O Concello de Salceda de Caselas vén de anunciar a reanudación do mercado semanal dos mércores a partires deste mércores 27 de maio, máis de dous meses despois da súa suspensión por mor do decreto de estado de alarma. Esta reapertura é, para a concelleira de Comercio, Verónica Tourón, “un pasiño máis na reactivación da economía local”.
Nesta primeira fase volven os postos do sector agroalimentario, 15 no caso de Salceda de Caselas, o que supón algo menos do 25% dos postos totais do mercado. O sector téxtil terá que agardar polo de agora a que as novas normas permitan o seu retorno con tódalas garantías sanitarias. Trátase, di Tourón, de “cumprir as normas e garantindo a seguridade tanto para o sector ambulante como para a propia clientela”.
O Concello ten coordinado coa policía local o dispositivo de funcionamento do mercado a partires deste mércores, coa colocación de vallas e encintando que delimiten a zona de paso da clientela, asi como coa colocación de cartelería ao longo de todo espazo, na que se recollerán as normas a cumplir polas persoas que acudan a facer as súas compras. A policía local velará polo cumprimento do aforo nestes postos, tal como se ven realizando xa nos últimos dous meses na praza de abastos.
Lembran dende o Concello a obrigatoriedade de asistir con máscaras protectoras a realizar as compras, así como de gardar as distancias e cumprir coas instrucións que vaia indicando a propia policía local, que neste caso contará co apoio de protección civil.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeia asegurou que se irán “dando pasos na reactivación dos moitos servizos municipais sempre que se poidan cumprir os protocolos, que resultan complexos e moi custosos”. Dende o comezo, asegura a rexedora local, “apostamos pola nosa Praza de Abastos, e agora sumamos a activación do mercado semanal”.