Xoves, 16 Xaneiro de 2025

O PSOE de Salceda analiza os logros acadados transcorrido un ano dende as eleccións municipais

A portavoz do Grupo Municipal Socialista e tenenta de alcalde do Concello de Salceda de Caselas, Verónica Tourón, fixo hoxe un detallado análise dos logros acadados transcorrido un ano dende as eleccións municipais, unha cita na que o PSOE superaba en máis de 300 votos os resultados das eleccións de 2015, acadaba un concelleiro máis o que, unido á falta dunha maioría absoluta “permitían formar unha maioría progresista e que o PSdeG-PSOE voltase ao Goberno municipal”.

Segundo Tourón, a chegada ao goberno municipal dos socialistas de Salceda supuxo “a dinamización que precisaba” o Concello de Salceda. A día de hoxe, afirmou Verónica Tourón, “xa se cumpriron moitas das propostas electorais que fixera este grupo, centrándose neste primeiro ano na organización: aprobación dos orzamentos prorrogados, aplicación de medidas económicas, iniciación de expedientes de concurso de servizos, aprobación inicial do regulamento de participación veciñal, regulamento para a concesión de “títulos honoríficos” incluso o regulamento plenario”.

Tourón salientou tamén o establecemento dunha liña de actuación para darlle solución ao problema da biomasa, coa limpeza de espazos e fincas particulares para a prevención de incendios foi outras das iniciativas que acaban de poñerse en funcionamento.

A estas accións de índole regulamentaria, engadiuse a recuperación de edificios municipais como a escola de Vendanova, á que se acondicionou e se lle buscou un fin social en colaboración con AFAGA. A este proxecto únense outros como o acondicionamento da escola de Budiño, o tellado da escola de Picoña, proxectos presentados dentro do plan Concellos da Deputación ou outras administracións e que se porán en marcha nos próximos meses, así como o arranxo de estradas e camiños que se considerou unha necesidade. “Neste eido continuarase priorizando a recuperación do resto de edificios municipais para poñelos a disposición da veciñanza”, afirmou a voceira socialista.

Verónica Tourón valorou tamén, no plano social, a apertura do centro de atención temperá no Centro Social A Devesa e a futura apertura de atención psicolóxica, xunto cun programa integrado de emprego con 100 persoas, “poñen a Salceda na vangarda dos concellos no que a servizos municipais se refire. Os socialistas queremos unha Salceda de primeira con todos os servicios”, afirmou Verónica Tourón.