8.7 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelXesús Rábade Paredes, «Caldaloba en terras de Valverde»

    Xesús Rábade Paredes, «Caldaloba en terras de Valverde»

    A primeira achega literaria do certame de poesía organizado polo Concello de Cospeito veu da man dun dos nosos clásicos en vida: Xesús Rábade Paredes, veciño da localidade e vencedor na súa primeira edición. E como resposta ao nome co que foi bautizado o galardón, ‘Castelo de Caldaloba’, o escritor optou por versificar a historia desta vella torre, hoxe en perigo de derrubamento, misturando realidade e ficción dacabalo da tradición oral. O resultado foi este ‘Caldaloba en terras de Valverde’ que hoxe nos ocupa.

    Acostumados como estamos a un certo xeito de facer poesía que semella copar a actividade dos poetas galegos nos últimos anos, nos que domina unha fonda preocupación estética no uso da palabra, Xesús Rábade prefire beber para este proxecto das fontes máis clásicas construíndo un longo poema de corte narrativo, sobre o que debulla a historia do Castelo de Caldaloba, ao estilo dos vellos cantares de cego. Cómpre subliñar, a pesar do evidente, que non se trata dun traballo histórico, senón literario, polo que o autor permítese determinadas licencias nas que mestura o dato fidedigno e contrastado coa lenda de tradición oral ou a pura fantasía, para argallar unha historia posible.

    Así, asistimos de primeiras a unha breve invocación por parte do poeta “aos que cantaron” á Chaira antes ca el para que lle axuden no seu empeño. Como vemos, un recurso moi clásico. De seguido pasamos a coñecer o pasado máis mítico do lugar e mesmo asistimos a unha festa tradicional (a celebración celta do solsticio), antes de entrar na parte troncal do relato e a máis extensa e mellor documentada, na que fala do sitio de Constanza, filla de Pardo de Cela, refuxiada na fortaleza logo da morte do Mariscal por enfrontarse aos Reis Católicos.

    A pesar do dato histórico constatado, o autor alimenta o relato de novo coa tradición oral, meigas, tesouros agochados e outros vínculos coa mitoloxía local (sen esquecer o pasado “baluro” da Terra Cha, moi presente en todo o libro, ou as referencias á lagoa de Valverde). Remata o texto cunha curiosa xustificación xeográfica e veciñal do lugar derivada, novamente, da mitoloxía local, a xeito de despedida.

    Desta maneira, ‘Caldaloba en terras de Valverde’ preséntase coma un pequeno agasallo de alguén moi curtido no verso e na tradición oral; unha volta ao pasado, tanto en temática como en estilo, na que abundan as rimas, ese tono próximo ao romance tradicional, ou as nosas tríadas, pero misturadas con recursos modernos como o verso libre ou as métricas non sempre regulamentarias, entre outros. E todo iso proporcionalle ao conxunto un innegable aire de contemporaneidade. Pois a pesar de empregar elementos clásicos, como digo, Xesús Rábade Paredes fuxe dun estilo meramente imitativo para presentar un traballo no que se aprecian unha chea de técnicas estilísticas moito máis actuais, tanto no fondo como na forma. Non fai falla lembrar que falamos dun dos autores máis respectados do noso tempo, que vén deixando a súa pegada nas nosas letras dende fai xa máis de 50 anos. E iso, dun xeito ou doutro, tense que notar.

    Xesús Rábade Paredes

    Caldaloba en terras de Valverde

    Alvarellos Editora