Luns, 12 Maio de 2025

Redondela reforza a seguridade das dependencias municipais coa instalación de felpudos desinfectantes

0

As medidas de seguridade sanitaria das dependencias municipais do Concello de Redondela, veñen de ser incrementadas coa colocación, nesta semana, de felpudos desinfectantes situados nos lugares de paso obrigado de acceso público.

A primeira remesa encargada polo Goberno local de cara a analizar a súa operatividade, engádese agora a encargada á empresa local Viguesa de Alfombras, con sede en Cedeira, nunha clara aposta “polas empresas do noso municipio”, apunta o Goberno local.

Os felpudos, dotados de un elemento desinfectante, contribúen a eliminación dos elementos patóxenos que o calzado puidera traer da rúa e axudando a un reforzamento das medidas de protección que o Goberno local adoptou no interior das dependencias municipais.

Cómpre salientar que, coa entrada nas novas fases da desescalada e o reinicio da actividade presencial nos distintos departamentos do Concello, o Goberno local puxo en marcha unha batería de medidas encamiñadas á protección, tanto de usuarios e usuarias coma do propio persoal municipal.

Así, procedeuse á sinalización e delimitación de zonas de paso e de espera, distancias de seguridade, direccións de acceso e instalación de elementos de protección adicionais para aqueles servizos que presten atención cara o público e instaláronse, por toda a Casa do Concello, dispensadores de xel hidroalcohólico para as mans.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, chamou a atención sobre a importancia de “extremar as medidas de seguridade” que xunto coas campañas de información e concienciación da cidadanía, como ‘Faino por Todxs’ “son o medio máis eficaz para contrarrestar os efectos do coronavirus e garantir a paulatina volta á normalidade”.

Ponteareas habilita unha liña de axuda de 10.000 euros para colectivos culturais, veciñais, comunidades de montes e regantes

A concelleira de Vías, Obras e Alumeado, Chus Garrote, anuncou hoxe que xa están subidas na páxina web do Concello as bases e formularios para solicitar as axudas para investimentos destinada a colectivos de interese veciñal, dotadas con 10.000 €.

Para que todas as asociacións veciñais, culturais, comunidades de montes en man común e comunidades de regantes poidan coñecer con suficiente antelación as bases, o Concello adianta toda a información na súa páxina web na pestaña “axudas e subvencións” ou nesta ligazón.

A concelleira socialista explica que por terceiro ano consecutivo as axudas queren contribuir na mellora da calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal axudando ás entidades veciñais no financiamento de obras ou equipamentos da súa titularidade ou dos que lles corresponda o dereito de uso.

“As asociacións culturais ou veciñais así como as comunidades de montes ou regantes desenvolven un importante papel na vida social da cidadanía, intensificándose no rural, donde asumen ademais a xestión de servizos básicos e patrimonio natural sendo tamén importantes axentes dinamizadores que velan por bens comúns”.

Chus Garrote adianta que ata que se levante o estado de alarma non poderán ser solicitadas aínda que fosen publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia esta liña. O adianto das bases faise co obxectivo de que os colectivos beneficiarios poidan traballar con tempo e planificación.

Bandeiras a media hasta e minuto de silencio en Redondela en lembranza das vítimas da COVID-19

0

Durante dez días, as bandeiras do Concello de Redondela ondearán a media hasta, en cumprimento do loito oficial que o Goberno da nación vén de decretar en lembranza de todas as vítimas da pandemia da COVID-19.

Ao mesmo tempo, o Goberno local convocou unha concentración silenciosa diante da Casa Consistorial na que ao grupo de Goberno, engadíronse concelleiros e concelleiras da Corporación municipal e veciños e veciñas de Redondela.

Coa concentración de hoxe, sinalou a alcaldesa Digna Rivas, “toda a Corporación e a veciñanza quere lembrar, non só ás vítimas da COVID-19, senón as familias que durante esta tráxica primavera do 2020, perderon a algúns dos seus seres queridos. Eles e elas sempre estarán no noso recordo”.

O PSOE de Salceda analiza os logros acadados transcorrido un ano dende as eleccións municipais

A portavoz do Grupo Municipal Socialista e tenenta de alcalde do Concello de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, fixo hoxe un detallado análise dos logros acadados transcorrido un ano dende as eleccións municipais, unha cita na que o PSOE superaba en máis de 300 votos os resultados das eleccións de 2015, acadaba un concelleiro máis o que, unido á falta dunha maioría absoluta “permitían formar unha maioría progresista e que o PSdeG-PSOE voltase ao Goberno municipal”.

Segundo Tourón, a chegada ao goberno municipal dos socialistas de Salceda supuxo “a dinamización que precisaba” o Concello de Salceda. A día de hoxe, afirmou Verónica Tourón, “xa se cumpriron moitas das propostas electorais que fixera este grupo, centrándose neste primeiro ano na organización: aprobación dos orzamentos prorrogados, aplicación de medidas económicas, iniciación de expedientes de concurso de servizos, aprobación inicial do regulamento de participación veciñal, regulamento para a concesión de “títulos honoríficos” incluso o regulamento plenario”.

Tourón salientou tamén o establecemento dunha liña de actuación para darlle solución ao problema da biomasa, coa limpeza de espazos e fincas particulares para a prevención de incendios foi outras das iniciativas que acaban de poñerse en funcionamento.

A estas accións de índole regulamentaria, engadiuse a recuperación de edificios municipais como a escola de Vendanova, á que se acondicionou e se lle buscou un fin social en colaboración con AFAGA. A este proxecto únense outros como o acondicionamento da escola de Budiño, o tellado da escola de Picoña, proxectos presentados dentro do plan Concellos da Deputación ou outras administracións e que se porán en marcha nos próximos meses, así como o arranxo de estradas e camiños que se considerou unha necesidade. “Neste eido continuarase priorizando a recuperación do resto de edificios municipais para poñelos a disposición da veciñanza”, afirmou a voceira socialista.

Verónica Tourón valorou tamén, no plano social, a apertura do centro de atención temperá no Centro Social A Devesa e a futura apertura de atención psicolóxica, xunto cun programa integrado de emprego con 100 persoas, “poñen a Salceda na vangarda dos concellos no que a servizos municipais se refire. Os socialistas queremos unha Salceda de primeira con todos os servicios”, afirmou Verónica Tourón.

O Concello de Ponteareas inicia o pagamento das axudas directas a negocios afectados pola COVID-19

O goberno do BNG-PSOE informa que nestas primeiras semanas, dende o inicio do prazo de presentación de solicitudes, o Concello de Pontearas recibíu algo máis de 500 peticións de subvencións de 500 euros por peche de actividade ou de 300 euros por perdas superiores ao 40 %. O prazo de presentación estará aberto ata 30 días despois de finalizado o estado de alarma.

Ata o día de onte, os técnicos do Concello xa revisaron 262 das solicitudes presentadas, completando a tramitación para o seu pagamento, que foi ordenado por decreto de alcaldía, dun total de 58 solicitudes que cumprían todos os requisitos. O importe total abonado é de 29.800 euros que se correspondente con 50 actividades que tiveron que pechar o seu negocio e 8 que, estando abertas tiveron perdas de máis do 40% como consecuencia da crise sanitaria neste período.

A tramitación das peticións por perdas é máis complexa pola documentación necesaria para xustificar a menor cifra de negocio, tamén hai un numeroso grupo de solicitudes incompletas ás que se lle require documentación para que poidan ser atendidas todas as peticións das actividades ás que vai destinada a convocatoria de axudas directas. Tramitación realizada polo persoal municipal de forma telemática, demostrando tamén a capacidade de adpatación a esta nova situación do estado de alarma para que a administración municipal seguise funcionando.

Nestas primeiras 58 solicitudes das que está decretado o seu pago, hai negocios de todo tipo; comercio minorista, hostalería, servizos como perruqueria, etc.

O obxectivo destas axudas é promover a actividade económica en Ponteareas, cun apoio inmediato que minimice o impacto da crise económica provocada polo Covid-19. A finalidade é reactivar a economía do concello despois do estado de alarma, dahí a necesidade de apoiar directamente as persoas e empresas máis afectadas

Cómo xa se comunicou, o Pleno do Concello de Ponteareas aprobou recentemente unha modificación do orzamento que contempla destinar a estas solicitudes un total de 230.000 euros para que ningunha das persoas afectadas quede sen recibir esta axuda.

Estas axudas son ademais compatibeis coa percepción doutras subvencións do Estado ou da Xunta de Galicia.

A Guarda conmemora o Día do Libro 2020 con ‘frases e cores’ nas rúas

0

Para conmemorar o día do Libro 2020, entre as actividades realizadas este ano, a Biblioteca Pública Municipal da Guarda propuxo a través das redes sociais aos seus lectores que enviasen frases ou fragmentos dos seus libros favoritos. A iniciativa emprazou á cidadanía a que escollesen unha frase ou fragmento que despois foi compartida dende as redes sociais da Biblioteca e esta mesma semana iniciouse a segunda parte desta iniciativa, que consiste no pintado destas frases en varios espazos públicos do municipio, aportando unha maior visibilidade e continuidade no tempo a esta proposta cultural.

A deseñadora local Tamara Baz comezou este luns a pintar as frases e fragmentos que se empregaron no Día do Libro 2020 en 15 espazos distintos da vila, elixindo unha gama de cores e unha tipografía especial para a ocasión e que establece un roteiro urbano que poderán realizar todos aqueles que o desexen.

Entre os lugares elixidos atópanse o Centro Cultural, a Alameda e numerosas prazas coma a Praza do Reló, Avelino Vicente, San Marcos, Santo Tomás, entre outras.

O Rosal pon en marcha un programa formativo para a transformación dixital do comercio local

0

Bota a andar o programa formativo para a transformación estratéxica e dixital do comercio local do Rosal, unha iniciativa posta en marcha polo Concello co obxectivo de dar ferramentas ao pequeno comercio para axudalo a innovar e adaptarse a unha realidade cambiante.

