, agracedía a “extraordinaria implicación das cinco científicas que participaron na iniciativa” tanto na xornada final como nas actividades desenvolvidas nos centros escolares.

O certo é que Elena Ojea (directora do grupo de investigación Future Ocean Labs da Universidad de Vigo), Aurkene Belasco (investigadora na Ecimat), África González (catedrática de Inmunoloxía na Universidad de Vigo), Silvia Torres (da Unidade de Tecnoloxías Mariñas da Fundación Cetmar) e Luísa Martínez (responsable de divulgación científica do CSIC) foron quen de conectar co público que encheu o auditorio o que non era nada doado se temos en conta que dito público ía dende a idade adulta ata nenos e nenas de 4 anos “foi marabilloso –apunta Marina Vidal– ver como eran capaces de adaptar a resposta a unha mesma pregunta dependendo da idade da persoa que a fixera”.

[su_image_carousel source=”media: 11987,11986,11985,11984,11983,11982,11981,11980,11979,11978,11977,11976,11975,11974,11973,11972,11971,11970″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Ao igual que as súas respostas, o material que achegaban as propias científicas á mostra, encantou aos participantes de todas as idades “materiais que ían dende unha caixa de area chea de tesouros mariños ata marcadores tumorales ou nano partículas de ouro”, apuntaba a concelleira.

O certo é que, tal e como explicaba Marina Vidal, “as actividades realizada ao longo de toda a semana nos colexios e institutos de Nigrán serviron para ‘quentar motores’ e alimentar a curiosidade científica nos máis cativos”. O profesorado e as equipas directivas, engade a edil, “fixéronnos chegar o venres, na xornada participativa, a súa satisfacción polas actividades que realizaran nos seus centros educativos”.

A concelleira non podía evitar emocionarse cando lembraba pasar polas mesas de traballo “e mirar as caras de sorpresa e asombro dos nenos e nenas cando levantaban os ollos do microscopio e mirar, por exemplo, unha larva dunha langosta”. “Era como se acabaran de descubrir o maior dos misterios. Estaban totalmente felices manipulando material ao que, normalmente, só acceden os adultos ou os nenos e nenas maiores do instituto”.

Ese interese e esa expectación son, remataba Marina Vidal, “motivo máis que suficiente para comezar a traballar, dende xa na segunda edición de «Nigrán conCiencia-Namórate da Ciencia»”.

A Guarda homenaxea aos seus e súas deportistas na XIII Gala do Deporte

0


O Centro Cultural da Guarda acolleu o pasado venres día 14 de febreiro de 2020 a XIII edición da Gala do Deporte, un evento que estivo presentado polo xornalista Terio Carrera. Neste evento recoñecéronse os diferentes logros e méritos deportivos acadados durante o pasado ano polos deportistas, os clubs e as entidades deportivas da Guarda, poñendo así en valor o traballo, esforzo e compromiso das numerosas persoas que forman parte do ámbito deportivo local.

A XII Gala do Deporte contou coa asistencia do Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes; o Deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; así coma unha representación da corporación municipal, colectivos, asociacións e veciños da vila e arrancou co Clube Flic Flac de Vigo, que realizou unha exhibición de ximnasia acrobática.

O adestrador do Mecalia Atl. Guardés, J. Ignacio Prades, fixo de padriño desta multitudinaria XIII Gala do Deporte da Guarda, na que se proxectou un vídeo-resumo do deporte na vila, destacando as principais modalidades deportivas.

Terio Carrera anunciou as primeiras distincións da noite para a modalidade de Natación con diplomas para Rosalía Soler Lomba, Campioa galega en 50 m libres junior e campioa galega en 50 m e 100 m de costas e 50 m bolboreta absoluta e a Iago Soler Lomba, Campión galego en 100 m de costas, 100 m libres, 4×100 m estilos e 4×100 m libres alevín.

En Deporte Adaptado entregáronse diplomas ao equipo de natación 4×50 de San Xerome, formado por Celia López Camacho, Maite Barros, María F. García e Nuria Pereira, Campioas galegas 4×50 Com +15F e ao Equipo de baloncesto feminino San Xerome, campioas da Liga FGDA.

