A psicóloga xurídica, sexóloga e criminóloga especializada en igualdade de xénero Mónica Novas Dios impartirá este venres, 21 de febreiro, ás 19:30 h na Sala Xacobeo do Edificio Francisco Sánchez–Área Panorámica unha charla titulada ‘Como evitar as relacións tóxicas’. Este evento está organizado pola Concellería de Igualdade que dirixe a concelleira Ana Maria Núñez.
Entre as cuestións que se abordarán na charla están as definicións de relación tóxica e relación sa, as claves para identificar unha relación tóxica (con exemplos destes tipo de vínculos perniciosos) e as causas que nos levan a establecelas e a mantelas.
“A través desta actividade tamén se aportarán ferramentas para poñer fin a unha relación tóxica e os propios participantes plantexaranse a pregunta de se eles mesmos son ou se comportan como persoas tóxicas”, explica Ana María Núñez.
Mónica Novas Dios conta con 15 anos de contrastada experiencia en Psicoloxía Clínica e formación contra a violencia de xénero, colaborando en diversas campañas e programas de sensibilización, información e concienciación.
A participación é gratuíta pero é preciso inscrición previa no correo electrónico [email protected] ou no teléfono e whatsapp 682 66 05 80.