Domingo, 9 Febreiro de 2025

Carlos Font cualifica de “escandaloso e vergoñento” que o PP atrévase a falar do ORAL de Tui

O deputado lembra que "compraron unha oficina insalubre, a prezos de Manhattan, a Diz Guedes cando era conselleiro do PP"

O deputado provincial Carlos Font cualificou hoxe de “escándalo monumental” as declaracións de dirixentes do Partido Popular sobre a situación da oficina do ORAL de Tui, que a Deputación de Pontevedra tivo que pechar de forma urxente “ante a imposibilidade de arranxar as gravísimas deficiencias estruturais que ven arrastrando desde que foi adquirido, con sucesivas queixas das traballadoras e traballadores pola situación lamentable das dependencias, agravadas agora polos últimos temporais”.

Font esixiu ao PP explicacións “claras, inmediatas e contundentes dun dos episodios máis vergoñentos da historia dos populares en Tui que os debería ter agochados sen saír de casa”, ao lembrar que “en 2003 o goberno do PP na Deputación de Pontevedra comprou nada menos que ao entón conselleiro do Partido Popular de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, Juan Miguel Diz Guedes, un inmoble insalubre, no que houbo que contratar obras para paliar graves problemas de humidades, malos cheiros das arquetas comunitarias do edificio etc…”.

O deputado sinalou que desde o primeiro día que o novo Goberno chegou á Deputación realizou un estudo para avaliar a situación do inmoble, que determinou “gravísimas patoloxías que só poderían subsanarse coa reparación da fachada, modificando o saneamento de todo o edificio, reparando as arquetas municipais de saneamento, ou levantando a calzada que une ás rúa Coruña e Foxo entre outras, causas todas elas relacionadas coa mala situación dos elementos comúns do edificio”. A diagnose concluiu a imposibilidade de arranxar a situación.

Carlos Font confesouse “escandalizado”. “¿Como é posible que o goberno do Partido Popular comprara unha oficina nesas condicións, por enriba por un prezo en 2003 de case 175.000 euros como se estivera en Manhattan e non en Tui, e amais, a un conselleiro do seu partido en exercicio naquel momento como Diz Guedes?. ¿En vez de estar fuxidos, aínda se atreven a falar no Partido Popular?, preguntou o deputado provincial. “Que dean explicacións, de porque compraron esta oficina, que todo o mundo sabía en que condicións estaba, a un prezo de loucura e a un conselleiro do PP. Que o expliquen, que o expliquen porque avergoñan a calquera”, engadiu López Font.

Font explicou que a Deputación tivo que decidir por urxencia pechar a oficina xa que os últimos temporais agravaron as patoloxías que ten todo o edificio, e que provocaron a entrada na oficina da augas fecais, graves riscos eléctricos e situacións incompatibles coa atención ao público. “De feito, dixo, se o PP non a pechou durante 10 anos foi porque o anterior propietario ao que se comprou era quen era”. Mentres, explicou o deputado, a atención ás veciñas e veciños de Tui, mantívose ao través da plataforma virtual “que cada vez é máis utilizada, por vía telefónica e de forma presencial na oficina más próxima que é O Porriño”

O deputado provincial anunciou que paralelamente, a Deputación traballou en sintonía co Concello de Tui para atopar unha solución que verá a luz a próxima semana. “Xa temos local para abrir con carácter provisional unhas novas dependencias. O concello cedeunos unha oficina no Edificio Área Panorámica, na rúa Colón, onde atenderemos ao público”. Font explicou que “xa se está dotando ao local de conexión a Internet e mobiliario, e que á vez nos próximos días publicaranse no BOPPO as bases para o aluguer dunha nova instalación na vila”.