Na modalidade de Judo foron recoñecidos os deportistas Tecla María Cadilla Acevedo, Campioa galega absoluta -63kg; Verónica Pérez Pacheco, Campioa galega cadete e júnior -52kg e 3ª Súper Copa de España Júnior; Iago Álvarez Lomba, Campión galego cadete -73kg e ao Equipo Feminino do Judo Baixo Miño, Campioas da Liga Galega de Clubs.

Na mellor iniciativa deportiva recoñeceuse o labor realizado na Baixo Miño Enduro Experience.

[su_image_carousel source=”media: 11959,11960,11962″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

En Atletismo Escolar os diplomas recaeron en Álex Sierpes Pereira, Campión Galego sub 12 en marcha en ruta, campo a través, 1000 m pista cuberta, 2000 m, 1 km ruta e no Campionato de Galicia Menores e Marcela Morgado Rodríguez, 2ª nos Campionatos Galegos sub 16 en 1000 m e 1 km ruta e 3ª no Campionato Galego de campo a través.

Na modalidade de Atletismo na categoría de adultos recoñeceuse con diplomas aos deportistas Milu Rodríguez Baz, Campioa galega 3000m marcha W-40 e 5000 marcha en pista W-40; a Eduardo García Fernández, Sub-campión galego M-40 en 800 m; a Sergio Rodríguez Teixeira, Campión galego absoluto en 400 m pista cuberta e a Antolín Martínez Martínez, 3º no Campionato galego de Trail Longo.

Neste intre da Gala se quixo recoñecer ás persoas que co seu bo facer traballan en favorecer e axudar na práctica deportiva, cos premios Dedicación ao Deporte, que recaeron en Daniela Savic, Mariano Hernán Carbone, Beatriz Estévez Álvarez e Fabio Lima Correa, todos eles pola súa labor no balonmán base.

En Triathlon se lle fixo entrega dun diploma a Roberto Martínez Trigo, 9º no Campionato do Mundo de triatlón de longa distancia 35-39.

Na modalidade de Atletismo e mushing, José Carlos Ferreira González foi galardoado polo seu palmarés coma Campión galego M-45 en 3000 m pista cuberta, 5 km ruta e 10km ruta e 3º no Campionato de España veterán de Canicross.

O clube Unión Deportiva Guardesa F.F. recibía tamén o seu diploma despois de acadar o título de Campioas da Liga Feminina F-7.

Na categoría de Hockey se quixo recoñecer a varios integrantes do conxunto local A Guarda Hockey Liña coma Sheila Silva Besada, Tomás Gutiérrez Majó e Alejandra Lorenzo Martín, participantes coa Selección Galega de Hóckey no Torneo de Tecnificación de Seleccións e a Miguel Fernández Lomba, polos 10 anos da fundación de A Guarda Hóckey Liña e membro do corpo técnico da Selección Galega de Hóckey.

En remo entregáronse diplomas a Óscar Alonso Alonso, Campión de España absoluto de remoergómetro e a Nieves Silva Martínez, Campioa galega infantil de remoergómetro.

A atleta guardesa Elsa Pena Vicente recibía tamén o seu diploma despois de proclamarse Campioa galega sub 18 de 3000m lisos e subcampioa de Europa júnior de Triathlon Indoor.

Para pechar esta XIII edición da Gala do Deporte na Guarda o alcalde da Vila, Antonio Lomba destacou que “Os veciños e veciñas da Guarda, sentímonos orgullosos dos nosos deportistas e dos nosos clubs, de vós; da nosa gran familia do deporte que tantas alegrías nos dá e nos nos convirte nun referente en moitas disciplinas.

“Trasladovos, unha vez máis, as miñas felicitacións e o meu orgullo, como alcalde e veciño guardés, por todos os vosos éxitos”, engadiu o rexedor local.

Finalizaba a XIII Gala do Deporte, como ven sendo habitual, coa foto de familia cos premiados, membros do xurado e autoridades.

