O Concello da Guarda procederá ao acondicionamento da contorna dos contedores soterrados do porto da Guarda de cara a limitar o impacto visual dos mesmos dende a zona peonil e de terrazas, á vez que se mellora o sistema de recollida por parte dos operarios. O proxecto inclúe a ampliación do muro existente cun banco corrido das mesmas características, incorporando un respaldo de madeira tropical.
Na parte rodada facilitarase a recollida do lixo por parte dos operarios, creando unha zona de carga e descarga destinadas para este uso, sen necesidade de que o vehículo de recollida de lixo teña que circular pola rúa peonil, limitando as molestias para os peóns e para os establecementos e vivendas da zona.
Os traballos, segundo sinala o Concello da Guarda, terán unha duración aproximada de 20 días e contan xa coas autorizacións pertinentes de Portos de Galicia.
Esta actuación permitirá tamén mellorar a imaxe da vila de cara aos milleiros de visitantes e turistas que pasan cada ano por este espazo portuario do municipio.