Luns, 4 Novembro de 2024

Luís Bará reclama a Xunta “que apoie aos concellos do Miño” e reclame máis pasos para os traballadores transfronteirizos

O cabeza de lista do BNG asegura que a relación con Portugal é “esencial” para Galiza e pide unha apertura inmediata para evitar agravios con outras rexións como Extremadura

“Irracional e absurda”. Así cualificou hoxe o cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, a situación que están a vivir os concellos do Miño pola existencia dun único paso na fronteira con Portugal que está a crear grandes sobrecustos económicos e de tempo ás traballadoras e traballadores transfronteirizos para acudir aos seus postos.

O nacionalista, que mantivo un encontro virtual co director do AECT Rio Minho Uxñio Benítez, así como coas alcaldesas de Tomiño Sandra González, O Rosal Ánxela Fernández, e As Neves Xosé Manuel Rodríguez, destacou que para o BNG a relación entre Galiza e Portugal é “esencial”. Por iso instou ao Goberno central a tomar medidas inmediatas e á Xunta de Galiza a poñerse á fronte das reivindicacións, apoiando aos concellos para que de xeito inmediato haxa unha apertura de novos pasos fronteirizos que faciliten a mobilidade e eviten que a cidadanía teña que dar rodeos de máis de 100 quilómetros para ir traballar.

Ademais, subliñou que tendo en conta a situación epidemiolóxica e sanitaria semellante a unha e outra banda do Miño, tamén é aconsellable que se vaia abrindo gradualmente e de forma coordinada entre ambos estados outro tipo de relacións dende o punto de vista económico, comercial e tamén da hostalería. Así mesmo, Bará reclamou que se traballe dun xeito participado na elaboración dun Plan de reactivación de toda a rexión Galiza-Norte de Portugal, un documento que –a xuizo do cabeza de lista- debe liderar a Xunta, xa que o presidente galego é o presidente da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal.

Segundo afirmou Bará, a problemática derivada do peche da fronteira e a existencia dun único paso “pon de relevo o descoñecemento absoluto por parte dos gobernos de Lisboa e de Madrid da situación demográfica, económica e social da zona”. Cualificou, así mesmo, a actuación tanto do goberno central como do galego de “desleixo absoluto” e desinterese por resolver os problemas que hai. “Existe unha desaparición total da Xunta de Galiza, que se desentende da problemática e deixa nas mans dos concellos facer fronte á situación”, criticou.

O nacionalista lembrou que os concellos de ribeira directa co Miño supoñen unha poboación de máis de 150.000 persoas, e subliñou o treito pontevedrés de fronteira, sendo 70 quilómetros dos 1.200 de toda a raia entre España e Portugal, rexistrou o 44% de todo o tránsito entre ambos países durante o estado de alarma. Tendo en conta as cifras previas á pandemia, a cifra incluso é máis alta, xa que o paso de Tui é o que recibe máis vehículos, sendo o cuarto o de Salvaterra e o quinto o de Tomiño, sumando entre eles o 49% dos fluxos.

“Isto ten que ver coas relacións históricas e culturais e sociais que se deron nesta fronteira, que ten unha absoluta continuidade –algunhas Eurocidades pódense considerar un só concello- e un grande dinamismo económico e social, o maior de toda a Unión Europea”, salientou.

Finalmente, destacou que se está a producir unha situación de agravio e discriminación, xa que noutros lugares do Estado Español como Extremadura abríronse novos pasos pola presión política e o peso político da comunidade no goberno central. “Aquí estamos a sufrir un impacto que sobre todo afectando á xente traballadora que ten que engadir elevados custos económicos e de tempo para desprazamentos de moitos quilómetros, co que significa isto para salarios que están moi axustados entre 600 e 700 euros”, destacou, ao tempo que volveu criticar a inacción da Xunta de Galicia.

Os concellos da zona

Pola súa banda o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, destacou que a agrupación transfronteiriza que dirixe leva reclamando solucións dende hai semanas. Indicou que o peche dos pasos é un “escándalo” xa dende o primeiro día, aínda que inicialmente foi comprendido pola gravidade da pandemia. “Agora a situación mudou e é preciso abrir, xa que a indignación medra día a día”.

Pola súa parte, as alcaldesas do Miño fixeron fincapé na problemática que supón a existencia dun só paso para a economía das persoas traballadoras. “Estase a trasladar o custe de poñer unhas patrullas máis na fronteira ás persoas que teñen salarios precarios. Hai un ‘colo de botella’ en Tui, e xente que ten que entrar ás 8 da mañá ten que se erguer ás cinco para chegar a tempo”, destacou a alcaldesa de Tomiño.

A rexedora do Rosal tamén puxo o centro do debate en que a afección ás persoas traballadoras é cada día maior, xa que moitas empresas que antes estaban pechadas están reactivándose e, polo tanto, é maior o fluxo de persoas que debe cruzar a fronteira. “Cada vez custa máis ir a traballar, e hai que pensar que o virus non entende de fronteiras, senón de zonas de afección, e aquí a situación é practicamente a mesma a cada lado da raia”.

Pola súa banda, o alcalde das Neves puxo o foco nas consecuencias non só económicas senón tamén sociais que está deixando o peche de pasos. Destacou que o territorio do Miño vive a súa vida de igual maneira a ambos lados do río porque hai intereses comúns e dependencia mutua.