Xesús Rábade Paredes, «Caldaloba en terras de Valverde»

A primeira achega literaria do certame de poesía organizado polo Concello de Cospeito veu da man dun dos nosos clásicos en vida: Xesús Rábade Paredes, veciño da localidade e vencedor na súa primeira edición. E como resposta ao nome co que foi bautizado o galardón, ‘Castelo de Caldaloba’, o escritor optou por versificar a historia desta vella torre, hoxe en perigo de derrubamento, misturando realidade e ficción dacabalo da tradición oral. O resultado foi este ‘Caldaloba en terras de Valverde’ que hoxe nos ocupa.

Acostumados como estamos a un certo xeito de facer poesía que semella copar a actividade dos poetas galegos nos últimos anos, nos que domina unha fonda preocupación estética no uso da palabra, Xesús Rábade prefire beber para este proxecto das fontes máis clásicas construíndo un longo poema de corte narrativo, sobre o que debulla a historia do Castelo de Caldaloba, ao estilo dos vellos cantares de cego. Cómpre subliñar, a pesar do evidente, que non se trata dun traballo histórico, senón literario, polo que o autor permítese determinadas licencias nas que mestura o dato fidedigno e contrastado coa lenda de tradición oral ou a pura fantasía, para argallar unha historia posible.

Así, asistimos de primeiras a unha breve invocación por parte do poeta “aos que cantaron” á Chaira antes ca el para que lle axuden no seu empeño. Como vemos, un recurso moi clásico. De seguido pasamos a coñecer o pasado máis mítico do lugar e mesmo asistimos a unha festa tradicional (a celebración celta do solsticio), antes de entrar na parte troncal do relato e a máis extensa e mellor documentada, na que fala do sitio de Constanza, filla de Pardo de Cela, refuxiada na fortaleza logo da morte do Mariscal por enfrontarse aos Reis Católicos.

A pesar do dato histórico constatado, o autor alimenta o relato de novo coa tradición oral, meigas, tesouros agochados e outros vínculos coa mitoloxía local (sen esquecer o pasado “baluro” da Terra Cha, moi presente en todo o libro, ou as referencias á lagoa de Valverde). Remata o texto cunha curiosa xustificación xeográfica e veciñal do lugar derivada, novamente, da mitoloxía local, a xeito de despedida.

Desta maneira, ‘Caldaloba en terras de Valverde’ preséntase coma un pequeno agasallo de alguén moi curtido no verso e na tradición oral; unha volta ao pasado, tanto en temática como en estilo, na que abundan as rimas, ese tono próximo ao romance tradicional, ou as nosas tríadas, pero misturadas con recursos modernos como o verso libre ou as métricas non sempre regulamentarias, entre outros. E todo iso proporcionalle ao conxunto un innegable aire de contemporaneidade. Pois a pesar de empregar elementos clásicos, como digo, Xesús Rábade Paredes fuxe dun estilo meramente imitativo para presentar un traballo no que se aprecian unha chea de técnicas estilísticas moito máis actuais, tanto no fondo como na forma. Non fai falla lembrar que falamos dun dos autores máis respectados do noso tempo, que vén deixando a súa pegada nas nosas letras dende fai xa máis de 50 anos. E iso, dun xeito ou doutro, tense que notar.

Xesús Rábade Paredes

Caldaloba en terras de Valverde

Alvarellos Editora

Digna Rivas, “non teño máis prioridade que a defensa das miñas veciñas e veciños”

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, ante as “supostas declaracións” realizadas sobre a sentenza da PassVigo e as manifestacións do PP de Redondela nas que acusaba a rexedora local de non querer defender os intereses do municipio, asegurou hoxe que, “ao contrario que o meu antecesor no cargo, que só facía o que lle mandaban dende Santiago, eu non teño máis prioridade que a defensa dos intereses dos meus veciños e veciñas fronte a quen sexa e en calquera circunstancia”.

A rexedora redondelá non dubidou en cualificar de “chiste” que o Partido Popular diga que “fará executar a sentenza do PassVigo cando o certo, é que a sentenza estase executando xa de xeito automático dende que foron aceptadas as medidas cautelares”. En todo caso, sorpréndelle a alcaldesa de Redondela que o PP “poida facer semellante reflexión sobre a sentenza que deixa claramente demostrado que o único que busca non é o beneficio da veciñanza senón a rendibilidade política”.