O programa, totalmente online e de balde, arrancará este xoves 28 co seu primeiro obradoiro virtual, centrado nas claves do comercio na era post-COVID, analizando a situación e comportamento do comercio e dos consumidores durante a crise sanitaria e os posibles escenarios e perfís da clientela ante a nova realidade.

Programa

A primeira fase do programa formativo continuará o vindeiro luns 1 de xuño cun obradoiro sobre o espazo comercial e tendencias de consumo. A partir de aí o contido centrarase na dixitalización a través da xestión de redes sociais e de vendas online con seminarios interactivos sobre como destacar en Google (mércores 3 de xuño), o uso de whatsapp no comercioi (luns 8), a publicidade en redes sociais (mércores 10) e por onde empezar na venda online (luns 15).

“Queremos apoiar ao comercio de proximidade e axudalos a que se reinventen e a que sexan capaces de reaccionar ante unha realidade cada día máis cambiante. Para nós é prioritario darlle ferramentas sinxelas e efectivas coas que poidan chegar á clientela de diferentes xeitos e coas que poidan poñer en marcha novas estratexias de venda”, salienta Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal.

O plan de formación continuará cunha segunda fase dirixida a un grupo máis reducido de comerciantes comprometidos e con interese en mellorar que contará co apoio de persoas expertas para reorientar o seu negocio, potenciar as súas fortalezas e buscar solucións para as posibles debilidades cunha estratexia empresarial a medio e longo prazo para aproveitar as oportunidades do mercado e ser máis competitivo.

Este programa formativo forma parte do plan de reactivación da economía local que está a desenvolver o Concello do Rosal en todos os ámbitos posibles, dirixíndose tamén a todas as administracións competentes para trasladar as necesidades ás que se enfrontan tanto o comercio de proximidade como outros sectores.

A Deputación lanza o plan ‘Móvese III’, un modelo de mobilidade que fai da provincia “unha referencia en seguridade viaria”

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres a terceira edición do Plan Móvese, deseñado un ano máis co modelo de mobilidade integral, sostible e segura, de calmado de tráfico e priorización das persoas por enriba dos vehículos, que desde estes últimos anos sitúa á provincia como unha grande referencia en seguridade viaria. A súa planificación xa está rematada e coa súa aprobación en Xunta de Goberno dáse inicio ao procedemento de contratación dos primeiros lotes de obras.

Móvese III, elaborado coa mesma filosofía dos Plans I e II e profundando nas súas liñas, significará en ano e medio un investimento total nas estradas provinciais de 2,5 millóns de euros, un millón de euros no que queda deste ano e 1,5 millóns en 2021. Elo traducirase na execución de 478 obras que beneficiarán a 54 concellos da provincia, dando así resposta ás necesidades do territorio e colaborando cos municipios na seguridade viaria, na prevención de accidentes e facilitando novos hábitos saudables das persoas que utilizan as estradas provinciais para camiñar ou facer deporte. De feito, cada vez son máis os concellos adheridos a este Plan que suporá, na súa maior parte, a construción de Pasos Peonís Sobreelevados (PPS) e Redutores Físicos de Velocidade dos Vehículos (RFVV), naquelas zonas nas que non é convinte sobreelevar ou en tramos sen pasos peonís pero con escasa visibilidade. Os concellos que se suman este ano son Forcarei, Oia, Vila de Cruces, Campo Lameiro e Vilagarcía de Arousa.

Amais, para a elaboración do Móvese III, a Deputación contou cun estudio de campo pormenorizado, que se fixo durante ano e medio, dos case 2.000 pasos peonís situados nos 1700 quilómetros das 377 estradas provinciais. Atendendo o seu diagnóstico esta terceira edición do Plan, amais das obras solicitadas polos concellos, tamén incluirá proxectos de seguridade viaria decididos pola propia Deputación, que xorden das necesidades nas estradas detectadas no referido estudio. De feito ata o 48% das actuacións deste Móvese III serán feitas por criterios técnicos da institución. Este traballo de campo tamén supón que a Deputación cumpre coa súa Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable, aprobada en 2018, dando así exemplo de boas prácticas.

O balance dos Plans Móvese para a seguridade viaria e calmado de tráfico nas estradas provinciais é histórico. Supón un investimento da Deputación de Pontevedra de ata 7 millóns de euros nas case 1500 actuacións planificadas e executadas entre redutores físicos de velocidade e pasos sobreelevados. Móvese consolida así una historia de éxito, imitado por outras administracións, e que forma parte fundamental do modelo de mobilidade segura, que coloca ás persoas no centro da acción, e que ten sido recoñecido como unha grande referencia en seguridade viaria.

Nigrán contará cun novo aparcadoiro público e gratuíto de preto de 2.500 metros cadrados

0

O Concello de Nigrán contará ao longo do mes de xuño cunha nova finca céntrica que servirá de aparcamento público e gratuíto, cumprindo así a mesma función que o situado anteriormente na rúa Vilameán (cedido gratuítamente desde 2013 a decembro de 2019, cando quedou inoperativo porque a promotora propietaria do mesmo emprendeu as obras para construír 40 chalés pareados).

O feito de que o concurso público convocado a inicios de ano para arrendar unha parcela con este fin quedase deserto permite agora o aluguer directo (o documento será asinado esta mesma semana). A nova finca, ademais, cumpre con todos os requerimentos que estipulaban aqueles pregos (céntrica, prezo tasado, fácil acceso…). Así, está situada na rúa Torriña (Vilameán) dispón de 2.500 metros cadrados nunha superficie chá e se atopa á beira da PO-552, a menos de 150 metros lineais da Casa do Concello. A mesma será alugada por 6.137 €/ano (sen IVE) cunha duración de 1 ano prorrogable ata 4.

“O aluguer dunha finca por parte dun organismo público conleva unha tramitación transparente e o feito de que o concurso quedara deserto e o posterior estado de alarma retrasou todo, pero o importante é que Nigrán contará cun novo aparcamento antes da tempada alta do verán”, sinala o alcalde, Juan González. “Ter un espazo de aparcamento gratuíto para os veciños é unha prioridade porque somos conscientes do beneficio que supón para os que non viven no núcleo urbano e, consecuentemente, resulta fundamental para o comercio e empresas da zona, máxime con esta grave crisis económica que trae o Covid-19”, engade. O certo é que a apertura deste aparcamento público e gratuíto no centro de Nigrán é unha cuestión moi demandada polos comerciantes do núcleo urbano e pola propia Asociación de Empresarios OVALMI.

A parcela da rúa Vilameán funcionou dende 2013 cunha media de 50 coches aparcados a diario (o dobre durante a tempada estival). Así, este novo espazo que alugará o Concello esta mesma semana non significará ningunha merma da capacidade nin suporá ningún inconvinte para os usuarios, xa que se atopa igual de céntrica e cun acceso incluso mellor, ao estar á beira da PO-552.

Máis medidas

Esta iniciativa únese a outras medidas de apoio ao comercio local e a hostalaría que o goberno de Nigrán leva posto en marcha dende o inicio da pandemia co conseguinte estado de alarma: diferentes campañas para fomentar as compras no comercio de proximidade, aceleración na aprobación de licencias para novos investimentos no parque empresarial Porto do Molle, financiación ao 100 % da plataforma de venta online a domicilio DBarrio, rebaixa do 75 % da taxa para todas as terrazas do municipio ou flexibilización na ampliación das mesma… “Somos moi conscientes da dificilísima situación que afronta o tecido empresarial de Nigrán e continuaremos a levar adiante todas as medidas que desde o Concello podan axudar a superar esta crise”, conclúe o alcalde, Juan González.

O Concello da Guarda ofrece información á veciñanza sobre a Fase 2 da ‘desescalada’

0

Tanto en Galicia como no resto do estado están mellorando cada día os datos referidos a pandemia provocada polo virus COVID-19. Isto permite ir relaxando as medidas de confinamento provocadas pola crise sanitaria.  Así, Galicia entrou na fase 2 da desescalada o pasado luns 25 de maio.

Dada a cantidade de información que se xera a diario en canto as medidas de interese para a cidadanía e a discrecionalidade que deixan algunhas destas medidas ás entidades locais. A nova normativa e a súa interpretación foi tratada na reunión da Comisión de Coordinación do COVID-19 celebrada, como cada luns dende que empezou o estado de alarma, o pasado 25 de maio. Como conclusión dende o concello publícase un resumo daquelas medidas que poden resultar mais interesantes para os veciños e veciñas da Guarda.

En canto ao uso de mascarillas o goberno publicou unha orde o 19 de maio na que comunica que é obrigatorio o uso de mascarillas na vía pública, en espazos ao aire libre e en calquera espazo pechado de uso público, sempre que non sexa posible manter a distancia de seguridade interpersonal de dous metros. Están exentos desta obriga os menores de 6 anos e as persoas con algún tipo de dificultade para levar a mascarilla.

Respecto das praias a normativa indica que se poden abrir dende o comezo da fase dous e que serán os concellos os que determinen as condicións específicas en cada caso. O concello da Guarda destaca que o máis importante e a conciencia e responsabilidade individual dos veciños. Deste xeito queda permitido o baño lúdico e deportivo. Na area debe manterse a distancia de seguridade social, dous metros entre persoas e catro metros entre eixes de parasois. Os grupos de persoas serán como máximo de quince e recoméndase non andar descalzos nos accesos as praias. Para publicitar estas medidas o concello poñerá cartelería polas praias e, mentras non dispoña de socorristas, será a policía local a responsable de controlar que se cumpren as medidas de seguridade.

En canto as franxas horarias indicar que se manteñen para as persoas maiores de 70 anos, que poden saír a pasear de 10:00 h a 12:00 h e de 19:00 h a 20:00 h. Os menores de 70 anos poden facer actividade física non profesional en calquera horario exceptuando as franxas reservadas para os maiores.

No mercadiño, durante esta fase, continuarán montándose os postos de produtos agroalimentarios. Os postos de textil e calzado non teñen data prevista, nestes momentos, para retomar a súa actividade.

No que a misas e asistencia a lugares de culto atinxe, permítese sempre que non se supere un 50 % do aforo.

Os establecementos de hostalaría e restauración poden abrir ao público para consumo no local sempre que non supere o 40% do aforo. Nestes locais deberá servirse nas mesas, non está permitido o servizo en barra.

