Os alcaldes de Arbo, Horacio Gil, e de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, mantiveron este luns en Madrid unha xuntanza co director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio para a Transición Ecolóxica, Ismael Aznar Cano, para tratar o paso da liña de alta tensión por varias zonas habitadas dos dous concellos.
Horacio Gil e Xosé Manuel Rodríguez expuxéronlle ao Director Xeral o rexeitamento das dúas corporacións e das veciñas e veciños de Arbo e As Neves a esta iniciativa e ao recente estudo de tratado alternativo proposto á mesma.
Segundo a información de Red Eléctrica Española, por este tendido circularán máis de 400.000 voltios, pasaría por Fontefría, na Cañiza, e entraría en Portugal, moi preto de vivendas dos dous concellos algo que, segundo os rexedores locais, “non ten xustificación considerando os prexuízos para as persoas e o territorio”.
Á vista destes argumentos, o director xeral adquiriu o compromiso de convocar unha reunión entre os Concellos de Arbo e As Neves, representantes de Red Eléctrica Española e do propio Ministerio deTransición Ecolóxica. A reunión tería lugar pasado un prazo de dous meses, tempo no que estudará as contestacións ás consultas previas que formularon tanto os concellos coma persoas individuais e colectivos de Arbo e As Neves.
A instancia dos dous alcaldes, o director xeral consultará con RedeEléctrica outras opcións a ese tendido tendo en conta a firme oposición das corporacións e os veciños de Arbo e As Neves a calquera das alternativas de trazado propostas ata agora.