Rivas lembrou que a súa chegada ao Goberno local, o Concello tiña varios procesos xudiciais abertos iniciados polo anterior alcalde, “procesos que, non nos chamemos a engano –afirmou a rexedora local– non tiñan a finalidade de defender os intereses das veciñas e veciños, senón que eran temas cunha clara intencionalidade política e seguindo instrucións do sr. Feijóo e o sr. Rueda”.

De feito, explica a alcaldesa de Redondela, as querelas foron interpostas contra a Deputación de Pontevedra “porque estaba gobernada polo PSOE e o BNG e contra o Concello de Vigo, gobernado polo PSOE”. Esa “rapidez” en actuar non era tal “cando tiña que facelo contra o Goberno do PP na Xunta de Galicia ou en Madrid”.

Lamenta a rexedora local de Redondela que o meu antecesor “nunca optara pola vía do diálogo para resolver un tema importante para os veciños e veciñas como a tarxeta de transporte” e, nese sentido, lembra Digna Rivas “que nunca intentou sentarse a buscar unha solución co alcalde de Vigo e optou directamente pola vía do enfrontamento seguindo as liñas que lle marcaban dende Santiago”.

O Concello, engadiu Rivas, ten abertos tres procesos xudiciais iniciados polo anterior goberno “e en ningún momento manifesteime sobre eles por unha simple cuestión de respecto institucional, respecto aos veciños e veciñas, e respecto ás decisións das xuízas e xuíces”.

Cómpre lembrar que hai dúas semanas o Concello de Redondela perdeu un proceso xudicial que mantiña contra a Deputación de Pontevedra a raíz do Plan DepoRemse. “Un tema no que o meu antecesor sabía, perfectamente, que a Deputación actuara conforme á lei e, non obstante, iniciou este proceso cunha clara intencionalidade política e seguindo ordes”, engade Digna Rivas que matiza que, chegada a alcaldía “deixei que o proceso seguira o seu curso porque son os xuíces e xuízas os que teñen que decidir e as e os políticos temos que dar exemplo e ser os máis respectuosos coa independencia xudicial”.

Non dubida a alcaldesa de Redondela que todo isto responde “a unha campaña de descualificación ante o inicio dunha cita electoral” unha táctica na que, afirma, “non vou entrar. Débome ás miñas veciñas e veciños e serán eles, chegado o momento, os que teñan que valorar o meu traballo”.

Ponteareas acolle unha acción formativa para impulsar a plantación e aproveitamento de froitos do bosque

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, e a concellería de Formación que dirixe, Vanesa Fernández, informan que o vindeiro 9 de marzo o Centro de Desenvolvemento Local (CDL) acollerá a actividade formativa “Depofroitos” que pretende impulsar a creación de plantacións de froitos do bosque ecolóxicos, sobre todo en terreos abandonados, e mellorar a capacitación e a profesionalización das persoas emprendedoras que queiran dedicarse a esta actividade.

Todas e todos os que queiran participar nesta acción informativa, que se desenvolverá de 10 a 14 horas, deberán inscribirse no teléfono 886 210 725 Ext 40734 ou ben a través da seguinte dirección de correo [email protected] .

Depofroitos ofrecerá un acompañamento específico para as empresas de nova creación relacionadas co cultivo de froitos do bosque, no que se tratará de asesorar e informar sobre diferentes aspectos como a tramitación de axudas e subvencións e a elaboración de plans de viabilidade técnica, ecónomica e financeira, entre oturos.

Esta iniciativa achegará aos e ás emprendedoras un simulador de negocio sobre o cultivo e a comercialización de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internacionalización das súas vendas, cunha serie de recomendacións de actuación.

Ademais, promoveranse outras actividades: elaboración de estudos técnicos de parcelas para o posible cultivo de froitos do bosque a través estudos climáticos, edafolóxicos, estudos da auga de rega, do material vexetal, de mercado e de rendibilidade, e creación dunha agrupación comercial para reducir custos e obter maiores beneficios ao situar o produto a prezos máis competitivos. Cada persoa destinataria do proxecto terá un servizo de asesoría e consultaría gratuíto na modalidade en liña (e-mail, teléfono e WhatsApp).