Dende o concello da Guarda queremos salientar que evitar a propagación da pandemia é responsabilidade de todos e cada un de nós, debemos tomar todas as medidas de protección e hixiénicas individuais recomendadas para evitar un agravamento da situación.

A Deputación fixa, cun plan bianual, a folla de ruta cos #RiasBaixasFest para a saída da crise

A Deputación de Pontevedra avanzou hoxe a posta en marcha dun ambicioso programa bianual destinado a dar unha resposta rigorosa ás consecuencias derivadas da crisis sanitaria xerada polo COVID19 no ámbito dos espectáculos musicais en directo. Así o confirmou a presidenta Carmela Silva na reunión telemática celebrada coas promotoras dos #RíasBaixasFest, os sete festivais integrados na marca de calidade da institución provincial, na que participaron representantes de PortAmérica, Atlantic Fest, Sinsal, SonRías Baixas, Revenidas e Vive Nigrán.

Carmela Silva, que cualificou este programa “como eixo clave da nosa estratexia para minimizar o impacto da crise, especialmente dura no turismo e nos eventos como os festivais de música”, trasladou ás promotoras os detalles da proposta. “Falamos dunha folla de ruta destinada a manter as estruturas das empresas, avanzar a través da música na promoción do destino Pontevedra Provincia e consolidar os #RiasBaixasFest como produto turístico sostible e diferenciado”. A presidenta sinalou que “con esta proposta garantimos os recursos deste ano e o noso compromiso para 2021 a fin de que todos os festivais se manteñan como unha grande referencia desta provincia”

Así, a Deputación de Pontevedra establecerá con cada un dos festivais contratos bianuais vinculados á celebración do evento no próximo ano 2021, pero co engadido dunha serie de fitos promocionais xa neste 2020, tanto do festival como do destino Pontevedra Provincia, que consistirían na celebración de eventos en pequeno formato, de promoción do festival e do seu emprazamento e valores como as súas tradicións, gastronomía, cultura ou natureza. Deste xeito, manteríanse os contratos de patrocinio para o período 2020-2021 e, en paralelo, se traballaría no Plan de Turismo de Festivais, baixo as pautas da sustentabilidade, a mellora continua e a optimización deste produto cultural para a promoción turística como obxectivo irrenunciable.

Deste xeito, dentro deste modelo bianual, a Deputación manterá o orzamento previsto para este ano 2020 tendo en conta o cumprimento dos fitos que serán desenvolvidos baixo catro criterios. O primeiro será a promoción das campañas en base ao valor engadido do elemento diferenciador do festival e do destino a fin de fidelizar ao público visitante. O segundo, as sinerxias entre festival e o emprazamento no que se realiza, coa posta en marcha de campañas de fomento do turismo e comercio local; o terceiro, o turismo no territorio no que se realiza o evento, con campañas de acollida ás persoas visitantes para que descubran experiencias turísticas na localidade. Asemesmo, seguirían presentes as campañas que a Deputación mantiña cos festivais de loita contra as agresións sexuais, de sustentabilidade e protección do medio ambiente.

Finalmente, co obxectivo de facer ver ao público que os RíasBaixasFest volverán, a Deputación propón a celebración este verán de microconcertos nas redes sociais, cun grupo de sona nacional ou internacional; tamén, microconcertos nos meses de setembro e outubro en espazos provinciais con aforo reducido para manter o vínculo coas persoas visitantes; e finalmente, en decembro, a organización dun sorteo de entradas para os concertos de cada festival do próximo ano 2021.

Luís Bará reclama a Xunta “que apoie aos concellos do Miño” e reclame máis pasos para os traballadores transfronteirizos

“Irracional e absurda”. Así cualificou hoxe o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, a situación que están a vivir os concellos do Miño pola existencia dun único paso na fronteira con Portugal que está a crear grandes sobrecustos económicos e de tempo ás traballadoras e traballadores transfronteirizos para acudir aos seus postos.

O nacionalista, que mantivo un encontro virtual co director do AECT Rio Minho Uxñio Benítez, así como coas alcaldesas de Tomiño Sandra González, O Rosal Ánxela Fernández, e As Neves Xosé Manuel Rodríguez, destacou que para o BNG a relación entre Galiza e Portugal é “esencial”. Por iso instou ao Goberno central a tomar medidas inmediatas e á Xunta de Galiza a poñerse á fronte das reivindicacións, apoiando aos concellos para que de xeito inmediato haxa unha apertura de novos pasos fronteirizos que faciliten a mobilidade e eviten que a cidadanía teña que dar rodeos de máis de 100 quilómetros para ir traballar.

Ademais, subliñou que tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria semellante a unha e outra banda do Miño, tamén é aconsellable que se vaia abrindo gradualmente e de forma coordinada entre ambos estados outro tipo de relacións dende o punto de vista económico, comercial e tamén da hostalería. Así mesmo, Bará reclamou que se traballe dun xeito participado na elaboración dun Plan de reactivación de toda a rexión Galiza-Norte de Portugal, un documento que –a xuizo do cabeza de lista- debe liderar a Xunta, xa que o presidente galego é o presidente da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal.

Segundo afirmou Bará, a problemática derivada do peche da fronteira e a existencia dun único paso “pon de relevo o descoñecemento absoluto por parte dos gobernos de Lisboa e de Madrid da situación demográfica, económica e social da zona”. Cualificou, así mesmo, a actuación tanto do goberno central como do galego de “desleixo absoluto” e desinterese por resolver os problemas que hai. “Existe unha desaparición total da Xunta de Galiza, que se desentende da problemática e deixa nas mans dos concellos facer fronte á situación”, criticou.

O nacionalista lembrou que os concellos de ribeira directa co Miño supoñen unha poboación de máis de 150.000 persoas, e subliñou o treito pontevedrés de fronteira, sendo 70 quilómetros dos 1.200 de toda a raia entre España e Portugal, rexistrou o 44% de todo o tránsito entre ambos países durante o estado de alarma. Tendo en conta as cifras previas á pandemia, a cifra incluso é máis alta, xa que o paso de Tui é o que recibe máis vehículos, sendo o cuarto o de Salvaterra e o quinto o de Tomiño, sumando entre eles o 49% dos fluxos.

“Isto ten que ver coas relacións históricas e culturais e sociais que se deron nesta fronteira, que ten unha absoluta continuidade –algunhas Eurocidades pódense considerar un só concello- e un grande dinamismo económico e social, o maior de toda a Unión Europea”, salientou.

Finalmente, destacou que se está a producir unha situación de agravio e discriminación, xa que noutros lugares do Estado Español como Extremadura abríronse novos pasos pola presión política e o peso político da comunidade no goberno central. “Aquí estamos a sufrir un impacto que sobre todo afectando á xente traballadora que ten que engadir elevados custos económicos e de tempo para desprazamentos de moitos quilómetros, co que significa isto para salarios que están moi axustados entre 600 e 700 euros”, destacou, ao tempo que volveu criticar a inacción da Xunta de Galicia.

Os concellos da zona

Pola súa banda o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, destacou que a agrupación transfronteiriza que dirixe leva reclamando solucións dende hai semanas. Indicou que o peche dos pasos é un “escándalo” xa dende o primeiro día, aínda que inicialmente foi comprendido pola gravidade da pandemia. “Agora a situación mudou e é preciso abrir, xa que a indignación medra día a día”.

Pola súa parte, as alcaldesas do Miño fixeron fincapé na problemática que supón a existencia dun só paso para a economía das persoas traballadoras. “Estase a trasladar o custe de poñer unhas patrullas máis na fronteira ás persoas que teñen salarios precarios. Hai un ‘colo de botella’ en Tui, e xente que ten que entrar ás 8 da mañá ten que se erguer ás cinco para chegar a tempo”, destacou a alcaldesa de Tomiño.

A rexedora do Rosal tamén puxo o centro do debate en que a afección ás persoas traballadoras é cada día maior, xa que moitas empresas que antes estaban pechadas están reactivándose e, polo tanto, é maior o fluxo de persoas que debe cruzar a fronteira. “Cada vez custa máis ir a traballar, e hai que pensar que o virus non entende de fronteiras, senón de zonas de afección, e aquí a situación é practicamente a mesma a cada lado da raia”.

Pola súa banda, o alcalde das Neves puxo o foco nas consecuencias non só económicas senón tamén sociais que está deixando o peche de pasos. Destacou que o territorio do Miño vive a súa vida de igual maneira a ambos lados do río porque hai intereses comúns e dependencia mutua.

O Concello de Oia convoca un Pleno extraordinario “con menos quorum” a petición do grupo municipal do PSdeG-PSOE

0

O Concello de Oia celebrará, a petición do grupo municipal socialista, un Pleno Extraordinario que debido á imposibilidade de facerse por medios telemáticos, dos que o Concello carece, farase con “menos quorum” para permitir que concelleiros e conselleiras poidan gardar as distancias de seguridade marcadas pola situación de pandemia da COVID-19. Asi, nesa sesión extraordinaria só estarán 4 representantes do PP, 2 do PSdeG-PSOE e o concelleiro do BNG.

A Orde do Día a conforman tres puntos sendo o primeiro dar conta das actuacións realizadas polo Concello dende a declaración do estado de alarma.

Piden tamén os socialistas a adopción de medidas de carácter económico destinadas “a reducir a carga impositiva dos nosos veciños tendo en conta que os seus ingresos están significativamente mermados”. En concreto propón o PSOE a redución do IBI, da taxa de residuos sólidos urbanos e a de vehículos de tracción mecánica.

Finalmente, piden o reparto de máscaras de protección e luvas entre toda a poboación neste proceso de desescalada “tendo en conta o acopio de material por parte do Concello e as achegas da Deputación de Pontevedra”.

O Concello de Tui lembra que para a instalación de terrazas na vía pública precísase licenza municipal

0

A instalación de mesas e cadeiras cunha terraza na vía publica está suxeita a licenza municipal. Así o lembra o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nun bando emitido nos últimos días, onde se indica que así o recolle o artigo 42 da lei 9/2013 de emprendemento e competitividade de Galicia modificada pola lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Aquelas terrazas que carezan de licenza deberá regularizar a súa situación e en caso contrario procederase a iniciar expediente sancionador.

