Mércores, 11 Decembro de 2024

Máis de oitocentas persoas desfilarán no Entroido de Ponteareas

Máis de oitocentos participantes, repartidos en doce comparsas, desfilarán en Ponteareas no Entroido 2020 facendo gala de bo humor e simpatía, unha festa para a que a tenenta de alcalde, Cristina Fernández, convidou a toda a veciñanza “a desfrutar do desfile das comparsas e do resto das actividades programadas para estes días donde a creatividade e a imaxinación serán protagonistas”.

Este ano o percorrido do desfile cambia e comeza na praza Bugallal no enlace coa rúa Esperanza para continuar por Senén Canido, Amado Garra, Rosalía de Castro, Concha Brey, Constitución, Bugallal, Oriente e Praza Maior.

O Concello outorgará mencións ás comparsas atendendo a aspectos como a orixinalidade, temática, vestiario, animación, coreografía, coplas, tradición, interacción co público, uso de materiais reciclados e ecolóxicos e tamén a mellor carroza, entre outros aspectos.

O desfile escolar suporá o arranque do noso entroido mañá venres ás 11 horas. O sábado día 22 ás 17:30 horas na Praza Maior haberá un obradoiro de máscaras de entroido que a concellería de Cultura ofrece totalmente de balde. Ás 19 horas no mercado municipal concurso de doces de entroido en colaboracion con BANASTRA centro comercial aberto previa inscrición na biblioteca pública municipal.

O domingo día 23 ás 17 horas chega o momento do desfile de comparsas de entroido acompañadas de animación musical coa charanga Mekánica Rolling Band e ao remate na praza Maior leranse as coplas de entroido e bailarase ao son da charanga.

O parque da Perillana acollerá ás 12 do luns 24 o obradoiro de maquillaxe de entroido e na Praza Maior a partir das 17:30h terá lugar o concurso de disfraces na categoría infantil presentado polo pallaso Popin e ás 19:30h na categoría adulto conducido por Gossip Bufón. As inscricións deberán realizarse na propia praza dende as 17h e haberá premios para os cinco mellores disfraces de cada categoría.

O martes 25 o mercado municipal acolle o obradoiro de doces de entroido para nenas e nenos en colaboración con BANASTRA e previa inscrición no número de teléfono 644 896 840. Ás 19:30h as comparsas tomarán o protagonismo para desfilar polo centro urbano acompañadas de música e animación. Ao remate, entrega de mencións e diplomas ás comparsas na Praza Maior e actuación da The Turre`s Band.

O enterro da sardiña pechará o entroido o mércores día 26 ás 20:30 horas saíndo da Casa do Concello acompañada da charanga SDK para dar lectura ao testamento na Praza Maior.

A concellería agradece “o traballo e o espectáculo que ofrecen as comparsas que fan posible que se multiplique a ledicia do entroido e non se perda esta tradición”.