O programa é cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Formación e Educación (POEFE) e a Fundación Biodiversidade a través do Programa EmpleaVerde do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Deste xeito, as accións de carácter gratuíto están dirixidas a conseguir formación e emprego de calidade.

Tomiño e Goián prepáranse para vivir os seus tradicionais Entroidos

0

O xa tradicional desfile de Entroido ‘Venres de Foliada’ encherá as rúas de Tomiño na noite do 21 de febreiro, a partir das 21.30h no centro de Tomiño. Unha vintena de comparsas serán as protagonistas deste especial desfile, un dos máis multitudinarios da comarca. Por mor das obras de peonalización que se están a levar a cabo en dúas rúas do núcleo urbano, unha parte do percorrido habitual terá que modificarse. A saída será dende o Colexio Pedro Caselles, continuando pola Avenida Gondomar, e o remate, na mesma avenida, á altura da rotonda da Pedra.

Máis de 1.500 persoas chegadas dende distintos puntos da provincia, percorrerán as céntricas rúas tomiñesas. Entre as comparsas que formarán parte do gran desfile, hai varias de Tomiño, coma Estrelas da Noite, Luces de Tomiño e Ciklón. En caso de choiva, aprazase para o seguinte venres.

Por outra banda, a parroquia de Goián, celebra entre o 22 e o 26 de febreiro o seu particular Entroido. A tradición impregna esta festa, que aínda conserva un profundo sabor popular.

A Asociación de Entroido de Goián, en colaboración co Concello de Tomiño, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Goián, comeza a traballar tras o verán, coma cada ano, para poder ter todo a punto.

O de Goián é un entroido especial moi coñecido na zona pero non multitudinario coma outros, o que lle permite conservar o seu xenuíno carácter popular. Con “A pedida”, casa por casa, o sábado 22, arranca a festa. A partir das 9.30h, os veciños e veciñas acompañan ás bandas de gaiteiros percorrendo as rúas, casa por casa, co fin de recadar fondos, ou o que cada familia poida dar para elaborar a tortillada, a sopa e o cocido que se servirá en diferentes días aos participantes.

Domingo de carretillas, un dos días grandes, será o 23 de febreiro. Sobre o mediodía, celébrase o desfile de disfraces dos nenos e nenas, e pola tarde a Carreira de Carretillas, que este ano cumpre a súa décima edición. Tras as probas, cómense os exquisitos “torresmos”.

Este día (se non fora posible, faríase o día seguinte no desfile de carrozas) contará este ano cunha gran novidade: catro cabezudos que se están confeccionando no obradoiro impartido por Elías Araujo, no Centro Goianés, sairán polas rúas de Goián, rescatando así unha tradición ancestral da vila. Segundo transcendeu, dous son personaxes de películas de debuxos animados, e outros dous, coñecidos personaxes de Goián.

O Martes de Entroido, día 25 de febreiro, servirase logo do gran desfile “A Sopa” de Entroido, gratis para todos os presentes e desfile de comparsas.

O adeus á Taíña, co Miño sempre de protagonista, será o mércores 26 para despedir un ano máis o Entroido, tamén con fogos artificiais.Durante as 4 xornadas, haberá animación musical con treboadas da zona e grandes verbenas.

Programa

Sábado 22 de febreiro:

  • Ás 9.30h, os grupos “O Trebón dos Xidos” e “ Os Terribles de Tomiño” percorrerán as rúas da parroquia para facer “a pedida’.

Domingo 23 de febreiro:

  • Ás 12.00h, desfile de disfraces dous nenos e nenas da parroquia.
  • Ás 17.00h, Carreira de Carretillas, amenizada pola charanga “Vaya Panda”, con premios á mellor tuneada e aos mellores disfraces.
  • Ás 22.00h, verbena coas orquestras “Estrellamar” e “Aramio”.
  • Á 01.00h, premios aos mellores disfraces.