No bando da alcaldía lémbrase tamén as condicións nas que se permite a apertura das terrazas na actualidade segundo a Orde SND/399/2020, de 9 de maio, co 50 % das mesas permitidas o ano anterior. Débese manter unha distancia de ao menos dous metros entre mesas ou agrupacións de mesas. No caso de que o establecemento obteña o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderán incrementar o número de mesas, respectando a proporción do 50% entre mesas e superficie dispoñible, e levando a cabo un incremento proporcional do espazo peonil no mesmo tramo da vía pública no que se emprace a terraza.

No bando da alcaldía lémbrase tamén a ocupación máxima das mesas e as medidas de hixiene e prevención para a prestación do servizo establecidas na orde na que se permite a reapertura. Cómpre lembrar así a necesidade limpar e desinfectar o equipamento, principalmente mesas e cadeiras e calquera superficie de contacto entre un cliente e outro. Priorizarase o uso das mantelerías dun só uso, poranse a dispor do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos, evitarase o uso común de cartas, eliminaranse produtos de autoservizo, e os elementos coma vaixela, cristalería, cubertería ou mantelería estarán en recintos pechados ou lonxe de zonas de paso. Deberá amais respectarse a distancia de seguridade interpersoal.

Os establecementos que desexen ampliar a superficie de terraza deben tramitar as solicitudes mediante instancia xenérica (cuxo modelo se pode descargar na sede electrónica ou en tui.gal) . Poderá presentarse a través da sede electrónica; de maneira telemática ([email protected]) ou por rexistro de entrada, indicando localización do local, proposta de ampliación e datos de contacto dos propietarios ou responsables. A partir dese momento, serán os servizos técnicos os que de forma individualizada estudiarán e resolverán caso a caso, atendendo ás características hostaleiras, urbanísticas e ambientais das instalacións e á súa relación coa contorna.

Cómpre lembrar amais que a corporación municipal acordou ampliar a exención das taxas por ocupación de vía pública ás terrazas a todos os establecementos desde o inicio da declaración do Estado de Alarma e durante o tempo que se manteña esta situación extraordinaria.

A Xunta retíralles ás universidades a proposta de programa voluntario de impulso á “implantación da docencia mixta”

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional retíralles ás universidades a proposta de programa voluntario de impulso á implantación da docencia mixta que lles foi anunciado o pasado 6 de maio aos reitores e ao que deran a súa conformidade. A Secretaría Xeral de Universidades adoptou esta decisión ante a utilización para a confrontación que están a facer determinados colectivos da iniciativa proposta, coa que, no marco da aposta por un ensino público de calidade, unicamente busca potenciar no Sistema Universitario de Galicia (SUG) a docencia semipresencial (coñecida como blended learning), como xa están a facer diversas universidades de todo o mundo.

Para a Xunta, o esforzo feito polas universidades galegas tras a suspensión de clases presenciais para potenciar sistemas de avaliación continua e exames finais en liña podería ser a base para seguir avanzando cara a semipresencialidade en determinados graos, sempre de xeito voluntario tanto para os centros como para o alumnado.

Con este obxectivo, a Consellería de Educación propuxo a creación dun grupo de traballo con representación das propias universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario (ACSUG), de Feuga e do Sergas para facilitarlles aos centros documentos sanitarios e de programación docente. Como punto de partida remitíuselles un borrador de documento coa proposta de accións, para que revisasen e fixesen as correspondentes achegas. Tratábase dun programa voluntario no que as universidades, mediante unha declaración de interese, presentarían os centros interesados en afrontar a implantación o vindeiro curso.

Desde a Secretaría Xeral de Universidades laméntase que o alumnado das universidades públicas galegas perda esta oportunidade de dispoñer de máis graos semipresenciais con docencia innovadora xa o vindeiro curso. Deste xeito, as universidades que desexen transformar algún título de grao á modalidade semipresencial poderán facelo co calendario habitual deste proceso, que remata o 1 de agosto de cada ano, e se implantaría no curso 2021/2022.

O Servizo de Apoio Familiar de Tomiño traballa en rede coas familias para acompañalas no confinamento

0

Desde hai máis de 2 meses, debido á excepcional situación de confinamento no fogar, o Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) traballa en consecuencia para acompañar ás familias en todo o proceso e salvagardar o seu benestar, a través de varias iniciativas.

Debido á suspensión da actividade escolar, mobilizáronse unha serie de recursos destinados a rapaces e rapazas escolarizados no municipio, para que puideran acceder a internet e así seguir os contidos educativos desde os seus fogares, promovendo a igualdade de oportunidades durante esta situación excepcional.

Para este cometido estudouse a realidade de cada alumno ou alumna, caso a caso, seguindo unha serie de criterios, mediante unha labor coordinada con todos os centros educativos do concello, tanto de E. Primaria como de E. Secundaria. Asemade, xestionouse o servizo de conexión a internet, e outros recursos necesarios para poder implementalo.

Así, ao redor de 50 familias foron valoradas, e 30 menores xa disfrutan de acceso a internet no fogar, mentres se continúa dando resposta a novos casos diariamente.

Deseñouse tamén o apartado ‘En Familia’ dentro da páxina web municipal (tomino.gal), onde se ofrecen recursos para favorecer a convivencia familiar e afrontar de maneira constructiva o confinamento no fogar, a través dunha serie de propostas de actividades e tarefas variadas dirixidas a estudantes de Educación Infantil e Primaria.

Nesta iniciativa tamén colaboran mestras de centros educativos do propio municipio, coma Quelly Lomba; as profesoras da Escola Municipal de Teatro municipal, e o centro Lingoreta, entre outros.

O programa​ ‘Medrando En Familia’, pola súa parte, segue preto das familias dando apoio ás súas demandas de crianza da cativadas (sono, rutinas e outras inquedanzas), creando unha rede de apoio virtual e un espazo de confianza, a través das novas formas de comunicación, como é o WhatsApp.

Desde o Servizo de Educación e Apoio Familiar entenden que “é preciso adaptarse á situación actual, é por iso que estamos traballando en novas propostas e iniciativas para acompañar ás familias e protexer o seu benestar nesta nova normalidade que temos”.

O BNG de Redondela pide que o Pleno exprese o seu rexeitamento ao proxecto do Celta en Mos, en defensa do comercio local

0

O Pleno da Corporación redondelá debatirá, na súa reunión ordinaria, unha moción asinada polo voceiro nacionalista Xoán Carlos González “rexeitando o Macroproxecto Comercial do Celta no veciño concello de Mos, e en defensa do pequeno comercio”. O BNG entende que a proliferación de grandes superficies comerciais na área de influencia da cidade de Vigo, “poden supoñer o peche definitivo de centos de pequenos comercios, e a desaparición de miles de postos de traballo”.

“A grave crise por mor da extensión da epidemia do COVID-19, supuxo a parálise da actividade comercial durante dous meses, situación que se vai a ver agravada no futuro inmediato”, sinala o edil nacionalista que aposta pola adopción de iniciativas que afecten á Área Metropolitana de Vigo, en defensa do comercio local.

Ao entender dos necionalistas redondeláns, o proxecto promocionado polo Celta de Vigo pretende expropiar 183.715 m2 pertencentes ao monte en man común de Tameiga (18,7 % do ámbito) e 145.251 m2 propiedade da CMVMC de Pereiras (14,8 % do ámbito), “terreos que perderían a súa función eminentemente social e ambiental pasando a formar parte du negocio especulativo privado”.

Para o BNG este proxecto constitúe un claro exemplo de “pelotazo urbanístico”, con nefastas consecuencias para o pequeno comercio e de proximidade de Redondela, empregando como subterfuxio unha suposta “necesidade deportiva” para instalar unha grande área comercial. Está prevista a construción de 142 locais comerciais, 12 a restauración e varios “de lecer”.

“No canto de utilizar a planificación urbanística para favorecer a especulación e a desfeita do territorio, débese promover unha ordenación racional e a protección dos usos sociais do monte”, apunta González

O voceiro municipal redondelán denuncia a actitude do Partido Popular e do goberno da Xunta que, dende hai décadas “defende a instalación destas grandes superficies comerciais en competenza desleal co comercio de proximidade”.

Xoán Carlos González pedirá que o Concello demande da Xunta unha moratoria por dez anos, para a instalación destas grandes superficies comercias na área de Vigo. “Dende o BNG apostamos por promocionar o pequeño comercio, o comercio de proximidade, de calidade, xerardor de empregos e riqueza, ademáis de dinamizador da economía local e da vida en concellos como Redondela”.

Nigrán inicia a renovación da rede de abastecemento da rúa Arquitecto Palacios de Panxón

0

O Concello de Nigrán, a través da concesionaria Aqualia, rematará nos vindeiros días as obras para renovar 260 metros da rede de abastecemento da rúa Arquitecto Palacios en Panxón (tramo entre as pistas de tenis de Gaifar e o Pavillón, nesta mesma marxe) e así zanxar definitivamente as constantes avarías na zona coa conseguinte perda de auga. Unha vez rematada esta obra, se procederá a asfaltar o firme.

“Era unha intervención absolutamente necesaria porque pon fin aos constantes problemas de roturas na zona e ás fugas de auga, agradecemos a comprensión e a paciencia dos veciños neste tempo”, indica o alcalde, Juan González.

Paralelamente, Aqualia rematou a semana pasada a renovación de 33 metros da rede de colectores de saneamento da rúa Areosa (Praia América) que tamén rebasaran a súa vida útil provocándose constantes avarías.

Salceda reabre o seu mercadiño dos mércores

O Concello de Salceda de Caselas vén de anunciar a reanudación do mercado semanal dos mércores a partires deste mércores 27 de maio, máis de dous meses despois da súa suspensión por mor do decreto de estado de alarma. Esta reapertura é, para a concelleira de Comercio, Verónica Tourón, “un pasiño máis na reactivación da economía local”.

