A Concellería de Cultura e a Concellería de Turismo do Concello da Guarda preparan unha animada e divertida programación para este Entroido 2020 con actividades para todas as idades e que arranca xa na xornada deste venres día 21 de febreiro co tradicional Desfile dos Colexios da vila. A programación inclúe, ademais desta cita obrigada e do desfile de Entroido, o martes 25, diversas actividades con animación infantil, obradoiros, pintacaras, música en directo, entre outras.
A Guarda dará a benvida ao Entroido 2020 na mañá do venres día 21 de febreiro cun desfile no que participarán a meirande parte dos alumnos e alumnas dos centro educativos da vila cun percorrido polo casco urbano, onde lucirán os sempre espectaculares e coloridos disfraces de entroido.
Na xornada do sábado 22 de febreiro ou sábado de guateque a Alameda da Guarda será o epicentro dunha noite moi especial e chea de boa música que comezará ás 23:3 0h co Concerto do grupo rosaleiro Quedequé, que amenizarán esta noite cos seus clásicos do pop e rock´n´roll dende os anos 80 e 90 e as súas cancións propias, para pechar a noite coa pinchada ‘Bailongo session’ a cargo de ‘Furry Destroyer’.
O Domingo 23 de febreiro A Alameda da Guarda acollerá o ‘Domingo das Familias’ a partir das 18:00 h co concerto Gramola Ye Ye e o Obradoiro de pintacaras para nenos con Manunú. Gramola Ye Ye é un cuarteto musical pertencente á Gallaecia Big Band que amenizará a xornada por primeira vez na Guarda cun repertorio moi especial, de case dúas horas de duración, con música dos anos 60´s e 70´s especialmente dedicado a público familiar e público xeral.
Para a xornada do luns día 24 de febreiro, os nenos e nenas da vila serán os protagonistas, co espectáculo infantil ‘Abordaxe Pirata’ e ‘Minidisco’ de Barafunda e un ‘Obradoiro de máscaras’ de Manunú, a partir das 17:30 h na Alameda da Guarda. A ‘Abordaxe Pirata’ é un espectáculo participativo no que dous piratas realizarán xogos, bailes e música interactiva cos nenos e nenas asistentes. ‘Minidisco’ continuará con máis amenización infantil para todos os nenos e nenas que se acheguen ata a Alameda da Guarda.
Xa para por o broche final a esta programación do Entroido 2020 na Guarda, o martes día 25 de febreiro terá lugar o ‘Desfile de Entroido’ ás 17:30 h, con saída dende a ‘Esquina Famosa’ e percorrido polas rúas da Guarda ata a Alameda acompañados da Batucada “Bate no Cobre de Matamá e que conta con preto de 15 integrantes. As inscricións para participar estarán abertas do 11 ao 20 de febreiro, con axudas á participación de mais de 3.000 €, bases completas na web municipal www.aguarda.es. A diferenza doutros anos o desfile deste ano pretende involucrar á maior cantidade de xente posible, e animar a asociacións, colectivos e grupos de amigos a participar. Este ano todos os nenos e nenas que participen terán un agasallo.
Menú de Entroido
Ao igual que en anos anteriores, a Concellería de Turismo organiza en colaboración cos diferentes establecementos de hostalaría do municipio o «Menú de Entroido», onde ao longo de 4 días varios establecementos de hostalaría da Guarda ofertarán o «Menú de Entroido» que inclúe un primeiro prato de Caldo ou empanada, un segundo prato de Lacón con Grelos e unha sobremesa con Filloas ou Ourellas de Entroido. O prezo é de 18 € por persoa e o menú inclúe viño e café. Nesta edición participan a Tapería–Restaurante Arruaz, Camping Santa Tecla, Celtic, La Pizzicata, O Cangrexal e Restaurante Xantar. Recoméndase reservar con antelación chamando directamente ao restaurante.