11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación prepara o regreso do alumnado do Erasmus + Practicum Depo

    A Deputación prepara o regreso do alumnado do Erasmus + Practicum Depo

    O 31 de maio remata o primeiro grupo tras concluír as súas prácticas preprofesionais en Italia, Portugal e Irlanda. A partir do 4 de xuño regresa o seguinte

    A Deputación de Pontevedra está a organizar o regreso a España do alumnado do programa Erasmus + Practicum Depo ante o remate das mobilidades que comezaron a principios de xaneiro, consistentes en prácticas preprofesionais durante estes meses en países da Unión Europea. Deste xeito, o 31 de maio regresa xa o primeiro dos grupos, con alumnas e alumnos procedentes de Italia, Portugal e Irlanda, e o seguinte grupo a partir do 4 de xuño. Coa finalidade de garantir a seguridade do alumnado ao longo de todo o proceso de regreso, a Deputación ten xa confirmados os voos e medios de transporte para a volta do primeiro grupo. Ademais, durante o proceso de regreso, a institución provincial vai realizar un seguimento individualizado de cada persoa e itinerario ata a chegada aos seus domicilios na provincia.

    No marco do mesmo programa, e co obxectivo de permitir que o alumnado poida completar a súa mobilidade e reiniciar a actividade, parada con motivo do estalido da crise sanitaria, o goberno de Carmela Silva vén de aprobar novos recursos, por valor de preto de 20.000 €, para que catro alumnas e alumnos rematen o programa en Portugal, Malta e Irlanda e completen a súa formación. Neste eido, a actividade está previsto que se reinicie entre o 5 e o 23 de xuño e que as alumnas e alumnos continúen formándose nestes países ata setembro e outubro.

    Durante a crise sanitaria a Deputación estivo a coordinar co Goberno de España a repatriación voluntaria do alumnado que estaba en cidades europeas e que solicitou a volta pola crise do Covid19. En total, das 35 alumnas e alumnos que estaban a participar no programa Erasmus+ Practicum Depo, 12 decidiron retornar á provincia de Pontevedra e 23 continuar a completar a súa formación en Italia, Portugal, Malta, Finlandia e Irlanda. Neste caso, a institución provincial mantivo xunto co SEPIE, Servizo Español para a Internacionalización da Educación, contacto diario con cada unha das alumnos e alumnos desprazados, realizando un seguimento persoal e dotándoos de información sobre a evolución da pandemia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.