Nesta primeira fase volven os postos do sector agroalimentario, 15 no caso de Salceda de Caselas, o que supón algo menos do 25% dos postos totais do mercado. O sector téxtil terá que agardar polo de agora a que as novas normas permitan o seu retorno con tódalas garantías sanitarias. Trátase, di Tourón, de “cumprir as normas e garantindo a seguridade tanto para o sector ambulante como para a propia clientela”.

O Concello ten coordinado coa policía local o dispositivo de funcionamento do mercado a partires deste mércores, coa colocación de vallas e encintando que delimiten a zona de paso da clientela, asi como coa colocación de cartelería ao longo de todo espazo, na que se recollerán as normas a cumplir polas persoas que acudan a facer as súas compras. A policía local velará polo cumprimento do aforo nestes postos, tal como se ven realizando xa nos últimos dous meses na praza de abastos.

Lembran dende o Concello a obrigatoriedade de asistir con máscaras protectoras a realizar as compras, así como de gardar as distancias e cumprir coas instrucións que vaia indicando a propia policía local, que neste caso contará co apoio de protección civil.

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeia asegurou que se irán “dando pasos na reactivación dos moitos servizos municipais sempre que se poidan cumprir os protocolos, que resultan complexos e moi custosos”. Dende o comezo, asegura a rexedora local, “apostamos pola nosa Praza de Abastos, e agora sumamos a activación do mercado semanal”.

Ultimas semanas para participar no concurso/sorteo ‘Eu Creo Na Casa’, campaña de apoio ao comercio local de Ponteareas

O Concello de Ponteaeras mantén aberta a oportunidade de participar no concurso ‘Eu Creo Na Casa’, organizado pola Concellería de Promoción Económica e que ten como finalidade descubrir a potencialidade creativa realizada nas vivendas de todas e todos os ponteareáns durante o estado de alarma, por mor da Covid-19. Esa creatividade será premiada a través so sorteo de 440 vales de compra de 20 € cadanseu e 24 premios extraordinarios de 50 €, que despois deberán gastar no comercio e hostalería locais.

A campaña, que se desenvolve baixo o hashtag #FaiPonteConNós, ten como obxectivo axudar ao tecido económico do concello que está a sufrir os efectos da pandemia. Agora máis que nunca, di a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil “é preciso mercar e consumir no pequeno comercio local para que poidan saír adiante”.

Establécense 12 categorías de participación con diferentes persoas gañadoras en cada unha delas. O concurso estará dotado cun total de 10.000 € a investir en todos os comercios do municipio e sector da hostalería e restauración local obrigados a pechar ou que mermaron a súa actividade comercial.

Ata o momento presentáronse máis de 160 creacións por parte da veciñanza, e as categorías con maior participación son a de fotografía dende a casa, artes plásticas, poesía oral e escrita e cociña e receitas, polo que aínda quedan moitos vales por obter. A Concellería lembra que non é preciso ser un experto ou experta en redes sociais nin en vídeo, xa que tamén se pode optar aos vales a través de categorías nas que a veciñanza pode participar con textos, fotografías e debuxos.

bases do consurso e sorteos poden consultarse na páxina web do concello www.ponteareas.gal e nas redes sociais da Concellería de Promoción Económica.

Arbo licita a obra de mellora do camiño de Esmoriz ao abeiro do Plan Concellos da Deputación

0

O Concello de Arbo, ten concedida unha subvención do Plan Concellos da Deputación para a realización da obra ‘Mellora e ampliación Camiño de Esmoriz, Arbo (Pontevedra), co financiamento do 100% do investimento que se orzamenta no importe de 123.544,75 €.

Dada a ampla superficie do concello e o gran número de estradas existentes, “a tarefa de mantelas todas en perfecto estado é complicado, sendo necesaria proxectos de pavimentación que rexeneren completamente a rodadura en ditas estradas e que melloren a seguridade viaria coa optimización do trazado”, sinala o Concello de Arbo.

O alcalde Horacio Gil, chama a atención sobre a importancia que a mellora de infraestruturas ten á hora “non só de permitir acceso a distintas localidades do municipio, senón taméncontribuír a evitar a despoboación e fomentar a actividade económica”.

Con este novo investimento na mellora de camiños rurais, o Concello da resposta ás peticións de agricultores e veciños e veciñas da zona. Horacio Gil engade que as obras acométense “por mor do mal estado do camiño de Esmoriz e tamén se pretende a mellora das infraestruturas vinculadas ao servizo de abastecemento e saneamento municipal, co fin de dar un mellor servizo aos seus habitantes, e así prevese a implantación da rede de saneamento que non existe en dito camiño”.

‘É Tui’ pon ao comercio local a un clic do consumidor

0

‘É Tui’ é o nome da plataforma comercial en liña que lanza o Concello de Tui para apoiar ao tecido comercial local. Trátase dunha plataforma moi visual, de imaxe atractiva, doado uso e identidade propia que marcará a diferencia do comercio tudense. Incorpora importantes novidades respecto a outras plataformas similares do mercado. Estará accesible en 4 idiomas: galego, castelán, portugués e inglés. Está previsto que comece a funcionar na primeira semana de xuño.

Deste xeito o Concello de Tui, consciente da nova realidade en canto aos novos hábitos de consumo xurdidos a raíz da pandemia da COVID 10, cunha clara aposta polo comercio electrónico e os pagos sen contacto, aposta por esta ferramenta para impulsar e apoiar o comercio local e a senda dixital que ten que percorrer. Esta plataforma forma das iniciativas promovidas dende o ámbito municipal e que se darán a coñecer proximamente.

O comercio local estará agora a un clic do consumidor final que poderá comprar e recibir nun mesmo pedido e día no seu domicilio roupa, tecnoloxía, artigos de agasallo, incluso, comida, sempre mercando e apoiando ao comercio local.

A plataforma a disposición do pequeno comercio de Tui permitirá realizar a venda on-line dos seus produtos, a nivel local nun primeiro momento pero permitirá escalar a nivel nacional e sobre todo coa vista posta no mercado portugués

Durante o primeiro ano a plataforma será de uso gratuíto para o comercio local de Tui. O establecemento terá que facerse cargo só do prezo do envío que se estipulará en función das características do produto. A partir do primeiro ano terá unha tarifa mínima de mantemento. A loxística estará xestionada por unha empresa local que creará emprego local. Ademais, a plataforma ten tamén impacto no eido social destinándose o 1 % de todas as vendas realizadas a obras de carácter social, con especial incidencia en cubrir as necesidades básicas das persoas e familias máis vulnerables.

A concelleira de Comercio, Ana Núñez, explica que “o consumo de produtos online multiplicouse durante a pandemia e a tendencia é que siga medrando. Por iso o comercio local non pode descoidar esta canle e ten que estar preparado ante un posible rebrote pero sobre todo ante a nova realidade e o futuro a medio prazo”.

Para presentar esta ferramenta ao comercio local mañá martes, ás 20:30 h, realizarase unha reunión co comercio local a través de Zoom. Mañá na web municipal tui.gal estará dispoñible o enlace e o contrasinal para acceder á reunión.

A Deputación pon en marcha ‘Elixe comercio local’ para promocionar o comercio das comarcas e impulsar a súa economía

A aposta polo comercio local cobra neste mes de maio un papel protagonista no marco da acción política da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, enmarcada na campaña de apoio ao comercio máis próximo, ‘Elixe comercio local’ chega esta semana ás comarcas da provincia de Pontevedra, de forma diferenciada, e incidindo nas características de cada territorio mediante creatividades específicas que amosan imaxes representativas de cada unha delas.

Identidade, proximidade, confianza, coñecemento, sustentabilidade e calidade son os eixos nos que se sustenta esta campaña da Deputación que anima á cidadanía non só a apostar polo consumo dos nosos produtos, senón tamén a mercalos directamente nos comercios de cada vila e de cada pobo, amosando a estreita relación entre comercio local e territorio. ‘Elixe comercio local’, que pode verse nas canles institucionais da Deputación e nos medios de comunicación ata o 31 de maio, trátase dunha iniciativa centrada, como anunciou a presidenta provincial Carmela Silva, “nas singularidades e características únicas que diferencian ao comercio local das grandes superficies ou comercio online”.

A campaña céntrase nas características deste tipo de comercio como son o trato amable, a atención personalizada, a cercanía, a capacidade de xerar emprego. Así, a Deputación de Pontevedra anima á poboación e ás viaxeiras e viaxeiros a comprar nos preto de 11.000 pequenos e medianos establecementos de As Rías Baixas (o 36 % dos existentes en Galicia). Deste xeito, ademais de adquirir bos produtos, axudarán a revitalizar a economía do territorio. “O comercio local ofrécenos todo o que necesitamos na nosa vida diaria”, expón a presidenta da institución, Carmela Silva, para resaltar que o sector constitúe, ademais, “un elemento de proxección turística con alto potencial para captar visitantes”.

Amais, o comercio local mantén un vínculo profundamente arraigado coa veciñanza da provincia. As vendedoras e vendedores prestan unha atención de calidade, mentres que favorece unha economía sostible e contribúe a reforzar o sentimento colectivo. Así mesmo, contribúe a proxectar o territorio de fronte ao turismo de compras e a aquelas viaxeiras e viaxeiros que buscan unha experiencia auténtica, amable, de trato próximo, que capte a idiosincrasia do destino turístico

A Deputación de Pontevedra tamén fai con esta campaña un chamamento á responsabilidade da poboación para que apoie ao comercio local nun momento tan complexo. A institución apela á pertenza á comunidade e ao compromiso de axudar entre todas e todos a saír desta situación.

O 1 de xuño ábrese o prazo para solicitar plaza na Escola Infantil Municipal de Ponteareas

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, deu conta hoxe que na páxina web do Concello xa están a disposición das familias intereadas os impresos para solicitar praza na escola infantil municipal. O prazo abriráse o día 1 de xuño e rematará o 15 do mesmo mes.

Poden solicitar praza toda aquelas familias con fillos e fillas con idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos.

Por ser unha escola de integración, pódese solicitar praza para nenas e nenos con discapacidade física, psíquica e sensorial. Neste suposto, poderase, logo da valoración técnica, prorrogar a permanencia destas nenas/os un ano máis, fóra dos límites da idade.

