11.1 C
Pontevedra
Venres, 1 de Decembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal pon en marcha un programa formativo para a transformación dixital...

    O Rosal pon en marcha un programa formativo para a transformación dixital do comercio local

    A iniciativa está dirixida ao comercio de proximidade para darlle ferramentas coas que mellorar, innovar e reaccionar ante unha realidade cambiante

    Bota a andar o programa formativo para a transformación estratéxica e dixital do comercio local do Rosal, unha iniciativa posta en marcha polo Concello co obxectivo de dar ferramentas ao pequeno comercio para axudalo a innovar e adaptarse a unha realidade cambiante.

    O programa, totalmente online e de balde, arrancará este xoves 28 co seu primeiro obradoiro virtual, centrado nas claves do comercio na era post-COVID, analizando a situación e comportamento do comercio e dos consumidores durante a crise sanitaria e os posibles escenarios e perfís da clientela ante a nova realidade.

    Programa

    A primeira fase do programa formativo continuará o vindeiro luns 1 de xuño cun obradoiro sobre o espazo comercial e tendencias de consumo. A partir de aí o contido centrarase na dixitalización a través da xestión de redes sociais e de vendas online con seminarios interactivos sobre como destacar en Google (mércores 3 de xuño), o uso de whatsapp no comercioi (luns 8), a publicidade en redes sociais (mércores 10) e por onde empezar na venda online (luns 15).

    “Queremos apoiar ao comercio de proximidade e axudalos a que se reinventen e a que sexan capaces de reaccionar ante unha realidade cada día máis cambiante. Para nós é prioritario darlle ferramentas sinxelas e efectivas coas que poidan chegar á clientela de diferentes xeitos e coas que poidan poñer en marcha novas estratexias de venda”, salienta Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal.

    O plan de formación continuará cunha segunda fase dirixida a un grupo máis reducido de comerciantes comprometidos e con interese en mellorar que contará co apoio de persoas expertas para reorientar o seu negocio, potenciar as súas fortalezas e buscar solucións para as posibles debilidades cunha estratexia empresarial a medio e longo prazo para aproveitar as oportunidades do mercado e ser máis competitivo.

    Este programa formativo forma parte do plan de reactivación da economía local que está a desenvolver o Concello do Rosal en todos os ámbitos posibles, dirixíndose tamén a todas as administracións competentes para trasladar as necesidades ás que se enfrontan tanto o comercio de proximidade como outros sectores.

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.