13.9 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasA Xunta "pasa" de Salceda

    A Xunta “pasa” de Salceda

    As reunións solicitadas, reiteradamente, coas conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade e de Educación, seguen sen tan sequera ser respondidas pasados seis meses de mandato

    Aínda que, semánticamente, poida utilizarse algunha outra expresión, a realidade é que a Xunta de Galicia ‘pasa’ e de feito ‘pasa amplamente’ do Concello de Salceda de Caselas. De non ser así, non se entende que as reiteradas peticións de reunión realizadas polo Goberno de Salceda de Caselas con distintas consellerías teñan a calada por resposta e, por non haber, non haxa nin a mínima cortesía institucional –que debería ser obrigada entre administracións– de contestar, aínda que sexa cun ‘non’, as demandas do executivo local.

    Ante esta situación, tan real como absurda, o equipo de Goberno de Salceda, coa súa alcaldesa Loli Castiñeira á cabeza, vén de facer pública a situación que consideran “discriminatoria” por parte da Xunta de Galicia. A resposta ás múltiples peticións de reunión, sinala o Goberno local, “preséntase aínda máis difícil unha vez que se veñen de convocar eleccións autonómicas”.

    A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, lamentaba esta situación ao tempo que aseguraba que “a veciñanza de Salceda é igual de importante que a dos demais municipios galegos, sexa cal sexa a súa cor política, e este goberno non vai deixar de loitar pola defensa dos seus intereses”.

    Na mesma liña manifestábase a tenenta de alcaldesa, Verónica Tourón, ao salientar que agardaba que “a Xunta non se limite á xa habitual visita de campaña a Salceda sen tratar os problemas reais da veciñanza”. “O Goberno municipal de Salceda –engadía Tourón– é o lexítimo representante dos e das salcedenses, e non recibir ó Goberno é o mesmo que non recibir á veciñanza”

    O certo é que o equipo de Goberno de Salceda ten pedido xa en tres ocasións xuntanza coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, para tratar sobre os enlaces da Gándara e a Lagoela co casco urbano, así como do saneamento das parroquias de Soutelo e Entenza, obras cualificadas polo Goberno de Salceda como “fundamentais para o Concello”. “Ata o día de hoxe nin tan sequera se deu resposta ás solicitudes de xuntanza enviadas dende o mes de outubro”, aclara o executivo salcedense.

    Tres cuartos do mesmo acontece coa reunión solicitada coa conselleira de Educación, Carmen Pomar Tojo. Neste caso o equipo de Goberno optou por acudir directamente á conselleira logo de que o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, “tampouco dera resposta ás múltiples solicitudes de reunión enviadas ao longo do mandato pasado e tamén no actual”.

    Salceda, cunha enorme poboación infantil, ten moitos temas relativos á área de educación que están sobre a mesa, sen que ata o de agora fose posible o seu tratamento ante a falla de resposta da conselleira e, entre eles, cita o Concello de Salceda “situación do CEP Altamira, necesidade de patio cuberto no CRA Raíña Aragonta, necesidade de ampliación e de implantación de bacharelato no IES Pedras Rubias, etc.”.

    Con estes antecedentes, tampouco é preciso darlle moitas voltas para chegar á mesma conclusión que á que chegou o equipo de Goberno: “a cor política está a influír neste silenzo por parte da Xunta de Galicia” xa que, doutro xeito, non se pode entender que “diariamente publíquense nos diferentes medios de comunicación multitude de xuntanzas entre a Xunta e os diferentes Concellos, sen que o Concello de Salceda de Caselas poida optar a algunha desas xuntanzas”.

    Denunciar públicamente “esta situación discriminatoria” é, para alcaldesa Loli Castiñeira, “a única vía que nos queda agardando que, deste xeito, as conselleiras teñan a ben atender as nosas solicitudes”. A convocatoria de eleccións autonómicas por parte do presidente da Xunta de Galicia, “non pode ser excusa para deixar sen atender as múltiples citas solicitadas”, conclúe a rexedora local.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.