Os impresos de solicitude deberanse cubrir preferiblemente por vía telemática na páxina web do Concello de Ponteareas https://ponteareas.gal ou clikando directamente na seguinte ligazón.

Tamén se poderán recoller na Escola Infantil Municipal, das 9 h ás 14 horas, mediante cita previa telefónica no número: 673 794 789. Neste mesmo número poderanse realizar consultas telefónicas durante o horario anteriormente sinalado.

O Porriño entra na Fase 2 cun pórtico de control na Casa do Concello e a reincorporación do persoal municipal

A entrada en vigor da denominada Fase 2 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, estrouse hoxe no Porriño cun portico de control de temperatura e medidas de hixiene de obrigada utilización para todas as persoas que accedan ao interior do edificio consistorial.

Persoal municipal encárgase de controlar o acceso ás instalacións que debn ser baixo o sistema de cita previa sempre que, as xestións a realizar, non se poidan resolver por teléfono ou vía telemática que segue a ser o recomendable.

Para solicitar atención personalizada perante cita previa, compre que se teñan en conta os seguintes teléfonos:

  • 986 334621 para pedir cita en Servizos Sociais
  • 986 330 861 Unidade de atención a drogodependentes
  • 620 40 40 40 Policía Local
  • 986 335 000 centraliña para todos os demáis servizos.

Tamén hoxe reincorporouse a maior parte do cadro de persoal agás o persoal pertencente aos colectivos considerados de risco ou vulnerables e aqueles outros que están acollidos a algun dos supostos de conciliación familiar.

O Rosal incorpora 10 novas contratacións ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación

0

O Concello do Rosal acaba de incorporar aos 10 novos traballadores e traballadoras contratados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2020 ao abeiro da liña 3 destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.

Estes dez persoas foron as que obtiveron as puntuacións máis altas na baremación de méritos e nas probas prácticas realizadas despois da reanudación do proceso selectivo tras a suspensión de todos os procedementos nas Administracións públicas por mor da crise sanitaria.

Estes novos empregados e empregadas terán contrato a xornada completa por tempo que oscilará entre os seis e os nove meses, dependendo do posto ocupado.

Deste xeito, dende o día 1 de xuño, o Concello do Rosal conta con tres novos oficiais albaneis para a revalorización de espazos públicos, un novo oficial electricista e un novo condutor para a brigada de vías e obras. Ademais incorpóranse unha nova auxiliar de axuda no fogar e catro persoas para os postos de peóns de limpeza viaria e de recollida de lixo.

Dende o Concello quérese trasladar o agradecemento a todo o persoal técnico que se encargou de realizar as probas deste proceso selectivo.

A execución de proxectos vencedores OPT da Eurocidade Cerveira-Tomiño pasa ao 2021 e cancélase a edición deste ano

0

Ante o actual contexto de pandemia Covid-19, o Comité de Xestión Estratéxica (CXE) da Eurocidade Cerveira-Tomiño decidiu, esta semana, cancelar a próxima edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) Cerveira-Tomiño, e prorrogar para 2021 a execución dos proxectos vencedores do ano pasado. Durante a reunión, que decorreu por videoconferência, decidiuse tamén non celebrar eventos coma o Triatlon da Amizade ou o Festival Infantil Aventura na Terra da Amizade, ao non darse as condicións administrativas e de seguridade para a saúde necesarias.

Tras a decisión do CXE, foron contactadas as entidades que presentaron os proxectos vencedores á IV edición do OPT Cerveira-Tomiño, coa intención de informar e de revisar os procedementos para que a execución aconteza en 2021. Lembran que as poboacións de Cerveira e Tomiño elixiron dous proxectos que apostan polo concepto de vida saudábel. En primeiro lugar, As Rutas Miño/Roteiros Miño, presentado polo Club Celtas do Miño (Vila Nova de Cerveira) e por Carlos Xabier Oliveira Ortega (Tomiño), e cuxo obxectivo principal é dar a coñecer a paisaxe, cultura, patrimonio e ambiente a través de camiñadas interpretativas e conversas na natureza entre os dous concellos.

En segundo lugar, o proxecto Pensar o corpo, mover a mente, que ten como propósito incentivar as poboacións a practicar deporte, valorizando a saúde física e mental a través de experiencias saudábeis, nunha colaboración entre o Citius Fit (Vila Nova de Cerveira) e a Asociación Sociocultural Senraia (Tomiño).

Presentado no inicio deste ano, o Plano de Actividades da Eurocidade Cerveira-Tomiño para 2020, primaba a dinamización da economía local, a potenciación da participación pública, a melloría no acceso aos servizos partillados e a organización de eventos conxuntos, a través da concreción de proxectos que promoven o denvolvemento das poboacións fronteirizas.

A incerteza xerada por esta crise sanitaria mundial leva os municipios veciños a reorientar a dinámica delineada para 2020 no formato previsto, manténdose os contactos online entre os alcaldes, os equipos técnicos e as provedoras transfronteirizas para avaliar a posibilidade dunha aposta pola vertente virtual, así como a situación actual e futura no contexto da Eurocidade Cerveira-Tomiño.

A Guarda lanza unha plataforma para impulsar e dinamizar a venda online do comercio local

0

O Concello da Guarda vén de poñer en marcha a plataforma mercanaguarda.com, unha iniciativa coa que o Goberno que preside Antonio Lomba, busca favorecer a reactivación do municipio. Mercanaguarda pretende funcionar como un gran mercado virtual onde estean representados aqueles comercios, negocios de restauración, postos do mercado municipal e incluso autónomos/as ou empresarios/as do sector primario da localidade que desexen vender os seus produtos de forma online, non só a nivel local senón tamén no resto de España e Portugal.

Ante o peche dos comercios físicos durante o confinamento, gran parte das empresas que ofrecían servizos e produtos tiveron que moverse ao entorno online, o que lles permitiu, grazas á tecnoloxía, seguir xerando ingresos e mantendo así activo o fluxo da actividade comercial.

Concretamente na Guarda e durante a situación de confinamento, o volume de paquetes que as empresas de transporte levaban aos fogares guardeses experimentaba un aumento de máis alá do dobre con respecto ao habitual, poñendo de manifesto que unha importante parte dese gasto non se quedaría no municipio.

A imposibilidade de mercar de xeito presencial, poder utilizar o carriño da compra a través dun clic converteuse nunha opción globalmente aceptada polos consumidores, provocando incluso que se producira un aumento da media de idade dos compradores e de que moitas persoas que nunca antes fixeran unha compra online probaran a facelo por primeira vez.

As análises sobre comercio electrónico estiman que o precipitado crecemento do e-commerce non decrecerá aínda que se supere a crise do COVID, senón que seguirá afianzándose aínda máis nos próximos meses e anos. Por iso o Goberno local guardés considera “necesario” que os negocios do municipio “sexan quen de dar resposta ás demandas da clientela neste sentido e de adaptarse ás novas tendencias do mercado”.

Por todas estas razóns nace www.mercanaguarda.com, un marketplace ou plataforma de venda online que poderá ser utilizada por todos os negocios da localidade que vendan produtos ou servizos. Esta plataforma está deseñada para que tanto compradores como vendedores podan manexala con facilidade.

A diferencia doutras plataformas similares, Mercanaguarda non cobrará comisións por vendas aos negocios, agás as comisións propias da pasarela de pago (xerais para calquera tipo de negocio online), e non existirá límite no número de produtos que cada un dos vendedores poda ofertar. Tampouco existe limitación en canto ao número de negocios que se poden adherir, sempre e cando sexan negocios con sede na localidade.

Os pagos realizaranse a través dunha pasarela de pago e cada negocio deberá ter unha conta propia de Paypal para xestionar os cobros dos pedidos. Cada establecemento contará con varias opcións de envío dispoñibles –mensaxería, recollida en tenda ou levando eles mesmos a compra ao domicilio do cliente–.

En canto á parte económica comentar que o Concello encargouse de asumir o custo da posta en marcha e levará a cabo labores de difusión da plataforma a través de canles propias, así como cobertura dos gastos iniciais de marketing e posicionamento. Iranse estudiando as necesidades da plataforma pero preténdese que a mesma funcione de forma autoxestionada e sen necesidade da intervención do Concello.

Os vendedores terán que abonar unha única cota inicial de 20 € no momento da formalización da alta e que lles dará acceso ao uso da plataforma durante o primeiro ano, e de 30 €/ano durante os posteriores. Estas cotas serán facturadas pola empresa que deseñou a plataforma e cubrirán os gastos da formación inicial na que se amosará aos vendedores como deben utilizar a plataforma, así como os gastos de mantemento da mesma. Considerando que a creación dunha tenda online rondaría dos 800 € aos 1.500 €, e que tamén implicaría gastos de mantemento anual, o Concello considera “que esta ferramenta pode dar similares oportunidades aos negocios locais pero a un custo simbólico”.

As persoas que desexen adherir os seus negocios á plataforma deberán facelo directamente premendo na pestana ‘Vendedores‘ do menú e a continuación ‘Rexístrate aquí‘ ou a través do icono de “Mi cuenta”. Unha vez recollidos uns primeiros datos recibirán no seu correo electrónico a información para continuar co proceso de alta e no que se convocará a unha sesión de formación inicial para o uso da plataforma.

Calquera dúbida poderá ser enviada a través do mail [email protected]

O Concello da Guarda espera que esta iniciativa teña boa acollida entre os negocios locais “e poida servir como unha vía máis para aumentar as vendas do noso tecido comercial e hostaleiro”.

O PP de Ponteareas esixe que o Concello ordee limpar as parcelas cheas de entullos ás empresas adxudicatarias de obra municipal

O Grupo Municipal do PP vén de solicitar ao Concello de Ponteareas que se proceda a desescombrar “canto antes” distintas parcelas do municipio nas que se acumulan entullos de obras municipais. Estes “vertedoiros improvisados” sinala a portavoz popular Belén Villar, “están a xerar malestar entre a veciñanza e pode derivar en problemas de insalubridade”.