Luns 24 de febreiro:

  • Ás 17.00h, baile infantil de disfraces. Centro Goianés.
  • Ás 22.00h, Gran Verbena con “Xacobeo” e “Marbella”.

Martes 25 de febreiro:

  • Ás 17.00, tradicional desfile de carrozas e comparsas pola Avenida Ordóñez.
  • Ao remate do desfile, sopa entre todos os asistentes, tanto participantes como público.
  • Ás 21.00 horas, verbena amenizada pola orquestra “Noche de Estrellas”.

Mércores 26 de febreiro:

  • Ás 19.00h Tradicional Enterro dá Taíña, con pasarrúas e fogos artificiais. O torreiro de festas estará cuberto por unha gran carpa.

O Porriño convoca subvencións dirixidas ás traídas de augas

O BNG do Porriño vén de expresar a súa satisfacción coa publicación da primeira convocatoria que se fai no Concello porriñés para a concesión de subvencións ás Comunidades de aguas parroquiais. Esta liña de subvencións introduciuse nos orzamentos do 2018, en vigor na actualidade, polas emendas presentadas polo BNG ao orzamento. Esta primeira convocatoria fai realidade, por un lado, a demanda das distintas asociacións e, por outro, as xestións que os nacionalistas levaron a cabo para conseguir que se incluira no orzamento do Concello un importe para este fin.

As axudas publicadas teñen como obxectivo subvencionar gastos correntes das Comunidades de augas, como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e gastos de mantemento e conservación en captacións de augas, obras de reparación,… As axudas comprenden un importe máximo total de 95.000 euros e cun límite máximo de 8.000 por asociación.

O Bloque Nacionalista Galego asegura que sempre tivo claro “que os Concellos, como administración máis proxima, deberían establecer nos seus orzamentos partidas para colaborar coas redes de titularidade veciñal así como coordinar e colaborar para que nas parroquias haxa un servizo de calidade no subministro de auga”.

O BNG adiantou que “seguirá traballando nesta liña para que, ademais de subvencionar gastos correntes, se incorpore outra partida para inversións”. Os nacionalistas rematan sinalando que hai que ter en conta que “os gastos que teñen que facer as asociacións superan a súa capacidade económica para poder manter un bo servizo no abastecemento das augas á veciñanza”.

Concello de Tui e AFAGA impartirán un programa dirixido a coidadores familiares de persoas dependentes

0

Hoxe abre o prazo de inscrición para ‘Coidand@-me’ o programa psicoeducativo para coidadores familiares de persoas dependentes que se vai impartir en Tui grazas á colaboración entre o Concello de Tui, a través da Concellería de Servizos Sociais, e AFAGA.

Ao longo de doce sesións, que se impartirán os luns de 11 h a 12:30 h no Centro Sociocomunitario, abordarase a parte emocional, a toma de decisións, o coñecemento dos recursos… O obxectivo é brindar as persoas coidadoras as ferramentas para prestar un mellor coidado aos seus familiares pero ao mesmo tempo para coidarse a sí mesmas.

As persoas interesadas pódense inscribirse no departamento de Servizos Sociais na casa do concello até o martes 3 de marzo. Poden solicitar máis información no 986 60 36 25 ext. 54 ou no 986 22 97 97.

Froito da colaboración entre o Concello de Tui e AFAGA estanse a impartir dende setembro os obradoiros ‘Cultiva a Mente’. Até xuño 75 persoas en cinco parroquias tudenses, Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis, e Rebordáns, están a tomar parte nesta actividade de prevención.

O Plan de Transporte da Xunta mellora a conexión con Chandebrito pero ignora a Camos

0

O Concello de Nigrán veu parcialmente estimadas as alegacións que presentou en agosto ao anteproxecto de explotación do Plan de Transporte Público de Galicia 2020 coa conseguinte mellora da conexión que suporá para a toda a comarca. O Goberno local celebra especialmente a mellora da comunicación de Chandebrito coa creación dunha liña por Fragoselo pero, non obstante, “lamenta a oportunidade que este plan supuña para comunicar mellor parroquias do interior como Camos, onde se reducen as frecuencias pese a petición expresa de aumentalas, ou a escasa aposta da Xunta pola inclusión ao manter só nun 10 % o número de vehículos adaptados”.

