Mércores, 15 Xaneiro de 2025

O proxecto de saneamento de Ribadetea, en Ponteareas, segue a súa marcha

O martes 11 de febreiro foi unha xornada de traballo na que estiveron presentes un enxeñeiro de Augas de Galicia, un enxeñeiro municipal e dúas enxeñeiras da empresa redactora do proxecto de saneamento integral da parroquia de Ribadetea, que dará servizo a 800 veciños. Estiveron acompañados polos membros da Plataforma Veciñal, recorrendo distintos lugares da parroquia.

Os técnicos da Xunta e da empresa redactora estudaron sobre o terreo algúns treitos que, en principio, poden presentar maiores dificultades tratando de buscar a mellor solución para que se poida dar servizo a todas as casas da parroquia. Valoraron tamén as particularidades que presenta por pertencer á Rede Natura 2000, o que implica unha maior protección medioambiental deste espazo.

A empresa redactora ten previsto rematar este proxecto no vindeiro mes de marzo. Este será o documento imprescindible para comezar a planificar e executar as obras da rede de saneamento en Ribadetea.

A Plataforma Veciñal asegurou estar “ocupada e comprometida en realizar as xestións e accións necesarias para conseguir que a Confederación Hidrográfica autorice o inicio das obras de inmediato”, para que no ano 2023 a parroquia de Ribadetea poida xa verter pola rede de saneamento unha vez rematada a ampliación da depuradora de Ponteareas. Por parte da Plataforma valorouse “positivamente” esta visita dos técnicos de Augas de Galicia, “que vai permitir rematar un proxecto de saneamento adaptado á realidade actual da parroquia”, conclúen.