O pide o desescombro da parcela situada na Avenida Castelao que, amais do “prexuízo para a saúde”, apunta Villar, “dificulta aínda máis o problema de aparcadoiro existente no centro do municipio, en concreto nesta zona”.

Chaman tamén a atención da parcela situada na parroquia de Fontenla, próxima ao Cemiterio Municipal de Ponteareas, “na que o entullo xa supera varios metros de altura e está a xerar malestar veciñal, xa que esa zona era utilizada como un ‘parque forestal’ como área de xogo e esparexemento”.

Os populares, “alertados por un grupo de veciños” aseguran ter comprobado como nas zonas sinaladas deposítanse pedras, terra, restos de formigón, algún plástico e mesmo grandes recortes de asfalto, “que segundo a lexislación vixente de residuos tanto estatal como autonómica, no caso destes últimos, ten que realizarse a provisión destes materiais coa correspondente autorización ambiental por tratarse dun residuo perigoso”.

Pide polo tanto o PP que “se proceda inmediatamente á limpeza destas zonas e que se cumpra a lei en materia ambiental”.

A Deputación prepara o regreso do alumnado do Erasmus + Practicum Depo

A Deputación de Pontevedra está a organizar o regreso a España do alumnado do programa Erasmus + Practicum Depo ante o remate das mobilidades que comezaron a principios de xaneiro, consistentes en prácticas preprofesionais durante estes meses en países da Unión Europea. Deste xeito, o 31 de maio regresa xa o primeiro dos grupos, con alumnas e alumnos procedentes de Italia, Portugal e Irlanda, e o seguinte grupo a partir do 4 de xuño. Coa finalidade de garantir a seguridade do alumnado ao longo de todo o proceso de regreso, a Deputación ten xa confirmados os voos e medios de transporte para a volta do primeiro grupo. Ademais, durante o proceso de regreso, a institución provincial vai realizar un seguimento individualizado de cada persoa e itinerario ata a chegada aos seus domicilios na provincia.

No marco do mesmo programa, e co obxectivo de permitir que o alumnado poida completar a súa mobilidade e reiniciar a actividade, parada con motivo do estalido da crise sanitaria, o goberno de Carmela Silva vén de aprobar novos recursos, por valor de preto de 20.000 €, para que catro alumnas e alumnos rematen o programa en Portugal, Malta e Irlanda e completen a súa formación. Neste eido, a actividade está previsto que se reinicie entre o 5 e o 23 de xuño e que as alumnas e alumnos continúen formándose nestes países ata setembro e outubro.

Durante a crise sanitaria a Deputación estivo a coordinar co Goberno de España a repatriación voluntaria do alumnado que estaba en cidades europeas e que solicitou a volta pola crise do Covid19. En total, das 35 alumnas e alumnos que estaban a participar no programa Erasmus+ Practicum Depo, 12 decidiron retornar á provincia de Pontevedra e 23 continuar a completar a súa formación en Italia, Portugal, Malta, Finlandia e Irlanda. Neste caso, a institución provincial mantivo xunto co SEPIE, Servizo Español para a Internacionalización da Educación, contacto diario con cada unha das alumnos e alumnos desprazados, realizando un seguimento persoal e dotándoos de información sobre a evolución da pandemia.

Nigrán permite o acceso as súas prias ao baño “sempre que se cumpra cos requirimentos de seguridade”

0

O Concello de Nigrán, coincidindo coa fase 2 da desescalada, permitirá o acceso aos seus areais este luns 25 de maio sempre que se cumpran os requerimentos sanitarios esixidos, tal e como especificará en diferentes lonas informativas a pé de praia.

“Estamos todavía en maio e sabemos que non haberá ningún problema de aglomeracións nesta data, sen embargo, facemos un chamamento á responsabilidade individual para que cumpran cos requerimentos establecidos”, indica o alcalde, Juan González, quen insiste en que desde o Concello de Nigrán non se ten pechado ningún plan específico para xullo e agosto. “Non se pode prever agora que medidas se establecerán en pleno verán, estaremos atentos a todas as indicacións sanitarias para adaptarnos ao que sexa preciso nese intre, non ten sentido adiantar nada agora, polo momento repetimos o noso lema: Paciencia, Cariño e Calma”, incide González, quen de entrada rexeita ideas como parcelar o areal ou controlar accesos mediante aplicacións.

“O ano pasado conseguimos que Praia América amencese sen nada de lixo da noite de San Xoan grazas a unha campaña que lanzamos, foi algo insólito no que poucos confiaban e que funcionou de marabilla, estamos seguros de que medidas dese tipo nos van a axudar á que nas nosas praias se manteñan os protocolos sanitarios, por experiencia, cremos na concienciación máis que na prohibición”.

Os requerimentos nos que se incidirá na campaña do Concello de cara a Fase 2 da desescalada nas praias son:

  • Non se permite acceder á praia con Covid-19 ou calquera síntoma compatible co mesmo ou situación de illamento preventivo.
  • Distancia de seguridade mínima de 2 metros.
  • Obxectos persoais e toallas deben permanecer no perímetro de seguridade dos dous metros establecidos, evitando contactos co resto de usuarios.
  • Non está permitido empregar as duchas, fontes, nin lavapés
  • Manter os códigos hixiénicos establecidos: tusir no cóbado ou nun pano de tirar e realizar unha hixiene de mans periódica.
  • O número máximo de persoas nun mesmo grupo será o que determine o BOE en cada fase

Arbo presenta un plan de reactivación para o turismo, comercio local e empresas fronte aos efectos da COVID-19

0

O Concello de Arbo estuda medidas de reactivación para o sector turístico, comercio local e empresarial de Arbo, a través dun plan de reactivación deseñado polo Goberno municipal. O alcalde, Horacio Gil, reuniuse con representantes dos distintos sectores, para presentar o Plan e abordar medidas de reactivación ante a crise sanitaria e social polo coronavirus, así como para recoller as propostas e demandas de todos os sectores de Arbo.

Nos encontros, que se manteñen dende que esta permitido as reunións para grupos de dez persoas, levan participando ata o momento, as empresas do parque empresarias, empresas de construción, cafeterías, bares e restaurantes, turismo activo, casas e vivendas de turismo rural, adegas, pequenos comercios. E seguiranse realizando nas vindeiras semanas.

O alcalde avanzou que o Concello de Arbo, esta traballando “nun plan que dea resposta e que porá en foco o comercio local, as empresas de turismo e todos os sectores afectados e a súa reactivación virá marcada sempre seguindo as recomendacións do Goberno de España, a Xunta de Galicia e as autoridades sanitarias”.

O Documento presentado é un documento aberto ás suxerencias do sector e pretende servir de base para unha proposta final consensuada con todas as partes – informa o alcalde Horacio Gil

“O Plan é un documento onde todos os sectores poida achegar as súas ideas e as súas necesidades, para que entre todos saquemos á frote de novo os sectores máis prexudicado pola pandemia do Covid 19”, apunta o rexedor loca, quen asegura “que estamos nun futuro incerto, donde todo dependerá sempre das medidas que os gobernos tomen tras a crise sanitaria e de posibles rebrotes do virus en distintas partes e do comportamento da poboación en xeral”, pero “queremos escoitar a voz dos nosos sectores e coñecer a súas necesidades nestes momentos tan difíciles e ir da man para facer fronte a crise”, explica Horacio Gil.

Morre un motorista logo de chocar a súa motocicleta cun coche no Rosal

0

Unha persoa perdeu a vida logo de que a moto que conducía colisionase cun vehículo na estrada PO-552, Baiona-A Guarda, no termo municipal do Rosal.

Os feitos aconteceron pasadas as sete e media da tarde do sábado, no punto quilométrico 40, cando varios veciños chamaron ao 112 Galicia para dar conta dunha colisión entre un turismo e unha motocicleta na que viaxaba unha soa persoa.

O Servizo do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) 112 Galicia pediu a colaboración dos membros do GES da Guarda, dos voluntarios de Protección Civil da localidade e dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, quen, debido á gravidade das lesións, mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Os efectivos da Garda Civil de Tráfico procederon a restrinxir e regular a circulación para garantir a seguridade dos efectivos de emerxencias sanitarias que, pese aos esforzos por salvar a vida do motorista, só puideron confirmar o seu falecemento.

Tamén foron informados os Bombeiros do Porriño, aínda que, finalmente, non foi necesaria a súa intervención.

A feliz recuperación de ‘Pipa’ e ‘Comba’, dúas cadelas operadas de urxencia no CAAN

Pipa e Comba entraron no Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra en estado grave tras ser atopadas en difíciles circunstancias e con lesións polas que tiveron que ser sometidas a operacións cirúrxicas de urxencia no propio CAAN. Pero hoxe, ‘Pipa’ e ‘Comba’ están xa plenamente recuperadas e agardan agora a súa adopción para poñer un final feliz á súa historia.

A primeira delas, ‘Pipa‘, é unha cadeliña que foi recollida en Lalín polo persoal do CAAN tan só un día antes da entrada en vigor do estado de alarma, o 13 de marzo, tralo aviso do Concello. Esta cachorra, que tiña entón só tres meses de idade, presentaba graves lesións consecuencia dun atropelo, en concreto unha fractura con desprazamento do fémur esquerdo e fractura sen desprazamento do cúbito e o radio esquerdo. Da primeira destas lesións foi operada no centro de Meis por un traumatólogo, mentres que da segunda evolucionou favorablemente sen necesidade de cirurxía. Trala súa recuperación, “Pipa” está lista para ser dada en adopción, algo que se espera para os vindeiros días despois de que se restablecese este servizo trala entrada da provincia na fase 1 da desescalada e que xa haxa interese por darlle un novo fogar.

O caso de ‘Comba‘ foi aínda máis grave. Esta cadela de oito anos de idade fora atopada polo persoal de Conservación de Autoestradas nunha beiravía da Autovía do Salnés en pleno estado de alarma, o 3 de abril. Amais de sarna, presentaba un tumor xa ulcerado nunha das súas patas, na que tamén tiña fractura de cúbito e radio, e anemia. Na cirurxía que lle foi practicada nas instalacións do CAAN houbo que amputarlle esta pata e comprobouse con radiografías que non tiña metástase noutros órganos. Tanto desta operación, como da sarna e a anemia a cadela recuperouse con éxito neste último mes e tamén está lista para saír en adopción.

