Domingo, 9 Febreiro de 2025

O Castelo do Sobroso, marco espectacular para un desfile de traxes nupciais

O estilista Óscar Novo e a deseñadora Patricia Avendaño presentaron a súa colección 2020 nun evento que contou con actuacións de Rosa Cedrón e a 'Nova Galega de Danza'

O Castelo de Sobroso foi o espectacular marco que acolleu, este xoves, o desfile de traxes de noiva no que o estilita Óscar Novo presentou as novas apostas da deseñadora Patricia Avendaño, que forman parte da súa colección nupcial para o ano 2020. O evento contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, entre outras autoridades.

De esquerda a dereita, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Xosé Represas, alcalde de Ponteareas; Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e Verónica Carrera, concelleira de Igualdade do Concello de Ponteareas

Na cita, que comezou as 19:30 horas no Castelo, houbo tempo para a cultura e tamén para a posta en valor dun dos elementos máis importantes do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra. Deste xeito, o evento –que estivo conducido por Diana Nogueira– contou, ademais de co desfile de traxes nupciais da colección de Patricia Avendaño, con dúas actuacións estelares a cargo da vocalista Rosa Cedrón, imaxe de marca de Óscar Novo, e a compañía Nova Galega de Danza.

[su_image_carousel source=”media: 12115,12118,12116″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O desfile foi unha mostra máis do xeito en que tradición e vangarda conflúen no traballo que vén desenvolvendo a Deputación de Pontevedra estes últimos anos, co obxectivo de crear novas experiencias e novos atractivos para a captación de visitantes do destino #PontevedraProvincia.

Cómpre salientar a aposta pola moda que realiza a institución provincial a través de actividades, de grande éxito, como a exposición A moda en detalles, que acolleu en 2019 o Castelo de Soutomaior acompañada de visitas guiadas temáticas arredor da moda e da camelia, ou a mostra Galicia, a terra dos mil panos, que se converteu nunha das máis visitadas do ano 2019 no Museo de Pontevedra. Ademais, a presidenta provincial Carmela Silva presentou hoxe a pasarela de traxe tradicional Unha ollada polas arcas pechadas, que terá lugar este venres a partir das 20:30 horas na nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo coa colaboración da Asociación Etnográfica Sete Espadelas.