8.7 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño e Goián prepáranse para vivir os seus tradicionais Entroidos

    Tomiño e Goián prepáranse para vivir os seus tradicionais Entroidos

    O día 21 terá lugar o desfile “Venres de Foliada” no Seixo, e dende o 22 ao 26, a parroquia goianesa celebrará a súa esperada festa na rúa

    O xa tradicional desfile de Entroido ‘Venres de Foliada’ encherá as rúas de Tomiño na noite do 21 de febreiro, a partir das 21.30h no centro de Tomiño. Unha vintena de comparsas serán as protagonistas deste especial desfile, un dos máis multitudinarios da comarca. Por mor das obras de peonalización que se están a levar a cabo en dúas rúas do núcleo urbano, unha parte do percorrido habitual terá que modificarse. A saída será dende o Colexio Pedro Caselles, continuando pola Avenida Gondomar, e o remate, na mesma avenida, á altura da rotonda da Pedra.

    Máis de 1.500 persoas chegadas dende distintos puntos da provincia, percorrerán as céntricas rúas tomiñesas. Entre as comparsas que formarán parte do gran desfile, hai varias de Tomiño, coma Estrelas da Noite, Luces de Tomiño e Ciklón. En caso de choiva, aprazase para o seguinte venres.

    Por outra banda, a parroquia de Goián, celebra entre o 22 e o 26 de febreiro o seu particular Entroido. A tradición impregna esta festa, que aínda conserva un profundo sabor popular.

    A Asociación de Entroido de Goián, en colaboración co Concello de Tomiño, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Goián, comeza a traballar tras o verán, coma cada ano, para poder ter todo a punto.

    O de Goián é un entroido especial moi coñecido na zona pero non multitudinario coma outros, o que lle permite conservar o seu xenuíno carácter popular. Con “A pedida”, casa por casa, o sábado 22, arranca a festa. A partir das 9.30h, os veciños e veciñas acompañan ás bandas de gaiteiros percorrendo as rúas, casa por casa, co fin de recadar fondos, ou o que cada familia poida dar para elaborar a tortillada, a sopa e o cocido que se servirá en diferentes días aos participantes.

    Domingo de carretillas, un dos días grandes, será o 23 de febreiro. Sobre o mediodía, celébrase o desfile de disfraces dos nenos e nenas, e pola tarde a Carreira de Carretillas, que este ano cumpre a súa décima edición. Tras as probas, cómense os exquisitos “torresmos”.

    Este día (se non fora posible, faríase o día seguinte no desfile de carrozas) contará este ano cunha gran novidade: catro cabezudos que se están confeccionando no obradoiro impartido por Elías Araujo, no Centro Goianés, sairán polas rúas de Goián, rescatando así unha tradición ancestral da vila. Segundo transcendeu, dous son personaxes de películas de debuxos animados, e outros dous, coñecidos personaxes de Goián.

    O Martes de Entroido, día 25 de febreiro, servirase logo do gran desfile “A Sopa” de Entroido, gratis para todos os presentes e desfile de comparsas.

    O adeus á Taíña, co Miño sempre de protagonista, será o mércores 26 para despedir un ano máis o Entroido, tamén con fogos artificiais.Durante as 4 xornadas, haberá animación musical con treboadas da zona e grandes verbenas.

    Programa

    Sábado 22 de febreiro:

    • Ás 9.30h, os grupos “O Trebón dos Xidos” e “ Os Terribles de Tomiño” percorrerán as rúas da parroquia para facer “a pedida’.

    Domingo 23 de febreiro:

    • Ás 12.00h, desfile de disfraces dous nenos e nenas da parroquia.
    • Ás 17.00h, Carreira de Carretillas, amenizada pola charanga “Vaya Panda”, con premios á mellor tuneada e aos mellores disfraces.
    • Ás 22.00h, verbena coas orquestras “Estrellamar” e “Aramio”.
    • Á 01.00h, premios aos mellores disfraces.

    Luns 24 de febreiro:

    • Ás 17.00h, baile infantil de disfraces. Centro Goianés.
    • Ás 22.00h, Gran Verbena con “Xacobeo” e “Marbella”.

    Martes 25 de febreiro:

    • Ás 17.00, tradicional desfile de carrozas e comparsas pola Avenida Ordóñez.
    • Ao remate do desfile, sopa entre todos os asistentes, tanto participantes como público.
    • Ás 21.00 horas, verbena amenizada pola orquestra “Noche de Estrellas”.

    Mércores 26 de febreiro:

    • Ás 19.00h Tradicional Enterro dá Taíña, con pasarrúas e fogos artificiais. O torreiro de festas estará cuberto por unha gran carpa.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.