Hai que lembrar que nesta fase 1 da desescalada, o centro da Deputación implantou o sistema de cita previa para as visitas ás instalacións e para os procesos de adopcións, que xa se iniciaron cunha grande acollida. De feito ata 40 cans e cadelas xa foron adoptadas na última semana As persoas interesadas deben solicitar esta cita previa no teléfono 986 140 360 e, unha vez que se despracen ao recinto da Armenteira, deberán agardar se é preciso a súa quenda no exterior do centro, co obxecto de evitar concentracións. Outras medidas adoptadas polo centro dependente da institución provincial son a atención individualizada a cada visitante, a utilización de luvas e máscaras dentro do recinto e o mantemento das distancias de seguridade.

A Feira de Redondela reabrirá as súas portas o día 6 de xuño “con todas as medidas se seguridade precisas”

0

O vindeiro día 6 de xuño, a Feira de Redondela retomará a súa actividade logo dunha suspensión de case que dous meses provocada pola crise sanitaria da COVID-19 e pola declaración do estado de alarma e volverá a celebrarse, como era habitual, os días 6 e 21 de cada mes.

A alcaldesa Digna Rivas, reuniuse onte coa presidenta da Asociación Galega de Ambulantes Autónomos, Margarita González, e co portavoz de dita asociación, para estudar as condicións de reapertura da feira redondelá.

Trátase, sinalouse tras a reunión, “de establecer as condicións de seguridade sanitaria para esta actividade, medidas novas para unha nova situación á que todos e todas teremos que adaptarnos e que marca esta nova normalidade”.

Segundo as medidas que marca do Goberno para que os concellos poidan retomar a actividade das súas feiras e mercados ao aire libre, os postos terán que contar cun mínimo de 4 metros de distancia entre eles, por cada lado, mentres que a distancia frontal entre posto e posto, deberá contar cun mínimo de 6 metros coa recomendación engadida de non situalos un fronte a outro.

O mercado semanal de Redondela é un elemento dinamizador de primeira orde, explica o Goberno local, “xa que nel conflúen persoas chegadas dende todos os puntos, non só do municipio, senón tamén dos municipios limítrofes, veciñas e veciños que tamén aproveitan para utilizar os servizos do comercio local”.

Todos estes factores fan urxente o reinicio da actividade da Feira, apunta Digna Rivas, “pero para iso é preciso adoptar todas as medidas de seguridade necesarias para salvagardar a saúde tanto das persoas participantes coma das e dos ambulantes”.

Detido un veciño de Redondela por presunta agresión a dous policías locais

0

Axentes da policia local de Redondela procederon a detención dun home de 32 anos de idade despois de que ameazase aos axentes e empurrase e dese un cabezazo a un deles cando pretendían identificalo.

Os feitos aconteceron ao redor das 22:30 horas cando en menos de cinco minutos, a Policía Local recibía 3 chamadas telefónicas que daban conta dunha persoa que “en actitude agresiva” abalanzábase sobre os transeúntes “sen manter a distancia social e sen ningún tipo de protección”.

Segundo as testemuñas consultadas pola Policía Local redondelá, esta persoa chegou incluso a abrazar e golpear coa cabeza a espalda dunha traballadora nun supermercado da vila, dándose posteriormente á fuga.

Os axentes da Policía Local o atopaban pouco despois cando estaba golpeando a porta dunha discoteca. Foi entón cando, cunha actitude desafiante, negouse a ser identificado polos axentes e empurrou a un deles, polo que procederon a súa detención.

Baiona acondiciona as súas praias para o seu “uso normalizado” na Fase 2

0

A posta en marcha esta semana da denominada Fase 2 do Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade, dará unha maior liberdade de movementos á cidadanía e tamén permitirá, entre outras cousas, o baño nas praias.

Con ese motivo, o Concello de Baiona traballa nestes días na limpeza e adecuación dos areais do municipio para que, todos e cada un deles, presenten as condicións de uso que se espera dun destino turístico de excelencia.

Praia de Santa Marta

Amais das labores habituais que se realizan todos os anos chegada esta época nas praias de Santa Marta, A Ladeira, Frades, Cuncheira, Barbeira e Ribeira, nesta última instalaranse sistemas de control de aforo, dado que é unha das que maior afluencia de persoas rexistra debido á sua céntrica situación.

Praia da Cuncheira

A posta a punto das praias do municipio, sinala Carlos Gómez, alcalde de Baiona, cumpre un dobre obxectivo, “por unha banda garante a calidade dos nosos areais como municipio de referencia turística, e por outra, contribúe a que, veciñanza e visitantes, as poidan utilizar con todas as garantías sanitarias posibles”.

En todo caso, o rexedor local segue chamando “á responsabilidade persoal de todos e todas” como a mellor ferramenta “para ir acadando unha normalidade real sen o perigo que supón unha volta atrás”.

Agora Cañiza esixe do alcalde a adopción de medidas urxentes pola COVID-19

0

O voceiro de Agora Cañiza, Alexandre Iglesias, mantivo unha reunión co alcalde da Cañiza, Luís Piña, na que lle presentou un Documento de Propostas para afrontar as consecuencias económicas e sociais xeradas polo COVID-19 no municipio.

Iglesias demanda bonos sociais para familias vulnerables e bonos de 600 euros dirixidos a autónomos e comercios locais. Tamén esixe fraccionamento de tributos, unha páxina web e campañas promocionais que impulsen o comercio local, “bolsas comedor” durante o verán ou prezos máis baixos no ximnasio e na piscina na súa reapertura.

Para poder implementar as medidas, Agora Cañiza pide un Pacto pola Reconstrucción económica e social da Cañiza, formando unha Mesa de Traballo con todos os axentes políticos, económicos e culturais. Para o voceiro municipal vivimos un momento histórico no que “todos debemos estar á altura”. Son “tempos de unidade, responsabilidade e acorodos”.

Na reunión, Iglesias tamén falou da necesidade de cubrir a praza de médico de Valeixe, que leva un ano baleira, e a de pediatra da Cañiza, sen cubrir dende hai tres meses. “Coa COVID-19 aprendemos que é fundamental reforzar os servizos públicos e que a sanidade ten que estar protexida e coidada”, conclúe o voceiro de Agora Cañiza.

Nigrán abre o Rexistro este luns mediante cita previa e a Biblioteca só para préstamos e devolucións

0

O Concello de Nigrán, coincidindo coa fase 2 da desescalada, reabrirá este luns 25 de maio a Biblioteca Municipal de 9:00 a 15:00 sólo para préstamos e devolucións e o Rexistro de momento só mediante cita previa (será así mentres os prazos administrativos continúen suspendidos). As persoas que precisen acudir ao Rexistro deberán solicitar cita no 986 365 000 ou a través do mail [email protected].

O Concello de Nigrán, ante esta apertura, ubicou mamparas nos mostradores de Rexistro e Información, subministro de xel hidroalcohólico e insiste á cidadanía en que será obrigatorio acudir con máscara para garantir a saúde de todos. Deste xeito, o acceso ao Concello limitarase para as persoas que acuden ao Rexistro coa cita previa como medida de seguridade para evitar calquera concentración humana. Todos os demais servizos municipáis continuarán a desenvolverse mediante atención telefónica, tal e como se ven facendo.

Coincidindo co inicio da fase 3 da desescalada o 8 de xuño (se Galicia pasa a esta fase) está previsto que a Biblioteca Municipal abra ao público as súas dependencias cun aforo máis limitado para garantir o distanciamento social. Tamén neste momento está previsto que se retome boa parte da actividade presencial na Casa Consistorial cumprindo sempre coas medidas de seguridade que se indiquen.

Tamara Andrés e Marcos Viso, «Distancias»

Non resulta doado tratar de definir o novo traballo de Tamara Andrés, nesta ocasión en colaboración co ilustrador Marcos Viso. Ela mesma fala dun “artefacto poético” e quizais sexa unha definición bastante acaída a un proxecto no que a imaxe e a palabra interactúan entre si e dialogan no mesmo plano, sen que ningunha delas se supedite á outra. Non falamos polo tanto dun poemario ilustrado, nin tampouco dun álbum de imaxes ao que se lle engada determinado texto, senón da convivencia entre a imaxe e a palabra. O resultado é un xogo visual preñado de lírica e sensibilidade que se estende ao longo do volume e que penetra con facilidade no interior do lector.

Os textos que integran «Distancias» son moi breves, apenas unha presa de ideas espalladas ao longo das páxinas, ás veces integradas dentro das propias ilustracións, ás veces simplemente acompañándoas na viaxe. Entre todas elas compoñen un poema no que a autora nos fala de si mesma e das súas vivencias, das lembranzas da infancia e da súa incidencia no presente do seu eu poético actual, para propoñernos un repaso de cada un de nós, unha revisión das nosas experiencias vitais e das nosas inquedanzas. Falamos, xa que logo, dunha viaxe interior da autora que se estende cara aos lectores implicándoos na mesma non só como meros espectadores, senón como parte esencial do poema.

En canto ás ilustracións, son formas simples con reminiscencias surrealistas, nas que dominan tres cores: a branca do papel, que xoga un rol fundamental no conxunto integrándose coma se fose unha cor máis, a negra e maila vermella. Sen máis adobíos e mesmo con trazos grosos e incompletos, Marcos Viso é quen de reflectir o contido do texto dándolle un pulo case onírico. O feito de que as palabras, en ocasións, pasen a integrarse dentro do propio debuxo, incide na idea expresada máis arriba respecto do perfecto diálogo entre estas dúas linguaxes, tan diferentes e tan complementarias: a palabra e a imaxe.

O formato apaisado e as tapas duras, fan deste volume un proxecto orixinal e transgresor sen que iso signifique unha ruptura violenta. A transgresión tamén pode ser amable sen perder un ápice da súa forza, e neste caso goza desa visión afable e, a un tempo, rompedora.

Tamara Andrés e Marcos Viso

Distancias

Galaxia