18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán reformará as casas dos mestres ao carón do Concello como local...

    Nigrán reformará as casas dos mestres ao carón do Concello como local para a terceira idade

    O investimento, de 110.064 €, permitirá transformar esta edificación nun local social para maiores cun uso polivalente, xa que contará cun espazo para a convivencia, outro de consulta de internet ou prensa e un aula para reunións ou recibir clases

    O Concello de Nigrán ven de aprobar o proxecto de reforma das antigas casas dos mestres situadas ao carón da Casa Consistorial para reconvertelas nun local social a disposición da terceira idade. O investimento de 110.064 € será incluído no Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

    O Goberno local tomou a decisión de transformar este local municipal en desuso despois de que un nutrido grupo de mulleres trasladase o ano pasado ao alcalde, Juan González, a súa demanda de máis servizos destinados aos maiores no propio centro urbano. Tras manter diversos encontros co rexedor e co arquitecto redactor o proxecto contempla as súas principais peticións: dispor dun lugar adaptado e confortable destinado á convivencia e onde, ao mesmo tempo, poidan manter reunións, consultar a prensa ou internet e realizar actividades.

    Paralelamente, esta mellora das antigas casas dos mestres suporá para o Concello continuar avanzando cara a humanización completa de toda a contorna, onde xa creou un itinerario peonil seguro pensando especialmente nos alumnos do CEIP Humberto Juanes. “Queremos que todo o centro de Nigrán sexa un lugar de encontro da veciñanza e camiñamos neste sentido, neste núcleo dispomos da Praza do Concello como lugar de convivencia e agora sumamos este local que, ademais, está ao carón dun centro educativo, sendo dous usos que nos gusta especialmente que convivan preto un doutro”, sinala González.

    Así, o volume orixinal do edificio non se modificará, tan só se mellorarán os acabados renovando a cuberta e limpando as fachadas, polo que a súa relación coa contorna non variará. O obxectivo paralelo desta reforma é por en valor a pranta orixinal, moi desvirtuada por sucesivas reformas e que volverá a responder á tipoloxía de ‘Casas dos mestres’ dispersas por toda a comarca do Val Miñor. Isto último implica demoler a totalidade da tabiquería interior para crear espazos diáfanos (o esquema que sempre se repite nestas construcións é un único volume de pranta baixa con aulario adosado á vivenda e, usualmente e como é o caso, articulado por un patio de acceso). A nova tabiquería contará con acabados en madeira, carpinterías e mobiliario facilmente desmontable.

    A parte norte do edificio contará con aseos adaptados e unha sala de reunións, mantendo os ocos na fachada para conservar esa iluminación natural. A parte sur servirá para un uso máis polivalente, cun espazo visualmente aberto que disporá de mesas, zona de consulta de prensa ou internet e ou de descanso informal con sofás. O proxecto contempla recuperar o patio interior cuberto como zona de acceso e comunicación entre ambos lados e, ademais, porá en valor a estrutura de vigas de formigón orixinal limpando os seus revestimentos para deixalas á vista no interior (o resto dos acabados serán en branco agás os servizos, que se revestirán con panelados en madeira de roble).

    “As persoas maiores de Nigrán reclamaban un espazo no centro onde poder socializar e autoxestionarse e, tanto eles coma o goberno de Nigrán, consideramos este lugar como o máis axeitado: é céntrico, permite usos polivalentes e cumple con todos os requerimentos que nos fixeron. Estamos moi orgullosos de seguir con este proxecto cara a humanización completa da contorna da Casa do Concello”, finaliza o alcalde.

    O goberno de Nigrán inclúe no Plan Concellos 2020 un total de 773.305,23 € de investimento para actuacións como esta e a instalación de saneamento e abastecemento na Carrasca por 138.344 €; a restauración e posta en valor de 7 lavadoiros de Camos, Parada, Priegue e Panxón por 129.000 € ; saneamento e reposición de firme na rúa Carreiro (Panxón) cun orzamento base de 90.547 € e de 51.084 € na Carousa (Camos) e máis saneamentos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.