13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránO Plan de Transporte da Xunta mellora a conexión con Chandebrito pero...

    O Plan de Transporte da Xunta mellora a conexión con Chandebrito pero ignora a Camos

    O Goberno local celebra a creación dunha liña Nigrán-Vigo por Chandebrito-Fragoselo pero lamenta que a Consellería non tivera en conta a petición de máis frecuencias por Camos (mesmo se reducen)

    O Concello de Nigrán veu parcialmente estimadas as alegacións que presentou en agosto ao anteproxecto de explotación do Plan de Transporte Público de Galicia 2020 coa conseguinte mellora da conexión que suporá para a toda a comarca. O Goberno local celebra especialmente a mellora da comunicación de Chandebrito coa creación dunha liña por Fragoselo pero, non obstante, “lamenta a oportunidade que este plan supuña para comunicar mellor parroquias do interior como Camos, onde se reducen as frecuencias pese a petición expresa de aumentalas, ou a escasa aposta da Xunta pola inclusión ao manter só nun 10 % o número de vehículos adaptados”.

    A conexión con Chandebrito verase mellorada porque se crea por vez primeira unha liña Nigrán-Vigo que vai por Fragoselo, con dúas frecuencias diarias, e ademais tamén se contempla a alegación do Concello para instaurar unha lanzadeira desde Chandebrito a Nigrán pola rúa dos Pazos (Camos) ás 7:00 e 12:00 horas. “Pese á mellora que supón, as frecuencias son escasas, desde o Concello entendemos que non debería ser a lanzadeira só ás 7:00 e as 12:00 e, en calqueira caso, as 7:00 horas resulta moi cedo para a xente que desexa ir a Nigrán ao médico, a compra, etc”, subliña o alcalde, Juan González.

    A maiores, entre as alegacións do Concello que foron estimadas figura a supresión dos percorridos “a demanda” que se contemplaban para Chandebrito ou Camos para ser operativos sempre, cuestión que desde o Concello se considera fundamental para garantir a pervivencia das liñas do interior.

    Sen embargo, o Concello de Nigrán lamenta a marxinación á que se somete a parroquia de Camos, onde non só non contemplou a Xunta a alegación do Concello para mellorar a conexión, se non que reduce frecuencias. “Actualmente funcionan 3 liñas de ida e 3 de volta por rúa dos Pazos, desde o Concello pedíamos duplicalas e non só non as duplican se non que reducen frecuencias nos fins de semana”, lamenta o rexedor, quen incide en que “a Xunta perde unha oportunidade única de conectar esta parroquia do interior. É unha inxustiza e seguiremos loitando para cambiar isto. Esta reordenación de liñas tiña que ser unha oportunidade de mellorar o transporte existente, non de perpetuar o illamento das parroquias do interior e manter incongruencias”, conclúe González.

    O Concello manifesta a súa disconformidade con que só un 10% dos autobuses que circulen por Nigrán sexan adaptados, cando se pedía como mínimo o 100 % da liña Vigo-Baiona

    Ademais, entre as alegacións formuladas polo Concello e tamén aceptadas figura respetar todas as ubicacións actuais das paradas (no anteproxecto eliminábase a do Pazo da Touza ou Copena, en Camos, ou Florida, en Vigo) e a creación dunha nova á altura de Povisa, cuestión que desde hai anos reclamaba o Concello ao ser o hospital de referencia para a maioría dos nigraneses.

    Autobuses de plataforma baixa

    A primeira alegación que formulou o Concello de Nigrán no seu escrito de agosto foi a incorporación de autobuses de plataforma baixa ou mobilidade reducida nos principais percorridos en dirección Baiona, Vigo, Hospitais e CUVI, sen embargo, a Xunta confirma que só o fará no 10 % do total de vehículos que circulen e nin sequera especifica liñas, cando debería ser unha información pública. “En percorridos urbanos como a liña Vigo-Baiona ou ao Hospital é inexcusable que non sexan de plataforma baixa o 100 % dos autobuses, un 10% é totalmente insuficiente”, sinala González.

    Igualmente, o Concello celebra que sí se aceptasen as alegacións para aumentar as frecuencias ao CUVI e Hospital Álvaro Cunqueiro, puntos actualmente incomunicados por transporte metropolitano.

    Bus circular

    Unha das principais alegacións do Concello de Nigrán e que fora consensuada tamén cos rexedores de Baiona e Gondomar é a creación dunha liña circular que una os tres municipios, cuestión finalmente aceptada. Este percorrido de 1 hora de duración parte do centro de saúde de Baiona e prosigue cara o mercado de Sabarís, centro da Ramallosa, ambulatorio de A Xunqueira, Panxón, Casa do Concello de Nigrán, Porto do Molle, Vilaza, estación de autobuses de Gondomar e IES Proval. Continúa cara Baredo (Baiona) para regresar polo IES 1º de Marzo ao punto de partida. As saídas serán ás 6:45 h, 7:30 h, 13:15 h, 14:15 h e 21:15 h.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.