A conexión con Chandebrito verase mellorada porque se crea por vez primeira unha liña Nigrán-Vigo que vai por Fragoselo, con dúas frecuencias diarias, e ademais tamén se contempla a alegación do Concello para instaurar unha lanzadeira desde Chandebrito a Nigrán pola rúa dos Pazos (Camos) ás 7:00 e 12:00 horas. “Pese á mellora que supón, as frecuencias son escasas, desde o Concello entendemos que non debería ser a lanzadeira só ás 7:00 e as 12:00 e, en calqueira caso, as 7:00 horas resulta moi cedo para a xente que desexa ir a Nigrán ao médico, a compra, etc”, subliña o alcalde, Juan González.

A maiores, entre as alegacións do Concello que foron estimadas figura a supresión dos percorridos “a demanda” que se contemplaban para Chandebrito ou Camos para ser operativos sempre, cuestión que desde o Concello se considera fundamental para garantir a pervivencia das liñas do interior.

Sen embargo, o Concello de Nigrán lamenta a marxinación á que se somete a parroquia de Camos, onde non só non contemplou a Xunta a alegación do Concello para mellorar a conexión, se non que reduce frecuencias. “Actualmente funcionan 3 liñas de ida e 3 de volta por rúa dos Pazos, desde o Concello pedíamos duplicalas e non só non as duplican se non que reducen frecuencias nos fins de semana”, lamenta o rexedor, quen incide en que “a Xunta perde unha oportunidade única de conectar esta parroquia do interior. É unha inxustiza e seguiremos loitando para cambiar isto. Esta reordenación de liñas tiña que ser unha oportunidade de mellorar o transporte existente, non de perpetuar o illamento das parroquias do interior e manter incongruencias”, conclúe González.

O Concello manifesta a súa disconformidade con que só un 10% dos autobuses que circulen por Nigrán sexan adaptados, cando se pedía como mínimo o 100 % da liña Vigo-Baiona

Ademais, entre as alegacións formuladas polo Concello e tamén aceptadas figura respetar todas as ubicacións actuais das paradas (no anteproxecto eliminábase a do Pazo da Touza ou Copena, en Camos, ou Florida, en Vigo) e a creación dunha nova á altura de Povisa, cuestión que desde hai anos reclamaba o Concello ao ser o hospital de referencia para a maioría dos nigraneses.

Autobuses de plataforma baixa

A primeira alegación que formulou o Concello de Nigrán no seu escrito de agosto foi a incorporación de autobuses de plataforma baixa ou mobilidade reducida nos principais percorridos en dirección Baiona, Vigo, Hospitais e CUVI, sen embargo, a Xunta confirma que só o fará no 10 % do total de vehículos que circulen e nin sequera especifica liñas, cando debería ser unha información pública. “En percorridos urbanos como a liña Vigo-Baiona ou ao Hospital é inexcusable que non sexan de plataforma baixa o 100 % dos autobuses, un 10% é totalmente insuficiente”, sinala González.

Igualmente, o Concello celebra que sí se aceptasen as alegacións para aumentar as frecuencias ao CUVI e Hospital Álvaro Cunqueiro, puntos actualmente incomunicados por transporte metropolitano.

Bus circular

Unha das principais alegacións do Concello de Nigrán e que fora consensuada tamén cos rexedores de Baiona e Gondomar é a creación dunha liña circular que una os tres municipios, cuestión finalmente aceptada. Este percorrido de 1 hora de duración parte do centro de saúde de Baiona e prosigue cara o mercado de Sabarís, centro da Ramallosa, ambulatorio de A Xunqueira, Panxón, Casa do Concello de Nigrán, Porto do Molle, Vilaza, estación de autobuses de Gondomar e IES Proval. Continúa cara Baredo (Baiona) para regresar polo IES 1º de Marzo ao punto de partida. As saídas serán ás 6:45 h, 7:30 h, 13:15 h, 14:15 h e 21:15 h.